Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Venres, 08 de agosto de 2003 Páx. 10.393

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 343/2003, do 11 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia.

A suxeición da Administración pública á lei constitúe unha das bases do Estado social e democrático de dereito, de acordo co establecido polos artigos 1 e 103 da Constitución española. A Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, e dentro dela, os seus letrados, teñen atribuída en exclusiva unha dobre función, de asesoramento xurídico da Administración e de defensa en xuízo desta. Esta dobre función ten como finalidade asegura-lo sometemento da actuación administrativa á legalidade e a defensa dos intereses da propia Comunidade Autónoma, o que redunda, en último termo, en favor do cidadán, ó que beneficia o sometemento do actuar administrativo á legalidade e a defensa dos intereses públicos, económicos ou doutra natureza.

A regulación regulamentaria actual na materia está contida no Decreto 370/1992, do 3 de decembro, polo que se aproba o Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia. Desde o momento da aprobación deste decreto sucederon feitos moi relevantes que fan necesaria a súa modificación.

Hai que ter en conta, en primeiro lugar, a entrada en vigor da nova Lei da xurisdicción contencioso-administrativa que esixe da Administración pública un novo esforzo de organización para defender adecuadamente os intereses públicos. Por outro lado, tamén se dictou a Lei de asistencia xurídica ó Estado e ás entidades públicas, norma básica estatal que afecta a aspectos fundamentais da defensa e representación en xuízo da Administración. Igualmente é necesario abordar, nesta regulación regulamentaria, a cuestión da adecuada defensa e a asistencia unificada á pléiade de entidades instrumentais que forman parte da Administración pública, optándose, da maneira en que o fai a lexislación estatal, polo sistema de convenios para as fundacións e as sociedades públicas.

Ó fío destas consideracións resulta tamén fundamental abordar aspectos organizativos da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia que lle permita dar resposta adecuada ós novos retos que se presentan, así como establecer dunha forma máis integrada a regulación dos servicios xurídicos da Xunta de Galicia.

Entre estes aspectos organizativos resulta imprescindible dota-lo funcionamento da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia da suficiente flexibilidade para

que os letrados da Xunta estean en condicións de realizaren con eficacia e optimización de recursos as tarefas de asesoramento e defensa xurídica. Desde esta óptica, regúlanse as competencias e o réxime de funcionamento de cada unha das unidades centrais e periféricas da Asesoría Xurídica, así como a Asesoría Xurídica do Sergas que se integra funcionalmente na Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia. Tamén é necesario regula-lo complemento de productividade dos letrados, con algunhas especialidades respecto á normativa xeral, e o modo de acceso á escala de letrados que seguirá baseándose nun sistema de oposición libre.

Consciente, por iso, o Goberno da Comunidade Autónoma de Galicia, da importancia do bo funcionamento dos servicios xurídicos, desexa potencialos, en ámbalas vertentes, consultiva e contenciosa a través da aprobación deste regulamento orgánico.

En virtude de todo o exposto e por proposta do conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día once de xullo de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo único.-Apróbase o Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, recollido como anexo a este decreto.

Disposición transitoria

Ata que transcorran seis meses desde a entrada en vigor deste regulamento, os letrados da Xunta de Galicia prestarán asistencia xurídica ós entes públicos, ás sociedades públicas, ás fundacións e a calquera entidade con participación da Xunta de Galicia de conformidade co disposto na normativa anterior e, especialmente, no Decreto 370/1992, do 3 de decembro, polo que se aproba o Regulamento da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó disposto neste regulamento, e en especial o Decreto 370/1992, do 3 de decembro, polo que se aproba o Regulamento da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia, modificado polo Decreto 149/1994, do 2 de xuño.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Desenvolvemento e execución.

Facúltase o conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e a execución deste decreto.

Segunda.-Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor ós vinte días da súa completa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, once de xullo de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais

e Administración Pública

Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia

Capítulo I

A Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia

Artigo 1º.-A asistencia xurídica.

1. A asistencia xurídica da Administración da Comunidade Autónoma galega correspóndelles ós letrados da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, nos termos deste regulamento e de conformidade coa Lei 7/1984, do Parlamento de Galicia e do artigo 447 da Lei orgánica do poder xudicial.

2. A función de asistencia xurídica consiste no asesoramento en dereito e a representación e defensa en xuízo en todo tipo de procesos xudiciais, así como ante órganos administrativos e en procedementos arbitrais. Esta asistencia prestaráselle á Administración xeral da Comunidade Autónoma, ós seus organismos autónomos, así como ós órganos estatutarios, sempre e cando as súas disposicións reguladoras non dispoñan o contrario.

3. Mediante a formalización do oportuno convenio de natureza xurídico-pública, poderase prestar asistencia xurídica ós entes, sociedades e fundacións públicas e ós consorcios e calquera entidade con participación significativa da Xunta de Galicia, de conformidade co disposto nos ditos convenios e neste regulamento. Os convenios que se establezan determinarán a compensación económica que se aboará como contraprestación, e que poderá xerar crédito nos servicios correspondentes da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, de conformidade co disposto na lexislación orzamentaria.

4. Así mesmo, poderase asistir e defender a funcionarios, autoridades ou persoal ó servicio da Xunta de Galicia ou entes dependentes ou vinculados a ela, nos termos previstos no capítulo VI deste regulamento.

Artigo 2º.-Os letrados da Asesoría Xurídica.

1. Integran a Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia os funcionarios do corpo superior da Administración da Xunta de Galicia da escala de letrados creada polo artigo 16 da Lei 15/91, do 28 de decembro, coa denominación de letrados da Xunta de Galicia.

2. Correspóndenlles ós letrados da Xunta de Galicia os dereitos, deberes e prerrogativas establecidos pola lexislación vixente para o asesoramento xurídico e a representación e defensa en xuízo da Administración da Comunidade Autónoma.

3. Polo feito do seu nomeamento e toma de posesión, os letrados da Xunta quedan habilitados, tanto na Administración como ante os xulgados e tribunais de calquera orde xurisdiccional, para o exercicio das súas funcións.

Artigo 3º.-Dirección Xeral da Asesoría Xurídica.

1. Á Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, con rango de dirección xeral, dependente do presidente, correspóndelle a dirección, coordinación e inspección das funcións de asistencia xurídica, tanto contenciosa como consultiva, encomendadas ós letrados da Xunta de Galicia.

2. O director xeral da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia designarase entre letrados da Xunta de Galicia, funcionarios pertencentes a calquera corpo superior da Administración pública que teñan encomendadas expresamente funcións de asesoramento xurídico e/ou defensa e representación da Administración en xuízo, así como entre xuristas de recoñecido prestixio con máis de dez anos de exercicio profesional.

3. O director xeral da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia poderá reservar para si o coñecemento de calquera asunto, consultivo ou contencioso, así como dispo-la actuación conxunta ou individual de letrados con especiais coñecementos, calquera que sexa a unidade á que estiver atribuído o asunto.

4. En caso de ausencia, vacante ou enfermidade do director xeral, este será substituído polo xefe do gabinete central que designe o propio director xeral ou, no seu defecto, polo máis antigo no cargo.

Artigo 4º.-Unidade de criterio.

1. Correspóndelle á Dirección Xeral da Asesoría Xurídica garanti-lo principio de unidade de criterio no exercicio das funcións de asistencia xurídica.

2. Para estes efectos, correspóndelle a este centro directivo:

a) Fixa-los criterios xerais de interpretación xurídica do ordenamento, co fin de homoxeneiza-la actuación dos órganos da Administración autonómica.

b) Impartir ós letrados as ordes e instruccións convenientes ó servicio e ó exercicio das súas funcións.

3. Cando a asistencia xurídica ás entidades públicas e fundacións a que se refire o artigo 1º deste regulamento non a presten os letrados da Xunta de Galicia, os servicios xurídicos destas entidades deberán respecta-las directrices e criterios de interpretación emanados da Dirección Xeral da Asesoría Xurídica.

Artigo 5º.-Contratos de asesoramento externo.

1. Con carácter previo á preparación de contratos que teñan por obxecto o asesoramento xurídico externo, o órgano propoñente comunicarallo á Dirección Xeral da Asesoría Xurídica, que poderá emitir informe no prazo de cinco días hábiles. Nos casos en que por razón da contía ou doutras circunstancias non sexa necesaria a tramitación dun expediente nin a formalización do contrato, a comunicación á dirección xeral deberá formularse coa antelación necesaria para que poida emiti-lo referido informe, antes de que se resolva a adxudicación do contrato.

2. Para estes efectos entenderase por asesoramento xurídico externo os servicios de tal carácter prestados por empresas consultoras ou avogados en exercicio, en favor da Comunidade Autónoma, os seus organismos autónomos ou entidades de dereito público daquela dependentes.

Artigo 6º.-Colaboración coa Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia.

1. Os órganos e departamentos da Comunidade Autónoma prestarán a colaboración requirida pola Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia para o mellor asesoramento e defensa dos intereses da Administración.

2. A falta de resposta ou a tardanza inxustificada en facilita-la dita colaboración que impida ou dificulte o asesoramento ou a adecuada defensa da Administración en xuízo poderá ser posta en coñecemento, pola Dirección Xeral da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, do órgano competente da consellería afectada, para os efectos que procedan.

Capítulo II

Organización da Asesoría Xurídica da Xunta

de Galicia

Artigo 7º

Para o desempeño das funcións de asesoramento e defensa a que se refiren os artigos anteriores, a Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia estructúrase en gabinetes centrais, gabinetes territoriais e asesorías xurídicas das consellerías e dos demais organismos.

Artigo 8º.-Gabinetes centrais.

1. Son gabinetes centrais da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, con nivel orgánico de subdirección xeral, os seguintes:

a) Gabinete de Asuntos Constitucionais e Defensa Xurisdiccional.

b) Gabinete de Asesoramento e Apoio á Actualización Normativa.

c) Gabinete de Desenvolvemento Lexislativo.

d) Gabinete de Estudios e Dereito Comunitario.

2. Así mesmo, dependerá funcional e xerarquicamente da Dirección Xeral da Asesoría Xurídica

da Xunta de Galicia, a Asesoría Xurídica do Sergas, con nivel orgánico de subdirección xeral sen prexuízo da súa adscrición orgánica á Secretaría Xeral do Sergas.

Artigo 9º.-Do Gabinete de Asuntos Constitucionais e Defensa Xurisdiccional.

1. O Gabinete de Asuntos Constitucionais e Defensa Xurisdiccional desempeñará as seguintes funcións:

a) O asesoramento á Administración da Comunidade Autónoma, ós seus entes institucionais ou empresas propias para a defensa e o exercicio de accións xurisdiccionais.

b) A defensa e a representación en xuízo da Administración da Comunidade Autónoma, os seus entes institucionais ou empresas propias ante calquera xurisdicción ou órgano xurisdiccional así como ante órganos administrativos e en procedementos arbitrais.

c) O asesoramento xurídico constitucional e a defensa da Administración autonómica nos procedementos regulados na Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional.

d) Asumi-la representación e a defensa da Comunidade Autónoma de Galicia ante os tribunais, órganos e organismos internacionais ou supranacionais en que esta sexa parte en calquera procedemento xurisdiccional, arbitral ou paraxudicial e de conformidade co previsto na normativa aplicable.

2. O xefe do gabinete terá a inmediata dirección, impulso, coordinación e inspección dos servicios xurídicos contenciosos prestados polos gabinetes territoriais.

3. No Gabinete de Asuntos Constitucionais e Defensa Xurisdiccional funcionará unha Secretaría de Asuntos Xerais á que corresponderán os asuntos de persoal da dirección xeral, rexistro xeral, arquivo, biblioteca e todo o concernente ó réxime interior do centro directivo, baixo a directa supervisión do director xeral.

Artigo 10º.-Do Gabinete de Asesoramento e Apoio á Actualización Normativa.

1. O Gabinete de Asesoramento e Apoio á Actualización Normativa terá encomendadas as funcións que correspondan ó centro directivo respecto de:

a) Emisión de dictames ou informes en dereito sobre aqueles asuntos que lle sexan encomendados pola súa especial relevancia ou por afecta-las competencias de máis dunha consellería ou organismo.

b) Velar pola efectividade do principio de unidade de doutrina no ámbito consultivo, formulando criterios xerais de asesoramento xurídico.

c) Prestar apoio técnico á reforma administrativa e á refundición normativa, elaborando os correspondentes anteproxectos de textos refundidos.

Artigo 11º.-Do Gabinete de Desenvolvemento Lexislativo.

O Gabinete de Desenvolvemento Lexislativo de-

sempeñará as seguintes funcións:

a) O estudio, informe e, se é o caso, preparación dos anteproxectos de lei por instancia das autoridades interesadas e sen prexuízo da competencia doutros órganos. Para estes efectos a Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia poderá ser requirida para un estudio conxunto cos órganos, comisións e autoridades que se designen.

b) O estudio e informe dos proxectos de regulamentos executivos con exame da súa adecuación ó ordenamento constitucional, estatutario e legal. O estudio e informe das demais disposicións de carácter xeral corresponderá ás asesorías xurídicas de cada consellería, agás que o director xeral-xefe da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia decida asumi-las ditas funcións ou encomendarllas ó Gabinete de Desenvolvemento Lexislativo.

c) A indicación de carencias normativas, co carácter de informe-proposta sinalando as eventuais deficiencias e os problemas de interpretación que xurdan como consecuencia da aplicación das normas.

d) O informe dos proxectos de textos refundidos.

Artigo 12º.-Do Gabinete de Estudios e de Dereito Comunitario.

Ó Gabinete de Estudios e de Dereito Comunitario correspóndelle:

a) O asesoramento xurídico en materia de dereito comunitario europeo e dereito internacional.

b) A realización de estudios de dereito comunitario.

c) A confección e a conservación de arquivos e ficheiros de doutrina, lexislación e xurisprudencia.

d) A promoción de traballos de investigación e organización de actividades que teñan por obxecto a formación e perfeccionamento dos letrados da Xunta de Galicia e a difusión de materias relativas ó dereito comunitario, nacional ou autonómico.

e) O informe en dereito ou, se é o caso, a elaboración dos anteproxectos e proxectos de disposicións cando afecten ou poidan afecta-la Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, a súa organización, funcionamento e réxime de actuacións.

Artigo 13º.-Das asesorías xurídicas das consellerías.

1. En cada unha das consellerías da Comunidade Autónoma existirá unha asesoría xurídica, con nivel orgánico de subdirección xeral, que dependerá funcional e xerarquicamente da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia e estará adscrita organicamente á secretaría xeral de cada consellería. Así mesmo, co rango de subdirección xeral, existirá unha asesoría xurídica nos demais organismos nos que así

se dispoña nas normas polas que se aproba a súa estructura orgánica.

2. As asesorías xurídicas das consellerías prestarán as funcións de asesoramento en dereito no seu respectivo ámbito competencial. Para estes efectos correspóndelles:

a) Emitir informes e dictames sobre consultas solicitadas polo órgano competente.

b) Emitir informe sobre a suficiencia dos poderes e demais documentos xustificativos da personalidade ou representación que teñan que producir efectos ante a Administración autonómica, levando un rexistro para o efecto.

c) Coidar de que se lles faciliten ós letrados encargados da defensa xurisdiccional tódolos antecedentes que constan na consellería ou organismo respectivo, relacionados co asunto.

d) Asistir ás mesas de contratación e ás sesións dos órganos colexiados cando así o estableza a normativa aplicable.

e) Participar, por pedimento do órgano competente, na redacción de textos normativos da consellería ou organismo.

f) Emitir informe sobre os pregos de cláusulas administrativas dos contratos, nos termos previstos na lexislación de contratos das administracións públicas.

Artigo 14º.-Dos gabinetes territoriais.

1. Nas provincias da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra existirán gabinetes territoriais, á fronte dos cales estará un letrado-xefe.

2. Os letrados adscritos a cada gabinete territorial dependen funcional e xerarquicamente da Dirección Xeral da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia e organicamente da respectiva delegación provincial da consellería competente en materia de presidencia e administración pública.

3. Correspóndelles ós gabinetes territoriais, no seu respectivo ámbito territorial, o asesoramento xurídico e a representación e defensa en xuízo dos órganos da Administración autonómica, dos organismos autónomos e das demais entidades, así como dos demais entes públicos e entidades ás que se refire o artigo 1º.3 deste regulamento, sempre que concorran os requisitos que no dito precepto se establecen. En particular, corresponderalles emitir informe sobre a suficiencia dos poderes e demais documentos xustificativos da personalidade ou da representación que teñan que producir efectos ante os respectivos órganos territoriais da Administración autonómica e dos seus organismos autónomos, levando un rexistro para o efecto.

Artigo 15º.-Persoal de apoio e medios.

1. O persoal de apoio da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia ten como misión asegura-lo correcto funcionamento da asesoría xurídica en relación

con aqueles cometidos que non estean atribuídos ós letrados.

2. O persoal de apoio das distintas unidades da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia determinarase nas correspondentes relacións de postos de traballo e integrarase organicamente nas secretarías xerais correspondentes, dependendo xerárquica e funcionalmente dos responsables de tales unidades.

3. Calquera modificación normativa ou orgánica que afecte o persoal de apoio da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia requirirá informe da dirección xeral do dito centro directivo.

Capítulo III

Da Asesoría Xurídica do Sergas.

Artigo 16º.-A Asesoría Xurídica do Sergas.

1. A Asesoría Xurídica do Sergas, con dependencia funcional e xerárquica da Dirección Xeral da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia e adscrita, orgánica e administrativamente, á Secretaría Xeral do Sergas, con nivel orgánico de subdirección xeral, asumirá as funcións de asistencia xurídica ó Servicio Galego de Saúde, de acordo coas disposicións deste regulamento.

Artigo 17º.-Estructura.

1. A Asesoría Xurídica do Sergas estructúrase en servicios centrais e gabinetes territoriais, tendo estas unidades atribuídas funcións consultivas e contenciosas.

2. Á fronte dos servicios centrais estará un letrado-xefe.

Artigo 18º.-Funcións contenciosas dos servicios centrais.

1. Os servicios centrais da Asesoría Xurídica do Sergas exercerán, en relación coa defensa en xuízo do Servicio Galego de Saúde, as funcións sinaladas nas letras a), b) e d) do artigo 9º.1.

2. Igualmente asumirán a defensa do Servicio Galego de Saúde nos recursos de amparo regulados na Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional, nos que aquel sexa parte interesada.

3. O letrado-xefe dos servicios centrais da Asesoría Xurídica do Sergas terá a inmediata dirección, impulso, coordinación e inspección dos servicios xurídicos contenciosos prestados polos gabinetes territoriais.

Artigo 19º.-Funcións consultivas dos servicios centrais.

Os servicios centrais exercerán, respecto ó asesoramento xurídico do Servicio Galego de Saúde, as funcións previstas nas letras a) e b) do artigo 10º.1, na letra c) do artigo 12 e nas letras a), b), d) e f) do artigo 13º.2.

Artigo 20º.-Funcións non atribuídas ós servicios centrais.

As funcións non atribuídas ós servicios centrais do Servicio Galego de Saúde dos artigos 17º e 18º serán exercidas polos gabinetes centrais da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia e todo isto sen prexuízo das facultades que lle atribúe este regulamento á Dirección Xeral da Asesoría Xurídica.

Artigo 21º.-Servicios periféricos.

Os gabinetes territoriais do Sergas nas provincias da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra desempeñarán, respecto á defensa e asesoramento do Servicio Galego de Saúde, as funcións que se establecen no artigo 14º.3 deste regulamento.

Artigo 22º.-Réxime xurídico das funcións consultiva e contenciosa.

Tódalas unidades da Asesoría Xurídica do Servicio Galego de Saúde acomodarán a súa actuación en materia de defensa xurídica e asesoramento en xuízo ó previsto nos capítulos IV e V deste regulamento.

Capítulo IV

Funcións de asesoramento xurídico

Artigo 23º.-Ámbito.

A función consultiva exercerase mediante a realización de informes e dictames razoados en dereito, a asistencia a órganos colexiados da Administración e a verificación da suficiencia de documentos nos termos previstos nos artigos seguintes.

Artigo 24º.-Órganos que poden solicitar informes.

1. Os informes serán solicitados polo presidente da Xunta de Galicia, os conselleiros e os secretarios xerais das consellerías. Así mesmo, os directores xerais ou asimilados poderán solicitar informes por conducto do secretario xeral correspondente. No caso dos directores e dos delegados provinciais e territoriais das consellerías poderase solicitar informe ó gabinete territorial competente.

2. Non obstante, cando se trate de informes preceptivos poderán ser solicitados directamente polo órgano ó que corresponda a resolución do expediente.

3. Igualmente poderán solicitar informe á Asesoría Xurídica os presidentes, directores xerais ou órganos que desempeñen funcións equivalentes nos entes públicos e demais entidades a que se refire o artigo 1º.3 deste regulamento ás que legal, regulamentariamente ou mediante o oportuno convenio lles preste asistencia xurídica a Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia.

Artigo 25º.-Solicitude de informes.

1. A petición de informe á Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia concretará o extremo ou extremos acerca dos cales se solicita, citando o precepto normativo que esixa preceptivamente a súa petición ou

emisión, ou fundamentando, noutro caso, a conveniencia de reclamalo.

2. Á petición de informe xuntaraselle unha relación dos antecedentes de feito e a documentación completa que sobre a cuestión formulada consten no respectivo departamento e sexa precisa para a súa emisión. Nos supostos de informe facultativo, á petición xuntaráselle, igualmente, un informe do centro directivo competente, en relación coa cuestión suscitada.

3. Os informes de carácter preceptivo terán que solicitarse unha vez instruídos os expedientes e cumprido, se é o caso, o trámite de audiencia ós interesados, se este for esixible.

4. A Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia poderá devolver ó órgano de procedencia aquelas peticións de informe que non se axusten ó sinalado nos puntos anteriores, indicando os trámites e requisitos omitidos e que deban emendarse.

Artigo 26º.-Prazo.

1. Os informes terán que ser emitidos no prazo de dez días, agás que unha disposición legal ou o resto dos prazos do procedemento permita ou esixa outro prazo maior ou menor. O prazo interromperase cando o letrado solicite ampliación da documentación precisa para a súa emisión, reiniciándose, unha vez recibida aquela.

Artigo 27º.-Carácter dos informes.

1. Os informes ou dictames teñen carácter facultativo e non vinculante, exceptuando os casos nos que a normativa de aplicación lles atribúa outro carácter.

2. Agás que o órgano consultante solicite asesoramento verbal, os informes dos letrados da Xunta serán escritos.

3. Os informes fundamentaranse en dereito e versarán sobre os extremos consultados, sen prexuízo de que poida examinarse calquera outra cuestión derivada do contido da consulta ou da documentación da que vai acompañada.

Artigo 28º.-Discrepancias.

1. Cando o letrado competente para a realización dun informe entenda que a súa emisión pode compromete-la súa independencia, por ter tido intervención previa na decisión sometida á súa consideración, porao en coñecemento do letrado-xefe competente ou do director xeral da Asesoría Xurídica para que se encomende o asunto, se procede, a outro letrado.

2. Cando un letrado da Xunta de Galicia sostivera, nun asunto que lle fose consultado, un criterio discrepante co mantido en igual ou análogo asunto por outro letrado, absterase de emiti-lo informe solicitado e elevaralle á Asesoría Xurídica consulta na que exporá o seu criterio, razoado en dereito, xunto co dictame do que se discrepa e os demais ante

cedentes que considere oportunos. Neste caso, porase en coñecemento do órgano consultante que a emisión do informe queda pendente do criterio que sobre o caso estableza a Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia.

3. Os letrados das asesorías xurídicas das consellerías e organismos e os letrados-xefe de gabinetes territoriais poderán elevar á Dirección Xeral da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia consulta sobre os asuntos sometidos a informe cando estes lles susciten dúbidas ou consideren que afectan especialmente os intereses xerais.

Artigo 29º.-Asistencia a órganos colexiados.

Os letrados da Xunta de Galicia asistirán, no exercicio da súa función consultiva, ás mesas de contratación, xuntas, comisións e demais órganos colexiados da Administración, en que, de acordo coas disposicións vixentes sexa precisa a súa intervención, a cal terá que limitarse, agás disposición expresa en contrario, á vixilancia do cumprimento da legalidade vixente na adopción de acordos e na actuación dos ditos órganos.

Artigo 30º.-Verificación da suficiencia de documentos.

1. Correspóndelles ós letrados da Xunta de Galicia verifica-la suficiencia, con carácter de acto administrativo, dos documentos xustificativos dos poderes ou facultades dos que actúen en representación doutros, debendo expresar concretamente a súa eficacia en relación co fin para o que fosen presentados.

2. As solicitudes de verificación da suficiencia formuladas por particulares terán que ser resoltas e notificadas no prazo máximo de dez días, contados desde que se presentase a documentación completa.

3. Os actos dos letrados da Xunta de Galicia que declaren a invalidez ou a insuficiencia dos documentos presentados para acredita-la personalidade ou a representación dunha persoa por outra, impedindo esta declaración a continuación do procedemento, poderán ser recorridos polos interesados en alzada perante o director xeral da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, e a súa resolución porá fin á vía administrativa.

Capítulo V

Funcións contenciosas

Artigo 31º.-Representación e defensa en xuízo da Administración.

1. A representación e defensa en xuízo da Administración xeral da Comunidade Autónoma e dos seus organismos autónomos, así como a das entidades públicas, sociedades mercantís e fundacións, correspóndelles ós letrados adscritos ó Gabinete de Asuntos Constitucionais e Defensa Xurisdiccional e ós gabinetes territoriais.

2. En casos excepcionais e logo do informe do director xeral da Asesoría Xurídica da Xunta de Gali

cia, o conselleiro competente poderá, mediante resolución motivada, acordar que a representación e a defensa en xuízo sexa asumida por un avogado ou procurador en exercicio, baixo a supervisión da Dirección Xeral da Asesoría Xurídica Xeral.

3. Conforme o disposto na Lei 52/1997, do 27 de novembro, os letrados da Xunta de Galicia teñen a representación da Administración sen necesidade de procurador.

4. A Administración autonómica, así como os seus organismos autónomos e entidades públicas dependentes desta, de conformidade co previsto no citado texto legal, estarán exentos da obriga de constituí-los depósitos, caucións, consignacións ou calquera outro tipo de garantía previstos nas leis.

Artigo 32º.-Actos de comunicación procesual.

1. De conformidade co previsto na Lei 52/1997, do 27 de novembro, de asistencia xurídica ó Estado e ás institucións públicas, nos procesos seguidos ante calquera xurisdicción en que sexan parte a Administración autonómica ou os seus organismos autónomos, as notificacións, citacións, emprazamentos e demais actos de comunicación procesual entenderanse directamente co letrado da Xunta de Galicia na sede do gabinete xurídico correspondente.

2. Para estes efectos, no primeiro escrito que se dirixa ós órganos xurisdiccionais farase consta-la sede oficial do letrado da Xunta ó que se teñan que dirixi-las correspondentes comunicacións.

Artigo 33º.-Remisión de antecedentes.

As secretarías xerais, os centros directivos e as xefaturas de servicio das consellerías, órganos ou entidades afectadas nun proceso deberán remitir de forma urxente os expedientes, documentos e informes que consten nas súas respectivas unidades con relación ó proceso promovido, así como cantos informes sexan solicitados. Esta remisión terá lugar de oficio unha vez que teñan coñecemento do proceso ou logo de petición do letrado actuante.

Artigo 34º.-Autorización para o exercicio de accións.

1. O exercicio de accións xudiciais en nome da Administración da Comunidade Autónoma e dos seus organismos autónomos, requirirá acordo previo do Consello da Xunta de Galicia.

2. Non será necesaria autorización previa do Consello da Xunta de Galicia para contesta-las demandas ou para asumi-la defensa en xuízo da Administración autonómica ou dos seus organismos autónomos.

3. Nos supostos de urxencia, o exercicio de accións poderá ordenarse mediante resolución motivada do director xeral da Asesoría Xurídica, logo de iniciativa do órgano ou autoridade interesados. Neste suposto, a resolución e o escrito polo que se emprende a acción xudicial porase en coñecemento do Con

sello da Xunta para a súa ratificación a través da consellería competente en materia de presidencia e administración pública. A non ratificación dará lugar á desistencia da acción emprendida.

4. Cando, de conformidade co disposto no artigo 1º.3 deste regulamento, a asistencia xurídica se preste en virtude de convenio, para o exercicio de accións xudiciais observarase o que dispoñan as normas rectoras das respectivas entidades, asumindo os letrados da Xunta a súa representación e defensa de acordo co previsto nos ditos convenios.

Artigo 35º.-Exercicio de accións penais.

1. A Administración autonómica constituirase como parte nas causas por delictos e faltas en que sexa prexudicada. A comparecencia terá lugar, logo de acordo do Consello da Xunta, a través da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia e tan pronto como se teña noticia da incoación da causa. A Administración intervirá como acusador privado e exercerá, ademais da acción penal, a civil que proceda.

2. Para os efectos previstos no parágrafo anterior, os gabinetes territoriais darán coñecemento á Dirección Xeral da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, en comunicación separada, de tódalas causas en que deban comparecer, consignando os feitos que as motivasen, as persoas ás que pode alcanzar responsabilidade, o estado procesual en que se achasen e cantos datos teñan que servir de base ás instruccións que deberá comunicar, en cada proceso, a dirección xeral.

3. Malia o previsto no parágrafo primeiro deste artigo, os letrados da Xunta poderán comparecer e exerce-las accións civís cando por razóns de urxencia non se puidese consultar previamente á dirección xeral, á que se dará conta en todo caso.

4. O exercicio de accións civís en procesos penais non precisa de autorización do Consello, cando a denuncia a efectuase un funcionario no exercicio do seu cargo.

Artigo 36º.-Solicitude de autorización.

1. Para os efectos do disposto nos artigos anteriores, a consellería interesada dirixirá comunicación motivada á Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia á que xuntará relación de documentos e circunstancias xustificativas.

2. Cando o exercicio de accións estea sometido a prazo de conformidade coa lexislación procesual aplicable, esta comunicación e documentación deberá ser recibida na Asesoría Xurídica polo menos con 20 días de antelación ó cumprimento do referido prazo.

3. Recibida a comunicación a que se refire o parágrafo primeiro deste artigo, a Asesoría Xurídica, sen prexuízo da facultade de reclama-la ampliación de datos ou documentos, elevará un informe proposta ó Consello da Xunta de Galicia a través do con

selleiro competente en materia de Presidencia e remitirá unha copia á consellería interesada.

4. Os acordos do Consello da Xunta de Galicia serán comunicados á Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia por conducto da consellería competente en materia de presidencia.

Artigo 37º.-Reconvención.

Cando nun proceso civil se estimase procedente promove-la reconvención, e, pola súa vez, non fose posible obte-lo acordo do Consello da Xunta de Galicia que autorice o exercicio da acción antes do transcurso da metade do termo procesual previsto para a contestación, aplicarase o disposto no artigo 34º.3, sen que sexa necesaria a iniciativa do órgano ou autoridade interesados.

Artigo 38º.-Disposición da acción procesual.

Os letrados da Xunta de Galicia non poderán realizar actos de disposición da acción procesual sen a autorización do Consello da Xunta de Galicia adoptada por proposta razoada da consellería ou órgano interesado e logo do informe do director xeral da Asesoría Xurídica.

Artigo 39º.-Modificación das conclusións.

Os letrados da Xunta de Galicia, en toda clase de xuízos penais, poderán, baixo a súa responsabilidade, modifica-las conclusións provisionais que formulasen cando o resultado do xuízo o impuxer, ou retira-la acusación se no acto do xuízo aparecese probada a exención de responsabilidade dos procesados. Cando exerzan esta facultade comunicaranllo á Dirección Xeral da Asesoría Xurídica, expresando os fundamentos disto. Igualmente, remitirase de forma inmediata copia da sentencia que se dicte.

Artigo 40º.-Recursos.

1. Os letrados da Xunta de Galicia interporán os recursos ordinarios procedentes contra as sentencias e os autos que sexan adversas á Administración autonómica, agás que por resolución da dirección xeral se autorice a súa non interposición, podendo, para estes efectos, solicitar informe do órgano asistido. En todo caso, a dirección xeral autorizará a non interposición de recurso mediante resolución motivada, cando a estime temeraria.

2. Os letrados da Xunta recorrerán as providencias cando estimen que estas poden ser adversas ós intereses da Administración autonómica.

3. Os recursos extraordinarios contra as resolucións xudiciais interporanse cando o xefe do Gabinete de Asuntos Constitucionais e Defensa Xurisdiccional o estime procedente ou o inste un órgano con competencia na materia, decidindo o que proceda, neste último caso, o director xeral da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia. Para os efectos anteriormente indicados, os letrados xefes dos gabinetes territoriais deberán dar conta inmediata da posible

procedencia de tal recurso extraordinario ó Gabinete de Asuntos Constitucionais e Defensa Xurisdiccional.

4. O director xeral poderá emitir autorizacións ou instruccións de carácter xeral para non recorrer en determinados tipos de asuntos atendendo ás circunstancias especiais que concorran.

Artigo 41º.-Execución das resolucións xudiciais.

1. A execución das resolucións xudiciais deberá ser realizada polos órganos asistidos, sen prexuízo de que o letrado da Xunta de Galicia pode ser requirido por aqueles para efectos de exercer accións procesuais ou promover incidentes de execución.

2. Tamén poderán os letrados da Xunta de Galicia promover cantos incidentes de execución ou demandas executivas estimen precisas para a adecuada execución das resolucións xudiciais e dando conta de tales actuacións á Dirección Xeral da Asesoría Xurídica.

Artigo 42º.-Custas.

1. Cando a Administración resulte condenada en custas, o letrado actuante coidará da corrección da taxación e da exclusión das indebidas e excesivas. As custas imputaranse ós créditos orzamentarios da consellería ou ente asistido.

2. Cando se causaren custas en favor da Administración, o letrado actuante presentará a correspondente minuta de honorarios coidando da satisfacción desta polos obrigados ó pagamento. De non ser estas satisfeitas voluntariamente enviarase a documentación relativa á dita circunstancia á consellería competente en materia de facenda para a súa exacción pola vía de constrinximento administrativo.

3. As custas xudiciais causadas a favor da Administración ingresaranse no tesouro público.

Capítulo VI

Defensa de funcionarios

Artigo 43º.-Defensa de funcionarios, autoridades ou persoal ó servicio da Administración ou entes dependentes ou vinculados a ela.

1. Os letrados da Xunta de Galicia asumirán, nos termos previstos neste capítulo, a asistencia, representación e defensa dos funcionarios, autoridades ou persoal ó servicio da Administración ou entes asistidos cando estes poidan ser parte en procedementos ante calquera orde xurisdiccional, calquera que sexa a súa posición procesual e sempre que este procedemento se suscite en virtude de actos ou omisións no exercicio lexítimo da súa función ou cando cumprisen orde da autoridade competente.

2. Non se asumirá a asistencia, defensa ou representación do funcionario, autoridade ou persoal que se defenda con avogado en exercicio da súa elección de acordo coas normas xerais do procedemento. Para estes efectos entenderase que se renuncia á defensa

do letrado da Xunta cando o funcionario, autoridade ou persoal compareza ou se dirixa ó órgano xurisdiccional mediante calquera outra representación ou defensa.

Artigo 44º.-Autorización da Dirección Xeral.

1. Para que os letrados da Xunta de Galicia poidan asumi-la asistencia, defensa ou representación dos funcionarios, autoridades ou persoal ó servicio da Administración autonómica ou entes asistidos será preceptiva autorización do director xeral da Asesoría Xurídica.

2. A autorización outorgarase, trala solicitude do funcionario, autoridade ou persoal afectado, e logo de petición do secretario xeral da consellería ou órgano que aqueles presten os seus servicios. Á dita solicitude deberán xuntarse cantos documentos recibise o persoal demandado do xulgado ou tribunal ante o que se tramite o procedemento, así como calquera outro documento ou antecedente que conste nos arquivos do órgano e que pode ter relación directa co dito procedemento.

Artigo 45º.-Denegación da autorización.

1. A autorización á que se refire o artigo anterior denegarase cando:

a) Dos antecedentes remitidos se deduza que o procedemento non se emprende en virtude de actos ou omisións realizados no exercicio lexítimo das funcións inherentes ó posto de traballo ou en cumprimento de orde de autoridade competente.

b) Cando se aprecie a existencia de intereses contrapostos entre a Xunta de Galicia, organismos ou entidades públicas a representación dos cales teñan legal ou convencionalmente os letrados da Xunta de Galicia e a autoridade, funcionario ou empregado.

2. Cando nun mesmo procedemento puidera asumirse a defensa de varias autoridades, funcionarios ou empregados e se apreciase a existencia de intereses contrapostos entre eles, o director xeral da Asesoría Xurídica decidirá o que estime procedente para a asistencia, defensa e representación destes.

Artigo 46º.-Revogación da autorización.

A autorización xa concedida poderá ser revogada cando se aprecien de forma sobrevida as circunstancias sinaladas no artigo anterior. Nestes casos, o letrado da Xunta que actúe no procedemento comunicará mediante escrito razoado a concorrencia daquelas circunstancias á dirección xeral coa maior brevidade posible.

Capítulo VII

Do estatuto persoal dos letrados da Xunta

de Galicia

Artigo 47º.-Dependencia funcional e orgánica

1. Os letrados da Xunta de Galicia, calquera que sexa o lugar e oficina onde prestan servicio, están sometidos á dependencia funcional e xerárquica da Dirección Xeral da Asesoría Xurídica.

2. Malia esta dependencia funcional, tanto as asesorías xurídicas das consellerías como os gabinetes territoriais, terán o carácter de servicios comúns e, polo tanto, os seus letrados estarán baixo a dependencia orgánica dos secretarios xerais, delegados ou directores provinciais.

Artigo 48º.-Actuación profesional.

Os letrados da Xunta de Galicia desenvolverán as súas funcións en defensa dos dereitos e intereses da Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos principios de legalidade e obxectividade.

Artigo 49º.-Denominación.

1. A denominación que lles corresponde en exclusiva será a de letrados da Xunta de Galicia, e non poderá utilizar tal denominación ou outra que induza a confusión ningún outro persoal dependente da Comunidade Autónoma.

Artigo 50º.-Distintivo.

1. Nas súas actuacións procesuais os letrados da Xunta de Galicia levarán un distintivo que os acredite como tales, que será aprobado por orde do conselleiro competente en materia de presidencia. Así mesmo, a Dirección Xeral da Asesoría Xurídica expedirá a correspondente credencial que acredite a súa condición.

Artigo 51º.-Réxime xurídico.

1. Os dereitos e deberes funcionariais así como o réxime retributivo dos letrados da Xunta de Galicia serán os previstos con carácter xeral na Lei da función pública da Xunta de Galicia e na súa normativa de desenvolvemento, sen prexuízo das especialidades previstas neste regulamento.

Artigo 52º.-Formación.

1. Os letrados teñen o dereito e o deber de formación continua, a fin de coñece-las innovacións lexislativas, xurisprudenciais e doutrinais. Para estes efectos correspóndelle á Administración arbitra-los medios oportunos para a súa efectividade.

2. En todo caso, a Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia poderá organizar aquelas actividades específicas de formación que considere conveniente para os letrados e persoal da mencionada dirección xeral.

Artigo 53º.-Provisión de postos de traballo.

1. Os postos de traballo que teñan encomendados o desempeño das funcións descritas na Lei de creación de escala de letrados serán provistos, con carácter exclusivo, por funcionarios da escala de letrados da Xunta de Galicia.

2. En caso de extraordinaria e urxente necesidade, cando os postos de traballo correspondentes a letrados da Xunta se encontrasen vacantes e non poidan ser cubertos por funcionarios da escala, poderán ser desempeñados provisionalmente, conforme os sis

temas de provisión temporal regulados pola normativa vixente que sexa aplicable, por funcionarios de carreira da Comunidade Autónoma con título de licenciado en dereito e pertencentes ó grupo A, requirindo esta provisión informe previo e motivado do director xeral da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia. En ningún caso esta habilitación temporal e excepcional suporá a adquisición de dereitos de integración orgánica na escala de letrados.

As habilitacións cesarán cando se proceda á súa revogación discrecional, desaparezan as circunstancias que determinaron o nomeamento ou cando se provexa a praza de forma regulamentaria.

3. Tamén se poderá proceder, para cubrir postos reservados a letrados da Xunta de Galicia, ó nomeamento de funcionarios interinos, de conformidade co establecido na normativa xeral da función pública.

Capítulo VIII

Da forma de acceso á escala de letrados

da Xunta de Galicia

Artigo 54º.-Oposición.

1. O ingreso na escala de letrados da Xunta de Galicia efectuarase de acordo coa oferta de emprego público, mediante convocatoria pública, e a través do sistema de oposición libre entre licenciados en dereito.

2. A oposición rexerase polo establecido na lexislación de función pública e na normativa de desenvolvemento en materia de selección de persoal e provisión de postos de traballo, coas especificacións indicadas nos puntos seguintes.

3. A oposición constará de seis exercicios, dous de carácter teórico e oral, correspondentes, cada un deles, ás dúas partes en que resulte dividido o programa, dous de carácter práctico e dous de lectura e traducción dunha lingua estranxeira e de galego, todos con eficacia eliminatoria. Os exercicios realizaranse polo orde que sinale a convocatoria.

4. Poderán ser dispensados do exercicio de galego aqueles aspirantes que acrediten a súa aptitude na forma establecida na convocatoria respectiva.

5. Os exercicios teóricos realizaranse de acordo co programa que se aprobe para o efecto e que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

6. O conselleiro competente en materia de presidencia e administración pública, por proposta da Dirección Xeral da Asesoría Xurídica, aprobará a convocatoria da oposición.

Artigo 55º.-Tribunal.

A composición do tribunal das oposicións de letrados da Xunta será a seguinte:

a) Presidente: o director xeral da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, quen poderá delegar nalgún dos subdirectores xerais dela.

b) Vocais:

-Un maxistrado designado por proposta do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

-Un catedrático das facultades de dereito das universidades galegas, dalgunha das disciplinas máis relacionadas co contido do programa, designado por proposta da Escola Galega de Administración Pública.

-Un licenciado en dereito, designado por proposta das organizacións sindicais.

-Un letrado da Xunta de Galicia, designado por proposta do director xeral da Asesoría Xurídica, que desempeñará, ademais, as funcións de secretario.

Disposición adicional

De conformidade co disposto no Estatuto de autonomía de Galicia e nos artigos 4 e 6.4º da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, no ámbito da Asesoría Xurídica Xeral coidarase que as súas actuacións, especialmente as dirixidas a outros órganos da Administración autonómica e as que se produzan fronte ós órganos xurisdiccionais radicados no territorio de Galicia, se fagan habitualmente en galego.

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL

E TURISMO