Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Xoves, 07 de agosto de 2003 Páx. 10.349

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 18 de xuño de 2003, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do I convenio colectivo do persoal laboral do Concello de Pontecesures.

Visto o texto do I convenio colectivo do persoal laboral ó servicio do Concello de Pontecesures, con número de código 3603732 que tivo entrada nesta delegación provincial o día 10-6-2003, subscrito en represenación da parte económica por unha representación do concello, e da parte social, polos delegados de persoal, en data 25-3-2003, e aprobado pola corporación do concello na sesión ordinaria do pleno do día 5-5-2003. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 18 de xuño de 2003.

Joaquín Macías Sánchez

Delegado provincial de Pontevedra

1º Convenio colectivo do persoal laboral ó servicio

do Concello de Pontecesures

Capítulo I

Cláusulas xerais

Artigo 1º.-Representación e ámbito de aplicación.

a) As partes que concertan este acordo son o Concello de Pontecesures e o persoal laboral ó seu servicio, representado pola Confederación Intersindical Galega (CIG), constituídos en mesa xeral de negociación ó abeiro do establecido na Lei 11/1985 do 2 de agosto de liberdade sindical, e Real decreto 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores.

b) A regulación das condicións de traballo contidas no presente acordo serán de aplicación ó persoal laboral do Concello de Pontecesures.

Artigo 2º.-Período de vixencia.

O presente acordo terá unha duración de 1 ano, a contar do 1 de xaneiro ó 31 de decembro do ano 2003. Entrará en vigor ó día seguinte da súa sinatura e aprobación polo órgano de goberno competente, se ben os seus efectos terán carácter retroactivo ó 1 de xaneiro de 2003 en tódolos conceptos agás no referido no artigo 39º, sen prexuízo da súa publicación no BOP.

Artigo 3º.-Denuncia e prórroga do acordo.

O presente acordo considérase tacitamente prorrogado por períodos anuais naturais de non mediar denuncia das partes con un prazo de preaviso de 3 meses respecto da data na que remata a súa vixencia, e continuará en vigor ata que se logre acordo entre as partes, e en tanto non se chegue a este acordo tódolos conceptos económicos serán actualizados nunha contía igual ó IPC do ano anterior que se aboará desde o primeiro mes do ano.

Artigo 4º.-Garantía das condicións máis beneficiosas.

Tódalas melloras económicas ou de calquera índole que se pactan neste acordo teñen a condición de mínimas polo que serán respectadas aquelas condicións superiores ás que se pactan, consonte o principio de norma máis favorable ou condición máis beneficiosa para os/as traballadores/as.

Artigo 5º.-Comisión de Interpretación, Vixilancia e Estudio (CIVE).

1º Constituirase dentro do mes seguinte á aprobación deste acordo e estará composta por dous representantes polos sindicatos e dous pola corporación.

2º A presidencia desempeñaraa o alcalde/sa, ou concelleiro/a en quen delegue, e a vicepresidencia un/ha representante dos/as representantes sindicais elixido/a de entre eles.

3º A comisión reunirase con carácter ordinario cada tres meses, na data e hora que se acorde na sesión de constitución, debéndose comunicar por escrito da presidencia calquera alteración que se produza.

4º Tódalas convocatorias que realice a presidencia ou a vicepresidencia, cando substitúa a aquela nos casos legalmente previstos, deberán efectuarse por escrito, a través de calquera medio que acredite a súa recepción polos destinatarios/as.

5º Recoñéceselle á presidencia voto de calidade para dirimi-los empates.

6º Poderanse nomear asesores/as cando a comisión o estime oportuno pola índole dos temas que se vaian tratar.

7º A CIVE asumirá as funcións de interpretación, vixilancia e estudio do pactado, así como o seguimento de cantos temas integran este instrumento xurídico durante a totalidade da súa vixencia.

8º Por outra parte, o secretario/a xeral remitirá á CIVE calquera resolución dos órganos municipais que teñan relación transcendente co contido deste acordo, para que a comisión poida exerce-las súas funcións de vixilancia e control do seu cumprimento.

Capítulo II

Organización do traballo

Artigo 6º.-Distribución de competencias.

Conforme a lexislación vixente a organización do traballo é facultade do concello, a través do órgano de goberno competente.

Capítulo III

Clasificación, promoción interna e mobilidade do persoal

Artigo 7º.-Clasificación do persoal.

O persoal laboral clasificarase por grupos homoxéneos en función da titulación e demais requisitos esixidos para o acceso á praza, nos seguintes grupos:

-Grupo I/A: titulados/as superiores (licenciados/as).

-Grupo II/B: titulados/as medios (diplomados/as e titulados/as técnicos).

-Grupo III/C: técnico/as especialistas, bachareis ou equivalentes, e encargados/as.

-Grupo IV/D: persoal especializado, auxiliares administrativos, oficiais, etc.

-Grupo V/E: persoal subalterno e de servicios específicos non titulados/as.

As categorías profesionais do persoal laboral do Concello de Pontecesures serán as que figuran no anexo I deste acordo.

Calquera inclusión de novas categorías no cadro de persoal requirirá a negociación previa coa representación sindical para os efectos de defini-la denominación da praza, o grupo no que se encadra, os requisitos esixibles e a categoría que corresponda en relación coas funcións que hai que desenvolver.

Artigo 8º.-Mobilidade funcional derivada de incapacidade.

No caso de declaración dunha incapacidade permanente total, o concello procederá, por petición do traballador/a e logo das actuacións e coas garantías establecidas no artigo 25 da Lei de prevención de riscos laborais, ó cambio de posto de traballo por outro máis axeitado á situación do traballador/a dando lugar con isto a unha novación do contrato, sempre que exista no cadro de persoal unha praza adaptada á capacidade do/a afectado/a.

Artigo 9º.-Mobilidade por diminución da capacidade.

A mobilidade por diminución da capacidade do traballador/a, que non implique incapacidade permanente para o desempeño do seu posto de traballo poderase levar a cabo por solicitude do traballador/a, logo de informe médico, (emitido por médico especialista da sanidade pública e/ou órgano colexiado), e información ós delegados sindicais, a postos de igual ou inferior grupo profesional, cos mesmos requisitos e garantías que no caso de mobilidade por incapacidade permanente total. O acordo será adoptado na CIVE.

Artigo 10º.-Fomento da promoción interna.

1. A promoción interna consiste no ascenso do persoal dun grupo inferior a outro superior dentro da mesma escala; dunha categoría a outra, dentro do mesmo grupo; ou o cambio de escala, tamén dentro

do mesmo grupo. Seranlle de aplicación os criterios que establece o Real decreto 364/1995, do 10 de marzo.

2. Previamente á aprobación do cadro de persoal a incluír nos orzamentos ordinarios do concello de cada ano, serán obxecto de negociación as posibilidades de inclusión de prazas novas ou de reconversión das existentes susceptibles de ser provistas mediante a promoción interna ou libre do persoal laboral fixo do cadro.

3. A convocatoria de prazas por esta quenda de promoción interna faranse independentemente das convocatorias que correspondan por quenda libre.

4. Negociaranse cos delegados/as de persoal e sindicatos asinantes do acordo as bases e tódolos demais aspectos relacionados coa promoción interna do persoal.

5. Para poder participar en procesos de promoción interna será esixible con carácter xeral ter unha antigüidade no concello de polo menos 2 anos no grupo inmediatamente inferior e en posto de natureza semellante.

6. Para o acceso ós grupos I/A e II/B de clasificación polo procedemento de promoción interna, será requisito indispensable estar en posesión dos títulos esixibles correspondentes.

Para acceder ó grupo III/C polo procedemento de promoción interna será esixible a titulación de técnico/a especialista, bacharelato ou equivalente, ter unha antigüidade de 10 anos no grupo inmediatamente anterior e en posto de natureza semellante, ou a superación dun curso oficial validatorio.

Para acceder ó grupo IV/D por promoción interna, poderá dispensarse da titulación requirida por unha antigüidade de 5 anos ou a superación dun curso oficial validatorio.

7. Forma da promoción: os procesos de promoción interna levaranse a cabo normalmente polo sistema de concurso-oposición. Nembargantes, a promoción a prazas do grupo D poderase levar a cabo mediante concurso ou nomeamento directo, sempre e cando non exista máis dun/ha aspirante á praza de que se trate, e reúna os requisitos esixidos para o desempeño dela, ó abeiro do disposto nos puntos anteriores.

Capítulo IV

Selección de persoal

Artigo 11º.-Sistema de selección.

Con carácter xeral o sistema de selección de persoal do Concello de Pontecesures será o disposto pola lei. Rexerase polos principios de igualdade, mérito e capacidade, ademais do de publicidade.

Artigo 12º.-Negociación das bases.

A representación sindical será informada da elaboración dos cadros de persoal que deben formar parte dos orzamentos ordinarios do concello. Serán obxecto de negociación os plans da oferta de emprego público fixo e as bases de selección do persoal en cada convocatoria.

Artigo 13º.-Reserva para aspirantes con minusvalidez.

Con carácter xeral reservaranse en cada convocatoria as vacantes que estableza a lexislación vixen

te para cubrir por aspirantes que cumprindo os demais requisitos establecidos, conten cunha minusvalidez igual ou superior ó 33% compatible coas funcións da praza.

O persoal que se presente por esta quenda poderá facelo tamén por quenda libre ou promoción interna se é o caso.

Nas solicitudes farase consta-la quenda á que corresponden.

Artigo 14º.-Información das contratacións.

De conformidade co previsto na Lei 2/1991, do 7 de xaneiro, os/as representantes dos/as traballadores/as serán informados/as dos plans de contratación e das previsións de necesidades de recursos humanos do concello, nos termos especificados na dita lei.

Capítulo V

Órganos de valoración

Artigo 15º.-Tribunais para os procedementos de promoción e selección de persoal laboral.

Nos tribunais de selección de persoal fixo e de promoción interna garantirase a presencia dun/ha representante sindical, designado polos sindicatos con representación no concello, que exercerá a súa función con dereito a voz e voto.

Na composición dos tribunais de selección e promoción interna do persoal laboral respectaranse os principios de titulación e especialidade, polo que tódolos membros deberán posuí-lo mesmo nivel de titulación ou superior ó esixido para ingreso na praza, e pertencer á mesma ou semellante especialidade.

A actuación dos tribunais rexerase polo previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de procedemento administrativo común e réxime xurídico das administracións públicas en relación co funcionamento dos órganos colexiados.

Capítulo VI

Xornada, horarios e calendario laboral

Artigo 16º.-Xornada.

A xornada normal para o persoal laboral será de 37 horas e media semanais.

Todo o persoal en réxime de xornada continuada gozará dunha pausa de 30 minutos na xornada, computable como de traballo efectivo.

Artigo 17º.-Horario.

1. Horario ordinario: o horario de traballo normal para o persoal laboral do concello establécese con carácter xeral, de luns a venres de 7.45 a 15.15 horas.

2. Horario de verán: durante o período comprendido entre o 1 de xullo e o 15 de setembro (ámbolos dous inclusive) a xornada reducirase nunha hora diaria na saída para o persoal que traballe a xornada completa e en media hora para o persoal con contratos de media xornada, agás nos que se realice traballo por quendas con substitución ou nos que a reducción do horario supoña un prexuízo para o servicio público. Nestes supostos o horario de verán será substituído por días libres, preferentemente entre os meses de xuño a setembro.

3. Traballo en período nocturno: entenderase por traballo en período nocturno, o efectuado entre as 10.00 da noite (22.00 p.m.) e as 8.00 da mañá (8.00 a.m.).

4. Traballo en período festivo: será o realizado no tempo que medie entre as 0.00 horas e as 24.00 horas de cada domingo ou festivo, agás na policía local, na que se considerará festivo o tempo que medie entre as 22.00 horas da véspera e as 22.00 horas de cada domingo ou festivo.

Especificamente, procurarase que nos servicios nos que a actividade se desenvolva en domingos, festivos, ou horas nocturnas, as xornadas traballadas nas ditas circunstancias sexan repartidas equitativamente entre todo o persoal adscrito ó servicio.

5. Traballo a quendas: naqueles servicios municipais que pola natureza da súa actividade deban organizarse por quendas de traballo, estas efectuaranse mediante a rotación entre todos/as os/as traballadores/as. Entre o final dunha xornada e o comezo da seguinte mediarán como mínimo 14 horas, salvo en casos de extrema necesidade debidamente acreditados. As quendas deberán coñecerse con dúas semanas de antelación.

Artigo 18º.-Servicios extraordinarios.

a) Horas extraordinarias normais: terán a consideración de horas extraordinarias, aquelas feitas fóra da xornada normal de traballo, ou que excedan da xornada laboral semanal pactada no presente documento. Non poderán exceder de 10 ó mes ou de 60 ó ano.

b) Horas extraordinarias estructurais: considéranse horas extraordinarias estructurais as necesarias para atender acumulación de tarefas, ausencias imprevistas, cambios de quenda ou outras circunstancias de carácter conxuntural derivadas das tarefas propias da actividade municipal, sempre que non poidan ser substituídas polas distintas modalidades de contratación previstas legalmente.

c) Horas para a reparación de sinistros ou danos: o exceso de horas traballadas para previr ou reparar sinistros e outros danos extraordinarios e urxentes non se terá en conta para os efectos da duración máxima da xornada laboral, nin para o cómputo do número máximo de horas extraordinarias autorizadas, sen prexuízo da súa compensación como horas extraordinarias. Estas horas son de obrigada realización para o/a traballador/a.

O concello comunicará mensualmente á representación sindical o número de horas extraordinarias realizadas polo persoal, con indicación do tipo de que se trata segundo a cualificación anterior.

d) Compensación: a realización de horas extraordinarias compensarase nas cantidades que resulten de incrementar un 75% o valor da hora ordinaria en xornada ordinaria e no 125% en domingos e festivos para cada categoría, podendo optar o/a traballador/a por compensalas mediante descanso por tempo equivalente.

O tempo de descanso será acumulable e concederase por solicitude do/a traballador/a dentro dos catro meses seguintes á súa realización.

Artigo 19º.-Asistencia ó xulgado.

Considerarase tempo de traballo efectivo a asistencia de calquera traballador/a municipal cando sexa convocado/a a declarar ó xulgado ou sexa reclamado/a para comparecer ante calquera organismo público, ante o que a obriga de comparecer se considere un deber inescusable de carácter público, por motivos relacionados coas funcións propias da súa praza.

Para estes efectos, se a comparecencia se produce nun día ou hora non laborable ou de descanso, compensarase co gozo do mesmo tempo libre que o empregado na comparecencia.

Se a citación correspóndese a un/ha traballador/a que o día anterior ou posterior tivese asignada xornada nocturna, esta reducirase en 4 horas na saída ou entrada respectivamente.

Cando se reciba a citación terá de poñerse en coñecemento do/a xefe do servicio, que será o encargado/a de regula-lo mesmo.

Artigo 20º.-Calendario anual.

O calendario laboral anual do persoal laboral do Concello de Pontecesures será o que figura como anexo II deste acordo.

Considéranse festivos de convenio os días 24 e 31 de decembro.

Capítulo VII

Formación e especialización profesional

Artigo 21º.-Promoción e especialización profesional.

1. O persoal terá dereito a ver facilitada a realización de estudios para obter títulos académicos ou profesionais e, a realizar cursos de perfeccionamento profesional.

2. O persoal que curse estudios académicos oficiais e de formación ou perfeccionamento profesional terá preferencia para elixir quenda de traballo, se é o caso, e así como á adaptación e compensación da xornada ordinaria de traballo para asistencia ós cursos, segundo necesidades do servicio.

Artigo 22º.-Programación de cursos de formación.

1. A corporación, directamente ou en réxime de concerto con outras administracións ou organismos públicos, elaborará un Plan de Formación Continua para o persoal.

Rexerá nesta materia o establecido nos acordos Administración-sindicatos e FEMP-sindicatos que estean en vigor en cada momento.

2. Con independencia do exposto, o concello poderá autorizar, cando o permitan as necesidades do servicio, a asistencia do persoal a cursos, seminarios ou encontros profesionais. Cando o contido deles o aconselle por ter relación directa os cursos co posto de traballo e da súa realización se obteña un beneficio inmediato para o funcionamento do servicio, poderán ser sufragados os gastos de asistencia correspondentes.

Para estes efectos, o concello disporá os medios económicos suficientes, e disporá (se procede) a substitución do persoal necesario.

Para os efectos dispostos, poderanse autorizar un máximo de 60 horas ó ano para asistencia a cursos de perfeccionamento profesional, sempre que o contido dos cursos estea directamente relacionado co posto de traballo ou coa súa carreira profesional dentro da Administración.

Artigo 23º.-Garantía de igualdade de oportunidades.

A comisión de formación garantirá que se respecte en todo momento o principio de igualdade de oportunidades no acceso ós cursos de formación.

Cando existan máis aspirantes que prazas os/as participantes elixiranse por sorteo e non poderán volver a participar en cursos das mesmas características ata que no participen a totalidade dos aspirantes.

Ó remate dos cursos entregarase ós participantes diploma acreditativo da asistencia, no que constará a duración do curso e que se considerará como mérito para traslados e promocións a postos nos que se realicen funcións relacionadas co seu contido, se é o caso, só desde a data en que todo o cadro de persoal do servicio tivese a posibilidade de realiza-lo curso.

Capítulo VIII

Vacacións, permisos e licencias

Artigo 24º.-Vacacións.

As vacacións anuais terán unha duración dun mes natural ininterrompido e gozaranse preferentemente nos meses de maio a setembro, ambos inclusive, agás que os/as traballadores/as soliciten expresamente collelas fóra deste período ou fraccionadas, que se concederán se non o impiden as necesidades do servicio.

Artigo 25º.-Cadro de vacacións.

O cadro de vacacións será aprobado e exposto nos taboleiros de anuncios anualmente antes do 1 de abril de cada ano.

Artigo 26º.-Compensación da baixa durante as vacacións.

O período de vacacións quedará suspendido cando se presente unha situación de baixa médica, antes ou durante o seu gozo, producida por mor de accidente grave que afecte á mobilidade, embarazo, e enfermidade grave sobrevida que implique hospitalización (incluída a domiciliaria). A baixa por enfermidade común ou o accidente leve que non implique perda de mobilidade non dará lugar á suspensión das vacacións.

As vacacións reiniciaranse logo de que a alta médica sexa efectiva, se non o impiden as necesidades do servicio.

A suspensión das vacacións por mor dunha situación de baixa laboral non poderá exceder en ningún caso dos 30 días naturais.

Artigo 27º.-Permisos e licencias.

a) Permisos retribuídos.

1. Por asistencia a exames finais ou parciais liberatorios, así como probas selectivas que se realicen dentro do termo municipal, polo tempo necesario e imprescindible para a súa realización.

Se se realizan fóra do termo municipal o permiso será dun día, que poderá ampliarse polo tempo necesario e imprescindible.

Deberán ser autorizados polo/a alcalde/sa ou concelleiro/adelegado/a de persoal e deberán xustificarse cun certificado de asistencia no que conste a data de celebración e a hora de comezo, que deberá ser presentada na oficina de persoal, nos 5 días seguintes á data do exame.

2. Polo tempo preciso para o cumprimento dun deber público, persoal e inescusable, que deberá acreditar documentalmente.

3. Por asuntos particulares, 9 días ó ano como máximo. Tales días non poderán acumularse ás vacacións anuais retribuídas.

Como criterio xeral, non poderán acumularse máis de dous días consecutivos de permiso por asuntos particulares. Nembargantes, o/a alcalde/sa poderá autoriza-la acumulación de permisos de máis días se o funcionamento dos servicios non o impide.

Os permisos por asuntos particulares serán solicitados por escrito e deberán ser autorizados polo alcalde ou persoa en quen delegue. Caso de que non se conteste a solicitude no prazo de 48 horas, entenderase concedido o permiso. A solicitude para gozar do permiso por asuntos particulares non precisa alegar razóns que o xustifiquen.

Cando por razóns do servicio se deneguen as peticións de asuntos particulares e non se goce o mencionado permiso dentro do ano natural, concederase dentro dos primeiros 15 días do mes de xaneiro seguinte.

O número anual de días de permiso por asuntos particulares será proporcional ó de servicios efectivos prestados durante o ano.

4. Por casamento: 15 días que comezarán a contar o primeiro día hábil seguinte á celebración.

5. Por casamento dun/ha familiar ata o primeiro grao de consanguinidade: o día da celebración.

6. Por separación ou divorcio, 3 días laborais que comezarán a contar a partir do primeiro día hábil seguinte a que se produza.

7. Por nacemento ou adopción dun/ha fillo/a, 3 días laborais.

Os permisos dos puntos 4, 5, 6 e 7 deberán xustificarse con certificación do Rexistro Civil ou outra documentación oficial equivalente.

8. Por enfermidade grave ou falecemento dun familiar, aplicaranse os seguintes permisos:

a) Pasamento:

1) Cónxuxe, parella de feito e persoas que convivan no domicilio familiar: 5 días.

2) Fillos/as, pais/nais, irmáns/ás, cuñados/as, xenros/ noras e cuñados/as:

-Se finan no domicilio ou nun raio inferior a 100 km: 3 días.

-Se a distancia é superior a 100 km: 5 días.

3) Avós/as paternos/maternos, avós/as políticos, netos/as e sogros/as:

-Se falecen no domicilio ou nun raio inferior a 100 km: 2 días.

-Se a distancia é superior a 100 km: 4 días.

4) Tíos/as, sobriños/as e curmáns/ás:

-Polo tempo necesario para o enterramento e funeral: máximo 1 día.

-Se a distancia é superior a 100 km: 1 día.

b) Enfermidade grave:

1) Cónxuxe, parella de feito e persoas que convivan no domicilio familiar: 5 días.

2) Fillos/as, pais/nais, irmáns/ás, xenros e noras:

-Se se produce no domicilio ou nun raio inferior a 100 km: 3 días.

-Se se produce nun raio superior a 100 km: 4 días.

3) Avós/as paternos/maternos, netos/as e sogros/as:

-Se se produce no domicilio ou nun raio inferior a 100 km: 2 días.

-Se se produce nun raio superior a 100 km: 4 días.

4) Cuñados/as: 2 días.

5) Avós/as políticos: 1 día.

Para estes efectos consideraranse como graves as enfermidades ou accidentes que cumpran os seguintes requisitos:

a) No caso de enfermidade que requira internamento hospitalario

b) No caso de accidente, parte expedido por facultativo no que figure o prognóstico de grave ou moi grave.

No caso de enfermidades ou accidentes que non teñan a consideración de graves, o permiso concederase exclusivamente cando se trate de persoas que convivan no domicilio do/a solicitante e este xustifique que non existe no domicilio ningunha outra persoa que poida atende-lo/a enfermo/a.

A duración deste permiso será de 2 días.

En casos excepcionais de enfermidade de familiares ou persoas que convivan no domicilio do/a solicitante e afecten gravemente ó normal desenvolvemento da vida familiar o/a alcalde/sa, tralo acordo do departamento de persoal e dos/as delegados/as do persoal, poderá autorizar permisos, reducción de xornada ou xornadas especiais mentres se soluciona a situación.

9. Para acompañamento á consulta médica a menores de 12 anos, ou familiares ata primeiro grao de consanguinidade ou afinidade ou parella de feito, que convivan no mesmo domicilio e que teñan unha minusvalidez superior ó 33%, polo tempo necesario, e deberá xustificarse con parte de asistencia á consulta.

10. Para acudir a consultas, tratamentos, e exploracións de tipo médico durante a xornada de traballo, os/as traballadores/as terán dereito a permiso polo tempo necesario sempre que non se poida acudir

fóra da xornada laboral, e deberá xustificarse con parte de asistencia á consulta.

11. Por traslado de domicilio:

-Dentro do termo municipal: 3 días hábiles.

-Fóra do termo municipal: 4 días hábiles.

12. Por maternidade: 16 semanas ampliables a 18 por parto múltiple.

No caso de que a nai e o pai traballen, aquela poderá optar porque o pai goce ata catro das últimas semanas, sempre que sexan ininterrompidas e ó final do nomeado período, agás que a incorporación ó traballo supoña un risco para a saúde da nai.

b) Permisos non retribuídos:

1. Por causa xustificada e sempre que o permitan as necesidades do servicio, 15 días cun máximo de 3 meses cada 2 anos.

2. Permiso de 3 meses de duración como máximo para asistencia a cursos de perfeccionamento profesional, sempre que o permitan as necesidades do servicio.

A participación no curso deberá ser acreditada documentalmente.

3. Reducción da xornada diaria nun tercio ou nun medio, para o/a traballador/a que teña un/ha fillo/a ó seu cargo, ata que cumpra 6 anos de idade.

4. 6 meses cada 5 anos ou 12 meses cada 10, aboando a corporación o importe total das cotas á Seguridade Social, sempre e cando sexa por causa xustificada.

5. Ata 3 anos para atender ó coidado dun/ha fillo/a propio/a ou adoptado/a, contados desde a data de nacemento ou adopción daquel/a. Se o pai e a nai traballan, só poderá exercitar este dereito un deles.

6. Ademais o persoal terá dereito a ser declarado en situación de excedencia voluntaria, trala petición, nas condicións e polo período que en cada momento estableza a vixente lexislación. Unha vez rematada a excedencia o/a traballador/a terá dereito a acceder ó seu posto de traballo no prazo máximo dun mes.

Capítulo IX

Seguridade e saúde laboral

Artigo 28º.-Protección dos/as traballadores/as contra riscos laborais.

Aplícase a Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais que, no seu ámbito de aplicación, comprende, entre outras, as relacións laborais reguladas no Estatuto dos traballadores e as de carácter administrativo ou estatutario do persoal civil ó servicio das administracións públicas. Así mesmo, tamén serán aplicables as normas dictadas pola Secretaría de Estado para as Administracións Públicas de data 26 de febreiro de 1996 da Lei 31/1995.

Artigo 29º.-Roupa de traballo.

A entrega do vestiario ó persoal efectuarase no primeiro trimestre de cada ano. Naqueles servicios nos que exista vestiario de inverno e de verán, a data do seu cambio farase a proposta dos/as delegados/as de persoal. Toda a roupa entregada levará o anagrama e o nome do Concello de Pontecesures

e así se fará constar nas ofertas públicas ós provedores.

Para lograr este obxectivo, cada xefe/a de servicio remitirá antes do 31 de outubro do ano anterior á Intervención municipal a relación de vestiario para que no orzamento se considere o crédito suficiente para a súa adquisición antes de finaliza-lo mes de febreiro e poder entregarse ó persoal no prazo previsto.

Os/as delegados/as do persoal participarán no procedemento de adxudicación da subministración da roupa de traballo do persoal, informando sobre as propostas presentadas.

O/A traballador/a entregará a roupa de traballo usada no momento de recibi-la nova. No caso de que a roupa e demais útiles presente un óptimo estado de utilidade e conservación a xuízo do Comité de Seguridade e Saúde Laboral, non será substituída.

A roupa e demais material que sexa para protección persoal que se deteriore substituirase ou repararase, segundo os casos, de inmediato.

Capitulo X

Faltas e sancións

Artigo 30º.-Procedemento.

O persoal poderá ser sancionado polo organismo municipal competente pola comisión das faltas tipificadas neste convenio, a través do seguinte procedemento:

Previamente á imposición da sanción deberase conferir ó/á interesado/a trámite de audiencia polo período de 8 días hábiles, facilitándoselle copia do expediente e practicándose as probas que o/a mesmo/a propoña.

O/A interesado/a poderá solicita-la presencia dun/ha representante sindical durante este trámite.

Da incoación do expediente, do prego de cargos e da proposta de resolución, no caso de persoal funcionario, e do trámite de audiencia e tamén da proposta de resolución.

Artigo 31º.-Faltas.

A) Faltas moi graves: (artigo 4 do Decreto 94/1991, do 20 de marzo, da Xunta de Galicia).

1. Incumprimento do deber de fidelidade á Constitución no exercicio da función pública.

2. Toda actuación que supoña discriminación por razón de raza, sexo, relixión, lingua, opinión, lugar de nacemento ou veciñanza, ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.

3. Abandono do servicio.

4. A publicación ou utilización indebida de segredos oficiais, así declarados por lei ou clasificados como tales.

5. A notoria falta de rendemento que comporte inhibición no cumprimento das tarefas encomendadas.

6. A violación da neutralidade ou independencia políticas, utilizando as facultades atribuídas para influír en procesos electorais de calquera natureza e ámbito.

7. Incumprimento das normas sobre incompatibilidades.

8. Pór atrancos ó exercicio das liberdades públicas e dereitos sindicais.

9. A realización de actos encamiñados a coarta-lo libre exercicio do dereito de folga

10. A participación en folgas ós que as teñan expresamente prohibidas pola lei.

11. Incumprimento da obriga de atende-los servicios esenciais en caso de folga.

12. Os actos limitativos de libre expresión de pensamentos, ideas e opinións.

13. Ter sido sancionado pola comisión de 3 faltas graves nun período dun ano.

B) Faltas graves: (artigo 4 do Decreto 94/1991, do 20 de marzo, da Xunta de Galicia).

1. A falta de obediencia debida a superiores e autoridades.

2. Abuso da autoridade no exercicio do cargo.

3. As conductas constitutivas de delicto doloso relacionadas co servicio ou que lles causen danos á Administración ou ós/ás administrados/as.

4. A tolerancia dos/as superiores respecto da comisión de faltas moi graves ou graves dos seus subordinados/as

5. A grave desconsideración cos/as superiores, compañeiros/as e subordinados/as.

6. Causar danos graves nos locais, no material ou nos documentos dos servicios.

7. Intervir nun procedemento administrativo cando se dea algunha das causas de abstención legalmente sinaladas.

8. A emisión de informes manifestamente ilegais cando lles causen prexuízo á Administración ou a cidadanía e non constitúan falta moi grave.

9. A falta de rendemento que afecte o normal funcionamento dos servicios e non constitúa falta moi grave.

10. Non garda-lo debido sixilo respecto dos asuntos que se coñezan por razón do cargo, cando lle causen prexuízo á Administración ou se utilicen en proveito propio.

11. Incumprimento dos prazos ou outras disposicións de procedemento en materia de incompatibilidades, cando non supoña mantemento dalgunha situación de incompatibilidade.

12. Incumprimento inxustificado da xornada de traballo que acumulado supoña un mínimo de 10 horas ó mes.

13. A terceira falta inxustificada de asistencia nun período de 3 meses, cando as dúas anteriores fosen obxecto de sanción por falta leve.

14. A grave perturbación do servicio.

15. Atentado grave a dignidade do resto do persoal ou da Administración.

16. A grave falta de consideración cos/as administrados/as.

17. As accións ou omisións dirixidas a evadir os sistemas de control de horarios ou a impedir que sexan detectados os incumprimentos inxustificados da xornada de traballo.

Para os efectos das infraccións sinaladas anteriormente, entenderase por mes o período comprendido desde o día primeiro ó derradeiro de cada un dos doce que compoñen o ano.

C) Faltas leves: (artigo 5, Decreto 94/1991, do 20 de marzo da Xunta de Galicia).

1. A falta de asistencia inxustificada dun día.

2. A incorrección co público, superiores, compañeiros/as ou subordinados/as.

3. Descoido ou a neglixencia no exercicio das súas funcións.

4. Incumprimento dos deberes ou obrigas do persoal, sempre que non deban ser cualificados como falta grave ou moi grave.

O incumprimento inxustificado do horario de traballo motivará a deducción proporcional das retribucións, sempre por períodos de 15 minutos como mínimo.

Artigo 32º.-Sancións.

1. Pola comisión de faltas leves: apercibimento ou deduccións proporcionais de retribucións

2. Pola comisión de faltas graves: deducción de retribución ou suspensión de emprego e soldo por un período inferior a 3 anos.

3. Por faltas moi graves: suspensión de emprego e soldo por un período non inferior a 3 anos nin superior a 6 ou despido disciplinario.

Artigo 33º.-Prescrición.

As faltas, así como a súas correspondentes sancións, prescribirán: ó mes, no caso de faltas leves; 1 ano, as graves e ós 3 anos, as moi graves.

O cómputo dos ditos prazos comezará a contarse no caso de faltas a partir da realización do feito que a constitúe; e no caso das sancións dende o día seguinte a aquel no que adquira firmeza a resolución pola que se impón.

Artigo 34º.-Normas especiais de procedemento.

Sen prexuízo da normativa prevista na lexislación vixente que terá de ser observada en todo momento, establécense as seguintes normas especiais:

1) Os/as interesados/as poderán ter asistencia de letrado/a.

2) No caso de faltas graves ou moi graves darase ó/á expedientado/a copia da normativa vixente.

3) A sanción non se fará executiva ata que non sexa firme en vía administrativa.

4) Todo traballador/a poderá dar conta por escrito, por si, ou a través dos seus representantes, dos actos que supoñan faltas de respecto da súa intimidade ou a consideración debida á súa dignidade humana ou laboral.

A alcaldía abrirá a oportuna información e instruirá as dilixencias previas para o esclarecemento destas conductas.

Capítulo XI

Uso da lingua galega

Artigo 35º.-Uso da lingua galega.

1. Os traballadores e traballadoras do Concello de Pontecesures teñen o dereito e o deber de desenvolve-la súa actividade laboral e profesional no idioma galego, lingua oficial da Comunidade Autónoma e, en particular, da Administración local galega, utilizando o galego en tódolos seus actos, tanto verbais como escritos, na relación cos/as administrados/as, coas demais administracións e entidades públicas ou privadas.

2. Polo exposto, terán dereito a acceder a vías de formación lingüística en relación co servicio público e co perfil do posto de traballo, no marco das disposicións contidas no Estatuto de autonomía, na Lei 3/1983, de normalización lingüística de Galicia e na Lei 5/1988, de uso do galego nas entidades locais.

Neste sentido, o Concello de Pontecesures facilitará a asistencia do seu persoal a cursos de especialización no idioma galego (en calquera dos seus niveis) dentro da xornada laboral. O tempo investido na asistencia ós ditos cursos computará como tempo efectivo de traballo. O concello aboará, se é o caso, axudas de custo trala xustificación documental da realización do curso.

3. Para potencia-lo emprego do idioma galego no Concello de Pontecesures e garanti-lo dereito dos administrados ó seu uso nas súas relacións coa Administración pública, nas probas selectivas que se realicen para o acceso ás prazas incluirase con carácter obrigatorio unha proba do coñecemento da lingua galega axeitada ó tipo de praza. Nos programas das probas de selección de persoal incluirase o coñecemento da Lei 3/1983, de normalización lingüística de Galicia e da Lei de uso do galego polas corporacións locais.

Capítulo XII

Réxime retributivo

Artigo 36º.-Estructura salarial.

No Concello de Pontecesures tenderase con carácter xeral ó principio de equiparación salarial entre o persoal laboral e funcionario.

Artigo 37º.-Retribucións salariais.

Salario base: é a parte da retribución do traballador ou traballadora fixada con carácter básico por unidade de tempo.

Complementos persoais: son aqueles que se derivan das condicións persoais do traballador/a e que fosen valoradas ó fixa-lo salario base tales como antigüidade, etc.

Complemento de posto de traballo: son aquelas cantidades que leva percibindo o traballador/a en razón das características do posto de traballo, tales como nocturnidade, actividade, productividade, tóxicos, penosos, perigosos, etc.

Complementos de vencemento superior ó mes: existirán dúas pagas extraordinarias de devengo semestral, que se aboarán unha en xuño e outra en decembro.

Melloras voluntarias: o réxime das melloras voluntarias rexerase polo prevido en pacto individual ou no acto de concesión unilateral polo concello.

Plus extrasalarial: devengarase por tódolos días efectivamente traballados polos importes que se fixen na táboa de percepcións económicas.

Artigo 38º.-Contía das retribucións.

1. Salario base:

Os salarios para o ano 2003 son os reflectidos no anexo I

2. Revisión salarial:

Se o 31 de decembro do ano 2003 o IPC real é superior ó IPC previsto polo Goberno para este ano, efectuarase unha revisión salarial no exceso e con carácter retroactivo desde o 1 de xaneiro.

3. Antigüidade:

Os traballadores e traballadoras gozarán como complemento persoal de antigüidade dun aumento periódico por cada 3 anos de servicio prestado ó concello na contía do 3% por cada trienio sobre o salario base.

4. Pagas extraordinarias:

O persoal laboral municipal percibirá dúas pagas extraordinarias por importe equivalente ó da suma do salario base e a antigüidade.

5. Complemento extrasalarial:

Será o reflectido na táboa anexa.

Artigo 39º.-Retribucións en caso de baixa laboral.

O concello completará ata o 100% a retribución mensual do traballador/a municipal no caso de IT e por calquera que fose a súa causa (enfermidade, accidente, maternidade, etc.) desde o 1º día.

Artigo 40º.-Anticipos de retribucións.

Todo o persoal obxecto do convenio terá dereito a un anticipo de ata 2.000,00 euros para devolver sen ningún tipo de xuro en 12, 24 ou 36 mensualidades á elección do/a solicitante, que deberá concedérselle nun prazo máximo dun mes, sempre que exista crédito na partida correspondente.

Os traballadores/as non poderán solicitar un novo anticipo ata que non remate a amortización do solicitado con anterioridade e ata transcorridos tres meses, agás causa de forza maior.

Capítulo XIII

Fomento de emprego e prestacións sociais

Artigo 41º.-Seguros.

a) O concello manterá vixente unha póliza de seguro colectivo para o persoal laboral que cubra os riscos por uns importes mínimos de:

1. No caso de incapacidade permanente total ou absoluta, grande invalidez ou morte, derivadas de accidente de traballo ou enfermidade profesional para cada un dos riscos, de 30.000 euros.

2. No caso de incapacidade permanente total ou absoluta, grande invalidez ou morte, derivadas de accidente non laboral ou enfermidade común para cada un dos riscos equivalente a dúas mensualidades das retribucións brutas que percibise o traballador/a

O incumprimento do disposto no presente artigo suporá a obriga do concello de asumir subsidiaria e directamente as indemnizacións establecidas en cada caso.

b) Tódolos traballadores e traballadoras municipais que desenvolvan as súas funcións utilizando vehículos serán cubertos por unha póliza que asegure a retirada dos carnés de conducir, sempre que as infraccións sexan en horas de traballo nos vehículos municipais ou nos persoais daqueles traballadores/as que teñan recoñecido o uso do mesmo na xornada laboral, sempre que non concorra neglixencia evidente na utilización dos vehículos.

c) O concello asinará unha póliza de seguros que garanta unha cobertura suficiente das responsabilidades civís que puidesen derivarse da prestación do servicio dos/as empregados/as municipais, agás nos casos de neglixencia debidamente probada.

Artigo 42º.-Asesoramento e defensa do persoal.

O concello prestará asesoramento e defensa xurídica gratuíta ós/ás traballadores/as municipais nos litixios contra terceiros derivados de feitos ocorridos como consecuencia do desenvolvemento das funcións propias do seu traballo.

Capítulo XIV

Dereitos e deberes do persoal

Artigo 43º.-Dereitos.

Ademais dos previstos na lexislación vixente, o persoal terá dereito a consulta-lo seu expediente persoal e a ser informado/a sobre as incidencias que naquel se produzan.

Artigo 44º.-Deberes.

O persoal obrígase, a través do seu órgano de representación, a negociar e a adopta-lo procedemento de mediación obrigatoria, previamente ó exercicio do dereito de folga ou calquera outra medida que poida prexudica-lo servicio público que o concello representa, para o que se acordará que a mediación a efectúe a Inspección de Traballo.

Capítulo XV

Representación sindical

Artigo 45º.-Actividade sindical.

As partes asinantes deste acordo comprométense a promove-las condicións necesarias para o pleno desenvolvemento da acción e liberdade sindical, recoñecida no artigo 28 da Constitución, na Lei 11/1985, do 2 de agosto e na Lei 9/1987, do 12 de maio.

Artigo 46º.-Taboleiros de anuncios.

O concello instalará en tódolos centros de traballo taboleiros de anuncios sindicais, coas características precisas para servir á súa finalidade específica, ó servicio dos/as delegados/as de persoal e seccións sindicais. Consecuentemente, os traballadores municipais obríganse a fixa-la información sindical nos ditos taboleiros, e a non utilizar outros espacios fóra dos dispostos para esta finalidade.

Artigo 47º.-Formación sindical.

Cada sindicato con representación no concello terá dereito a un crédito de 10 horas por delegado/a e ano para formación sindical que poderá ser utilizado

polo membro que se designe e, deberá xustificarse documentalmente a utilización deste crédito horario.

Capítulo XVI

Dereitos de reunión e folga

Artigo 48º.-Dereito de reunión.

O concello facilitará os locais adecuados para que as reunións poidan celebrarse. As súas características e equipamento satisfará as diversas necesidades que en canto a capacidade, dotación, material e situación puidesen presentarse.

Están facultados para convocar reunións do persoal:

a) As organizacións sindicais, directamente ou a través dos/as seus delegados/as.

b) O colectivo do persoal do concello, sempre que o seu número non sexa inferior ó 40 por cento dos/as traballadores/as convocados/as.

As reunións autorizaranse con carácter xeral fóra do horario de traballo.

Para convocar unha reunión será preciso comunicar por escrito a súa celebración, solicitando o lugar e indicando a data e hora de realización, orde do día e identificación dos/as asinantes lexitimados/as para convocala, con 48 horas de antelación, como mínimo, á data prevista, debendo presentarse no rexistro xeral do concello. Se no prazo de 24 horas a alcaldía non a denega entenderase autorizada. Os/as convocantes serán responsables da boa orde no desenvolvemento dela.

Artigo 49º.-Dereito de folga.

Os representantes sindicais do persoal laboral do Concello de Pontecesures comprométense a esgota-los procedementos de negociación e mediación, antes de proceder a calquera convocatoria de folga. En todo caso, o dereito de folga e a convocatoria preceptiva exerceranse conforme o disposto na lexislación vixente, sendo preciso un aviso previo ó concello coa antelación prevista legalmente.

Os servicios mínimos non poderán exceder do 10% do cadro de persoal. Se non se chegase ó acordo sobre os servicios mínimos a establecer, resolverá o órgano competente.

Disposición adicional

Os/as traballadores/as dos que o seu salario base sexa superior ó fixado nas táboas para a súa categoría continuarán a percibilo; así mesmo, os/as traballadores/as que teñan adquirido o dereito por outros conceptos salariais (complementos de posto de traballo- melloras voluntarias) continuarán a percibilos no mesmo importe no que os teñan recoñecidos. Estas cantidades quedarán reflectidas na nómina de cada traballador/a como complemento persoal e non serán absorbibles nin compensables.

Os complemento de asistencia, locomoción e transporte que veñen percibindo as limpadoras, están incluídas no actual complemento estrasalarial.

O complemento de actividade que veñen percibindo os operarios está incluído no salario base por ser inherente ó posto.

O complemento de perigosidade e o incentivo que vén percibindo o auxiliar da policía local están incluídos no salario base por ser inherentes ó posto, mantendo como complemento do posto de traballo o de producción.

Disposicións transitorias

Primeira.-As táboas salariais que figuran como anexo I a este documento entrarán en vigor a partir do 1 de xaneiro de 2003 e a súa aplicación é para todo o persoal laboral, salvo os contratados/as a través de plans para a inserción e a formación laboral, sempre e cando o tempo traballado en cada un destes plans non exceda de 12 meses nos últimos 18. Superado o dito período a retribución pasará a ser do 100% da categoría profesional que desenvolva.

Os/as contratados/as polo plan Labora dedicarán como mínimo un 40% da xornada a formación e percibirán o 60% do salario da categoría profesional para a que foron contratados/as.

Os/as contratados/as polos programas de cooperación social (incluídos os grupos de pronto auxilio) dedicarán como mínimo un 20% da xornada a formación e percibirán o 80% do salario da categoría profesional para a que foron contratados/as.

Segunda.-Aplicarase o artigo 39 para as situacións de IT producidas a partir da data da sinatura e aprobación polo órgano competente deste acordo.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Seguridade e saúde laboral.

Garantirase o cumprimento da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, no referido á previsión de accidentes e saúde laboral.

Segunda.-Serán incorporadas de xeito inmediato aquelas disposicións en materia de persoal que melloren ou superen o presente acordo, que se acorden para o ámbito da Administración local, ben vía acordo marco-convenio colectivo promovido pola FEGAMP, ben aquelas que sexan acordadas para o persoal funcionario do Concello de Pontecesures, no camiño da homologación das condicións de traballo e retributivas do persoal ó servicio da Administración local.

Terceira.-Para efectos da concesión de anticipos fíxase unha contía anual de saldo vivo de 2.000 euros.

ANEXO I

Táboa salarial 2003

Grupos-categoríasSalario

base

PlusSalario

mensual

VSubalterno/a785,0075,00860,00

Varredor/a785,0075,00860,00

Peóns785,0075,00860,00

Xardineiro/a785,0075,00860,00

Limpador/a785,0075,00860,00

IVOficial850,0075,00925,00

Conductor/a850,0075,00925,00

Monitor/a850,0075,00925,00

Auxiliares850,0075,00925,00

Grupos-categoríasSalario

base

PlusSalario

mensual

IIIEncargados/as1.150,0075,001.225,00

IIAparellador/a1.225,0075,001.300,00

Traballador/a social1.225,0075,001.300,00

Profesor/a educ. adult.1.225,0075,001.300,00

Informador/a xuvenil1.225,0075,001.300,00

Educador/a familiar1.225,0075,001.300,00

Técnico local emprego1.225,0075,001.300,00

ANEXO II

Calendario laboral para 2003

Terán a consideración de días festivos para os traballadores do Concello de Pontecesures:

1 de xaneiroAninovo

6 de xaneiroDía de Reis

7 de xaneiroFestivo local (S. Xulián)

17 de abrilXoves Santo

18 de abrilVenres Santo

1 de maioDía da clase obreira

17 de maioDía das letras galegas

7 de xulloFestivo local (Festa do Carme)

25 de xulloDía da patria galega

15 de agostoNosa Señora

1 de novembroDía de Santos

6 de decembroDía da Constitución

8 de decembroDía da Inmaculada

24 de decembroNoite Boa

25 de decembroDía de Nadal

31 de decembroFin de ano

Igualmente, o persoal municipal que por razóns de servicio teña que traballar nalgún dos días considerados festivos neste calendario, trasladará o seu gozo ó laborable inmediato seguinte, sen prexuízo da retribución por traballo festivo que lle corresponda ó abeiro do disposto neste acordo.