Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Venres, 18 de xullo de 2003 Páx. 9.620

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DAS ARTES ESCÉNICAS E MUSICAIS

RESOLUCIÓN do 2 de xullo de 2003 pola que se fai pública a convocatoria do XII Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais.

O Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo da Xunta de Galicia convoca a edición para o ano 2003 do XII Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais, conforme as seguintes

BASES

Primeira.-Premio.

Anúnciase o XII Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais, correspondente á edición de 2003. A concesión do premio comprende a dotación económica de 6.025 euros, así como a publicación e posibilidade de representación da obra premiada. A citada cantidade será imputada nos orzamentos de gasto para o exercicio 2003 con cargo á aplicación orzamentaria 1060.354A.640.1, «Investimento de carácter inmaterial IGAEM», e estará suxeita o tratamento fiscal correspondente en vigor no momento da concesión.

Segunda.-requisitos.

Poderán optar ó premio textos teatrais inéditos escritos en galego conforme a lexislación vixente, non representados e non premiados noutros concursos. Así mesmo, non poderán presentarse o gañador/res das dúas últimas edicións do citado premio. As obras serán de temática libre e sen limitación na súa extensión, se ben se considera o principio de duración normal dun espectáculo completo entendido nun sentido amplo, quedando excluídas, xa que logo, as obras de teatro breve.

Terceira.-Presentación de orixinais.

Os textos deberán ser presentados por quintuplicado en tamaño DIN A-4, en exemplares separados, mecanografados a dobre espacio por unha soa cara, numerados, grampados ou encadernados e en perfectas condicións de lexibilidade.

Os orixinais presentaranse baixo un título e un lema inscritos na súa portada e acompañados dun sobre pechado no que no seu exterior conste o mesmo lema da obra e no interior o nome e apelidos do autor, nacionalidade, NIF ou NIE ou número de pasaporte, se é o caso, enderezo e número de teléfono.

Poderase, igualmente, en substitución dos datos anteriores, presentarse baixo seudónimo. Se se escolle esta modalidade, os datos que se incluirán no sobre correspondente serán como mínimo seudónimo e NIF, NIE ou número de pasaporte.

Cuarta.-Prazo e lugar de admisión.

O período de admisión dos orixinais remata no prazo de sesenta días hábiles contados a partir do día seguinte ó da publicación do anuncio da resolución que faga pública as presentes bases no Diario Oficial de Galicia.

Os orixinais deberán enviarse ó seguinte enderezo:

Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais.

Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (IGAEM).

Pavillón de Galicia. San Lázaro s/n.

15703 Santiago de Compostela (A Coruña).

Así mesmo, poderán presentarse nos rexistros das delegacións provinciais da Consellería de Cultura ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Quinta.-Xurado.

O xurado estará formado por un presidente e catro persoas de recoñecida capacidade e prestixio no mundo teatral, sendo unha delas o autor premiado na edición anterior. O conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo nomeará o presidente e dous dos catro vocais, mentres que o Consello Rector do IGAEM nomeará os outros dous. Actuará como secretario, con voz e sen voto, un traballador do IGAEM, proposto polo xerente.

A composición do xurado farase pública no momento de producirse o seu dictame.

O xurado actuará en pleno, en sesión a ser posible única, sendo necesaria como mínimo a asistencia de dous tercios dos seus membros. As súas deliberacións serán secretas e delas será redactada a acta correspondente, que será asinada pola totalidade dos membros do xurado e polo secretario.

O dictame do xurado será inapelable.

Os membros do xurado non poderán presentar textos teatrais á presente convocatoria.

O xurado, complementariamente ás cualidades literarias e ós contidos dramáticos que posúa o texto, considerará con criterio positivo a viabilidade da representación escénica da obra no que se refire ós aspectos que afectan ó número de personaxes, espacio escénico, condicións técnicas, etc.

O premio poderá ser declarado deserto se así o considerase conveniente o xurado.

Sexta.-Comunicación do fallo.

A decisión do xurado terá lugar dentro dos dous meses seguintes ó remate do prazo de admisión dos orixinais e será dada a coñecer a través dos medios de comunicación.

Para o caso de que o texto premiado fora presentado baixo seudónimo, o anuncio público do texto premiado servirá de notificación ó seu autor. De non presentarse o autor á recepción do premio, o IGAEM poderá igualmente facer uso da obra premiada nos termos das presentes bases sen prexuízo do dereito de cobro do premio, sempre que o seu autor se identifique e se presente para o seu cobro nun prazo de tres meses desde a notificación pública. Transcorrido este, perderá o dereito á súa percepción económica.

Igualmente, por petición do autor poderá obviarse a autoría do texto teatral na publicidade da concesión do premio, así como na publicación e posta en escena da obra premiada.

Sétima.-Publicación da obra premiada.

A obra galardoada será publicada polo IGAEM na súa colección de textos dramáticos «Os libros do Centro Dramático Galego» coa finalidade da difusión cultural competencia deste organismo.

Oitava.-Representación da obra premiada.

O IGAEM conservará durante dous anos, contados a partir da concesión do premio, os dereitos para representa-la obra premiada.

O IGAEM sacará a concurso público, dentro da convocatoria anual de convenios de producción e distribución para compañías de teatro profesional, a obra galardoada, co obxectivo de que as compañías teatrais galegas que o desexen poidan optar a este concurso. A comisión encargada da valoración dos proxectos determinará, en función das garantías que se establezan, cál será a compañía que poña en escea a obra gañadora.

O IGAEM poderá levar a cabo a representación da obra premiada dentro dos seus obxectivos de difusión e promoción do teatro ós que fai referencia o artigo 9 da súa Lei de creación e, polo tanto, sen pretende-la explotación económica da obra premiada en referencia a obter beneficio comercial coa súa explotación. Sen prexuízo do indicado, poderá cobrarse entrada por taquilla nas representacións realizadas en virtude do presente premio, sen que polo propio obxecto dos fins do IGAEM isto supoña explotación comercial da obra.

O presente premio non esixe a cesión dos dereitos económicos derivados da propiedade intelectual da obra, que serán executados, en todo caso, polo seu autor, conforme o seu dereito, e no que respecta ás representacións derivadas do presente premio, en todo caso, coa porcentaxe correspondente das taquillas que puidesen derivar das representacións que se efectuasen.

Novena.-Retirada de orixinais non premiados.

Os orixinais non premiados poderán ser retirados das oficinas do IGAEM nun prazo de 30 días naturais contados a partir do seguinte ó da decisión do xurado.

Aqueles orixinais que non sexan retirados no devandito prazo pasarán a formar parte dos fondos do Centro de Documentación do IGAEM, que terá potestade para desvela-la identidade do autor da obra para os efectos de conserva-lo orixinal como fondo documental, excluíndo calquera outra difusión non autorizada expresamente polo autor. Unha vez utilizados os sobres dos datos persoais para a finalidade descrita, serán destruídos sen máis.

A petición do solicitante abrirase o sobre da identificación do autor cara a comproba-la identidade do peticionario coa autoría da obra mediante a coincidencia do documento de identidade presentado co documento de identidade incluído no sobre. Unha vez realizado este trámite, será entregado o texto teatral ó seu autor, asinando éste o seu xustificante de recepción.

Décima.-Aceptación das bases.

A participación nesta convocatoria supón a total aceptación destas bases.

Décimo primeira.-Desenvolvemento das bases.

A propia Xerencia do IGAEM poderá dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta convocatoria.

Décimo segunda.-Entrada en vigor.

Esta convocatoria entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

José Manuel Soto Virulegio

Xerente

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA