Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Venres, 08 de agosto de 2003 Páx. 10.422

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 7 de xullo de 2003, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do laudo arbitral sobre discrepancias xurdidas en canto a horarios na negociación do convenio colectivo da empresa Astilleros Armón Vigo, S.A.

Visto o texto do laudo arbitral sobre as discrepancias xurdidas en canto a horarios na negociación do convenio colectivo para os anos 2003-2005 da empresa Astilleros Armón Vigo, S.A., con nº de código 3603311, e de conformidade co disposto no artigo 90, 2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, artigo 2 f) do Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, artigo 24.4º do acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo (AGA) e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la incrición do devandito laudo arbitral no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 7 de xullo de 2003.

Joaquín Macías Sánchez

Delegado provincial de Pontevedra

Laudo arbitral

José Mª Casas de Ron, designado polas partes árbitro en acta de compromiso arbitral de data 6 de xuño de 2003, en procedemento de solución de conflictos, consonte o establecido no capítulo III do acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo (AGA), procedemento número de referencia 15/2003, no que son interesados, dunha parte a empresas Astilleros Armón Vigo, S.A. e doutra a representación dos traballadores, partes asinantes da acta de compromiso arbitral citada e lexitimados no conflicto sobre diverxencias xurdidas entre elas por diferencias na negociación do convenio colectivo ano 2003-2005 no relativo a horarios. Visto o expediente e oídas as partes, resolvo a cuestión suscitada por medio deste laudo en función dos seguintes

Antecedentes:

1. As discrepancias xurdidas en canto a horarios na negociación do convenio colectivo para os anos

2003-2005 non permitiron acadar ás partes un acordo nas diversas reunións que mantiveron para tal efecto. Esgotadas as canles de solución internas, tal e como consta na citada acta de compromiso arbitral, as partes acoden ó sistema de solución extraxudicial de conflictos colectivos.

2. Os antecedentes propios son os seguintes: o artigo 6 do convenio colectivo de empresa publicado no DOG do 12-9-2000, regula a xornada laboral e horario de traballo para os anos 2000, 2001 e 2002. E o último parágrafo do citado artigo di: «A partir do 16-12-2002 a empresa analizará os resultados obtidos na xornada continuada e en función deles tomará a decisión da xornada que se vai realizar a partir do 1 de xaneiro de 2003».

Durante o período 1-1-2002 ó 31-12-2002 mantívose, a título experimental, unha xornada de traballo continuada, con horario de 7.00 a 15.00 h. Con data 17-12-2002, reunidos empresa e comité, acordan, e así o recollen na acta, retornar á xornada partida mantendo o horario de 8.00 a 13.00 h e de 14.30 a 17.30 h, deixando sen efecto o horario establecido experimentalmente de xornada continuada. O 20-12-2002 a empresa comunica a tódolos seus traballadores que, a partir do 1 de xaneiro de 2003, o horario de traballo será o mencionado no parágrafo anterior, sen que por parte dos traballadores fose aceptado este.

En data 12-5-2003 é elaborada por parte de empresa e comité unha acta na que recollen, no seu punto 8º, que en materia de horario se acorda someterse ó AGA, toda vez que as partes non logran pórse de acordo neste punto final que impide o remate da negociación do convenio colectivo.

Procedemento:

1. O árbitro designado constituíu a mesa de arbitraxe en data 6 de xuño asistindo a dita mesa representantes das dúas partes en litixio e especificamente representando á empresa o seu director Laudelino Alperi Baragaño, asistido pola asesora Miriam Blázquez Astorga e polos traballadores José Carlos Gómez Parente, presidente do comité de empresa, Fernando Iglesias Serantes, José Ernesto Crispín Otero, Carlos García Lago e Julio López Comesaña, membros do comité de empresa, e José Cameselle Romero, secretario comarcal da Federación de Minero-Metal de CC.OO.

O árbitro comunica que no procedemento se garantirán os principios de audiencia, contradicción e igualdade, podendo as partes efectuar calquera alegación que sirva como defensa das súas posicións e que ó mesmo tempo sirva para ilustrar ó árbitro nos matices do asunto que se somete á súa decisión, así como a renuncia durante a tramitación deste procedemento a medidas de conflicto colectivo e folga.

2. Nesta reunión as partes expoñen ó actuante as diverxentes posicións sobre tal materia que non puideron solucionarse nas diversas reunións mantidas.

En síntese, e como desenvolvemento dos extremos consignados no punto dos antecedentes, obsérvase que despois do cambio de titularidade por compra dos estaleiros a partir de 1999, producíronse unha serie de investimentos para recupera-la carteira de pedidos, renovando o proceso productivo, recuperando a confianza dos armadores-clientes, e reincorporando a 80 traballadores.

Neste contexto presentouse a negociación colectiva para o 2000/2002, e plasmouse como fundamento empresarial do novo tempo, a xornada partida, incluíndo un sistema de proba de xornada continuada, cunha avaliación a partir de decembro do 2002, avaliación que a xuízo da empresa é negativa, pois a dita xornada provoca alteracións na productividade, afecta á prevención de riscos, desvíase do sistema de xornada do grupo empresarial, e desencáixase coa de provedores e incluso de estaleiros da propia ría, que non teñen este réxime de xornada.

En resumo, e como presentación xeral destas alegacións, á empresa convenlle a estabilidade, e esta estabilidade tamén debe de conseguirse polos procedementos negociais de condicións de traballo; tería sido importante poder incluír tamén os aspectos relativos á distribución de horarios. A empresa continúa a súa alegación no sentido de que espera que sexa este o último conflicto, sinala que o precedente establecido no convenio colectivo 2000-2002, a propia organización da empresa e a paz social, implican a necesidade dunha solución, e de aí a súa confianza neste procedemento extraxudicial de conflictos.

As alegacións dos traballadores, en primeiro lugar efectuadas a través do presidente do comité de empresa, comezan manifestando ó árbitro que a xornada continuada é xornada tradicional do estaleiro e que mesmo habería un sustento legal, pois existe un acta de 15-7-1999 na que se facía referencia á xornada tradicional continua.

Co cambio de propiedade, os traballadores que van entrando na empresa inclúen nos seus contratos a xornada partida, e no ano 2000, en convenio colectivo, pactouse unha xornada partida cuns períodos probatorios para a xornada continuada, cunha análise de resultados; pois ben, a xuízo dos traballadores, a xornada continuada é válida mesmo desde o punto de vista da análise de resultados/productividade, pois no ano 2002 entregáronse 9 barcos (con meses de xornada continuada) e en 2001 entregáronse 8 barcos (con xornada partida). Ademais, sinala que a xornada partida os perxudica economicamente, pois polas dificultades de tráfico en Vigo moitos traballadores non poden, durante a interrupción, acudir a comer ás súas casas, o que lles supón un desembolso dun termo medio de 7 euros por día, ó ter que comer en locais de comidas da zona, e ademais afectando todo iso ó que é unha práctica productiva consolidada no sector como a realización de horas extraordinarias, ademais de producirse outros

menoscabos para os traballadores como é que a dita xornada partida os afecta para poder dedicarse

na tarde a asuntos particulares o persoais. De todo este conxunto de razóns veñen as medidas de presión colectivas, pois a empresa segue sen querer saber nada da xornada continuada.

O Sr. Cameselle, dirixente e asesor de CC.OO., pregúntase neste momento se a productividade é medible, se a xornada continuada presenta problemas coas empresas auxiliares, considerando que a empresa é dos poucos estaleiros con xornada partida; que están moi condicionados polo feito da compra, en 1999, en medio dunha crise e que os traballadores cederon, nun principio, para xerar confianza, pero que hoxe non hai razóns que diferencien a este estaleiro doutros que teñen xornada continuada, e que ademais preséntase un problema de aparcamento porque, ó entra-los traballadores máis tarde, atópanse con tódolos lugares nos que é factible aparcar vehículos totalmente ocupados.

Na quenda de réplicas, a representación da empresa sinala que a productividade é medible, e que cando a representación de persoal falou de 9 barcos en 2002 e 8 en 2001, compara parámetros diferentes, pois non tódolos barcos son iguais, os criterios de organización son diferentes e en todo caso habería que ve-las toneladas de rexistro de buques (Rexistro GTC). Así mesmo, sinala que nos estaleiros pequenos (e cita unha relación), teñen xornada partida, e que no seu grupo empresarial a filosofía é a de xornada partida. Sinala que non pode entrar na problemática que se presenta sobre a comida, aínda que recoñece que moita xente vai comer á súa casa, e que hai que aceptar que cando a nova organización propietaria chega ó estaleiro, faino cunha idea e compromisos de futuro que cren que van cumprindo e consolidando a situación empresarial, incluídas a estabilidade dos traballadores no seu posto de traballo. Por outra parte, tódolos datos ofrecidos son coñecidos polo comité de empresa e hai

estudios que o demostran.

Por parte dos traballadores, na segunda quenda de réplica, exponse ó árbitro que non houbo unha clara fundamentación/demostración da maior productividade da xornada continuada, que cada estaleiro é distinto e que estarían plenamente de acordo se este se dedicara á reparación; lembra que a comida é un grave problema sobre todo motivado por cuestións de tráfico, ademais do problema do aparcamento. (Intervén neste punto a representación da empresa para clarexar ó árbitro que hai unha rúa cega na entrada dos estaleiros na que aparcan os traballadores e que palía, nalgunha medida, o problema cos vehículos presentado).

Así finaliza esta fase.

Fundamento da resolución:

A cuestión que se presenta á solución arbitral consiste na fixación dunha proposta dirimente nun conflicto de intereses entre dúas opcións de xornada conforme o artigo 34 do Estatuto dos traballadores e artigo correspondente do convenio colectivo en

fase final de negociación, que substitúa o vixente para o período 2000-2002.

Quedaron suficientemente explicitadas as dúas posturas en litixio; corresponde pois, ó árbitro, decidir sobre tal cuestión, tendo en conta tódolos antecedentes e as realidades que presenta tal cuestión para o colectivo de traballadores e para os intereses empresariais.

Parte dunha cuestión o árbitro. Cada organización empresarial dispón a súa actividade cunha filosofía ou modus operandi que, evidentemente, entre outros importantes e decisivos aspectos, afectan ás cuestiones relacionadas coa xornada, os horarios e quendas; elementos, os tres, claves na distribución e organización do traballo. Nunha primeira visión, é importante dilucida-lo que é esencial a cada empresa e a cada filosofía empresarial o de grupo, coma elemento interno, elemento que logo haberá que contrastar, haberá de medirse cos sistemas organizativos nestas cuestións que teña o resto do sector, empresas ou instalacións comparables. O feito de que a empresa actúe na súa organización de grupo coma outros estaleiros, se ben non todos, cun sistema productivo que implica a xornada partida, é un feito relevante, é un feito que pertence a ese entramado decisorio esencial de cada organización e que, por iso, tamén é relevante como punto de partida para o árbitro actuante. Sobre esta base

decisoria tamén é de subliñar como importante, o conxunto regulador desta cuestión e a percepción que del teñen os traballadores, como outro factor decisivo dentro da organización empresarial, e se ben o árbitro considera que non pode entrar en temas que afectan ós traballadores coma cidadáns desta difícil cidade que é Vigo en canto ó tráfico, e por outra parte tampouco entraría nunha posible compensación por manutención, por entender que esta sería materia típica salarial de negociación colectiva, si evidentemente quere entrar, e entra, en que o convenio colectivo anterior xa establecía uns meses de xornada continuada que, por outra parte, en canto ó tempo, coinciden con períodos moi ó uso para a implantación de tales xornadas continuadas na estación estival, comúns en tódolos sectores e con dimensión xa de práctica social.

Este árbitro, e nesta solución en equidade que é a que cabe aplicar ó presente litixio, e poder desta forma pór remedio á negociación do convenio colectivo para os próximos anos, entende que se pode retoma-lo tempo fixado no anterior convenio ó que se fai referencia e si establecer un período dentro do ano de xornada continuada que, dalgunha forma, atenúa sen grave quebranto productivo, o réxime de xornada partida inherente nestes tempos á filosofía do grupo empresarial que reflotou e tenta consolida-la actividade dunha empresa importante para o sector na Ría de Vigo.

En resumo do antedito, o árbitro tentará concilia-lo que é unha realidade empresarial coa posibilidade de determinado período de xornada continuada, polo

que vistas as últimas posicións das partes, que encaixan dentro das previsións establecidas no artigo 34 do Estatuto dos traballadores, e establecidas no artigo 6 do convenio colectivo anteriormente vixente da empresa, publicado no DOG do 12-9-2002, resolvo a cuestión presentada en equidade dictando o seguinte laudo, vista a documentación achegada, cumpridos os principios de garantía do procedemento, resolvo a cuestión xurídica presentada dictando o seguinte laudo conforme o artigo 24 do acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos colectivos de traballo publicado no DOG do 4-5-1995.

Único.-O convenio colectivo de empresa para os anos 2003-2005 de estaleiros Armón Vigo, S.A. recollerá, dentro da regulación de xornada laboral e horario de traballo que a xornada diaria será partida en todo o ano e na distribución que se concerte, salvo os meses de xuño, xullo e agosto, en que se realizará a xornada diaria continuada, e con efectos inmediatos desde a simple comunicación deste laudo.

Contra este laudo poderase recorrer perante a xurisdicción social nos termos establecidos no punto 4 do artigo 24 do acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo (AGA).

Dado en Vigo o 13 de xuño de 2003.

O árbitro

Rubricado