Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Luns, 28 de xullo de 2003 Páx. 9.924

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 24 de xuño de 2003, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se fai público o Acordo do 7 de xaneiro de 2003 sobre a necesidade de avaliación de impacto ambiental do Plan Parcial do Polígono Industrial de Vilalba-ampliación 3ª, no concello de Vilalba (Lugo), promovido por Inmobiliaria Villalbesa, S.L. (Clave 0892/2002).

O Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, modificado pola Lei 6/2001, do 8 de maio, e o seu Regulamento de execución aprobado polo Real decreto 1131/1988, do 30 de setembro, establecen que os proxectos, públicos ou privados, consistentes na realización das obras, instalacións ou de calquera outra actividade comprendida no anexo II deste real decreto lexislativo, só deberán someterse a unha avaliación de impacto ambiental na forma prevista nesta disposición, cando así o decida o órgano ambiental en cada caso. A decisión que deberá ser motivada e pública axustarase ós criterios establecidos no anexo III.

O proxecto tipifícase na categoría de proxectos do anexo II da Lei 6/2001, grupo 9, outros proxectos; letra k) Calquera cambio ou ampliación dos proxectos que figuran nos anexos I e II xa autorizados, executados ou en proceso de execución que poidan ter efectos significativos sobre o medio ambiente.

Con data do 18 de setembro de 2002 recíbese na Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental a documentación consistente no proxecto titulado Plan Parcial do Polígono Industrial de Vilalba. Ampliación terceira, remitido polo Concello de Vilalba a través da Delegación Provincial da Consellería de Medio Ambiente, co obxecto de determina-la necesidade do seu sometemento ó procedemento de avaliación ambiental.

De acordo coas normas subsidiarias de planeamento de Vilalba o citado plan parcial ten por obxecto, no solo cualificado como urbanizable industrial e situado na marxe esquerda da estrada nacional N-634 en dirección a Mondoñedo, delimitar e desenvolver un novo sector de planeamento de carácter industrial cunha extensión de 59.381 m. Preténdese a urbanización desta zona contigua co polígono industrial existente (superficie actual 272.136 m), ampliándoo, para permitir unha integración vertebrada no territorio e un aproveitamento dos servicios e infraestructuras existentes.

Considerando os criterios do anexo III da Lei 6/2001 e analizada a totalidade do expediente, non se deduce a posible existencia de impactos ambientais significativos que aconsellen somete-lo proxecto ó procedemento de avaliación de impacto ambiental.

Polo tanto, en virtude do artigo 1.2º da lei precitada, e tendo en conta o exposto anteriormente,

considérase que non é necesario someter ó procedemento de avaliación de impacto ambiental o proxecto Plan Parcial do Polígono Industrial de Vilalba-Ampliación terceira.

Non obstante, deberanse realiza-las actuacións necesarias encamiñadas a minimiza-las afeccións das augas existentes na zona do emprazamento do polígono. A vertedura directa ou indirecta de augas e productos residuais susceptibles de contamina-las augas continentais ou calquera outro elemento do dominio público hidráulico deberá contar coa previa autorización administrativa, de acordo co sinalado no artigo 100 do texto refundido da Lei de augas (Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo).

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2003.

José Luis Díez Yáñez

Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental