Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Xoves, 10 de xullo de 2003 Páx. 9.242

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

EDICTO do 10 de xuño de 2003, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se resolve a clasificación do monte Trasdomonte da parroquia da Madanela de Montes (concello de Forcarei).

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado por Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico

das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise constar que:

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, dictou a seguinte resolución:

Asistentes:

-Presidente: José Antonio López Rodríguez (delegado provincial da Consellería de Medio Ambiente).

-Vocais:

Luis Mª Muiños Vidueira (letrado da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia).

Mª Luisa Pardavila Pazos (avogada polo colexio da provincia).

Manuel Francisco Gutiérrez (xefe do Servicio de Montes e Industrias Forestais).

-Vocais representantes da parroquia da Madanela de Montes do concello de Forcarei:

Edelmiro Cerdeira Viéitez.

José Mª Bugallo Gómez.

-Secretaria: Pilar Pita Ponte (xefa de sección do Servicio Técnico-Xurídico da delegación de Medio Ambiente).

Na cidade de Pontevedra, ás dezasete horas do día vintecatro de abril de 2003, coa asistencia das persoas á marxe indicadas, reúnese na 3ª planta do edificio sito no nº 47 da rúa Benito Corbal o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común co obxecto de decidir sobre a clasificación do monte Trasdomonte da parroquia da Madanela de Montes do concello de Forcarei.

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Con data de entrada do 8 de abril de 1996, os veciños da parroquia da Madanela de Montes, do concello de Forcarei, solicitan a clasificación como veciñal en man común do monte denominado Trasdomonte, acompañando planimetría con data do 30 de abril de 1996.

Segundo.-Ramona Celia Fernández Álvarez, secretaria do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, dá fe e certifica: que na acta da sesión celebrada polo Xurado Provincial de Clasificación MVMC o día 25-5-1976, figuraba o seguinte acordo que literalmente transcrito di: «En canto ó monte Trasdomonte de 538 ha da parroquia da Madanela de Montes e coa presencia dos representantes dos sete lugares da citada parroquia ó non reuni-los requisitos precisos non se declara como veciñal en man común continuando como comunal».

Terceiro.-Con data do 17 de marzo de 1997 o xefe do Servicio de Montes redacta informe sobre a viabilidade que posúe a petición formulada, así como sobre a suficiencia da planimetría achegada para a correcta identificación do terreo do monte Trasdomonte da parroquia da Madanela de Montes, do concello de Forcarei, obedecendo a seguinte descrición:

Nome do monte: Trasdomonte.

Parroquia: A Madanela de Montes.

Concello: Forcarei.

Cabida: 530 ha aproximadamente, segundo informe da sección de topografía.

Límites:

Norte: monte Vilariño.

Sur: concellos do Irixo e Beariz da provincia de Ourense, polo regueiro de Balsada.

Leste: montes da parroquia de Zobra do concello de Lalín.

Oeste: propiedades particulares e monte veciñal en man común da Graña.

Cuarto.-Na reunión do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común do 19 de marzo de 1997 acordouse á iniciación do expediente de clasificación do monte Trasdomonte da parroquia da Madanela de Montes, do concello de Forcarei, nomeándose instructor deste a Teodoro Arribas Serrano.

Quinto.-Os veciños de Zobra formularon oposición á clasificación por primeira vez no ano 1997 e posteriormente cumprida e observada a tramitación legal e regulamentaria esixida no trámite de audiencia, con data do 23 de decembro de 2002 presentan un documento formado por 112 folios argumentando a fundamentación histórica na que se basea a comunidade de montes de Zobra para que o xurado de montes dispoña dos elementos necesarios para toma-la decisión en relación á clasificación do citado monte a favor da parroquia da Madanela de Montes.

Sexto.-Con data do 3 de abril de 2002, polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común, acórdase nomear instructor do expediente a Manuel Francisco Gutiérrez.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ten a competencia para coñece-los expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter a teor do establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo.-De conformidade co disposto no artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, e no artigo 1 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, cómpre entender por montes veciñais en man común «... os terreos radicados na Comunidade Autónoma de Galicia que, con independencia da súa orixe, as súas posiblidades productivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e os veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas, os membros daquelas na súa condición de veciños».

Así, segundo abondosa xurisprudencia, o feito que xustifica a clasificación ou non como veciñal dun determinado monte, en vía administrativa, é a cir

cunstancia de terse ou non demostrado o aproveitamento consuetudinario en man común, prescindindo das cuestións relativas á propiedade e demais dereitos reais.

Terceiro.-No informe emitido polo Servicio de Montes e Industrias Forestais, ponse de relevo que se trata dun monte ben delimitado por un regato e polos límites da provincia de Ourense e do concello de Lalín, onde existen vellos camiños de carro que conducen ós lugares de Ventosa e A Graña para uso e desfrute do monte.

Existiu un consorcio deste monte co nº 2.323 a favor do concello de Forcarei que proviña do monte 283-1 de utilidade pública, do que o Catálogo de montes de utilidade pública atribúe a súa pertenza á parroquia da Madanela de Montes, concello de Forcarei.

Cuarto.-Á vista da documentación que consta no expediente, resulta suficientemente acreditado o aproveitamento en man común do monte Trasdomonte.

Quinto.-Contestando as alegacións presentadas polos veciños da CMVMC de Zobra do Concello de Lalín nas que sen poñen en dúbida os límites dos municipios entre Forcarei e Lalín, este xurado manifesta non ten competencia para resolver estas cuestións que se sinalan no documento achegado.

O xurado acordou por unanimidade na reunión con data do 20-2-2003 que cando os lindes dos montes coincidan con límites parroquiais ou de termos municipais, se os límites parroquiais ou municipais cambian, cambiarán no mesmo sentido os lindes dos montes clasificados conforme os ditos lindes e polo tanto a súa cabida.

En consecuencia, vista a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e o seu regulamento, aprobado por Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios, de xenérica e específica aplicación ó caso examinado, e tendo en conta que no expediente queda acreditado, de xeito efectivo, que os terreos obxecto de clasificación veñen sendo aproveitados consuetudinariamente polos membros desta comunidade, proponse polo instructor e de maneira unánime o xurado

ACORDA:

Clasificar como veciñal en man común o monte Trasdomonte, a favor dos veciños da parroquia da Madanela de Montes, do concello de Forcarei, por reuni-los requisitos establecidos no artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e correspondéndose coa descrición reflectida no feito terceiro e a planimetría elaborada para o efecto polo Servicio de Montes e Industrias Forestais que forma parte inseparable desta resolución.

Contra esta resolución que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó desta notificación, de acordo co disposto no artigos 109 e 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Pontevedra, 10 de xuño de 2003.

José Antonio López Rodríguez

Presidente do Xurado Provincial de Clasificación

de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra