Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Venres, 18 de xullo de 2003 Páx. 9.615

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 17 de xullo de 2003 pola que se modifica a Orde do 27 de decembro de 2002 pola que se aproba o Plan Xeral de Explotación Marisqueira para o ano 2003.

A Orde do 27 de decembro de 2002 establece no seu artigo 6 os períodos autorizados durante o ano 2003 para a captura de determinadas especies de crustáceos, entre as que se atopa a nécora.

Tendo en conta as observacións formuladas pola comisión sectorial de pesca de artes fixas e menores en caladoiro nacional do Consello Galego de Pesca na súa reunión do 15 de xullo do presente ano, así como o establecido no artigo 14.1º do Decreto 423/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa vixente en materia de marisqueo, extracción de algas e cultivos mariños, resulta posible adopta-la decisión de amplia-lo período autorizado para a captura da nécora.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación da Orde do 27 de decembro de 2002.

Modifícase o artigo 6 da Orde do 27 de decembro de 2002, pola que se aproba o Plan Xeral de Explotación Marisqueira para o ano 2003, que queda redactado da seguinte forma:

«Artigo 6º.-Outros crustáceos.

De acordo co establecido no artigo 14 do Decreto 423/1993, do 17 de decembro, modificado polo

Decreto 237/2002, do 11 de xullo, os períodos autorizados no 2003 para a captura doutras especies de crustáceos establécense como segue:

Nécora (Necora Puber): do 1 ó 3 de xaneiro e do 21 de xullo ó 31 de decembro.

Lubrigante (Homarus gammarus): do 2 de xullo ó 29 de agosto.

Santiaguiño (Scyllarus arctus): do 1 de outubro ó 31 de decembro.

Lagosta (Palinurus elephas): do 1 de xullo ó 29 de agosto.

Cangrexo (Carcinus maenas): todo o ano.

Conguito (Macropipus corrugatus) e patulate (Macropipus depurador): do 1 de xaneiro ata o 31 de marzo e do 1 de xullo ó 31 de decembro.

Centola (Maia squinado) e boi (Cancer pagurus): do 1 de xaneiro ó 27 de xuño, e do 1 de decembro ata o 31 de decembro. Nas zonas sinaladas no anexo I, soamente se poderá extraer desde o 3 de febreiro ata o 27 de xuño».

Disposición derradeira

Única.-Entrada en vigor.

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2003.

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos