Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Venres, 08 de agosto de 2003 Páx. 10.402

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 14 de xullo de 2003 pola que se declara de interese galego a Fundación Otero Pedrayo e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Visto o expediente de recoñecemento de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Otero Pedrayo, con domicilio en Trasalba-Amoeiro (Ourense).

Supostos de feito:

Primeiro.-A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Ourense, o día 22 de decembro de 1977, ante o notario do Ilustre Colexio da Coruña, Luis Moure Mariño, co número seis mil oitocentos noventa e dous do seu protocolo, por Domingo García-Sabell, Francisco Ogando Vázquez, Severino Pérez Pérez e Agustín Sixto Seco. Por orde do Ministerio de Educación do 19 de xullo de 1979 recoñécese como cultural privada e inscríbese no rexistro correspondente.

Segundo.-O 14 de xuño de 1988 solicitouse por parte de Agustín Sixto Seco a transferencia da Fundación Otero Pedrayo do Ministerio de Cultura á Xunta de Galicia para a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego. Con data do 17 de outubro de 1988 transfírese á Xunta de Galicia a documentación da Fundación Otero Pedrayo e con data do 8 de abril de 2003 o padroado aproba a adaptación dos seus estatutos á Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, e ó Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego. Este acordo elevouse a escritura pública outorgada o día 24 de xuño de 2003 ante o notario do Ilustre Colexio Notarial de Galicia Ernesto Alonso Rivero, co número mil catrocentos vintetrés do seu protocolo.

Terceiro.-Segundo consta no artigo 6 dos estatutos a fundación ten por obxecto:

1. Fomentar, soster e difundi-lo interese e reflexión sobre a importancia e transcendencia temporal da memoria de Otero Pedrayo e promove-lo estudio e divulgación da súa vida e obra.

2. Conservar como Museo e Biblioteca a Casa que Ramón herdou dos seus maiores no lugar de Cima de Vila, na parroquia de Trasalba, concello de Amoeiro, á que estivo vencellada sempre a súa vida e na que escribiu grande parte da súa obra.

3. Manter no mellor estado esta Casa-Museo, os seus xardíns e os demais edificios e lugares adxacentes, tanto no concernente á súa conservación material como á súa disposición para ser visitada por cantos desexen coñecer o que foi centro espiritual da Galicia oteriana e que xa forma parte do patrimonio cultural do pobo galego.

4. Procurar que o labor iniciado por Otero Pedrayo no estudio, reflexión e interpretación do territorio nos espacios rurais e urbanos de Galicia, na interpretación sobre a súa identidade histórica, e no eido da creación literaria, reciba estímulos para a súa prosecución axeitada. Para tal fin, a fundación artellará os instrumentos e medios materiais e intelectuais necesarios para o desenvolvemento dun Centro de Estudios Oterianos que atenda á prosecución dos seus labores de impulsor de ciencias sociais e creación literaria, que formando parte da fundación, será administrado por esta, e que se regulará por un regulamento interno da fundación que, en ningún caso, poderá contradici-los presentes estatutos e a lexislación vixente.

5. Coidar da tumba de Otero Pedrayo e da súa dona, sitas no cemiterio de San Francisco de Ourense.

6. Celebrar, cos actos que se acorden, as datas conmemorativas de Otero e organiza-la misa votiva e a festa anual na súa memoria na data que se acorde.

7. Organiza-la concesión dun premio anual Trasalba en recoñecemento á vida e obra de persoeiros galegos vivos que se distinguisen nos campos da investigación, creación, ou calquera outro nas liñas vitais trazadas por Ramón Otero Pedrayo, en canto á ética, ás disciplinas humanísticas ou científicas e ó compromiso coa terra.

Cuarto.-Na escritura pública pola que se constitúe a fundación constan, entre outros, os seguintes puntos: acreditación da personalidade dos fundadores, dotación inicial da fundación, estatutos nos que consta a denominación da fundación como Fundación Otero Pedrayo, capacidade xurídica, composición do órgano de goberno, réxime de adopción de acordos, domicilio e obxecto.

O padroado da fundación está composto polas persoas que se sinalan no artigo 14 dos estatutos.

Quinto.-En cumprimento do establecido no artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, con data do 11 de xullo de 2003, a Asesoría Xurídica Delegada da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo emite informe favorable sobre a legalidade da declaración de interese galego da Fundación Otero Pedrayo.

Fundamentos de dereito:

Primeiro.-O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime de fundacións de interese galego.

Segundo.-Conforme o artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, así como ós artigos 1 e 4 do Decreto 8/1998, do 8 de xaneiro, polo que se desenvolve a estructura orgánica da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo é competencia desta consellería a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Otero Pedrayo, dado o seu obxecto, coincidente coas competencias desenvolvidas pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, asumindo as funcións que en canto a protectorado lle corresponden á Xunta de Galicia.

Terceiro.-Ó abeiro do disposto no artigo 7.5º da Lei 7/1983, do 22 de xuño, á realización da finalidade fundacional débense destinar, cando menos, o oitenta por cento das rendas que obteña a fundación e dos outros ingresos que non formen parte da dotación dela.

Cuarto.-A Lei 11/1991, do 8 de novembro, dá nova redacción ó artigo 21.2º da Lei 7/1983, do 22 de xuño, establecendo a obriga de, por unha parte, formular e presenta-lo orzamento de ingresos e gastos ó protectorado con anterioridade ó inicio do exercicio económico e, por outra, efectuar un inventario-balance, pechado na data de finalización do exercicio,

unha memoria das actividades realizadas ó longo do ano e da xestión económica do seu patrimonio, así como a liquidación do orzamento de ingresos e gastos do ano anterior, que deberán presentarse ó protectorado no prazo de seis meses desde a data de peche do exercicio.

Este conxunto de obrigas débense entender asumidas pola fundación, aínda que non se recollan expresamente nos seus estatutos.

Quinto.-Á vista do exposto pódense entender substancialmente cumpridos os requisitos legais e regulamentarios para a declaración de interese galego e a súa inscrición no Rexistro de Fundacións da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo segundo se desprende dos artigos 5, 6, 7, 8, 11.1º e 18 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, en relación cos artigos 2, 3, 4, 5 e 33 do Decreto 248/1992, do 18 de xuño.

Vistas as seguintes normas xurídicas: Constitución española; Estatuto de autonomía para Galicia; Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada por Lei 11/1988, do 20 de outubro; Lei 50/2002, do 26 de decembro, de fundacións; Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ó mecenado; Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada por Lei 11/1991, do 8 de novembro; Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego; Decreto 8/1998, do 8 de xaneiro, polo que se desenvolve a estructura orgánica da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo; Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada por Lei 4/1999, do 13 de xaneiro; e demais normativa de pertinente e xeral

aplicación,

DISPOÑO:

Primeiro.-Recoñecer e declarar de interese galego a Fundación Otero Pedrayo.

Segundo.-Ordena-la súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Terceiro.-Aproba-los seus estatutos e a composición do seu órgano de goberno.

Cuarto.-A dita fundación queda sometida ó disposto na normativa de xeral aplicación, en especial á obriga de dar publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios, quedando obrigada a render contas anualmente ó protectorado e a xustificar, a través dunha memoria anual, o cumprimento das cargas fundacionais, así como a presenta-lo proxecto de orzamento antes do último mes do exercicio económico anterior a aquel para o que se formula, debendo solicita-las preceptivas autorizacións do protectorado cando sexan necesarias.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición ante este mesmo órgano, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da súa publicación, ou recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da publicación. Non se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se producise a desestimación presunta do recurso de reposición.

A presente orde entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2003.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo