Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Xoves, 10 de xullo de 2003 Páx. 9.244

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

EDICTO do 10 de xuño de 2003, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se resolve a clasificación dos montes Abaixo e Rexedoiro da parroquia de Santo André de Cesar (concello de Caldas de Reis).

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise constar que:

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, dictou a seguinte resolución:

Asistentes:

-Presidente: José Antonio López Rodríguez (delegado provincial da Consellería de Medio Ambiente).

-Vocais:

Luis Mª Muiños Vidueira (letrado da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia).

Mª Luisa Pardavila Pazos (avogada polo colexio da provincia).

Manuel Francisco Gutiérrez (xefe do Servicio de Montes e Industrias Forestais).

-Vocais representantes da parroquia de Santo André de Cesar do concello de Caldas de Reis:

Jesús Figueiras Míguens.

Manuel González Aboy.

-Secretaria: Pilar Pita Ponte (xefa de sección do Servicio Técnico-Xurídico da delegación de Medio Ambiente).

Na cidade de Pontevedra, sendo as dezasete horas do día vintecatro de abril de 2003, coa asistencia das persoas citadas, reúnese na 3ª planta do edificio sito no nº 47 da rúa Benito Corbal o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común co obxecto de decidir sobre a clasificación dos montes Abaixo e Rexedoiro da parroquia de Santo André de Cesar do concello de Caldas de Reis.

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Con data do 24 de marzo de 2000, Jesús Figueiras Miguéns, no nome e representación da CMVMC da parroquia de Santo André de Cesar, como presidente, solicitou a clasificación como veciñal en man común dos montes Abaixo e Rexedoiro da parroquia de Santo André de Cesar, do concello de Caldas de Reis.

Segundo.-Con data do 7 de abril de 2000 o xurado provincial remitiu o expediente ó Servicio de Montes e Industrias Forestais da delegación provincial da Consellería de Medio Ambiente para informe previo, que foi emitido o 12 de decembro de 2000.

Terceiro.-Na sesión do día 8 de febreiro de 2002, o xurado provincial acordou inicia-los trámites para a clasificación dos anteditos montes, nomear instructora a Mª Luisa Pardavila Pazos, así como a remisión do expediente ó Servicio de Montes e Industrias Forestais, que emitiu o informe preceptivo en data 18-4-2002.

Cuarto.-Cumprida e observada a tramitación legal e regulamentariamente esixida. No preceptivo trámite de audiencia non se presentaron alegacións nin se achegaron probas para acredita-lo uso comunal dos referidos montes.

Quinto.-Con data do 14-1-2003 acordouse a apertura dun período de proba dun mes, no que o solicitante presentou as probas e fixo as alegacións que considerou oportunas.

Sexto.-Visto o informe previo, o informe preceptivo do Servicio de Montes e Industrias Forestais, así como as alegacións formuladas, os montes obxecto deste expediente de clasificación obedecen á seguinte descrición:

Concello: Caldas de Reis.

Parroquia: Santo André de Cesar.

Nome do monte: Rexedoiro.

Cabida: 22.999 m (superficie alegada na solicitude).

Lindes:

Norte: propiedades particulares de Arturo Rey Martínez e Veneranda Miguéns Brey e camiño de servicio.

Leste: pista asfaltada.

Sur: propiedades particulares muro por medio, camiño de servicio.

Oeste: camiño de servicio e propiedades particulares muro por medio.

Servidumes: atópase atravesada por varios camiños de servicio.

Descrición: poboada por fustal de Pinus pinaster e carballo en masa aberta con matogueira de silvas e xestas. No extremo suroeste localízase unha canteira abandonada e no suleste un vertedoiro incontrolado.

Nome do monte: Abaixo.

Cabida total: 55.985 m (superficie alegada na solicitude). Divídese en dúas parcelas:

Parcela A: situada ó oeste da estrada de Caldas a San Clemente.

Cabida: 54.859 m (superficie alegada na solicitude).

Lindes:

Norte: propiedades particulares de José González Villar.

Leste: propiedades particulares de Celestino Rodríguez Ortigueira, hros. de Manuel Martínez Caramés e Carmen Barral Otero e estrada de Caldas a San Clemente.

Sur: propiedades particulares.

Oeste: camiño de servicio e propiedades particulares muro por medio.

Servidumes: atravesada por varios camiños de servicio e por línea telefónica.

Descrición: poboada por latizal de Pinus pinaster e carballo en masa aberta con matogueira de toxos, xestas e silvas. Parcialmente rasa obsérvase aproveitamento de estrume en varios puntos. No seu límite leste coa estrada de Caldas a San Clemente localízase un vertedoiro incontrolado pechado por cercado de arame.

Parcela B: situada ó oeste da estrada de Caldas a San Clemente.

Cabida: 1.126 m (superficie alegada na solicitude).

Lindes:

Norte: estrada de Caldas a San Clemente.

Leste: propiedades particulares, muro por medio.

Sur: propiedades particulares.

Oeste: estrada de Caldas a San Clemente.

Descrición: é un sobrante de estrada poboado por pés de Pinus pinaster.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ten a competencia para coñecer os expedientes de clasificación dos

montes que teñan tal carácter a teor do establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo.-De conformidade co artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e no artigo 1 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, cómpre entender por montes veciñais en man común «... os terreos radicados na Comunidade Autónoma de Galicia que, con independencia da súa orixe, as súas posiblidades productivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e os veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas, os membros daquelas na súa condición de veciños».

Así, segundo abondosa xurisprudencia, o feito que xustifica a clasificación ou non como veciñal dun determinado monte, en vía administrativa, é a circunstancia de terse ou non demostrado o aproveitamento consuetudinario en man común, prescindindo das cuestións relativas á propiedade e demais dereitos reais.

Terceiro.-O uso en man común dos montes Rexedoiro e Abaixo, parcela A, tense suficientemente acreditado. Non se pode apreciar uso comunal no monte Abaixo, parcela B, que é tan só un sobrante de estrada.

En consecuencia, vista a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e o seu regulamento, aprobado por Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios, de xenérica e específica aplicación ó caso examinado, e tendo en conta que no expediente queda acreditado, de xeito efectivo, que os terreos obxecto de clasificación veñen sendo aproveitados consuetudinariamente polos membros desta comunidade, é proposto polo instructor e de maneira unánime o xurado

ACORDA:

Clasificar como veciñal en man común os montes Rexedoiro e Abaixo, parcela A, a favor da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da parroquia de Santo André de Cesar, do concello de Caldas de Reis, correspondéndose coa descrición reflectida no feito sexto e a planimetría elaborada para o efecto polo Servicio de Montes e Industrias Forestais que forma parte inseparable desta resolución, e non clasifica-la parcela B do monte Abaixo.

Contra esta resolución que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó desta notificación, de acordo co disposto no artigos 109 e 116 da Lei 30/1992,

do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Pontevedra, 10 de xuño de 2003.

José Antonio López Rodríguez

Presidente do Xurado Provincial de Clasificación

de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra