Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Mércores, 23 de xullo de 2003 Páx. 9.792

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 24 de xuño de 2003, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se fai público o Acordo do 10 de febreiro de 2003 sobre a necesidade de avaliación de impacto ambiental do proxecto de prolongación do tranvía desde O Orzán ata a base do Monte de San Pedro, no concello da Coruña (A Coruña), promovido polo Concello da Coruña. (Clave 1082/2002).

Con data do 6 de novembro de 2002 recíbese a memoria do proxecto de prolongación do tranvía desde O Orzán ata a base do Monte de San Pedro.

O obxecto do proxecto é a ampliación da liña de tranvía existente desde a glorieta situada fronte ó hotel Tryp-María Pita ata a base do Monte de San Pedro, punto no que finaliza na actualidade o paseo marítimo.

Proxéctanse dúas seccións transversais para todo o trazado, 1,7 km de vía única con plataforma reservada e 3,1 km de vía dobre con plataforma compartida.

O Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, modificado pola Lei 6/2001, do 8 de maio, establece que os proxectos incluídos no seu anexo II só deberán someterse a unha avaliación de impacto ambiental cando así o decida o órgano ambiental en cada caso, axustándose ós criterios indicados no anexo III.

O proxecto de prolongación do tranvía desde O Orzán ata a base do Monte de San Pedro está

incluído no punto 9 k) do anexo II do citado real decreto lexislativo.

Unha vez avaliada a documentación presentada, e atendendo ós criterios indicados no citado anexo III e ás características do proxecto, entre os que destacan:

-A prolongación discorre por zona urbana, principalmente polos actuais carrís de circulación, provocando nalgunhas zonas o estreitamento de beirarrúas.

-Os movementos de terras e, polo tanto, os sobrantes serán mínimos. Durante as obras xeraranse os residuos propios da obra e os procedentes da demolición de estructuras existentes, como asfalto e formigón.

-Durante a actividade non debería haber incremento de xeración de residuos apreciable, incrementándose só o consumo de enerxía.

-Aproximadamente o 65 % do percorrido é en plataforma compartida, o que reduce o efecto barreira. De tódolos xeitos, mantense a permeabilidade transversal mediante pasos de peóns.

-En canto ó uso do solo, actualmente trátase de solo urbano ocupado por rúas. Aínda que se trata dunha zona costeira, tendo en conta as características da zona, non haberá ningún cambio apreciable, salvo o paisaxístico, debido principalmente á instalación da liña aérea, que non se considera significativo debido ó contorno.

Á vista do anterior, e en virtude do artigo 1.2º do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, modificado pola Lei 6/2001, do 8 de maio, e tendo en conta que da realización da obra non se prevén impactos adversos significativos sobre o ambiente, esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolve que é innecesario someter ó procedemento de avaliación de impacto ambiental o proxecto de prolongación do tranvía desde O Orzán ata a base do Monte de San Pedro, promovido polo Concello da Coruña.

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2003.

José Luis Díez Yáñez

Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental