Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Venres, 08 de agosto de 2003 Páx. 10.424

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLO DA CULTURA GALEGA

RESOLUCIÓN do 30 de xullo de 2003 pola que se aproban as bases que rexerán a convocatoria pública de dez bolsas de colaboración en proxectos de investigación que se están a desenvolver no Consello da Cultura Galega e se anuncia a súa convocatoria.

O artigo 6 da Lei 8/1983, do 8 de xullo, na súa alínea b), establece que: compete ó Consello da Cultura Galega investigar e valora-las necesidades culturais do pobo galego.

Dentro do plan de actividades do Consello da Cultura Galega para o ano 2003 figura a convocatoria pública de bolsas de investigación para realizar proxectos sobre diversos aspectos da cultura galega.

O seu outorgamento enmárcase dentro das funcións atribuídas ó Consello da Cultura Galega na Lei 8/1983, do 8 de xullo, que desenvolve o artigo 32 do Estatuto de autonomía.

Na súa virtude, apróbanse as seguintes bases:

Primeira.-Obxecto.

Convócanse dez bolsas de colaboración en proxectos de investigación que se están a desenvolver no Consello da Cultura Galega.

Como anexos a esta resolución inclúense os requisitos específicos que deben reuni-los solicitantes de cada bolsa.

Segunda.-Contía das bolsas e dotación orzamentaria.

As bolsas constan dunha asignación mensual coa retención fiscal que corresponda.

A contía especifícase nos anexos correspondentes.

O pagamento da bolsa realizarase mensualmente na conta bancaria indicada polo interesado, logo do certificado do director da investigación, sempre que os traballos se desenvolvan con normalidade e de acordo coas bases establecidas.

Para o gasto que se proxecta habilitarase o crédito suficiente na partida orzamentaria 03.01.111D.480.0, por unha contía máxima total de trinta mil euros (30.000 euros), impostos incluídos, correspondente ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003.

O Consello da Cultura Galega subscribirá unha póliza de seguros para os posibles accidentes que poidan sufri-los bolseiros no desempeño da súa colaboración.

Terceira.-Duración.

As tarefas relativas ás bolsas iniciaranse a partir da data de incorporación dos bolseiros e terán unha duración especificada no anexo correspondente a cada bolsa, en ningún caso superior ó 31 de decembro de 2003.

Estas bolsas poderán prorrogarse ata un máximo de tres anos, incluído o período inicial, á vista do traballo realizado polo bolseiro, sempre que o permitan as dispoñibilidades orzamentarias.

Cuarta.-Requisitos xerais.

a) Ser español ou pertencer a un país membro da Unión Europea.

b) Posuír coñecementos de lingua galega.

c) Ser licenciado ou, se é o caso, diplomado universitario.

d) Non levar máis de catro anos licenciado ou, se é o caso, diplomado. Sen embargo, poden optar ás bolsas as persoas que se atopen nesta circunstancia cando estean cursando estudios de terceiro ciclo ou xa os teñan cursado no momento de presentárense á convocatoria.

e) Non ter gozado con anterioridade dunha bolsa do Consello da Cultura Galega durante un prazo ininterrompido superior ós 3 anos.

f) Non ter sido separado do servicio de ningunha administración ou institución como consecuencia de expediente disciplinario.

g) Non desempeñar actividade profesional remunerada por conta propia ou allea, nin beneficiarse de bolsas ou axudas equiparables ás convocadas.

Quinta.-Solicitudes.

As solicitudes, no modelo que se xunta como anexo (anexo VIII), irán dirixidas ó presidente do Consello

da Cultura Galega e entregaranse na sede do Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, 2º andar, Praza do Obradoiro, 15705 Santiago de Compostela) ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días contados a partir do seguinte ó da publicación desta convocatoria no DOG, acompañadas da documentación seguinte:

-Certificación académica persoal completa.

-Currículum vitae, acompañado de cantos documentos poidan avalalo.

-Fotocopia do DNI ou pasaporte.

-Declaración xurada de non ter sido separado do servicio de ningunha administración nin institución pública como consecuencia de expediente disciplinario, así como de non desempeñar actividade profesional remunerada por conta propia ou allea, nin beneficiarse de bolsas ou axudas equiparables ás convocadas.

Transcorrido este prazo, se algunha das solicitudes presentadas non reúne os requisitos esixidos, requirirase ó interesado para que, nun prazo de dez días, corrixa a falta ou xunte os documentos requiridos, coa indicación de que, se así non o fixese, terase por desistida a súa petición, logo de resolución do presidente do Consello da Cultura Galega.

Sexta.-Comisión de valoración.

A comisión de valoración será nomeada pola Comisión Executiva do Consello da Cultura Galega.

Esta comisión estará formada por dous membros da Comisión Executiva e o coordinador da sección ou o director do arquivo ou proxecto que solicite a bolsa. Este último pode, pola súa vez, delegar nun membro da sección ou comisión técnica correspondente.

Sétima.-Baremo para a selección dos bolseiros.

-Expediente académico: ata un máximo de 4 puntos.

-Currículum vitae do solicitante, experiencia investigadora e colaboración en proxectos de investigación similares: ata un máximo de 4 puntos.

Ademais do exame da documentación presentada, a comisión poderá convoca-los solicitantes que obtivesen unha maior puntuación na fase anterior, a unha entrevista persoal para valora-los seus coñecementos e aptitudes ata un máximo de 2 puntos.

O presidente da comisión elevaralle ó presidente do Consello da Cultura Galega a relación de candidatos seleccionados para a adxudicación da bolsa.

Finalmente, o presidente do Consello da Cultura Galega fará pública a relación dos candidatos seleccionados (titulares e suplentes) por orde de puntuación, e as bolsas adxudicaranse por resolución do presidente do Consello da Cultura Galega, que será debidamente notificada ós solicitantes. A dita

resolución porá fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición perante o mesmo órgano que o dictou, ou poderá ser impugnada directamente ante a xurisdicción contencioso-administrativa, de acordo co artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

O presidente do Consello da Cultura Galega poderá declarar deserta a convocatoria, se estima que ningún dos candidatos resulta idóneo.

A resolución do presidente do Consello da Cultura Galega adoptarase no prazo de tres meses, contados desde a data de publicación no Diario Oficial de Galicia da convocatoria das bolsas, producindo efectos desestimatorios a falta de resolución.

No caso de que, adxudicadas as bolsas, xurdisen renuncias, adxudicarase automaticamente a axuda ó seguinte aspirante en puntuación, e procederase do mesmo modo nas renuncias consecutivas.

Oitava.-Aceptación das bolsas.

Unha vez que os beneficiarios reciban as notificacións de concesión das bolsas, comunicaranlle por escrito ó presidente do Consello da Cultura Galega a aceptación ou renuncia a elas o prazo de dez días. Se transcorrido ese prazo non se fixese manifestación expresa en ningún sentido, entenderase como renuncia á bolsa e procederase automaticamente á adxudicación da axuda ó seguinte aspirante en puntuación.

Novena.-Obrigas dos beneficiarios.

Para xustifica-lo cumprimento da finalidade para a que se concedeu a bolsa e a aplicación dos fondos percibidos, os beneficiarios presentarán dentro do mes seguinte ó remate da bolsa un informe sobre o proxecto de investigación que están realizando.

No caso de que os beneficiarios incumprisen algunha das condicións establecidas para a concesión da bolsa, quedarán obrigados ó reintegro total ou parcial do importe da axuda que en cada caso fose pertinente.

Os beneficiarios están obrigados a facilita-la información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control de destino das bolsas.

Décima.-Réxime de colaboración.

A condición de bolseiro non dará lugar a relación laboral nin administrativa co Consello da Cultura Galega.

Os aspirantes seleccionados incorporaranse, no prazo de tres días naturais, desde o remate do prazo para comunica-la súa aceptación, e desenvolverán o seu labor nos lugares e horarios establecidos nos correspondentes anexos.

Undécima.-Extinción anticipada da bolsa.

No caso de incumprimento das tarefas de colaboración, o presidente do Consello da Cultura Galega, logo de escoita-la persoa afectada, poderá anula-la bolsa e atribuírlla ó aspirante que ocupe o primeiro lugar en orde de puntuación ó remate do pro

ceso de selección, ou ó seguinte ou seguintes cando os chamados non puidesen presta-la súa colaboración por calquera motivo.

A solicitude da bolsa implica o coñecemento e aceptación destas bases.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2003.

Alfonso Zulueta de Haz

Presidente do Consello da Cultura Galega

ANEXO I

Dúas bolsas para colaborar no programa Arquivo Sonoro de Galicia.

Estas bolsas teñen como finalidade colaborar no programa Arquivo Sonoro de Galicia, que se está desenvolvendo no Consello da Cultura Galega, para realizar distintos labores de restauración e dixitalización de materiais sonoros e masterización de orixinais para edición.

Bolsa:

Duración: 4 meses.

Contía: 750 euros/mes.

Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicita-las bolsas ás que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos na base cuarta desta resolución:

-Ter estudios específicos de técnico de son.

-Posuír coñecementos de informática en audio dixital.

Lugar e horario de colaboración: Consello da Cultura Galega, en horario de mañá ou tarde.

ANEXO II

Unha bolsa para colaborar na Sección de Comunicación.

Esta bolsa ten como finalidade colaborar no proxecto de investigación Galicia, dous séculos de comunicación, que se está desenvolvendo no Consello da Cultura Galega.

Bolsa:

Duración: 4 meses.

Contía: 750 euros/mes.

Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicita-la bolsa á que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos na base cuarta desta resolución:

-Ser licenciado en ciencias da comunicación.

-Posuír coñecementos de análise de contido, catalogación e busca documental.

-Posuír coñecementos contrastados dos seguintes programas informáticos: Access, Ms Word.

-Ter experiencia investigadora en medios de comunicación.

Lugar e horario de colaboración: Consello da Cultura Galega, en horario de mañá ou tarde.

ANEXO III

Dúas bolsas para colaborar no proxecto Catalogación do Arquivo RTVE-Galicia da Sección de Artes Plásticas e da Sección de Comunicación.

Estas bolsas teñen como finalidade colaborar no proxecto de investigación Catalogación do Arquivo de RTVE-Galicia, que se está desenvolvendo no Consello da Cultura Galega.

Bolsa 1:

Duración: 4 meses.

Contía: 750 euros/mes.

Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicita-la bolsa a que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos na base cuarta desta resolución:

-Ser licenciado en historia da arte.

-Ter experiencia de investigación en historia do cine e outros medios audiovisuais.

-Posuír coñecementos de análise de contido, catalogación e busca documental.

-Posuír coñecementos de informática a nivel usuario, especialmente en bases de datos.

Lugar e horario de colaboración: Consello da Cultura Galega, en horario de mañá ou tarde.

Bolsa 2:

Duración: 4 meses.

Contía: 750 euros/mes.

Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicita-la bolsa a que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos na base cuarta desta resolución:

-Ser licenciado en Ciencias da Comunicación.

-Ter experiencia de investigación en cinematografía.

-Posuír coñecementos de análise de contido, catalogación e busca documental.

-Posuír coñecementos de informática.

Lugar e horario de colaboración: Consello da Cultura Galega, en horario de mañá ou tarde.

ANEXO IV

Unha bolsa para colaborar no programa Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia.

Esta bolsa ten como finalidade colaborar no programa Centro de Documentación Sociolingüística de

Galicia, que se está desenvolvendo no Consello da Cultura Galega.

Bolsa:

Duración: 4 meses.

Contía: 750 euros/mes.

Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicita-la bolsa a que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos na base cuarta desta resolución:

-Ser licenciado en filoloxía galega.

-Ter experiencia en servicios lingüísticos ou de normalización lingüística, ou en actividades de dinamización lingüística e estudios ou traballos de sociolingüística galega.

-Posuír coñecementos de informática.

-Posuír coñecementos da Internet.

Lugar e horario de colaboración: Consello da Cultura Galega, en horario de mañá ou tarde.

ANEXO V

Unha bolsa para colaborar na Sección de Lingua.

Esta bolsa ten como finalidade colaborar no programa Investigación para a elaboración de corpus da lingua e a súa aprendizaxe, que se está desenvolvendo na Sección de Lingua do Consello da Cultura Galega.

Bolsa:

Duración: 4 meses.

Contía: 750 euros/mes.

Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicita-la bolsa a que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos na base cuarta desta resolución:

-Ser licenciado en filoloxía galega.

-Ter experiencia investigadora, especialmente no campo da sociolingüística galega.

-Posuír coñecementos de informática no nivel de usuario, principalmente no manexo de bases de datos.

Lugar e horario de colaboración: Consello da Cultura Galega, en horario de mañá ou tarde.

ANEXO VI

Dúas bolsas para colaborar no programa Arquivo de Comunicación.

Estas bolsas teñen como finalidade colaborar no programa Arquivo de Comunicación, que se está desenvolvendo no Consello da Cultura Galega.

Bolsa:

Duración: 4 meses.

Contía: 750 euros/mes.

Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicita-las bolsas a que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos na base cuarta desta resolución:

-Ser licenciado en ciencias da comunicación.

-Posuír coñecementos de análise de contido, catalogación e busca documental.

-Posuír coñecementos contrastados dos seguintes programas informáticos: Access, Ms Word.

-Ter experiencia investigadora en postos similares.

Lugar e horario de colaboración: Consello da Cultura Galega, en horario de mañá ou tarde.

ANEXO VII

Unha bolsa para colaborar no proxecto Cultura galega virtual.

Esta bolsa ten como finalidade colaborar no proxecto Cultura galega virtual, que se está desenvolvendo no Consello da Cultura Galega.

Bolsa:

Duración: 4 meses.

Contía: 750 euros/mes.

Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicita-la bolsa a que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos na base cuarta desta resolución:

-Ser licenciado en ciencias da comunicación.

-Posuír coñecementos de informática, especialmente en tratamento de imaxe e bases de datos.

-Posuír coñecementos de deseño e elaboración de páxinas Web.

-Posuír coñecementos de análise de contido, catalogación e busca documental.

-Posuír coñecementos de inglés.

Lugar e horario de colaboración: Consello da Cultura Galega, en horario de mañá ou tarde.