Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Venres, 08 de agosto de 2003 Páx. 10.404

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 30 de xullo de 2003 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca para o ano 2003 o programa de incentivos á contratación indefinida con orixe en plans empresariais de incremento da estabilidade laboral.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 29.1º, atribúelle á Comunidade Autónoma, en concordancia co artigo 149.1º.7 da Constitución española, competencia para a execución da lexislación do Estado en materia laboral.

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta Comunidade Autónoma asumiu as funcións e servicios transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego (Inem) no ámbito do traballo, o emprego e a formación, o exercicio das cales lle corresponde hoxe en día á Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, ó abeiro do disposto no Decreto 8/2003, do 18 de xaneiro, polo que se modifica a estructura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia.

Anualmente véñense convocando, a través da consellería con competencias en materia de emprego, un marco de axudas á contratación por conta allea ó abeiro dos sucesivos plans de fomento do emprego, en atención a programas propios e a programas cofinanciados polo Fondo Social Europeo, na actualidade incorporados no programa operativo integrado de Galicia para o período 2000-2006.

Nesta liña de actuación, e tendo en conta a estratexia europea para o emprego derivada do Consello Europeo Extraordinario de Luxemburgo, e de acordo

coas súas directrices anuais, articulouse un conxunto de medidas para o fomento da contratación e da estabilidade no emprego para incidir na inserción laboral dos colectivos con desvantaxes para acceder e permanecer no mercado de traballo e para impulsa-la estabilidade no emprego na Comunidade Autónoma.

En Galicia, nestes últimos anos, o emprego creceu de xeito significativo incrementándose o número de contratacións indefinidas, aínda que a taxa de temporalidade está lonxe da media dos países do noso contorno. Neste contexto, a realidade das cifras fai necesario intensifica-la aposta polo emprego de calidade, continuando cos programas de fomento da estabilidade laboral para incrementa-la súa taxa.

Nesta orientación considerouse necesario, incrementa-la taxa de estabilidade para poder ser beneficiario das axudas establecidas nesta orde ata un 65%, gradua-las contías dos incentivos, en atención ás taxas de estabilidade acadadas pola empresa, e a contratación inicial de desempregados pertencentes a colectivos con maiores dificultades de inserción laboral, desempregados en xeral e conversións de contratos temporais en indefinidos.

Así mesmo, como pauta de salvagarda para garantir un certo equilibrio na esixencia dos niveis de estabilidade no emprego para acceder ós incentivos á contratación indefinida, aínda que nos convenios ou acordos sectoriais de aplicación estea establecida unha taxa inferior, a taxa mínima esixible sitúase no 35%, por debaixo da que non se concederán as axudas económicas dos programas de apoio á contratación indefinida con orixe en plans empresariais de incremento da estabilidade laboral.

No programa recóllese a incentivación das contratacións indefinidas, iniciais ou por transformación de contratos temporais en indefinidos, derivadas da execución de plans empresariais de incremento da estabilidade que prevexan na súa execución un incremento de, polo menos 7 puntos, na taxa de estabilidade respecto das medias do período outubro 2001-setembro 2002 no conxunto dos centros de traballo da empresa en Galicia, que supoñan un incremento neto do emprego total e do emprego fixo, sen que, en ningún caso, á taxa de estabilidade resultante poida ser inferior ó 65%.

Os ditos plans para que poidan acollerse ás axudas recollidas nesta orde, deberán presentarse ata o 30 de setembro de 2003 e estar executados na mesma data.

Estas axudas van dirixidas ás empresas xa existentes e ás de nova creación que no período previsto nesta orde para a execución do plan acaden unha taxa de estabilidade que en ningún caso poderá ser inferior ó 65%, agás que o convenio colectivo sectorial de aplicación estableza unha taxa superior ou inferior, neste último caso e con independencia da posible inferior que estableza o convenio sectorial

de aplicación á taxa de estabilidade que deberá de acada-la empresa non poderá ser inferior ó 35%.

As axudas contempladas nesta orde están amparadas na súa adecuación ó dereito comunitario pola autorización da Comisión Europea C (2001) 3750 fin de 28.11.2001. E, cando se trate de empregos ligados a un investimento polo seu sometemento ó Regulamento (CE) nº 70/2001 da Comisión do 12 de xaneiro de 2001 relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado de CE ás axudas estatais ás pequenas e medianas empresas (DOCE L10; 13.01.2001).

Neste marco de actuacións, as bases reguladoras deste programa axústanse ó disposto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, en especial, o relativo ós principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión de axudas públicas e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

As axudas recollidas nesta orde, para o ano 2003, financiaranse con cargo ós créditos recollidos na súa disposición adicional oitava. Os ditos créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, ou as disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Por todo o exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Ámbito e réxime das axudas

Artigo 1º.-Obxecto e finalidade.

1. Esta orde ten por obxecto establece-las bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2003 dos incentivos á contratación indefinida, inicial ou por transformación de contratos temporais, a tempo completo ou a tempo parcial, incluídos os traballos fixos-descontinuos, que se realicen como consecuencia de plans empresariais de incremento da estabilidade laboral, coa finalidade de fomenta-la creación e consolidación do emprego fixo e de calidade a través dun programa específico de estímulo e apoio ó cambio estructural cara un maior nivel de estabilidade dos cadros de persoal das empresas instaladas en Galicia.

2. As solicitudes, tramitación e concesión destas axudas e subvencións axustaranse ó disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, no Decreto 287/2000, do 26 de novembro, e nesta orde.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

1. Os plans empresariais de incremento da estabilidade laboral, para que poidan acollerse a este programa, deberán axustarse ó disposto no artigo 5º desta orde, presentaranse ata o 30 de setembro de 2003 e estaren executados na mesma data.

2. Os incentivos previstos nesta orde serán de aplicación ás contratacións indefinidas, iniciais ou por transformación de contratos temporais que, reunindo os requisitos e condicións establecidos nela, se realicen no período comprendido entre o 1 de outubro de 2002 e o 30 de setembro de 2003, e sempre que se trate de:

a) Contratacións indefinidas realizadas con traballadores desempregados que estean inscritos como demandantes de emprego no Servicio Público de Emprego no momento da contratación e que, pola súa vez, carezan de ocupación segundo o informe de vida laboral da Tesourería Xeral da Seguridade Social.

b) Conversións en indefinidos de contratos temporais ou de duración determinada realizados con anterioridade ó 1 de xaneiro de 2003, calquera que sexa a modalidade contractual obxecto de transformación. Cando se trate da transformación en indefinidos de contratos formativos, de relevo ou de substitución por anticipación da idade de xubilación non será de aplicación a limitación temporal anterior. Tampouco será de aplicación a dita limitación temporal cando se trate de contratos de interinidade. En todo caso, a súa transformación en indefinidos só será subvencionable cando se manteña o posto do traballador substituído, o que terá que acreditarse.

No caso de transformación de contratos temporais a tempo completo, a xornada do novo contrato indefinido será tamén a tempo completo.

Nos supostos de transformación de contratos temporais a tempo parcial, a xornada do novo contrato indefinido deberá ser como mínimo, igual á do contrato que se transforma.

Para os efectos desta orde, entenderase que se produce a transformación en todos aqueles casos nos que ámbalas dúas modalidades contractuais se sucedan sen ruptura da relación laboral coa empresa, incluídos aqueles supostos nos que o inicio da relación laboral indefinida ten lugar ó día seguinte ó do termo da vixencia do contrato temporal, incorporándose á empresa con carácter estable sen ruptura de continuidade na relación laboral.

A conversión en contratos indefinidos dos contratos temporais ou de duración determinada non será subvencionable cando teña a súa orixe no cumprimento de obrigas legais.

3. As ditas contratacións e transformacións, para que poidan ser obxecto de subvención, deberán formalizarse por escrito e comunicarse á oficina do

servicio público de emprego na forma regulamentariamente establecida.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios dos incentivos previstos neste programa as empresas, calquera que sexa a súa forma xurídica, que contraten traballadores por conta allea para prestaren servicios en centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia de plans de incremento da estabilidade laboral dos seus cadros de persoal en Galicia, nos termos e de acordo cos requisitos e condicións establecidos nesta orde.

2. Non poderán ser beneficiarios destas axudas as administracións públicas, as sociedades públicas, nin as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas.

Artigo 4º.-Exclusións.

Exclúense dos beneficios do programa establecido nesta orde:

a) As relacións laborais de carácter especial previstas no artigo 2.1º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, ou noutras disposicións legais, así como as contratacións de traballadores para prestar servicios noutras empresas mediante contratos de posta a disposición.

b) Os contratos realizados co cónxuxe, ascendentes, descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, do empresario ou de quen desempeñe cargos de dirección ou sexan membros dos órganos de administración das empresas que revistan a forma xurídica de sociedade, así como as que se produzan con estes últimos.

c) Contratacións realizadas con traballadores que, nos 24 meses anteriores á data da contratación, prestasen servicios na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato por tempo indefinido.

O disposto no parágrafo precedente será tamén de aplicación no suposto de vinculación laboral anterior do traballador con empresas ás que o solicitante dos beneficios sucedese en virtude do establecido no artigo 44 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo.

d) Traballadores que finalizasen unha relación laboral de carácter indefinido nun prazo de 3 meses previos á formalización do contrato polo que se solicita a subvención.

Artigo 5º.-Definición, requisitos e contido dos plans empresariais de incremento da estabilidade laboral.

1. Para os efectos desta orde, terán a consideración de plans de incremento da estabilidade laboral, aqueles que, tendo ou non a súa orixe en plans ou acordos sectoriais, se elaboren e aproben a nivel

de empresa e prevexan a realización dun número de contratacións indefinidas, iniciais ou por transformación de contratos temporais ou de duración determinada, no período comprendido entre o 1 de outubro de 2002 e o 30 de setembro de 2003, coas que, no seu conxunto, se acade, como mínimo, os seguintes resultados:

a) Un incremento, como mínimo, de 7 puntos da taxa de estabilidade do cadro de persoal da empresa en Galicia respecto da media acadada no período comprendido entre os meses de outubro de 2001 a setembro de 2002, ámbolos dous inclusive.

b) Incremento do emprego fixo respecto da media do período outubro 2001 a setembro 2002.

c) Incremento neto do emprego total respecto da media do período de referencia, segundo o establecido e agás nos supostos sinalados no artigo 6º.5 desta orde.

d) En ningún caso a execución do plan poderá implicar unha diminución da totalidade dos traballadores no conxunto dos centros de traballo da empresa en Galicia na media do período outubro 2001 a setembro 2002.

e) A taxa de estabilidade do cadro de persoal da empresa que se acade como consecuencia da execución do dito plan, deberá ser igual ou superior ó 65% ou a aquela superior ou inferior establecida no convenio sectorial de aplicación. Neste último caso e con independencia da posible inferior que estableza o convenio sectorial de aplicación, a taxa de estabilidade que deberá de acada-la empresa para poder ser beneficiaria das axudas establecidas nesta orde coa execución do plan, non poderá ser inferior ó 35%.

2. Para os efectos do punto anterior, entenderase por taxa de estabilidade a porcentaxe de traballadores fixos sobre o total do cadro de persoal no conxunto dos centros de traballo da empresa en Galicia.

Para o seu cálculo, en cómputo anual, terase en conta a media aritmética do cadro de persoal fixo e temporal no período de referencia.

3. Os plans empresariais de incremento da estabilidade laboral, para os efectos previstos nesta orde, deberán facer referencia expresa, entre outros, ós seguintes extremos:

a) Identificación dos centros de traballo que a empresa posúa en Galicia, con indicación do número de traballadores fixos e temporais empregados no período outubro 2001 a setembro 2002.

b) Indicación da media aritmética da totalidade do cadro de persoal da empresa no conxunto dos centros de traballo en Galicia no dito período, así como a referida ó cadro de persoal fixo e temporal no mesmo período de referencia.

c) Taxa de estabilidade do cadro de persoal da empresa en Galicia acadada na media do período comprendido entre outubro 2001 a setembro 2002.

d) Número de contratacións indefinidas, iniciais ou por transformación de contratos temporais, derivadas da execución do dito plan e calendario de realización das contratacións.

e) Estructura prevista do cadro de persoal da empresa en Galicia no último mes de execución do plan, con indicación do número de traballadores fixos e temporais e con expresión da taxa de estabilidade acadada e do incremento que represente respecto da media do período de referencia.

4. Cando se trate de empresas que se acolleron ós incentivos convocados no ano 2002 para o apoio á execución de plans empresariais de incremento da estabilidade laboral (Orde do 5 de xullo de 2002), para determina-lo incremento da taxa de estabilidade e do emprego a que se refiren os puntos anteriores e demais artigos concordantes desta orde, non se terán en conta as medias do período comprendido entre os meses de outubro 2001 e setembro 2002, senón que a referencia para determina-los incrementos esixidos serán os resultados acadados coa execución do plan no ano 2002.

5. Os plans de estabilidade deberán constar por escrito, no modelo normalizado que figura como anexo desta orde, asinado polo representante da empresa e, de se-lo caso, polos representantes legais dos traballadores, e deberán presentarse ata o 30 de setembro de 2003 e, para os efectos do previsto nesta orde, estar executados na mesma data.

Artigo 6º.-Incentivos.

1. Os incentivos ás contratacións indefinidas, iniciais ou por transformación de contratos temporais ou de duración determinada, a tempo completo ou a tempo parcial, incluídos os fixos descontinuos, que supoñan un incremento de emprego nos termos establecidos nesta orde, determinaranse en atención ás taxas de estabilidade que a empresa acade como consecuencia da execución do plan de incremento da estabilidade laboral e segundo se trate dunha contratación inicial de desempregados pertencentes a colectivos con maiores dificultades de inserción laboral (punto 5º deste artigo), contratación inicial de desempregados en xeral ou de conversión de contratos temporais en indefinidos, de acordo coa seguinte escala:

A) Taxa de estabilidade establecida no convenio colectivo sectorial de aplicación non inferior ó 35% e ata o 64%:

* As contratacións indefinidas iniciais con colectivos relacionados no artigo 6º.5 desta orde, incentivaranse cunha axuda de ata 2.400 euros, incrementándose ata 3.000 euros cando as contratacións se realicen con mulleres.

* As contratacións indefinidas iniciais con desempregados en xeral, ou transformacións de contratos temporais en indefinidos que reúnan os requisitos establecidos no artigo 2.2º b), incentivaranse cunha axuda de ata 1.800 euros, incrementándose ata 2.400 euros cando as contratacións se realicen con mulleres.

B) Taxa de estabilidade acadada do 65% e ata o 90%:

* As contratacións indefinidas iniciais con colectivos relacionados no artigo 6º.5 desta orde, incentivaranse cunha axuda de ata 3.000 euros, incrementándose ata 3.600 euros cando ás contratacións se realicen con mulleres.

* As contratacións indefinidas iniciais con desempregados en xeral, ou transformacións de contratos temporais en indefinidos que reúnan os requisitos establecidos no artigo 2.2º b) incentivaranse cunha axuda de ata 2.400 euros, incrementándose ata 3.000 euros cando ás contratacións se realicen con mulleres.

C) Taxa de estabilidade acadada de mais do 90%:

* As contratacións indefinidas iniciais con colectivos relacionados no artigo 6º.5 desta orde, incentivaranse cunha axuda de ata 3.600 euros, incrementándose ata 4.200 euros cando as contratacións se realicen con mulleres.

* As contratacións indefinidas iniciais con desempregados en xeral, ou transformacións de contratos temporais en indefinidos que reúnan os requisitos establecidos no artigo 2.2º b) incentivaranse cunha axuda de ata 3.000 euros, incrementándose ata 3.600 euros cando as contratacións se realicen con mulleres.

2. Os incentivos anteriores incrementaranse nunha contía de ata 600 euros cando as contratacións, indefinidas iniciais ou transformacións, se realicen con desempregados que, no momento da súa contratación inicial estiveran incorporados ó Programa Labora: Xuventude con Experiencia segundo o establecido no Decreto 184/2002, do 18 de abril (modificado por Decreto 26/2003 do 16 de xaneiro).

3. Cando se trate de contratacións a tempo parcial a contía da subvención será proporcional ó tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, no seu defecto, da xornada ordinaria máxima legal.

4. Só poderán ser obxecto de subvención, aquelas contratacións, iniciais ou por transformación de contratos temporais, que supoñan, en todo caso, un incremento do emprego fixo de modo que superen a media aritmética do cadro de persoal fixo da empresa en Galicia no período comprendido entre outubro de 2001 a setembro de 2002, ámbolos dous inclusive.

Para os efectos do establecido no parágrafo anterior, no cómputo do cadro de persoal fixo non se terán en conta as baixas que se producisen por propia

vontade do traballador, ou por morte, xubilación, incapacidade permanente, total ou absoluta ou grande invalidez, legalmente recoñecidas.

5. Así mesmo, tódalas contratacións indefinidas iniciais, deberán supoñer ademais incremento neto de emprego de modo que superen a media aritmética da totalidade do cadro de persoal da empresa en Galicia no período de referencia, agás que se realicen con traballadores que pertenzan a algún dos seguintes colectivos desfavorecidos:

a) Persoas con discapacidade.

b) Menores de 25 anos, cun tempo en desemprego igual ou superior a seis meses e titulados universitarios de 25 a 29 anos que non tiveran antes un primeiro emprego fixo remunerado.

c) Maiores de 45 anos que non teñan estudios de segundo ciclo de ensinanza secundaria ou dun nivel equivalente.

d) Desempregados de calquera idade, cun tempo en desemprego igual ou superior a doce meses.

e) Perceptores da renda de integración social de Galicia, ou membros da súa unidade familiar en desemprego.

f) Persoas que participen ou participaran en procesos de rehabilitación de drogodependentes debidamente acreditados ou autorizados.

g) Penados ou exreclusos que non tiveran antes un primeiro emprego fixo remunerado tras dun período de privación de liberdade.

h) Mulleres procedentes de casas de acollida que presenten problemas adicionais de inserción e reinserción laboral.

i) Mozos que estean ou estiveran ata a súa maioría de idade, baixo tutela ou garda da Administración autonómica.

j) Inmigrantes e persoas que formen parte de familias, grupos, colectivos ou minorías dos que as características poidan condiciona-las súas posibilidades de integración social.

Capítulo II

Competencia e procedemento

Artigo 7º.-Competencia.

A competencia para coñecer e resolve-las solicitudes de axudas e subvencións presentadas ó abeiro desta orde, por delegación da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, corresponderalles:

1. Ós delegados provinciais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, cando tódalas contratacións con orixe no plan empresarial de incremento da estabilidade laboral se realicen para prestar servicios en centros de traballo radicados na respectiva provincia, agás no suposto previsto no epígrafe b) do punto seguinte.

2. Ó director xeral de Promoción do Emprego, nos seguintes supostos:

a) Cando as contratacións derivadas do dito plan se realicen para prestar servicios en centros de traballo radicados en varias provincias da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Cando os ditos plans prevexan a contratación indefinida de 15 ou máis traballadores no ámbito territorial de Galicia.

Artigo 8º.-Solicitudes e prazo.

1. As solicitudes de axudas dirixiranse ó órgano competente e presentaranse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo para a presentación de solicitudes finalizará o 30 de setembro de 2003.

Artigo 9º.-Documentación.

As solicitudes deberán presentarse nos modelos normalizados que figuran como anexos númericos desta orde e deberán ir, por duplicado exemplar, un deles orixinal ou fotocopia compulsada, xunto coa seguinte documentación:

1. Se o solicitante é persoa física, DNI e acreditación do NIF, e se é persoa xurídica, DNI e poder suficiente do representante para actuar en nome da entidade e CIF da empresa.

2. Plan de incremento da estabilidade laboral do cadro de persoal da totalidade dos centros de traballo da empresa en Galicia, no modelo normalizado (anexo III).

3. Declaración do cadro de persoal de tódolos centros de traballo da empresa en Galicia no período de referencia, no modelo normalizado (anexo IV-A ou anexo IV-B).

Se é o caso, documentos acreditativos das baixas previstas no artigo 6º.4 desta orde.

4. Relación nominal dos traballadores contratados polos que se solicita subvención ata, cando menos, o 30 de xuño de 2003 (anexo V), e a seguinte documentación:

a) DNI dos traballadores contratados.

b) No caso de contratacións iniciais, documentos acreditativos dos períodos de inscrición como demandantes de emprego na oficina pública de emprego, así como do tempo de permanencia como desempregado segundo os datos do informe da vida laboral na Tesourería Xeral de Seguridade Social, copias dos contratos de traballo e altas na Seguridade Social.

Para o caso de que se trate dalgún dos colectivos relacionados no artigo 6º.5, documentos acreditativos das circunstancias que determinen a súa pertenza ó correspondente colectivo.

c) No caso de transformacións, o contrato temporal do que trae causa e as súas posibles prórrogas, así como a comunicación da conversión do contrato temporal en indefinido á oficina pública de emprego e a comunicación de variación de datos á Seguridade Social.

5. Declaración comprensiva do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas, ou concedidas, para o mesmo proxecto, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos, ou, de se-lo caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións (anexo VI).

6. Declaración da estructura da empresa e do emprego (anexo VII).

7. Ficha de transferencia bancaria e certificación da entidade financeira acreditativa de que o solicitante é titular da conta (anexo VIII).

8. Se é o caso, autorización para obte-la información tributaria nos termos que se establece no artigo 13º.1 f (anexo IX).

Artigo 10º.-Emenda da solicitude.

Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se xunta a documentación esixida, as unidades administrativas encargadas da tramitación do expediente requirirán do interesado que, nun prazo de 10 días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se considerará desistido da súa petición de conformidade co preceptuado no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, dictándose resolución para o efecto.

Artigo 11º.-Resolución e recursos.

1. Logo da fiscalización polas correspondentes intervencións, as resolucións serán dictadas polo órgano correspondente e deberán serlles notificadas ós interesados. As resolucións, de concesións ou denegatorias, deberán ser sempre motivadas.

2. O prazo para resolver será de tres meses, que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o devandito prazo sen que se dictase resolución expresa, poderá entenderse desestimada a solicitude, de acordo co establecido no artigo 1 e 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa de Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As resolucións que se dicten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdicción contencioso-administrativa. Ademais poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o

mesmo órgano que dictou a resolución impugnada, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 12º.-Criterios de valoración.

Para a valoración da contía das subvencións terase en conta o tamaño das empresas a súa localización en zonas especialmente desfavorecidas, así como a contratación de mulleres, de menores de 30 anos sen experiencia laboral anterior, ou dos colectivos relacionados no artigo 6º.5.

Artigo 13º.-Xustificación do pagamento.

1. De non achegarse con anterioridade, o pagamento das axudas ou subvencións quedará condicionado á presentación, por duplicado exemplar, un deles orixinal ou copia compulsada, no prazo, nos termos e na forma que se estableza na resolución de concesión, da documentación que se esixa de forma expresa nela, entre a que deberá figura-la seguinte:

a) Relación nominal da totalidade dos traballadores contratados como consecuencia da execución do plan de estabilidade e, agás a que se presentara xunto coa solicitude, a seguinte documentación referente a cada un deles:

* DNI dos traballadores contratados.

* No caso de contratacións iniciais, documentos acreditativos dos períodos de inscrición como demandantes de emprego na oficina pública de emprego, así como do tempo de permanencia no paro segundo os datos do informe da vida laboral na Tesourería Xeral de Seguridade Social, copias dos contratos de traballo e altas na Seguridade Social.

Para o caso de que se trate dalgún dos colectivos relacionados no artigo 6º.5, documentos acreditativos das circunstancias que determinen a súa pertenza ó correspondente colectivo.

* No caso de transformacións, o contrato temporal do que trae causa e as súas posibles prórrogas, así como a comunicación da conversión do contrato temporal en indefinido á oficina pública de emprego e a comunicación de variación de datos á Seguridade Social.

b) Documentos TC2 correspondentes ás mensualidades que se indiquen na resolución de concesión, ou, se é o caso, certificación da Tesourería Xeral da Seguridade Social na que conste o número de traballadores con contrato indefinido, o dos traballadores con contrato de interinidade e dos demais traballadores con contratos temporais en cada unha das ditas mensualidades no conxunto dos centros de traballo da empresa en Galicia.

c) Cando se trate de empresas de nova creación, alta no imposto de actividades económicas, ou se

é o caso, a documentación acreditativa de exención do imposto.

d) Declaración da estructura do cadro de persoal da empresa en Galicia no último mes de execución do plan, con indicación do número de traballadores fixos e temporais no conxunto dos centros de traballo da empresa en Galicia, con expresión da taxa de estabilidade acadada e o incremento que representa respecto do período de referencia.

e) Documentación acreditativa de que se encontran ó día das súas obrigas coa Seguridade Social.

f) Documentación acreditativa de que se encontra ó corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e de que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, agás que o beneficiario achegue á solicitude a debida autorización segundo o modelo do anexo IX para que a devandita información sexa solicitada polo órgano xestor das axudas.

g) Declaración complementaria da establecida no artigo 9º.5 desta orde, do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas coma as pendentes de resolución para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas ou outros entes públicos, ou, de se-lo caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas e subvencións.

2. Agás que na resolución de concesión se estableza outro distinto, os xustificantes para o pagamento deberán presentarse no mes seguinte ó último previsto para a execución do plan de estabilidade da empresa, e, sen prexuízo do anterior, que deberá respectarse en todo caso, o prazo para a presentación dos xustificantes remata con carácter xeral o 30 de setembro de 2003.

3. Non obstante o sinalado nos números anteriores, a documentación esixida na fase de pagamento poderase presentar xunto coa solicitude segundo a opción do interesado.

Capítulo III

Incompatibilidades e obrigas

Artigo 14º.-Incompatibilidades e concorrencia.

1. As empresas que soliciten incentivos á contratación indefinida con orixe en plans empresariais de incremento da estabilidade laboral, durante o período de execución deste, non poderán beneficiarse doutras axudas ou subvencións á contratación indefinida convocados pola Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais,

Non obstante, no caso de contratacións realizadas con persoas con discapacidade poderán acollerse ás bonificacións previstas no programa de axudas á contratación indefinida do dito colectivo.

2. As subvencións previstas nesta orde para as contratacións con orixe en plans empresariais de incremento da estabilidade laboral serán incompa

tibles con outras que, polos mesmos conceptos, poidan outorga-las administracións públicas como medida de fomento de emprego. As ditas axudas son compatibles, se é o caso, con incentivos en forma de bonificacións á Seguridade Social.

3. Os beneficios establecidos á contratación indefinida nesta orde non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, supera-lo 60% do custo salarial anual correspondente ó contrato que se subvenciona.

4. Os incentivos establecidos nesta orde serán compatibles con calquera outra axuda para distinta finalidade da Unión Europea, doutras administracións públicas ou entes públicos ou privados pero, sen que en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras poidan supera-los límites establecidos pola Unión Europea e os que establece o artigo 78.8º do texto refundido a Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 15º.-Obrigas dos beneficiarios.

Son obrigas das empresas beneficiarias:

1. Acreditar, previamente ó cobramento, que se encontran ó corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, e que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. Comunicarlle ó órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión de subvencións, así como dos compromisos e obrigas asumidos polos beneficiarios e, de se-lo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público nacional ou internacional.

3. O sometemento ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea.

4. Manter no seu cadro de persoal fixo os traballadores contratados ó abeiro deste programa durante un período mínimo de 3 anos.

No suposto de extinción da relación laboral do traballador polo que se concedese a subvención, a cobertura do posto por un novo traballador, que deberá reuni-los requisitos do traballador substituído, terá que realizarse dentro do mes seguinte ó da baixa, feito que deberá ser comunicado pola empresa beneficiaria ó órgano competente que concedese a axuda, dentro dos 20 días seguintes á substitución. Esta nova contratación en ningún caso dará lugar a unha nova axuda de fomento da contratación indefinida.

Esta obriga manterase durante tres anos desde a data de realización do contrato indefinido obxecto de subvención.

E cando se trate de empregos ligados a un investimento, deberán mante-los postos de traballo durante un período mínimo de cinco anos.

5. Non modifica-la composición da estructura do cadro de persoal da empresa en Galicia, no seu cómputo anual, nunha diminución substantiva da taxa de estabilidade acadada, nin minora-la media anual de traballadores fixos, durante, polo menos, 3 anos desde o último mes de execución do plan.

Para estes efectos, entenderase que se produce unha minoración substantiva da taxa de estabilidade cando concorra algún dos seguintes supostos:

a) Cando se reduza o incremento mínimo de 7 puntos respecto da taxa do período de referencia.

b) Cando a taxa se sitúe nun nivel inferior ó 65%, ou á prevista no convenio colectivo sectorial de aplicación.

c) Cando a taxa se sitúe no tramo inferior ó que se tivo en conta para a determinación da contía dos incentivos, agás que se produza de xeito ocasional nunha anualidade e non implique unha diminución superior a 5 puntos da taxa inferior á do tramo correspondente.

6. Co fin de garanti-lo cumprimento do anterior, as empresas beneficiarias deberán presentar no último trimestre de cada ano e durante os tres anos seguintes ó de execución do plan, unha declaración da media de traballadores fixos e temporais no conxunto dos centros de traballo en Galicia nun período de 12 meses contados desde o último mes de execución do plan, así como o TC2 correspondente ó mes equivalente ó último mes de execución do plan.

Artigo 16º.-Modificacións da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e eventualmente a súa revogación.

Artigo 17º.-Revogación.

Procederá a revogación das subvencións e axudas, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a esixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior, enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 18º.-Seguimento e control.

As delegacións provinciais e a Dirección Xeral de Promoción do Emprego poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos os beneficiarios deberán cumpri-las obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

Disposicións adicionais

Primeira.-Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, levará a cabo funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos programas.

Para realiza-las ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean a disposición da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, para comproba-lo cumprimento dos requisitos esixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Segunda.-A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións esixidas nesta orde.

Terceira.-Ó abeiro desta orde só poderán ser obxecto de subvención as contratacións indefinidas, iniciais ou por transformación de contratos temporais, realizadas entre o 1 de outubro de 2002 e o 30 de setembro de 2003 con orixe en plans empresariais de incremento da estabilidade laboral que ó 30 de setembro de 2003 acaden os niveis de estabilidade esixidos nesta orde.

Non obstante o anterior, no suposto de plans empresariais de incremento da estabilidade laboral, en niveis superiores ós mínimos previstos nesta orde, que prevexan un prazo de execución posterior ó 30 de setembro de 2003, as contratacións indefinidas realizadas despois da dita data poderán ser obxecto de subvención ó abeiro das ordes de convocatoria do exercicio orzamentario seguinte, sempre que se dea continuidade ó programa no marco das políticas activas de emprego.

Cuarta.-Poderán acollerse ós incentivos previstos nesta orde as empresas cunha taxa de estabilidade superior ó 93% no período de referencia, que prevexan a través do plan un incremento do cadro de persoal que implique acadar ou manter unha taxa de estabilidade do 100%, sempre que reúnan os demais requisitos e condicións establecidos nas bases reguladoras e na convocatoria do programa.

Quinta.-Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, nos delegados/as provinciais, no ámbito das súas respectivas provincias, e no director xeral de Promoción do Emprego, para resolve-la concesión

ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autoriza-los gastos, recoñece-las obrigas e insta-la autorización dos correspondentes pagamentos.

Sexta.-Para o caso de que se soliciten os incentivos previstos nesta orde pola transformación en indefinido dun contrato en prácticas que fose obxecto de subvención ó abeiro das convocatorias dos programas de fomento da contratación en prácticas e para a innovación tecnolóxica, e a conversión se produza con anterioridade a súa duración mínima inicial de 12 meses, compensarase a parte da subvención concedida correspondente ó período non esgotado reducindo na mesma contía o incentivo pola transformación do contrato en indefinido.

Sétima.-No caso das empresas que presentasen o seu último plan de incremento de estabilidade laboral no ano 2001 ó abeiro da Orde do 27 de abril de 2001, para determina-lo incremento da taxa de estabilidade e do emprego a que se refiren os artigos 5º e concordantes desta orde, serán as do período comprendido nos meses de outubro de 2001 e setembro de 2002. Non obstante as medias deste período non poderán ser inferiores ós resultados acadados coa execución do plan do ano 2001.

Oitava.-No exercicio 2003, as axudas recollidas nesta orde, entre outras, financiaranse con cargo ós créditos que figuran nas aplicacións orzamentarias: 16.04.241A.470.2 cun crédito de 13.978.892 euros, 16.04.241A.470.3 cun crédito de 1.500.000 euros, 16.04.241B.475.0.105 cun crédito de 758.113 euros, 16.04.241B.475.0.106 cun crédito de 5.234.819 euros e 16.04.241B.475.1 cun crédito de 14.867.909 euros. As ditas contías constitúen o importe global das aplicacións para o financiamento desta orde, da orde que regula os incentivos á contratación dirixidos a favorece-la conciliación da vida laboral e familiar, da orde que regula os programas de fomento do emprego en empresas de economía social, para a promoción do emprego autónomo e para a integración laboral das persoas con discapacidade, da orde reguladora dos incentivos ás iniciativas de emprego e das demais ordes que establezan as bases das medidas de fomento do emprego, incentivos á contratación por conta allea e actuacións de apoio

a emprendedores, autoemprego e economía social, incluídas nos programas orzamentarios 241A e 241B.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Promoción do Emprego para que dicte, no ámbito das súas competencias, as resolucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2003.

Mª José Cimadevila Cea

Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego

e Relacións Laborais