Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Venres, 18 de xullo de 2003 Páx. 9.615

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 10 de marzo de 2003, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do texto do convenio colectivo da empresa Carlos Sabucedo Gómez Panadería, da provincia de Ourense para o ano 2003.

Visto o texto do convenio colectivo da empresa Carlos Sabucedo Gómez Panadería, da provincia de Ourense para o ano 2003 (código de convenio nº 3200972), que tivo entrada na delegación provincial o día 3-3-2003, subscrito con data do 20-2-2003, pola dirección da empresa, en representación da parte económica, e polo delegado de persoal en representación da parte social, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Estatuto dos traballadores, texto refundido aprobado polo Real decreto 1/1995, do 24 de marzo, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e o Real

decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, e demais normas aplicables de dereito común, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 10 de marzo de 2003.

José Lage Lage

Delegado provincial de Ourense

Convenio da empresa Carlos Sabucedo Gómez

Panadería

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

No aspecto territorial este convenio afectará a empresa Carlos Sabucedo Gómez Panadería con domicilio en San Pedro de Moreiras-Toén na provincia de Ourense e nos seus locais ou sucursais, se existiren.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

O convenio afectará a totalidade do persoal que presta os seus servicios na empresa, así como os que se incorporen despois. A empresa está encadrada na industria de panadería.

Artigo 3º.-Vixencia.

O convenio entrará en vigor o día da súa sinatura e os seus efectos retrotraeranse ó 1 de xaneiro de 2003.

Artigo 4º.-Duración do convenio.

A duración deste convenio será ata o 31 de decembro de 2003, que será prorrogado tacitamente por períodos anuais, sempre que non sexa denunciado por calquera das partes de acordo cos preceptos legais existentes no momento, e se produza cun aviso previo de 3 meses. Á finalización do convenio, manterán a súa vixencia tódalas súas cláusulas ata a entrada en vigor do seguinte.

Artigo 5º.-Xornada de traballo.

A xornada de traballo será de 40 horas semanais distribuídas de luns a domingo, tendo os traballadores dereito a un día e medio de descanso ininterrompido.

Os traballadores disporán de 15 minutos durante a xornada de traballo para tomaren o bocadillo, contabilizándose este tempo como traballo efectivo.

Artigo 6º.-Definición de categorías profesionais.

a) Oficial de pa: será aquel traballador que verificará as funcións inherentes á cocción, comezando pola posta a punto do forno para introduci-lo pan, a realización deste, o coidado dos instrumentos nece

sarios para o traballo no forno e o funcionamento das caldeiras.

Adquirirán a categoría profesional aqueles traballadores que teñan unha antigüidade na empresa de ó menos 8 anos.

b) Oficial de masa: é o traballador que ten ó seu cargo os traballos de amasadura e preparación dos lévedos, vixiando pola súa vez o bo funcionamento e o estado das amasadoras, efectuando a limpeza ou encargando de que o fagan axudantes ou aprendices sempre baixo a súa vixilancia.

Adquirirán a categoría profesional os traballadores que teñan unha antigüidade na empresa de 3 anos como mínimo.

c) Oficial de mesa: é o traballador que ten como función primordial confecciona-las pezas de pan, así como a división cando se utilicen ou non procedementos mecánicos de división.

Adquirirán a categoría aqueles traballadores que teñan unha antigüidade mínima de 3 anos na empresa.

d) Axudante: é o traballador que acredita a súa suficiencia pasados dous anos como mínimo de aprendiz na industria e ten a función de auxiliar indistintamente ó oficial de pa, ó de mesa ou nos traballos de confección das pezas, para alcanzar unha perfección nos seus coñecementos que lle permita ocupar postos de categoría superior.

Estes traballadores, no momento en que as súas funcións llo permitan, axudarán os traballadores encargados da confección das pezas, entalándoas e limpando a panadería.

Adquirirán a categoría de axudantes os traballadores que teñan unha antigüidade na empresa de polo menos 2 anos.

e) Peón: é o traballador maior de 20 anos encargado de efectua-los labores para os que se necesita fundamentalmente o emprego da forza física, como traslada-la fariña, empilla-la leña, o carbón e ocupacións similares.

f) Limpador: é o traballador encargado de realiza-los labores de limpeza do local, sen que poida realizar traballos de ningún outro tipo dentro da panadería.

Artigo 7º.-Táboa de salarios que se aplicará desde o 1 de xaneiro ó 31 de decembro de 2003.

-Oficial de pa: 21,93 euros diarios.

-Oficial de masa: 21,36 euros diarios.

-Oficial de mesa: 20,96 euros diarios.

-Axudante: 20,43 euros diarios.

-Mordomo: 21,35 euros diarios.

-Portador de pan a despachos: 20,96 euros diarios.

-Repartidor de pan a domicilio: 19,72 euros diarios.

-Oficial administrativo: 680,28 euros mensuais.

-Chofer repartidor: 21,93 euros diarios. Enténdese por chofer repartidor aquel que se despraza a distintas poboacións.

-Limpador: 460 euros mensuais.

1. Aboaranse 39,38 euros nos meses traballados en concepto de servicio nocturno, sendo proporcional ós días traballados durante o mes.

2. Aboarase a cantidade de 12,55 euros nos meses traballados en concepto de gratificación do horario.

Estes dous primeiros números aplicaranse ó persoal que se encarga da elaboración.

3. Os traballadores da empresa terán dereito a percibir 1 kg de pan diario, incluídos os períodos de vacacións, baixa por enfermidade e accidentes. O valor do quilogramo de pan para os efectos de cotización á Seguridade Social será de 0,60 euros.

Artigo 8º.-Pagas extraordinarias.

De vencemento superior ó mes. As gratificacións extraordinarias de Nadal e xullo, así como a de San Honorato, serán equivalentes ó importe dunha mensualidade cos seguintes conceptos: salario base, beneficios e antigüidade. Cada gratificación será o salario real que para cada categoría se establece neste convenio de empresa.

As pagas de xullo e Nadal cobraranse integramente, a pesar de encontrarse o traballador en período de incapacidade temporal.

Artigo 9º.-Revisión salarial.

Os salarios que figuran no artigo 6 deste convenio serán revisados anualmente sempre de acordo co índice do custo da vida publicado tódolos anos polo Instituto Nacional de Estatística.

Artigo 10º.-Vacacións.

Todos os traballadores desfrutarán de períodos de vacacións retribuídas na contía dunha mensualidade de salario real e de conformidade coas seguintes condicións:

a) Terán unha duración de 30 días naturais.

b) As vacacións desfrutaranse 15 días continuos entre o 1 de xuño e o 30 de setembro e os restantes 15 días desfrutaranse consonte os criterios establecidos no Estatuto dos traballadores.

c) Deben serlle comunicadas á empresa con dous meses de anticipación.

Artigo 11º.-Retribución do día de San Honorato.

Aboaranse a cada traballador da empresa 24,05 euros polo día de San Honorato, que se celebra o 16 de maio. En principio o día non se considerará festivo, a excepción de que así fose pola natureza do día.

Artigo 12º.-Roupa de traballo.

A empresa está obrigada a facilitarlles ós seus empregados a roupa de traballo necesaria adecuada á función ou posto que desempeñen e unicamente poderá ser utilizada en canto dure a xornada laboral.

A roupa de traballo será entregada en dous momentos, un deles cando sexa asinado este convenio e a outra ós seis meses da sinatura.

Artigo 13º.-Período de proba.

Observarase o disposto na lexislación xeral vixente sobre esta materia.

Artigo 14º.-Paga de beneficios.

Os traballadores de taller ou fábrica dedicados á elaboración do pan percibirán mensualmente en concepto de paga de beneficios o importe correspondente ó 15% do salario base deste convenio de empresa.

Artigo 15º.-Licencias e permisos.

Terán dereito nos supostos taxativamente previstos no artigo trinta e sete do Estatuto de traballadores. O traballador percibirá durante a súa ausencia o soldo real de acordo coa súa categoría profesional. Os permisos serán de:

-Catro días en caso de falecemento do cónxuxe.

-Tres días en caso de falecemento de pais e fillos; no resto suxeitaranse ó disposto no Estatuto dos traballadores.

Artigo 16º.-Atrasos.

Os atrasos pagaranse nunha mensualidade, facéndoa efectiva no mes seguinte á sinatura do convenio.

Artigo 17º.-Festivos.

Os traballadores terán dereito a desfrutar de catorce días festivos anualmente, dos cales os que non poidan ser desfrutados o propio día deberán ser desfrutados na mesma semana coa recarga correspondente.

Artigo 18º.-Antigüidade.

O persoal comprendido neste convenio percibirá aumentos periódicos polo tempo de servicio dedicado a esta empresa. Os aumentos realizaranse na seguinte proporción:

-Dous bienios na cantidade de 5% sobre o salario base.

-Catro quinquenios do 10% sobre o salario base.

A acumulación de incrementos por antigüidade non poderá supor máis do 50% do salario base.

Artigo 19º.-Comisión paritaria.

Para chegar a bo termo nestas negociacións constitúese unha comisión mixta que estará composta por un presidente, dous vocais por parte da empresa e dous pola parte dos empregados, sempre cos seus respectivos suplentes, sendo elixidos os vocais entre os membros da comisión deliberadora.

Artigo 20º.-Formación.

A comisión que se alude no artigo anterior impulsará de forma inmediata perante os organismos competentes a creación de cursos de formación profesional orientados á especialización dos traballadores do sector.

Artigo 21º.-Incapacidade temporal.

O persoal afectado por este convenio, no caso de accidente laboral ou enfermidade con hospitalización, será remunerado normalmente ó 100% do seu salario normal desde o día da súa hospitalización, sendo a cargo da empresa a diferencia entre a cantidade cobrada, segundo as disposicións da Seguridade Social, e o salario en situación de alta.

Tamén aboará a empresa o 100% do salario real no caso de enfermidade desde o día 20 ó 425 de baixa.

Artigo 22º.-Póliza de accidente.

A empresa estará obrigada a concertar no prazo de tres meses da contratación dun traballador unha póliza de seguros para a cobertura dos riscos de falecemento ou incapacidade permanente absoluta derivada de accidente de traballo, que lle garante ó traballador a percepción cando for o caso das seguintes indemnizacións:

-12.020,24 euros en caso de morte.

-15.025,30 euros en caso de incapacidade para todo tipo de traballo e invalidez absoluta.

A indemnización que sexa percibida polo traballador con cargo ó contrato de seguro considerarase como entregada á conta da indemnización que puidesen declarar con cargo ás empresas os tribunais de xustiza, unha vez que exista unha resolución definitiva, sobresemento ou renuncia de accións.

Artigo 23º.-Premio por antigüidade.

Aqueles traballadores que leven traballando polo menos 10 anos na empresa e que causen baixa nesta de forma voluntaria entre os 60 ós 64 anos, terán dereito a desfrutar vacacións retribuídas:

-De 180 días para os que cesen ós 60.

-De 120 días para os que cesen ós 61.

-De 90 días para os que cesen ós 62.

-De 60 días para os que cesen ós 63.

-De 30 días para os que cesen ós 64.

O desfrute das ditas vacacións será efectivo coa correspondente anticipación ó cesamento efectivo na empresa, debendo comunica-lo traballador de forma fidedigna e coa suficiente anticipación a súa decisión de cesar na empresa.

Artigo 24º.-Mobilidade funcional.

Con independencia da adquisición da categoría profesional, todo traballador terá dereito ó ascenso a unha categoría superior. Se, como consecuencia da mobilidade funcional, o traballador viñese realizando funcións de categoría superior ás da súa categoría profesional por un período superior a seis meses durante un ano ou oito meses durante dous anos, o traballador ascendería automaticamente á categoría profesional que estivese a desempeñar durante ese período.

A empresa poderá encomendarlles ós seus traballadores a realización de misións de categoría inferior á súa por razóns técnicas, organizativas ou de producción que o xustifiquen por un tempo imprescindible para a súa realización.

Artigo 25º.-Empresas de traballo temporal.

A empresa, cando contrate servicios de empresas de traballo temporal, garantirá que os traballadores postos ó seu dispor teñan os mesmos dereitos laborais e retributivos que lles corresponda ó persoal da empresa ó que afecta este convenio. Esta obriga constará expresamente no contrato de posta á disposición.

Non se poderán contrata-los servicios destas empresas para traballos habituais. Só se poderán utilizar no caso de:

a) Cubrir incapacidades temporais.

b) Situacións extraordinarias.

Artigo 26º.-Revisión médica.

Todo o persoal terá dereito a efectuar unha revisión médica anual que será a cargo da empresa. Os resultados entregaránselles ós traballadores.

Artigo 27º.-Contratación.

O contrato de duración determinada da modalidade eventual por circunstancias da producción, acumulación de tarefas ou exceso de pedidos poderá ter unha duración máxima de 13 meses e medio dentro dun período máximo de 18 meses.

Esta duración será aplicable tanto ós novos contratos desta modalidade asinados a partir da entrada en vigor do convenio como ás prórrogas dos contratos de traballo vixentes antes da súa entrada en vigor.

Artigo 28º.-Partes.

As partes que asinan este convenio de empresa son a empresa Carlos Sabucedo Gómez Panadería e os representantes dos traballadores dela.

Será nulo calquera pacto producido no ámbito de aplicación deste convenio que non respecte os mínimos garantidos con carácter xeral no seu réxime salarial.

Salarios 2003

-Mes de 30 días.

CategoríasSalario

base

Benefic.

15%

Compl.

horario

Nocturnid.Total

mes

Pa657,9098,6913,0640,96810,61
Masa640,8096,1213,0640,96790,94
Mesa628,8094,3213,0640,96777,14
Axudante612,9091,1413,0640,96758,06
Mordomo640,50640,50
Repartidor despachos628,80628,80
Repartidor domicilio591,60591,60
Oficial administra.680,28680,28
Chofer repartidor657,90657,90
Limpador460,00460,00

En Ourense o 20 de febreiro de 2003.

Reunidos:

Dunha parte Carlos Sabucedo Gómez, con DNI 34931971-P, veciño de Toén, con domicilio en San Pedro de Moreiras, como representante da empresa Carlos Sabucedo Gómez Panadería.

Doutra parte Fernando da Costa Álvarez, con DNI 44468767-S, veciño de Santa Cruz de Arrabaldo, con domicilio en lg. de Outeiro 19, como representante dos traballadores da empresa Carlos Sabucedo Gómez Panadería.

Expoñen:

Que se reuniron na data que consta no encabezamento para a promoción e sinatura dun novo convenio colectivo de empresa, para substituí-lo convenio colectivo de panaderías polo que se rexían anteriormente.

Que despois das correspondentes deliberacións e votacións se procedeu á sinatura do convenio colectivo da empresa con data 20 de febreiro de 2003.

A empresaRepresentante traballadores