Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Xoves, 17 de xullo de 2003 Páx. 9.594

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 16 de xuño de 2003, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se fai público o Acordo do 26 de febreiro de 2003 sobre a avaliación de impacto ambiental da instalación dun centro de recollida e descontaminación dos vehículos ó final da súa vida útil, no concello de Santiago de Compostela (A Coruña), promovido por Tratamiento Medioambiental de Vehículos, S.L. (Clave 2003/0009).

O Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, modificado pola Lei 6/2001, do 8 de maio, establece que os proxectos, públicos ou privados, consistentes na realización das obras, instalacións ou de calquera outra actividade comprendida no anexo II deste real decreto lexislativo, só deberán someterse a unha avaliación de impacto ambiental na forma prevista nesta disposición, cando así o decida o órgano ambiental en cada caso. A decisión que deberá ser motivada e pública, axustarase ós criterios establecidos no anexo III.

O proxecto tipifícase na categoría de proxectos do anexo II da Lei 6/2001, grupo 9, outros proxectos; letra d) Instalacións de almacenamento de chatarra, incluídos vehículos desbotados e instalacións de despezamento.

A Subdirección Xeral de Calidade Ambiental da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, de acordo co establecido no artigo 2.3º do Real decreto lexislativo 1302/1986, segundo a redacción dada na Lei 6/2001, do 8 de mayo, remitiu á Subdirección Xeral de Avaliación Ambiental, con data 22 de xaneiro de 2003, a documentación do expediente, entre a que se atopan os documentos que se relacionan a continuación, co obxecto de determina-la necesidade do seu sometemento ó procedemento de avaliación de impacto ambiental:

-Proxecto de explotación dun centro de descontaminación e recepción de vehículos fóra de uso. Ano 2002.

-Estudio de incidencia ambiental de despezamento ecolóxico do automóbil. Decembro 2002.

-Proxecto de instalación de actividade de nave adicada a despezamento ecolóxico do automóbil. Visado 19 de abril 2001.

A actividade do centro de recollida e descontaminación dos vehículos ó final da súa vida útil obxecto desta resolución desenvólvese en San Miguel dos Agros do concello de Santiago de Compostela e consiste na recepción, descontaminación, desmontaxe e clasificación das partes e materiais susceptibles de reutilización, reciclaxe ou valorización así como a posterior venda das pezas recuperables. Tanto os residuos producidos na operación de descontaminación como os restos dos vehículos non utilizables serán recollidos por empresas autorizadas.

Considerando os criterios do anexo III da Lei 6/2001 e as seguintes características do proxecto:

-Non se producirán cambios na topografía, uso do solo e cambios en masas de auga no lugar do centro durante a fase de construcción, debido a que xa levan tempo desenvolvendo a súa actividade.

-Non existirá risco de accidente que poida afectar á saúde humana ou ambiental na fase de construcción pola mesma razón mencionada con anterioridade.

-Cumprindo as condicións do Real decreto 1383/2002, do 20 de decembro, sobre xestión de vehículos ó final da súa vida útil, non existirá perigo de contaminación das augas subterráneas ou do solo, e non se prevén afeccións das augas continentais ou calquera outro elemento do dominio público hidráulico das zonas dos arredores da localización dos proxectos.

-No centro non se levarán a cabo traballos de incineración nin combustión, polo que non emitirán contaminantes perigosos, tóxicos ou nocivos á atmosfera.

-Está localizado nunha parcela situada a uns 750 metros do Polígono Industrial do Tambre.

-As instalacións non afectan a zonas incluídas na proposta galega de Rede Natura 2000.

Non se deduce a posible existencia de impactos ambientais significativos que aconsellen somete-lo proxecto ó procedemento de avaliación de impacto ambiental.

Polo tanto, en virtude do artigo 1.2º da lei precitada, e tendo en conta o exposto anteriormente, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que non é necesario someter ó procedemento de avaliación de impacto ambiental o centro de recollida e descontaminación dos vehículos ó final da súa vida útil obxecto da presente resolución.

Non obstante, esta dirección xeral considera que se deben ter en conta os seguintes aspectos ambientais, ademais das normas xerais de protección establecidas na documentación presentada e doutros requisitos legais esixidos na normativa vixente, para os efectos de evitar posibles impactos ambientais:

1. Toda a instalación deberá dispor dun valado perimetral de altura suficiente con elementos que diminúan ou minimicen o impacto visual, consistente nunha pantalla perimetral de carácter vexetal (preferiblemente con especies perennes e de crecemento rápido), para garantir con iso a harmonía co uso dominante primario do solo,

sempre e cando non se demostre a inviabilidade desta actuación.

2. A vertedura directa ou indirecta de augas e productos residuais susceptibles de contamina-las augas continentais ou calquera outro elemento do dominio público hidráulico deberá contar coa previa autorización administrativa, de acordo co sinalado no artigo 100 do texto refundido da Lei de augas (Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas).

3. No caso de existir calquera tipo de captación de auga deberase contar coa autorización do organismo de conca correspondente.

4. Co obxecto de evitar niveis indesexables de contaminación acústica, deberanse manter en óptimas condicións de funcionamento os sistemas mecánicos da propia instalación, así como os seus chasis, soportes e demais elementos susceptibles de crear perturbacións sonoras non desexadas. Non se superarán os límites establecidos na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica (DOG do 20 de agosto), e, se é o caso, o establecido polo propio concello.

5. As instalacións deberán adaptarse ós requisitos técnicos establecidos no Real decreto 1383/2002, do 20 de decembro, sobre xestión de vehículos ó fin da súa vida útil.

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2003.

José Luis Díez Yáñez

Director xeral de Calidade

e Avaliación Ambiental