Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Luns, 11 de agosto de 2003 Páx. 10.492

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 3 de xullo de 2003, da Delegación Provincial da Coruña, de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e declaración de utilidade pública, en concreto, da instalación electrica que se cita. (Expediente IN407A 99/36).

Visto o expediente para outorgamento de autorización administrativa, aprobación do proxecto de

execución e declaración pública, en concreto, da instalación eléctrica que a continuación se detalla:

Solicitante: Unión Fenosa Distribución, S.A.

Enderezo social: avda. de Arteixo, 171 A Coruña.

Denominación: L.M.T., C.T., R.B.T. Libureo.

Situación: Vilarmaior.

Características técnicas: liña eléctrica aérea de media tensión a 15/20 kV, de 721 m de lonxitude, en conductor PAS-50, que parte da L.M.T. Pedrido-central do Eume e final no C.T. aéreo de 50 kVA, no lugar de Libureo. No termo municipal de Vilarmaior.

O expediente someteuse ós trámites ordenados na Lei 54/1997, do 27 de novembro (BOE nº 285), do sector eléctrico, e no título VII do Real decreto, de 1 de decembro (BOE nº 310), sobre autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Na fase de información pública presentáronse as seguintes alegacións:

A propietaria do predio nº 14, María Flor Suárez Martínez, alega que se opón á declaración de utilidade pública e que esta discorra polo actual trazado unha vez mellorada a liña. Alega tamén que non é necesario un novo trazado para reforza-la subministración eléctica ó lugar de Libureo, pois existe un tendido que, reforzándoo, podería abastece-los clientes con plenas garantías técnicas. Alega así mesmo que o trazado corta as propiedades por onde máis dano causa e que este poderá discorrer paralelo ó camiño ou polo fondo dos predios evitando a súa devaluación. Alega, ademais, que se priva ós titulares dos predios de toda explotación rendible porque o seu predio, que linda cunha pista asfaltada e próxima ó núcleo urbano da parroquia, queda totalmente inservible.

Unión Fenosa Distribución, S.A., manifesta que a instalación eléctrica é necesaria para mellora-la subministración de enerxía eléctrica ós núcleos poboacionais de Libureo, Viuxe de Arriba, Viuxe de Abaixo e O Castrillón. Coa actual situación do centro de transformación, a reforma da liña de baixa existente e trazando una liña recta, dá unha distancia entre 900 m para as vivendas máis próximas e 1.400 m para as máis afastadas, xerando unhas caídas de tensión considerables, facendo inútil esta solución.

A localización proxectada para o centro de transformación logra que o nivel de tensión sexa o óptimo, encontrándose tódalas vivendas nun raio de 500 m da dita localización. Cita o Decreto 3151/1968, do 28 de novembro, R.T.L.E.A.T., e en especial o artigo nº 4. Que no caso de estar permitida a edificabilidade da parcela, non se verá impedida segundo o artigo 58 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico. Que a perda de valor poderá reclamala no momento procedemental da determinación do prezo xusto, presentando folla de aprecio co fin de que

o Xurado Provincial de Expropiación determine o prezo xusto definitivo.

A propietaria do predio nº 14/1, Rosa Martínez Díaz, alega que a liña pasa practicamente polo media del, inhabilitándoo para edificar ou para o cultivo de plantas arbóreas especiais. Que se proceda ó trazado da liña eléctrica polo lateral do camiño que vai a Tolda e que calquera solución que se adopte sobre o expediente lle sexa notificado. Que o predio está en zona de influencia urbana polo que debería evitarse a súa afección e que a perda de valor deberá corresponder co valor de restitución.

Unión Fenosa Distribución, S.A., manifesta que a edificabilidade desta parcela, en caso de estar permitida pola lexislación vixente, non se verá impedida de acordo co artigo 58 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico. Cita o Decreto 3151/1968, do 28 de novembro, R.T.L.E.A.T. e en especial o artigo 4. Que a perda de valor poderá reclamala no momento procedimental da determinación do prezo xusto, presentado folla de aprecio co fin de que o Xurado Provincial de Expropiación, determine o prezo xusto.

A propietaria do predio nº 17, Alicia Torre Cabana alega que é propietaria do mesmo por falecemento da súa nai. Solicita que tódalas comunicacións se fagan ó seu nome.

Unión Fenosa Distribución, S.A. manifesta que corrixe a titularidade a favor de Alicia Torre Cabana, co mesmo enderezo que xa figuraba no expediente.

Vista a Lei 54/1997, de 27 de novembro, e o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, esta delegación provincial resolve:

Autorizar, aproba-lo proxecto e declarar de utilidade pública, en concreto, as devanditas instalacións, nas que as características se axustarán en tódalas súas partes ás que figuran no anteproxecto, e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación.

As instalacións executaranse nun prazo non superior a un ano, contado a partir da data desta resolución.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación.

Contra a presente resolución poderá interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Innovación, Industria e Comercio no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución, tamén poderá interpoñer calquera outro recurso que coide pertinente ó seu dereito.

A Coruña, 3 de xullo de 2003.

Jesús Espada Martínez

Delegado provincial da Coruña