Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Xoves, 07 de agosto de 2003 Páx. 10.348

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

DECRETO 341/2003, do 24 de xullo, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Salvaterra de Miño, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de acondicionamento integral das marxes do río Miño.

O Concello de Salvaterra de Miño, en sesión celebrada o día trece de novembro de dous mil dous, aprobou o proxecto de acondicionamento integral das marxes do río Miño e, na mesma sesión, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Por parte do Concello de Salvaterra de Miño foi remitida a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local o día vinte de xuño de dous mil tres.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local o día vinteseis de maio de dous mil tres.

A Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente emitiu informe o día catorce de maio de dous mil tres.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que segundo sinala o concello, os terreos obxecto de expropiación constitúen a prolongación natural do parque público da Canuda, polo que veñen utilizándose como prolongación deste, sendo, ademais,

un dos poucos senón o único espacio de esparexemento co que conta o municipio, de maneira que é visitado e utilizado por miles de persoas, na súa grande maioría menores de idade. Estes terreos presentan unha progresiva deterioración e falta de adaptación ás esixencias que debe reunir todo parque público en canto espacio de recreo especialmente de menores, seguranza, salubridade, etc., provocando unha situación de evidente risco e perigo para tódolos usuarios.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecatro de xullo de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Salvaterra de Miño para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de acondicionamento integral das marxes do río Miño, debendo, se for o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, realiza-las tramitacións e aprobacións, así como obte-las autorizacións que fosen necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ó inicio das obras.

Santiago de Compostela, vintecatro de xullo de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Carlos Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración

Local