Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Martes, 05 de agosto de 2003 Páx. 10.222

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

CIRCULAR informativa 3/2003, do 31 de xullo, sobre o réxime de autorizacións para edificar en núcleos rurais de municipios sen planeamento.

A Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, no seu artigo 13, establece un novo concepto de solo de núcleo rural presidido pola idea de conservar, mellorar, potenciar e recupera-los asentamentos, as construccións e os elementos de carácter tradicional.

Os novos plans xerais de ordenación municipal terán que analiza-lo modelo de asentamento dos núcleos rurais do seu termo municipal, e delimita-los núcleos e a súa área de expansión segundo os criterios establecidos pola nova lei.

Mentres tanto non se produce a adaptación do plan, ó solo incluído no ámbito dos núcleos delimitados ó abeiro da Lei 11/1985, de adaptación da do solo a Galicia, ou da Lei 1/1997, do solo de Galicia, aplicaráselle integramente o disposto nesta lei para o solo de núcleo rural (disposición transitoria primeira, número 1, letra e). Non é extensible o réxime do solo de núcleo rural ó que as normas subsidiarias e complementarias denominaron como área de tolerancia, onde é de aplicación o réxime do solo rústico. Tampouco cabe a ampliación dos núcleos rurais delimitados nin a delimitación da área de expansión, función que corresponde ó futuro plan xeral de ordenación municipal adaptado á nova Lei 9/2002.

Nos municipios con planeamento aprobado ó abeiro da lexislación anterior á Lei 11/1985, de adaptación da do solo a Galicia, non se identificaron nin delimitaron o ámbito dos núcleos rurais e os terreos normalmente estarán clasificados como solo non urbanizable, polo que, en principio sería aplicable o réxime do solo rústico. Malia o anterior,

a consellería entende viable a edificación no ámbito dos núcleos existentes que cumpran os requisitos establecidos polo artigo 13 e obteñan a previa autorización autonómica consonte o establecido pola disposición adicional segunda.

En ausencia de planeamento urbanístico municipal, será necesario obter en todo caso a preceptiva autorización autonómica, consonte o establecido pola disposición adicional segunda.

Así mesmo, esta circular indica a documentación que se considera suficiente para os expedientes de autorización de edificación no ámbito dos núcleos rurais existentes cando é necesaria a obtención da autorización autonómica.

Con ocasión da determinación do contido do anteproxecto técnico -peza clave para defini-las construccións e os usos proxectados e determina-las medidas necesarias para a súa integración coas edificacións tradicionais do núcleo ruralaprovéitase para aclarar certas cuestións sobre as que algúns concellos efectuaron consultas ante esta consellería, no trámite previo á elaboración desta circular.

Así, en canto ós materiais que se empregarán para o acabamento exterior das edificacións, deben se-los que especifica o artigo 29.1º, isto é, para o acabamento das edificacións empregarase a pedra ou outros materiais tradicionais e propios da zona, a carpintería exterior debe ser de madeira pintada ou de aluminio lacado, e para a terminación das cubricións empregarase tella cerámica e/ou lousa, segundo a tipoloxía propia da zona. A propia lei permite, en casos excepcionais debidamente xustificados, o emprego doutros materiais sempre que se garanta a súa adecuación ó contorno. Para estes efectos, o anteproxecto técnico é o instrumento idóneo para motivar e especifica-las razóns técnicas que xustifican o emprego doutros materiais e a súa harmonización coa paisaxe rural e coas edificacións tradicionais propias da zona. O órgano competente para resolve-la autorización, á vista do anteproxecto técnico presentado e dos informes emitidos, valorará a xustificación da solución adoptada.

Respecto do volume das edificacións, a lei establece que debe ser similar ás edificacións tradicionais existentes no contorno, aspecto que corresponde analizar e xustifica-lo anteproxecto técnico.

Outro aspecto importante son as medidas para garanti-la resolución das infraestructuras e servicios necesarios con cargo exclusivo ó promotor da edificación. Para estes efectos, a lei esixe a conexión cos servicios existentes no núcleo e, de non existir, a consellería entende suficiente que se resolvan por medios individuais en condicións adecuadas para o uso pretendido (artigo 24.2º, en relación co artigo 29.1º g)).

A lei esixe que a parcela na que se pretende edificar deberá dispoñer de acceso rodado público e non se permite a apertura de novas pistas, rúas ou camiños, que non estean previstos no planeamento, nin tampouco a ampliación dos existentes nin o

derrubamento, de maneira inxustificada, de muros tradicionais dos rueiros e corredoiras (artigo 28 e)).

Por último a circular sinala os supostos nos que non é necesaria a previa autorización autonómica para determinadas obras que se pretendan realizar en edificacións existentes nos núcleos rurais.

1. Natureza da circular.

Esta circular ten natureza de instrucción ou orde de servicio dictada ó abeiro do disposto polo artigo 21 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, polo que só é de obrigado cumprimento para os órganos e unidades administrativas desta consellería.

Para unha maior transparencia na xestión administrativa e da seguridade xurídica, considerase conveniente a publicación desta circular para que tódolos interesados poidan coñece-los criterios que seguirá a consellería para o outorgamento de autorizacións para edificar nos núcleos rurais existentes nos municipios sen planeamento, de acordo co establecido pola disposición adicional segunda, número 2, da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Así mesmo, e aínda que esta circular non ten os efectos propios dunha norma xurídica de natureza regulamentaria, cumprirá unha función importante para facilita-la interpretación e aplicación da Lei 9/2002, e en particular, para o outorgamento de licencias urbanísticas en solo de núcleo rural.

2. Obxecto da circular informativa.

Esta circular informativa ten por obxecto coordina-la actuación das unidades administrativas desta consellería encargadas de tramita-los expedientes de autorización autonómica para edificar nos núcleos rurais existentes en municipios sen planeamento xeral propio, ó abeiro da disposición adicional segunda da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

3. O ámbito de aplicación do réxime do solo de núcleo rural.

3.1. Nos municipios con planeamento xeral non adaptado á vixente Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, será de aplicación o réxime do solo de núcleo rural nos seguintes ámbitos:

a) Municipios con planeamento aprobado ó abeiro da Lei 1/1997, do solo de Galicia: no ámbito do solo de núcleo rural delimitado polo plan. Para edificar nesta clase de solo non será esixible a previa autorización autonómica.

b) Municipios con planeamento aprobado ó abeiro da Lei 11/1985, de adaptación da do solo a Galicia: no ámbito dos núcleos rurais tradicionais delimitados que están clasificados polo plan como solo urbano e como solo non urbanizable e para edificar nos terreos incluídos neste ámbito non será necesaria a previa autorización autonómica.

Nos terreos clasificados como solo urbanizable ou apto para urbanizar de núcleo rural tradicional, o seu desenvolvemento urbanístico require a aprobación previa do correspondente plan especial de protección, rehabilitación e mellora do medio rural.

A denominada área de tolerancia non forma parte do ámbito do solo de núcleo rural e, en consecuencia, esta sometida ó réxime do solo rústico.

Ós terreos clasificados como solo urbano e solo urbanizable ou apto para urbanizar de núcleo rural de recente formación aplicaráselles o réxime do solo urbano ou urbanizable, segundo corresponda de conformidade coa disposición transitoria primeira, número 1, letras b), c) ou d).

c) Municipios con planeamento aprobado ó abeiro da lexislación anterior á Lei 11/1985: o feito dos asentamentos rurais propio de Galicia non estaba previsto na lexislación urbanística estatal aplicable con anterioridade á Lei 11/1985, polo que o planeamento municipal ou non recoñecía a súa existencia, ou utilizaba diferentes vías para recoñece-lo feito do asentamento. Nestes municipios con planeamento urbanístico que non delimita o ámbito dos núcleos rurais do termo municipal, en coherencia coa disposición adicional segunda da Lei 9/2002, considerase que nos asentamentos que concorran os requisitos establecidos polo artigo 13 para seren considerados como núcleos rurais, resulta viable a edificación coa preceptiva autorización autonómica previa á concesión da licencia urbanística municipal.

3.2. Segundo a disposición adicional segunda, en ausencia de planeamento municipal para a edificación nos núcleos rurais existentes nestes municipios, será necesaria a previa autorización autonómica.

4. Documentación dos expedientes de autorización para edificar nos núcleos rurais.

Os órganos da consellería velarán para que nos expedientes de autorización que se tramiten figure a documentación que se indica nesta circular, que se considerará suficiente para resolver.

4.1. A solicitude de autorización.

Os servicios da consellería comprobarán que a solicitude presentada ante o concello reúne os requisitos establecidos polo artigo 70.1º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

No caso de que se actúe a través de representante, reclamarán que se acredite a representación por calquera medio válido en dereito (artigo 32 da Lei 30/1992).

4.2. O anteproxecto técnico.

Para os efectos establecidos polo artigo 41.2º a) da Lei 9/2002, os servicios da consellería velarán pola integridade documental do anteproxecto redactado por técnico competente e visado polo correspondente colexio profesional, e polo cumprimento das condicións establecidas pola Lei 9/2002.

4.2.1. Memoria descritiva e xustificativa da existencia do núcleo rural e do cumprimento das con

dicións de edificación establecidas pola Lei 9/2002, con especificación dos seguintes aspectos:

a) Identificación e características esenciais da parcela de localización da edificación e do seu contorno nun raio mínimo de 500 metros.

b) Identificación e características esenciais do núcleo rural, analizando a súa morfoloxía, infraestructuras e dotacións urbanísticas existentes, grao de consolidación pola edificación, patrimonio arquitectónico e cultural, tipoloxías edificatorias, forma dos ocos e das cubertas, características dos materiais, cores e formas constructivas das edificacións e construccións tradicionais do asentamento e calquera outra circunstancia urbanística relevante.

c) Xustificación de que a parcela dispón de acceso rodado público. Para estes efectos, a lei non permite a apertura de pistas, rúas ou camiños, nin tampouco a ampliación dos existentes ou o derrubamento inxustificado de muros tradicionais (artigo 28 e)).

d) Resolución, por conta do promotor, dos servicios de abastecemento de auga, da evacuación e tratamento de augas residuais, da subministración de enerxía eléctrica, da recollida, tratamento, eliminación e depuración de toda clase de residuos e da previsión de aparcamentos suficientes (artigo 29.1º g)). Para estes efectos, a lei esixe a previsión da execución da conexión cos servicios existentes no núcleo, e de non existir, deberán resolverse por medios individuais adecuados a custa do promotor.

e) Medidas correctoras necesarias para minimiza-la incidencia da actividade solicitada sobre o territorio, así como todas aquelas medidas, condicións ou limitacións, tendentes a consegui-la menor ocupación territorial e a mellor protección da paisaxe, dos recursos productivos e do medio natural, así como a preservación do patrimonio cultural e da singularidade e tipoloxía arquitectónica do núcleo rural.

f) Especificación das características da edificación, xustificando o cumprimento das condicións de uso e de edificación establecidas pola Lei 9/2002 (artigos 25 a 29).

g) Especificación das características estéticas das edificacións e construccións previstas. Os materiais que se empregarán para o acabamento serán os sinalados polo artigo 29.1º e para o caso de que resulte conveniente o emprego doutros materiais, deberá xustificarse cumpridamente a solución técnica adoptada e a súa congruencia coa paisaxe rural e coas edificacións tradicionais propias da zona (en canto a textura, cor, forma, etc.), nos termos dos artigos 29.1º e 104 da lei.

Para efectos meramente indicativos, e sen prexuízo da necesaria xustificación técnica que debe conte-lo anteproxecto, sinálanse as seguintes posibles solucións:

As edificacións poden remata-los panos de fachada con revestimentos continuos de morteiro. No caso de emprega-la pedra, deben rexeitarse solucións de simple aplacado en muros ou elementos portantes.

No caso de utilización de madeira en revestimentos, poden empregarse táboas ou excepcionalmente outro tipo de materiais que cumpra a mesma función (lamas de metal ou formigón, tramas metálicas prefabricadas). Rexeitaranse os acabamentos brillantes ou reflectintes nos metais.

En canto a cores en fachadas, poden admitirse cores próximas á branca, pardo ou crema e, en calquera caso, próximas ás utilizadas no lugar.

O material que se empregará nas cubertas será a tella cerámica ou lousa, segundo cal sexa o material tradicionalmente empregado no lugar. Como solucións excepcionais poden empregarse outros materiais como cobre, zinc, ou placas onduladas (neste caso, de cor vermella ou alaranxada nas comarcas de tella, e gris ou negra nas de lousa). Para estes supostos excepcionais, debe xustificarse non só o valor arquitectónico da edificación en si mesma, senón principalmente o axeitado criterio de integración volumétrica, compositiva e material da nova edificación coas do seu contorno, de modo que o emprego de materiais alternativos debe responder a unha motivación fundada na calidade arquitectónica da proposta.

En calquera caso, admitiranse os esixidos para o acceso ás axudas de rehabilitación de vivenda rural, na normativa propia do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

h) Se é o caso, antecedentes das edificacións e construccións existentes, indicando as súas características principais, dimensións, superficies construídas e alturas, así como a súa situación legal e licencias urbanísticas que as amparen.

4.2.2. Planos de información e das construccións proxectadas.

Con carácter orientativo, a consellería considerarán suficiente a seguinte documentación gráfica:

a) Plano de situación a escala mínima 1/5.000 que permita identifica-lo núcleo rural, a súa topografía, as infraestructuras e dotacións urbanísticas existentes, as edificacións existentes, diferenciando entre as que son de tipoloxía tradicional das que non o son, a estructura parcelaria, os leitos, as vías e camiños públicos existentes, e a identificación da parcela sobre a que se vai situa-la edificación.

b) Plano de proposta de delimitación do núcleo rural a escala adecuada que permita aprecia-la consolidación pola edificación de, como mínimo o 50% segundo o establecido polo artigo 13.3º, e que en ningún caso poderá defini-la área de expansión que é función propia do plan xeral.

c) Plano acoutado da totalidade da parcela a escala mínima 1/500, que reflicta a forma, dimensións, topografía e superficie do predio e os nomes dos propietarios colindantes e se aprecien as edificacións existentes no interior da parcela, se é o caso, a posición das vías públicas de acceso indicando o seu largo, a situación exacta da edificación solicitada, acoutando as dimensións das edificacións existentes e proxectadas e a súa distancia a lindeiros e a eixes dos camiños.

d) Planos acoutados dos alzados e seccións significativas nos que se reflictan as alturas das construccións e se aprecien os tratamentos das fachadas, a morfoloxía e tamaño dos ocos, as características estéticas e constructivas e os materiais e acabados exteriores, así como os valados e peches previstos para o predio.

e) Planos das cubertas en planta e seccións, nos que se poida aprecia-la solución adoptada, a morfoloxía e características constructivas e os materiais e acabamentos previstos para esta.

f) Planos de cada unha das plantas da edificación solicitada.

4.2.3. Reportaxe fotográfica.

Igualmente, con carácter orientativo, a consellería entenderá suficiente a reportaxe fotográfica co seguinte contido:

a) Fotografía na que se reflicta o conxunto das edificacións existentes no núcleo rural.

b) Fotografías tomadas desde o interior da parcela que, como mínimo, reflictan o existente cara ós catro ventos principais.

c) Fotografías das edificacións tradicionais existentes no núcleo rural, nas que se poidan aprecia-las súas características volumétricas, tipolóxicas e de acabamentos.

d) Fotografía da parcela tomada desde a vía pública á que dea fronte, na que se reflicta o seu estado actual.

4.3. A acreditación da superficie da parcela.

Para acredita-la superficie da parcela onde se vai situa-la edificación, considérase suficiente a certificación catastral descritiva e gráfica da parcela que acredite a súa titularidade e a súa superficie. No caso de que o solicitante non sexa o propietario, poderá acredita-lo seu dereito por calquera medio de proba admisible en dereito.

No caso de imposibilidade de presenta-la certificación catastral achegarase documento emitido pola xerencia do catastro no que se expresen as causas, xunto coa de medición realizada por técnico colexiado competente.

Para os efectos de cumpri-la superficie mínima de parcela non se admitirá a adscrición de varias parcelas e, neste caso, será necesario achega-la escritura de agrupación das parcelas colindantes.

4.4. O documento no que se formalicen os compromisos do interesado.

De conformidade co disposto polos artigos 24.2º e 29 g) o promotor debe asumir ó seu cargo exclusivo a resolución dos servicios e infraestructuras necesarias e garanti-la execución simultánea coa edificación. Para estes efectos os interesados poderán emprega-lo modelo orientativo que se insire como anexo I, sen prexuízo de calquera outro que cumpra os requisitos legais.

4.5. O xustificante do aboamento das taxas.

Antes da tramitación do expediente pola consellería, deberá achegarse o xustificante do ingreso

das taxas derivadas da Lei 13/1991, mediante o impreso de autoliquidación establecido para o efecto pola Consellería de Economía e Facenda e debidamente cuberto pola entidade financeira colaboradora (orixinal do exemplar para a Administración).

4.6. O expediente administrativo municipal.

Os servicios da consellería velarán polo cumprimento dos requisitos establecidos polo artigo 41.2º, para o que se considerará suficiente que no expediente conste a seguinte documentación:

a) Certificación expedida polo secretario do concello, acreditativa da realización do trámite de información pública facendo constar que se cumpriron os requisitos establecidos polo artigo 41.2º b).

b) Copia dos anuncios publicados na prensa durante dous días consecutivos e no taboleiro de anuncios. Os anuncios indicarán, como mínimo, a localización, o uso solicitado, a altura e ocupación da edificación pretendida e o lugar e horario de consulta da documentación completa.

c) Escritos de alegacións presentados no concello, se é o caso.

d) Informe dos técnicos municipais.

e) Informe do órgano municipal que teña atribuída a competencia para outorga-la licencia de obra.

f) Se é o caso, os antecedentes e as actuacións practicadas polo concello en relación coa edificación e actividade solicitadas.

4.7. Documentación adicional.

En calquera caso, o Servicio Provincial de Urbanismo e Inspección Territorial poderá requirir do promotor a documentación e información complementaria que considere necesaria ou ben a reparación das deficiencias da solicitude para adaptarse ó disposto na Lei 9/2002 (artigo 41.2º d)).

5. Obras en edificacións existentes nos núcleos rurais.

De conformidade coa disposición transitoria cuarta da Lei 9/2002, as obras de mellora, reforma e ampliación que se pretendan realizar en construccións concluídas antes da entrada en vigor desta lei ó abeiro da preceptiva licencia urbanística municipal, están suxeitas a preceptiva autorización autonómica nos supostos en que non cumpra as condicións establecidas pola nova lei.

Sen embargo, cando as construcción concluídas en solo rústico antes da entrada en vigor da nova lei, con licencia urbanística, cumpren as condicións establecidas na nova Lei 9/2002, non están suxeitas a preceptiva autorización autonómica previa á licencia urbanística municipal.

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2003.

Alberto Núñez Feijoo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda

ANEXO I

Compromiso de execución dos servicios e de inscrición no Rexistro da Propiedade. (Artigo 29.1º g)) da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia)

D./Dona..., con DNI núm..., con domicilio en..., no municipio de..., na miña condición de promotor da solicitude de autorización para construcción de edificación destinada a..., a emprazar en..., no núcleo rural de do municipio de..., segundo o anteproxecto técnico redactado por D./Dona..., colexiado/a número..., ante a Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda e ante o Concello de..., asumo as seguintes obrigas e compromisos.

Primeiro.-Executar ó meu cargo exclusivo e totalmente terminadas, as obras e instalacións necesarias para garanti-lo abastecemento de auga, a evacuación e tratamento das augas residuais, a subministración de enerxía eléctrica, a recollida, tratamento, eliminación e depuración de toda clase de residuos, en condicións adecuadas para os usos e actividades que se van implantar, así como corrixi-las repercusións que produza a implantación na capacidade e funcionalidade das redes de servicios e infraestructuras existentes; segundo as características definidas no anteproxecto técnico presentado, no suposto de que se obteña a autorización autonómica e a licencia municipal.

Segundo.-Executa-los servicios indicados simultaneamente coas obras de edificación e a non utiliza-la construcción mentres non están concluídas as ditas instalacións e servicios reflectidos no anteproxecto técnico.

E para que conste, para os efectos establecidos polos artigos 24.2º e 29.1º g) da Lei 9/2002, de 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, asino o presente compromiso expreso en..., ... de... de dous mil tres.

(Sinatura)

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E

DESENVOLVEMENTO RURAL