Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Martes, 05 de agosto de 2003 Páx. 10.226

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 28 de xullo de 2003 pola que se establece, para os gandeiros da Comunidade Autónoma de Galicia, no período 2003/2004, o procedemento para a adquisición de cantidades de referencia ó Fondo Nacional Coordinado de Cotas Lácteas e asignación complementaria da Reserva Nacional.

O Fondo Nacional de Cotas Lácteas, concibido dentro da Reserva Nacional como un elemento básico

para a modernización do sector, está constituído, na actualidade, polo 80% das cantidades de referencia que foron obxecto de indemnización mediante o programa de abandono indemnizado executado durante o período 2002/2003, de acordo co artigo 24 do Real decreto 347/2003, do 21 de marzo e a Orde APA/866/2002, do 17 de abril, programa desenvolvido nesta Comunidade Autónoma mediante a orde da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, do 7 de xuño de 2002.

É necesario, polo tanto establece-lo procedemento para que os productores de leite poidan acceder á cota existente no fondo, así como á asignación complementaria de cota da Reserva Nacional. Neste sentido, a normativa estatal precitada xa establece os aspectos básicos como requisitos dos beneficiarios, contías máximas que se van solicitar do fondo, prazo de solicitude, criterios básicos de prioridade, prezo e procedemento de xestión, así como límites máximos das asignacións complementarias da Reserva Nacional en función das cantidades adquiridas do fondo, quedando pendentes de establecer, a nivel de Comunidade Autónoma, determinados aspectos complementarios dos anteriores, ademais dos de carácter procedemental.

De acordo co anterior, o obxecto desta orde é establece-las condicións e procedemento para a adquisición de cantidades de referencia do Fondo Nacional Coordinado de Cotas Lácteas e para a asignación complementaria de cantidades da Reserva Nacional, no marco do establecido no Real decreto 347/2003, do 21 de marzo, polo que se regula o sistema de xestión da cota láctea, e da Orde APA/1734/2003, do 20 de xuño, pola que se instrumenta a asignación de cantidades de referencia do Fondo Nacional Coordinado de Cotas Lácteas para o período 2003-2004.

Ó abeiro do disposto no Decreto 50/2002, do 14 de febreiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, correspóndelle á Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria, a través da Subdirección Xeral de Explotacións Agrarias, a xestión das cantidades de referencia do leite nas explotacións situadas en Galicia.

Polo tanto, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de xaneiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, así como o Decreto 50/2002, do 14 de febreiro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde establece o procedemento para a adquisición de cantidades de referencia ó Fondo Nacional Coordinado de Cotas Lácteas (en adiante, o fondo), así como para a asignación complementaria da Reserva Nacional, para o período 2003/2004, segundo o disposto no Real decreto 347/2003, do 21 de marzo, polo que se regula o sistema de xestión da cota láctea.

Artigo 2º.-Cantidades existentes e prezo.

1. A cantidade existente no fondo correspondente á Comunidade Autónoma de Galicia, para o período 2003/2004 é de 1.050.819 quilos.

2. O prezo de adquisición das cantidades do fondo establécese en 0,26 euros/quilo.

3. A cantidade correspondente a productores da Comunidade Autónoma de Galicia existente na Reserva Nacional ascende a 1.050.819 quilos.

4. Con cargo ás cantidades indicadas nos puntos 1 e 3 deste artigo, atenderanse, en primeiro lugar, as correspondentes ós recursos que resulten estimados contra as denegacións do fondo coordinado e asignación complementaria da campaña 2002/2003. Unha vez atendidos os ditos recursos, as cantidades resultantes serán as dispoñibles para a adquisición do fondo e asignación da reserva complementaria regulados nesta orde.

Artigo 3º.-Contido de materia graxa.

O contido representativo de materia graxa ou graxa de referencia, das cotas para entrega a compradores asignadas no fondo nacional será 3,55%, que é o da media ponderada dos contidos en graxa das cotas abandonadas no período 2002/2003, e así deberase ponderar no contido representativo de materia graxa do gandeiro beneficiario.

Artigo 4º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios do fondo, logo de pagamento do importe correspondente, e da asignación complementaria da Reserva Nacional, aqueles productores que o soliciten, teñan a súa explotación na Comunidade Autónoma de Galicia e cumpran os requisitos establecidos na presente orde.

Artigo 5º.-Requisitos para acceder á asignación.

1. Poderán solicita-la asignación de cantidades de referencia do fondo os productores que reúnan os seguintes requisitos.

a) Dispoñer de cota asignada inferior a 400.000 quilogramos o 1 de abril de 2003.

No caso de sociedades cooperativas ou sociedades agrarias de transformación, sociedades civís, laborais ou outras mercantís tal e como se definen no artigo 2.o) do Real decreto 347/2003, con cantidade de referencia asignada a nome da entidade, o límite anterior aplicarase despois de dividi-la cota asignada á entidade polo número de agricultores a título principal que as integren.

b) Non se ter acollido ós programas de abandono definitivo da producción de leite, financiados con cargo a fondos da Unión Europea, nacionais ou autonómicos.

c) Non ter transferido cantidades de referencia nos períodos 2000/2001, 2001/2002 e 2002/2003.

d) Que as entregas e vendas directas de leite e productos lácteos (incluídas as cesións temporais) do último período sexan, alomenos, do 90% da cota que tivese asignada neste.

e) Cumpri-las esixencias de calidade do leite, de acordo co Real decreto 1679/1994, nun dos tres meses anteriores á convocatoria, no referente a contido en xermes, células somáticas e presencia de auga engadida, e durante os meses de xaneiro a xuño, ámbolos dous incluídos, no referente a presencia de residuos de substancias farmacoloxicamente activas.

f) Non ter renunciado á asignación de cota procedente da última convocatoria de reparto da Reserva Nacional.

g) No caso de ter solicitado cota do fondo no mesmo período ou no anterior, non ter incumprido coa obriga de deposita-la cantidade correspondente no prazo establecido.

h) Non ter sido excluídos de asignación de cotas procedentes da Reserva Nacional por unha declaración falsa ou incorrecta por neglixencia grave nalgunha das tres últimas convocatorias.

i) Non ter sido sancionado por incumprimento da normativa de campañas de saneamento gandeiro.

j) Que en ningún dos tres anos anteriores a aquel para o que se solicita o fondo de cotas, ó interesado se lle tivese sancionado pola presencia no seu gando ou explotación de residuos de substancias prohibidas en virtude do Real decreto 1373/1997, do 29 de agosto, polo que se prohíbe utilizar determinadas substancias de efecto hormonal e tireostático e substancias beta-agonistas de uso na cría de gando, ou de substancias ou productos non autorizados ou substancias ou productos autorizados, pero en posesión ilegal na súa explotación.

k) Non ter sido sancionado por falta moi grave, en ningún dos tres anos anteriores a aquel para o que se solicita a asignación de reserva, por incumprimento da normativa básica establecida en materia de alimentación e benestar animal e en particular no Real decreto 3454/2000, polo que se establece e regula o Programa Integral Coordinado de Vixilancia e Control das Encefalopatías Esponxiformes transmisibles dos animais e o Real decreto 348/2000, do 10 de marzo, polo que se incorpora ó ordenamento xurídico a Directiva 98/58/CE, relativa á protección dos animais nas explotacións gandeiras.

l) Non ter sido sancionado por falta moi grave en ningún dos tres períodos anteriores ó de solicitude de reserva, en materia de identificación animal.

m) Non atoparse o titular da explotación en situación de xubilación.

2. Os requisitos expresados no punto anterior deberán cumprirse na data de entrada en vigor desta orde. Pola súa parte, as condicións sanitarias indicadas no punto e) consideraranse cumpridas, para os productores con entrega a compradores, cando os resultados das análises de leite da explotación efectuados polos laboratorios interprofesionais de análises de leite ( en Galicia, LIGAL), ou labora

torios autorizados pola Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, correspondentes ós meses de abril, maio e xuño de 2003, demostren, nas medias dun deses meses, alomenos, que o contido en xermes/ml é inferior a 100.000 e en células somáticas inferior a 400.000, e que non exista presencia de auga engadida. Ademais hai que demostrar que nos seis meses anteriores á solicitude non haxa presencia de residuos de substancias farmacoloxicamente activas. No caso de explotacións con cota exclusivamente de venda directa, consideraranse cumpridas as esixencias de calidade se a explotación está cualificada sanitariamente de acordo coa normativa vixente.

Artigo 6º.-Limitacións.

1. De acordo co establecido no artigo 32 do Real decreto 347/2003, os gandeiros adquirentes de cantidade de referencia do fondo, comprométense a non transferir nin ceder temporalmente tanto a súa cota propia como a adquirida do fondo durante tres períodos contados a partir do período no que se recibiu a asignación.

2. As cantidades de referencia asignadas da Reserva Nacional, ó abeiro da presente orde, non poderán ser obxecto de transmisión por venda ou arrendamento, nin de cesión temporal ou abandono indemnizado, e serán reintegradas na Reserva Nacional cando o productor cese na actividade ou transfira, total ou parcialmente, a súa cota.

Exceptúanse do establecido nos parágrafos anteriores os casos de transferencias de cotas vinculadas ás explotacións, sempre que se trate da mesma explotación que tiña o productor anterior, quedando as cantidades de referencia procedentes da Reserva Nacional suxeitas ós requisitos de orixe.

Artigo 7º.-Clasificación das solicitudes.

1. A distribución, entre os productores, das cantidades de referencia do fondo efectuarase de acordo cos criterios de prioridade e da puntuación acadada segundo o baremo establecido no punto 2, tendo en conta a cantidade de referencia dispoñible de cada solicitante e as cantidades máximas previstas no artigo 8º.

2. No marco do establecido no artigo 28 do Real decreto 347/2003, as solicitudes para a adquisición de cantidades de referencia do fondo serán puntuadas conforme o seguinte baremo:

a) Por ser titular dunha explotación, agraria familiar ou asociativa, que sexa prioritaria de acordo cos artigos 4 a 6 da Lei 19/1995: 3 puntos.

b) Presenta-la condición de agricultor profesional, tal e como se define no artigo 2.5º da Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización das explotacións agrarias: 2 puntos.

c) Por ter aprobado, no período comprendido entre o 30 de setembro de 1998 e o 30 de setembro de 2003 un plan de mellora da explotación ou unha

axuda á primeira instalación de agricultores mozos, ó abeiro dos reais decretos 204/1996 e 613/2001, coas melloras realizadas ou en execución: 3 puntos.

d) Por presenta-la condición de agricultor mozo tal e como se define no artigo 2.ñ) do Real decreto 347/2003, no momento de entrada en vigor da presente orde: 3 puntos.

As explotacións asociativas poderán obte-las puntuacións previstas nos parágrafos b) e d) se alomenos o 50% dos socios que as integren cumpren a condición establecida en cada un deles.

e) Por non ter recibida asignación na convocatoria anterior, téndoo solicitado sempre que se cumpriran os requisitos: 2 puntos.

f) Por estar a explotación en zona desfavorecida ou de limitación medioambiental específica, das contempladas no capítulo V do título II do Regulamento 1257/1999: 2 puntos.

g) Por ter sido destinatario dunha transferencia de cota doutra explotación para as campañas 2001/2002 e 2002/2003: 1 punto.

h) Por te-la explotación integrada no control de rendemento leiteiro oficial e cumpri-lo establecido na orde da consellería do 17 de xullo de 2002, de axudas no marco do programa de mellora gandeira de Galicia, como mínimo no período do 1-10-2001 ó 30-9-2002: 1 punto.

i) Por ser membro dunha cooperativa para comercialización de leite que estea autorizada como comprador de leite no réxime da taxa suplementaria ou agrupacións de xestión económica: 1 punto.

j) Se a explotación do solicitante pertence a unha asociación de defensa sanitaria de gando vacún de leite: 1 punto.

k) Por estar inscrito nunha denominación de calidade ou indicación xeográfica protexida ou similares relativas ó leite ou productos lácteos: 1 punto.

l) Por pertencer a explotación asociativa que, segundo se establece no artigo 6 da Lei 19/1995, son as que adoptan algunha das seguintes formas xurídicas:

-Sociedades cooperativas ou sociedades agrarias de transformación.

-Sociedades civís, laborais ou outras mercantís que, no caso de que sexan anónimas, as súas accións deberán ser nominativas, sempre que máis do 50 por cento do capital social, de existir este, pertenza a socios que sexan agricultores profesionais. Estas sociedades terán por obxeto exclusivo o exercicio da actividade agraria na explotación da que sexan titulares.

1 punto.

m) Por ser muller: 1 punto. Se a explotación é asociativa, cando alomenos o 50% dos socios que as integren sexan mulleres (agricultoras a título principal).

3. Ordenaranse as solicitudes por orde de puntuación, de maior a menor, conforme o baremo sinalado no punto anterior, ata que se esgote a cantidade dispoñible.

4. No caso de que dous ou máis solicitantes tivesen a mesma puntuación, darase preferencia ós productores que se atopen nas seguintes circunstancias, pola orde que se cita:

a) Ser titulares dunha explotación prioritaria.

b) Ter solicitado cantidades procedentes da Reserva Nacional na convocatoria anterior e non ter recibido por falta de dispoñibilidade desta.

c) Presenta-la condición de agricultor profesional tal como se define no artigo 2.n) do Real decreto 347/2003.

d) Obter, nalgún dos dous anos inmediatamente anteriores á data da solicitude, algunha axuda oficial das previstas no punto 3 do artigo 18 do Real decreto 347/2003.

e) Pola súa idade, dando prioridade ás explotacións asociativas de maior a menor antigüidade na súa data de constitución, e seguidamente ás persoas físicas de menor a maior idade.

Artigo 8º.-Cantidades e limitacións para a asignación.

1. A cantidade de referencia máxima que se poderá adquirir do fondo establécese en función da cantidade de referencia asignada o 1 de abril de 2003, segundo o que a continuación se indica:

a) Se non tivese cota asignada, ata un máximo de 75.000 kg.

b) Se a súa cota asignada é inferior a 150.000 kg, ata un máximo do 50 por 100 desta.

c) Se a súa cota asignada está comprendida entre 150.000 e 250.000 kg, ata un máximo do 50 por 100 da diferencia entre a súa cota e 350.000 kg.

d) Se a súa cantidade de referencia asignada está comprendida entre 250.000 e 400.000 kg, ata un máximo do 25 por 100 da diferencia entre a súa cota e 500.000 kg.

Nos casos de sociedades cooperativas e sociedades agrarias de transformación, con cota asignada, os límites sinalados de acceso ó fondo calcularanse dividindo a cota asignada polo número de agricultores a título principal que as integren, e a cantidade a solicitar será o resultado de multiplicar polo dito número a cantidade que correspondería a cada un, segundo os baremos anteriores.

Así mesmo, seralles de aplicación o criterio anterior ás sociedades civís, laborais ou outras mercantís que, no caso de que sexan anónimas, as súas accións deberán ser nominativas, sempre que máis do 50% do capital social, de existir este, pertenza a socios que sexan agricultores profesionais. Estas sociedades terán por obxecto exclusivo o exercicio da actividade agraria na explotación da que sexan titulares.

2. Excluiranse as solicitudes dos productores ós que se lles tivesen asignado cantidades procedentes do fondo no período inmediatamente anterior ó da solicitude.

3. Non se asignarán cantidades superiores ás solicitadas.

4. Non obstante o anterior, con independencia da cota láctea do gandeiro, non se asignarán cantidades superiores a 20.000 kg nin inferiores a 5.000 kg.

Artigo 9º.-Presentación das solicitudes.

1. Os productores de leite que teñan a explotación situada na Comunidade Autónoma de Galicia, que reúnan os requisitos establecidos no artigo 5º e estean interesados en obter cantidades de referencia do fondo de cotas para o período 2003/2004 deberán presentar, antes do 30 de setembro de 2003, unha solicitude dirixida ó conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, de acordo co modelo incluído como anexo I, acompañada da documentación que se indica no artigo seguinte.

2. As solicitudes presentaranse, preferentemente, nas oficinas agrarias comarcais ou en calquera das oficinas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 10º.-Documentación.

Coa solicitude achegarase a seguinte documentación, xustificativa do cumprimento dos requisitos esixidos ós solicitantes e ás súas explotacións:

1. Se o solicitante é persoa física:

a) Fotocopia do NIF ou CIF do solicitante.

b) Fotocopia cotexada da declaración do IRPF do exercicio 2002, e fotocopia cotexada do recibo da cotización á Seguridade Social do mes de marzo de 2003. Esta documentación poderase omitir cando o productor fose beneficiario de indemnizacións compensatorias na campaña actual ou teña aprobado neste ano ou no anterior axudas ó abeiro do Real decreto 613/2001.

c) Un boletín de análises dun laboratorio interprofesional de análises de leite ou doutro laboratorio autorizado pola Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, correspondente á media dun mes do período 1-4-2003 ó 31-6-2003, se o leite da explotación non se analiza no LIGAL.

Nas explotacións de cota exclusivamente de venda directa, presentarase copia do comunicado da última campaña oficial de saneamento gandeiro realizada na explotación (folla verde), na que conste a súa cualificación sanitaria.

d) Para a xustificación dos méritos sinalados no artigo 7.2º j), k) e l) emitirase o oportuno certificado do órgano rector correspondente.

e) Autorización á Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria, para comprobar e solicitar ante o LIGAL e ante a Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT), cantos documentos e informes sexan precisos para a verificación dos requisitos necesarios para a tramitación e pagamento da indemnización.

2. Se o solicitante é unha comunidade de bens:

a) Fotocopia do CIF.

b) Copia do documento de constitución da comunidade de bens.

c) Certificación do órgano rector da comunidade de bens autorizando ó representante para presenta-la solicitude en nome da comunidade, indicando ademais a relación nominal e o NIF de tódolos socios.

d) Os documentos indicados nos puntos a), b) e d) do punto anterior deste artigo, para os membros da comunidade que reúnan a condición de ATP.

e) Se é o caso, a documentación indicada no punto c) e d) do punto 1.

3. Se o solicitante é unha persoa xurídica:

a) Fotocopia do CIF.

b) Copia do documento de constitución da entidade.

c) Copia da certificación expedida polo órgano rector da entidade ou escritura de apoderamento na que conste a identificación da persoa autorizada para a presentación da solicitude e representar á entidade.

d) Certificación do órgano ou persoa correspondente, respecto dos socios que constitúen a entidade, así como os documentos indicados nos puntos a), b) e d) do punto 1 do presente artigo, para aqueles socios que reúnan a condición de agricultor a título principal.

e) Se é o caso, fotocopia cotexada do imposto de sociedades do exercicio 2002 e certificado de retencións. Esta documentación poderase omitir cando o solicitante fose beneficiario de indemnizacións compensatorias na campaña actual ou teña aprobado neste ano ou no anterior axudas ó abeiro do Real decreto 613/2001.

f) Se é o caso, a documentación indicada no punto c) e d) do punto 1 do presente artigo.

Artigo 11º.-Tramitación, concesión e recursos.

1. As solicitudes presentadas remitiranse ós servicios provinciais de explotacións agrarias para a súa comprobación e análise, os cales, tendo en conta os requisitos, puntuacións e prioridades previstas na presente orde, elaborarán un informe, que elevarán, coa proposta correspondente, ó director xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria.

2. A Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria proporá ó conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural as apro

bacións das solicitudes para que dicte as correspondentes resolucións, que lles notificará ós interesados para que no prazo e forma establecidos a continuación, se deposite o importe correspondente ós quilos adquiridos, na conta que para tal efecto ten habilitada a Dirección General de Ganadería do MAPA.

3. No prazo dun mes a partir da recepción da notificación da resolución, os gandeiros deberán ingresa-lo importe citado, do prezo das cantidades de cota que figuran nesta, na conta corrente que figura como anexo II a esta orde, remitíndolle unha copia do xustificante de ingreso ó Servicio Provincial de Explotacións Agrarias.

4. O conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, unha vez que se comprobe por parte do MAPA o ingreso efectivo en prazo, emitirá novas resolucións para os gandeiros que non constituíron o dito ingreso en prazo, nas que se entenderá que renuncian á asignación, de acordo co artigo 33.1º do Real decreto 347/2003.

5. Contra as resolucións que, en aplicación desta orde, dicte o conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural poderanse interpoñe-los recursos contemplados no artigo 16º da presente orde.

Artigo 12º.-Desistimento e renuncia.

1. De acordo co previsto no artigo 33.1º do Real decreto 347/2003, do 21 de marzo, os solicitantes que no prazo sinalado non efectúen o ingreso do importe das cantidades adquiridas do fondo, entenderase que renuncian á asignación.

2. Así mesmo, non terá efecto a renuncia á asignación unha vez efectuado o ingreso das cantidades correspondentes á adquisición de cota do fondo.

Artigo 13º.-Asignación complementaria.

1. Tendo en conta o previsto no Real decreto 347/2003 e no artigo 2 da Orde APA/1734/2003, do 20 de xuño, o conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, asignaralle ós gandeiros que obtivesen cota do fondo e que o soliciten, unha cantidade de referencia complementaria da Reserva Nacional, igual á cota obtida do fondo.

2. Estas asignacións complementarias da Reserva Nacional non modificarán o contido representativo de materia graxa da cota do gandeiro beneficiario.

Artigo 14º.-Falsidade de datos.

A falsidade dos datos consignados na solicitude ou na documentación presentada dará lugar á anulación da asignación e será sancionada de acordo coa normativa vixente, sen prexuízo das responsabilidades de todo tipo que se puidesen derivar, especialmente as derivadas do réxime da taxa suplementaria.

Artigo 15º.-Inspección e control.

1. A Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria poderá solicita-la documentación complementaria e realiza-los controis administrativos e inspeccións que considere oportunos co fin de comproba-la veracidade dos datos consignados na documentación presentada.

2. O productor deberá colaborar nas devanditas inspeccións, proporcionando os datos requiridos e facilitando, se é o caso, o acceso á explotación.

Artigo 16º.-Recursos administrativos.

As resolucións, expresas ou presuntas, dos expedientes tramitados en aplicación desta orde, esgotan a vía administrativa e, contra ela, cabe interpoñe-los seguintes recursos:

1. Potestativamente, recurso de reposición ante o conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da súa notificación, ou de tres meses, contado a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999.

2. Directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdiccional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ó da súa notificación, se é expresa; ou de seis meses, contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto, de acordo co previsto na Lei reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Disposición adicional

Única.-Solicitude de datos pola Administración.

Os solicitantes das axudas contempladas nesta orde autorizan á Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria, tal como consta no anexo da solicitude, para comprobar e solicitar ante o LIGAL e a AEAT, cantos documentos e informes sexan precisos para a verificación dos requisitos necesarios para a tramitación e pagamento da indemnización.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria para dicta-las instruccións necesarias para o mellor cumprimento e aplicación do disposto nesta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2003.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural