Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Xoves, 17 de xullo de 2003 Páx. 9.595

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 18 de xuño de 2003, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se fai público o Acordo do 17 de febreiro de 2003 sobre a necesidade de avaliación de impacto ambiental do Plan Parcial de Ordenación S.A.U. número 2-Cruz de Ferro, no concello do Rosal (Pontevedra), promovido por José Sánchez de Santiago. (Clave 2003/0013).

O Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, modificado pola Lei 6/2001, do 8 de maio, establece que os proxectos, públicos ou privados, consistentes na realización das obras, instalacións ou de calquera outra actividade comprendida no anexo II deste real decreto lexislativo, só deberán someter a unha avaliación de impacto ambiental na forma prevista nesta disposición, cando así o decida o órgano ambiental en cada caso. A decisión, que deberá ser motivada e pública, axustarase ós criterios establecidos no anexo III.

O proxecto tipifícase na categoría de proxectos do anexo II da Lei 6/2001, grupo 7, proxectos de infraestructuras; letra b) proxectos de urbanizacións e complexos hoteleiros fóra das zonas urbanas e construccións asociadas, incluída a construcción de centros comerciais e de aparcamentos (proxectos non incluídos no anexo I).

Con data 20 de xaneiro de 2003 recíbese nesta consellería o documento titulado Plan Parcial de Ordenación S.A.U. nº 2-Cruz de Ferro remitido polo Concello

do Rosal (Pontevedra) a través da delegación provincial da Consellería de Medio Ambiente, co obxecto de determina-la necesidade do seu sometemento ó procedemento de avaliación de impacto ambiental.

De acordo coas normas subsidiarias de ordenación municipais do Concello do Rosal o citado plan parcial ten por obxecto desenvolve-la ordenación dun territorio cualificado como solo apto para urbanizar, sector S.A.U. nº 2 Cruz de Ferro, situado ó leste do núcleo urbano do Rosal (Calvario), describindo un triángulo que ten o seu vértice superior na estrada que vai a Fornelos (Cruz de Ferro), e limita polo oeste coa rúa que vai á Lomba e ó leste coa rúa que vai ó núcleo rural de Caselas; ó sur co núcleo rural da Lomba. Preténdese con isto o desenvolvemento urbanístico dunha superficie de 35.242,75 m na que se pretende construír 88 vivendas como máximo.

Considerando os criterios do anexo III da Lei 6/2001 e as seguintes características do proxecto:

* A superficie do sector para urbanizar é pequena, tan só 3,52 hectáreas.

* A súa situación é moi próxima ó núcleo urbano, dispoñendo da posibilidade de conexión cos servicios municipais existentes (abastecemento de auga e saneamento).

* O sector consta de accesos desde o exterior a través de dúas vías debidamente asfaltadas.

* A vexetación existente na maior parte do solo está constituída por plantacións de eucaliptos, acacias, piñeiros e toxal.

* A urbanización non afectará a zonas incluídas na proposta galega de Rede Natura 2000.

Non se deduce a posible existencia de impactos ambientais significativos que aconsellen somete-lo proxecto ó procedemento de avaliación de impacto ambiental.

Polo tanto, en virtude do artigo 1.2º da lei precitada, e tendo en conta o exposto anteriormente, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que non é necesario someter ó procedemento de avaliación de impacto ambiental o Plan Parcial de Ordenación S.A.U. nº 2-Cruz de Ferro no Concello do Rosal.

Non obstante, esta dirección xeral considera que se deben ter en conta os seguintes aspectos ambientais, ademais das normas xerais de protección establecidas na documentación presentada e doutros requisitos legais esixidos na normativa vixente, para os efectos de evitar posibles impactos ambientais:

* Durante a execución das obras, deberanse realiza-las actuacións necesarias encamiñadas a minimiza-las afeccións dos elementos próximos ó sector susceptibles de ser alterados, tales como as vivendas e a igrexa de Santa Mariña.

* A vertedura directa ou indirecta de augas e productos residuais susceptibles de contamina-las augas continentais ou calquera outro elemento do dominio público hidráulico deberá contar coa previa autorización administrativa, de acordo co sinalado no artigo 100 do texto refundido da Lei de augas (Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas).

* Os traballos para a corta de árbores deberán dispor da correspondente autorización administrativa, establecendo o destino que se lles dará ós residuos desta operación.

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2003.

José Luis Díez Yáñez

Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental