O Concello da Teixeira (Ourense) considerou conveniente organizar correctamente a súa bandeira municipal para perpetuala con simboloxía adecuada e conforme as normas de heráldica. Para iso, e de acordo coas facultades que lle confiren as disposicións legais vixentes, elevou o informe histórico-heráldico, coa correspondente proposta de representación gráfica da enseña, para a súa aprobación definitiva.
A competencia exclusiva en materia de adopción, modificación ou rehabilitación dos emblemas heráldicos e bandeiras dos concellos e doutras entidades locais, correspóndelle á Comunidade Autónoma
Galega, segundo o disposto polo artigo 27.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.
O expediente tramitouse conforme as normas de procedemento establecidas na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, no Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das corporacións locais, aprobado polo Real decreto 2568/1986, do 28 de novembro, e máis no Decreto 369/1998, do 10 de decembro, polo que se regula a composición e funcións da Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia.
Na súa virtude, visto o informe emitido pola Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecatro de xullo de dous mil tres,
DISPOÑO:
Artigo único.-Aproba-la bandeira do concello da Teixeira (Ourense), que figura como anexo, organizada do seguinte xeito: sobre o pano verde, as dúas espigas de amarelo, postas en aspa, acompañadas no alto dun acio de uvas do mesmo, e á hasta, terciado de amarelo.
Santiago de Compostela, vintecatro de xullo de dous mil tres.
Manuel Fraga Iribarne
Presidente
Jesús C. Palmou Lorenzo
Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración
Local