Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Xoves, 10 de xullo de 2003 Páx. 9.240

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

EDICTO do 10 de xuño de 2003, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se resolve a clasificación do monte Val da Rosa do lugar de Caldelas (concello de Ponte Caldelas).

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado por Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992,

do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise constar que:

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, dictou a seguinte resolución:

Asistentes:

-Presidente: José Antonio López Rodríguez (delegado provincial da Consellería de Medio Ambiente).

-Vocais:

Luis Mª Muíños Vidueira (letrado da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia).

Mª Luisa Pardavila Pazos (avogado polo colexio da provincia).

Manuel Francisco Gutiérrez (xefe do Servicio de Montes e Industrias Forestais).

-Vocais representantes do lugar de Caldelas do concello de Ponte Caldelas:

Manuel López Sánchez.

José A. López Sánchez.

-Secretaria: Pilar Pita Ponte (xefa de sección do Servicio Técnico-Xurídico da delegación de Medio Ambiente).

Na cidade de Pontevedra, sendo as dezasete horas do día vintecatro de abril do 2003 coa asistencia das persoas á marxe sinaladas, reúnese na 3ª planta do edificio sito no nº 47 da rúa Benito Corbal o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común co obxecto de decidir sobre a clasificación do monte Val da Rosa do lugar de Caldelas do concello de Ponte Caldelas.

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Con data de entrada 4 de xuño de 2001, Manuel López Sánchez, na súa condición de veciño de Caldelas e de presidente da CMVMC do lugar de Caldelas, presenta solicitude de iniciación de expediente de clasificación do monte denominado Val da Rosa como veciñal en man común para os veciños do lugar de Caldelas, acompañando informe técnico feito polo enxeñeiro técnico agrícola Ángel Bravo Portela, describindo o monte, identificación, superficie, ocupacións e lindeiros.

Segundo.-Con data do 9 xaneiro de 2002 Andrés Malvar Pintos, en representación da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Cuñas, Ponte Caldelas, presenta un escrito no que expón que o monte Val da Rosa pertence á Comunidade de Montes en Man Común de Cuñas, mediante resolución do Xurado Provincial do 5 de decembro de 1980, estando incluído na parcela nº 3 denominada parcela Monte da Roca.

Xúntase copia da resolución, copia do mapa descritivo dos montes da Comunidade de Montes en Man Común de Cuñas, así como nota informativa da inscrición rexistral, e copia do informe da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, previo á cesión dunha parcela de 14.698 m destinada á construcción dun instituto de enseñanza secundaria a favor do concello, con data do 24 de marzo de 1995.

Con base nos documentos achegados solicita:

-A condición de interesado na clasificación, coñecemento do estado da tramitación, se admitan os documentos achegados na proposta de resolución, e dene

ga-la clasificación do monte a favor da comunidade de Caldelas, xa que pertence a Cuñas, e non é a vía administrativa senón a vía xurisdiccional ordinaria onde se pode discuti-la titularidade dun monte clasificado.

Terceiro.-Solícitase ó Servicio de Montes e Industrias Forestais informe previo no que o xefe de área de Montes Veciñais en Man Común indica que a parcela denominada Val de Rosa non está afectada por outras clasificacións da parroquia de Ponte Caldelas e que a planimetría achegada polos veciños solicitantes é suficiente.

Cuarto.-Na reunión celebrada polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común o día 3 de abril de 2002 acordouse á vista do informe elaborado polo Servicio de Montes e Industrias Forestais incoa-lo expediente para a súa clasificación e nomear instructor del a Manuel Francisco Gutiérrez.

Quinto.-De conformidade co establecido no artigo 20 do Decreto 260/1992, solicítase informe preceptivo do Servicio de Montes e Industrias Forestais que é remitido ó xurado con data do 4 de xuño de 2002, no que se describe o monte da seguinte maneira:

Parcela única Val da Rosa superficie alegada na solicitude 72.400 m.

Estado forestal:

As zonas máis altas da parcela no contorno da superficie ocupada polo instituto de ensino atópanse rasas e cubertas por herbas e matorral baixo. As zonas altas da ladeira con orientación suroeste atópanse poboadas por pés de Eucalyptus globulus, Pinus pinaster e Quercus robur en estado de latizal, formando masa pouco densa. A parte media e baixa da ladeira ata o río Verdugo está poboada por masa densa formada por mouteiras de xermolos de cepa de eucalipto e masa mixta de eucalipto, piñeiro, carballo e acacia.

Servidumes e ocupacións:

As cotas superiores da parcela nunha extensión de 11.000 m segundo o indicado na solicitude atópanse ocupadas polo instituto de ensino e campos de deporte anexos, separado por valo metálico.

Colindante ó perímetro do instituto no seu lado sueste localízase unha entulleira.

A parcela aparece bordeada no seus límites norte e leste por estrada asfaltada e pista que continúa o percorrido pola ladeira sudoeste a toda a extensión da parcela. Dous ramais desta pista conducen ata a cota máis alta, nas proximidades do instituto e ó extremo sur cerca do río Verdugo.

A parcela está atravesada en dirección noroeste-sudoeste por unha liña de media tensión.

Límites:

Norte: estrada e predios particulares de José Carlos Casas Arruti, Emilio Rodríguez Álvarez, Adolfo Amoedo Otero e outros, muro por medio.

Leste: río Verdugo e predios particulares de José Antonio Estévez Rodríguez, muro por medio.

Sur: predios particulares de Olga Cuadrado Rey, Josefa Celia Álvarez Acuña e Manuel Martínez Otero, muro por medio.

Oeste: predios particulares de Manuel González Martínez, Olga Cuadrado Rey, Carmen Cousiño Hermida e outros, muro por medio.

Sexto.-O rexistrador da propiedade de Ponte Caldelas certifica con data do 31 de xuño do 2002 que o monte solicitado non aparece inscrito a favor de persoa ningunha.

Sétimo.-Con data do 9 de setembro do 2002 o presidente do xurado acordou abri-lo período de audiencia cun prazo dun mes. Data de saída 23 de setembro de 2002 e publicado no DOG do 21 de outubro.

Oitavo.-No período de audiencia presentáronse as seguintes alegacións:

a) O Concello de Ponte Caldelas alegou:

-Que o monte para clasificar contén unha parcela de 14.698 m ocupada polo instituto de ensino medio, propiedade da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

-Que a dita parcela cedida á Xunta de Galicia figura inscrita a nome do Concello de Ponte Caldelas en virtude de escritura outorgada pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Cuñas, que figuraba como propietaria, e co informe favorable da delegación de Agricultura.

b) Os veciños de Cuñas expoñen que o monte denominado Val da Rosa pertence á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Cuñas, que os veciños de Caldelas en ningún momento fixeron actos de disposición nin de aproveitamento do dito monte.

c) Andrés Malvar Pintos, en representación da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Cuñas, presenta así as alegacións que considera oportunas:

-Falta lexitimación da persoa que insta á clasificación segundo o artigo 3.1º da Lei 13/1989, do 10 de outubro.

-Non existe descontinuidade entre o monte de Roca e Val da Rosa, solicitando como proba ó respecto a comprobación in situ da dita existencia.

-Achega entre outras documentacións escrituras de cesión e proxectos de traballos forestais nos montes de Cuñas.

d) Con data do 22 de novembro de 2002 Manuel López Sánchez presenta escrito de alegacións no que expón:

-O monte Val da Rosa é unha parcela independente rodeada de predios particulares coa colindancia materializada por un muro perimetral.

-Que o dito monte foi sempre aproveitado polos veciños do lugar de Caldelas.

-Irrelevancia da existencia das instalacións dotacionais, atendendo ó recollido no artigo 1.2º da Lei 13/1989 e disposición adicional do Decreto 260/1992.

-As cesións acordadas no monte da Roca materialízanse no monte Val da Rosa.

-A posesión continuada do monte polos veciños de Caldelas non impediu que se tolerara gozos dos veciños do lugar de Cuñas, derivados do carácter semiurbano do monte así como a súa condición do monte inventariado como titularidade municipal.

e) Os veciños de Caldelas expoñen que fixeron aproveitamentos da plantación das árbores, esquilmos, pastoreo e outros.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ten a competencia para coñece-los expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter a teor do establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común. Expedientes que se iniciarán, de conformidade co establecido no artigo 19 do Decreto 260/1992, polo que se aproba o regulamento da Lei 13/1989 por instancia, entre outros, de calquera veciño ou grupo de veciños, circunstancia que concorre no solicitante.

Segundo.-De conformidade co artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e no artigo 1 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, cómpre entender por montes veciñais en man común «... os terreos radicados na Comunidade Autónoma de Galicia que, con independencia da súa orixe, as súas posiblidades productivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e os veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas, os membros daquelas na súa condición de veciños».

Así, segundo abondosa xurisprudencia, o feito que xustifica a clasificación ou non como veciñal dun determinado monte, en vía administrativa, é a circunstancia de terse ou non demostrado o aproveitamento consuetudinario en man común, prescindindo das cuestións relativas á propiedade e demais dereitos reais.

Terceiro.-No expediente de clasificación distínguense dúas características respecto á parcela:

-A definición física da parcela que á vista dos informe do servicio feito polo xefe de Área de Montes Veciñais en Man Común onde informa que a dita parcela non está actualmente clasificada a favor de ninguén e ademais o rexistrador da propiedade do Concello de Ponte Caldelas certifica que non está rexistrada a nome de ningunha persoa, fai formular claramente que a parcela custodiada non está na actualidade clasificada, polo que as alegacións feitas polos veciños de Cuñas carecen de consideración para o instructor.

En relación á cesión feita polos veciños de Cuñas ó concello para a realización do instituto de ensino, o dito informe realizado polo servicio non entra en cuestións de propiedade do monte, senón que valora o estado do predio cuberto por matorral de toxo e xestas con algún pé disperso de Pinus pinaster, E. glubulus, Quercur robur, sen que exista na actualidade ningún tipo de aproveitamento. En calquera caso os ditos elementos son equipamentos de uso público e non serían susceptibles de clasificación.

-Respecto ó aproveitamento da parcela feito polos veciños, vistas as probas e alegacións, non se atopan elementos para poder asegura-la exclusividade do aproveitamento da comunidade solicitante, e tendo en conta o informe feito no ano 1995 pola enxeñeira

de montes Paula Téllez González onde se sinala que non existía na actualidade ningún tipo de aproveitamento e baseándonos tamén no informe preceptivo na clasificación do 4 xuño de 2002 onde tampouco se fai referencia ó mesmo, e no percorrido realizado con data 22 de abril de 2003 polo instructor do expediente en presencia do axente territorial sr. Casas do distrito Caldas-Salnés onde tampouco atopamos ningunha referencia ós aproveitamentos.

En consecuencia, vista a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e o seu regulamento, aprobado por Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios, de xenérica e específica aplicación ó caso examinado, e tendo en conta que no expediente non queda acreditado, de xeito efectivo, que os terreos obxecto de clasificación veñen sendo aproveitados consuetudinariamente polos membros desta comunidade, o instructor propón e de maneira unánime o xurado

ACORDA:

Non clasificar como veciñal en man común o monte Val da Rosa a favor dos veciños do lugar de Caldelas, concello de Ponte Caldelas por non reuni-los requisitos establecidos no artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó desta notificación, de acordo co disposto no artigos 109 e 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Pontevedra, 10 de xuño de 2003.

José Antonio López Rodríguez

Presidente do Xurado Provincial de Clasificación

de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra