Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Martes, 05 de agosto de 2003 Páx. 10.234

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 1 de agosto de 2003 pola que se define a explotación agropecuaria familiar e tradicional para os efectos do indicado na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

A exposición de motivos da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, publicada no DOG do 31 decembro de 2002 e que entrou en vigor o 1 de xaneiro de 2003, fai constancia da excepcionalidade das terras, eminentemente fértiles e con vocación agrícola, gandeira e forestal da Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo, na súa disposición transitoria décimo primeira, establece un réxime transitorio para o caso de que as explotacións agrícolas e gandeiras que, como consecuencia da aplicación da lei, ficasen fóra de ordenación. Nestes casos poderanse autorizar obras de rehabilitación, conservación, adecentamento, mellora, reforma e mesmo ampliación ata un máximo do 10% da súa capacidade ou superficie. Este límite poderase incrementar ata o 50% cando as explotacións non excedesen no momento da entrada en vigor desta lei, do tipo familiar e tradicional que se determine pola consellería competente en materia de agricultura.

Nesta mesma disposición a lei establece que lle corresponde á consellería competente en materia de agricultura a definición da explotación familiar e tradicional.

Á vista do anterior e co obxecto de dar cumprimento ó establecido na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, cómpre que a Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural determine a definición de explotación agropecuaria de tipo familiar ou tradicional.

No proceso de elaboración da presente orde, o proxecto foi sometido a consulta das organizacións profesionais agrarias, das cámaras agrarias e da Federación Galega de Municipios e Provincias.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, e no Decreto 50/2002, do 14 de febreiro,

DISPOÑO:

Artigo único.-Para os efectos do indicado no artículo 28.g e na disposición transitoria décimo primeira da Lei 9/2002, entenderase por explotación agropecuaria de tipo familiar e tradicional aquelas explotacións que cumpran os seguintes requisitos:

1º Que a man de obra allea non supere o 50% da man de obra total da explotación, medida, en calquera caso, como unidades de traballo agrario

(UTA), tal como as define a Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización de explotacións agrarias, no seu artigo 2.10º: «é o traballo efectuado por unha persoa dedicada a tempo completo durante un ano á actividade agraria».

Para determina-la man de obra existente nunha explotación, teranse en conta os seguintes criterios:

A) Cando o titular sexa persoa física, a achega de man de obra acreditarase, segundo os casos, do xeito seguinte:

1. A man de obra familiar do titular, cotitular e familiares que estean afiliados á Seguridade Social, co informe de vida laboral de cada un deles.

2. A man de obra familiar do titular da explotación, ata o segundo grao inclusive, por consanguinidade ou afinidade e, se é o caso, por adopción, que convivan no seu fogar e estean ó seu cargo, que, estando ocupados na súa explotación, non teñan a obriga de afiliarse ó correspondente réxime da Seguridade Social, poderá estimarse ata un máximo de 0,5 unidades de traballo agrario polo primeiro traballador e 0,25 unidades por cada un dos restantes membros. Esta circunstancia acreditarase mediante declaración xurada do titular solicitante ou por calquera outra forma admitida en dereito, acompañada da copia do DNI de cada un dos familiares, dun informe de vida laboral e do correspondente xustificante de que a persoa ou persoas ás que se refire a declaración están ó seu cargo como beneficiario na Seguridade Social e tamén na declaración do IRPF.

3. A man de obra asalariada acreditarase documentalmente con base na cotización á Seguridade Social.

B) Cando o titular sexa persoa xurídica, computarase unicamente a man de obra achegada polos socios e asalariados non socios, acreditada mediante a correspondente cotización á Seguridade Social. Esta circunstancia xustificarase mediante documento de ingreso no Tesouro das retencións do IRPF practicadas ós asalariados, así como cos xustificantes de pagamento ou boletíns TC1-TC2 dos tres últimos meses cotizados no réxime da Seguridade Social que corresponda, segundo a normativa que sexa de aplicación, dos socios e asalariados non socios que traballen na explotación.

C) No caso de que o titular da explotación sexa unha comunidade de bens, utilizaranse os mesmos criterios que para o caso de que o titular sexa unha persoa física, mencionados na alínea A).

2º As persoas físicas, titulares das explotacións, deberán residir no termo municipal onde radiquen as mesmas ou nalgún dos concellos limítrofes.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria para dicta-las instruccións precisas para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2003.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL

E TURISMO