Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Xoves, 10 de xullo de 2003 Páx. 9.203

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 23 de xuño de 2003 pola que se declara de interese galego a Fundación Océano Vivo e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Visto o expediente de recoñecemento de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Océano Vivo, con domicilio en Arcade-Soutomaior (Pontevedra), Rúa do Peirao s/n. C.P. 36390.

Supostos de feito.

1. Que a fundación formulou solicitude de clasificación e de declaración de interese galego o 14 de abril de 2003.

2. A Fundación Océano Vivo foi constituída en escritura pública, outorgada en Vigo o día 28 de febreiro de 2003, ante o notario Francisco Fernández Íñigo, co número douscentos vintenove do seu pro

tocolo, por Evaristo Lareo Viñas, que intervén en nome e representación da asociación Comisión de Cofradías de Pescadores Afectados por el Siniestro del Petrolero Prestige; Manuel Pazos Vázquez, que intervén en nome e representación da Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Pontevedra; e Francisco Javier Martínez Durán e Juan Manuel López Álvarez que interveñen no seu propio nome e dereito.

3. O obxecto da fundación, segundo se establece no artigo 7 dos seus estatutos, é o de promover, incentivar e executar cantas accións se orienten á recuperación ambiental e económica de Galicia, traballando na restauración dos danos causados polo afundimento do Prestige, canalizando as axudas públicas que, se é o caso, lle sexan concedidas ou privadas que para este fin se destinen.

4. O padroado da fundación estará integrado polos seguintes membros:

Presidente: Evaristo Lareo Viñas, en representación da Comisión de Cofradías de Pescadores Afectados por el Siniestro del Petrolero Prestige; vocais: Francisco Javier Martínez Durán e Juan Manuel López Álvarez; secretario: Manuel Pazos Vázquez, en representación da Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Pontevedra.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevou ó conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública proposta de clasificación como benéfico-social da Fundación Océano Vivo, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, véndose cumpridos os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime de fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2ºª do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procedeuse á súa clasificación como benéfico-social e á súa adscrición á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo.-Conforme o artigo 32.3º a) do Regulamento de organizacións e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, é competencia desta consellería a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Océano Vivo, dado o seu obxecto, coincidente coas competencias desenvolvidas pola Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, asumindo as funcións que en canto a protectorado lle corresponden á Xunta de Galicia.

Terceiro.-Ó abeiro do disposto no artigo 7.5º da Lei 7/1983, do 22 de xuño, á realización da finalidade fundacional débese destinar, cando menos, o oitenta por cento das rendas que obteña a fundación e dos outros ingresos que non forman parte da dotación dela.

Cuarto.-A Lei 11/1991, do 8 de novembro, dá nova redacción ó artigo 21.2º da Lei 7/1983, establecendo por unha parte as obrigas de formular e presenta-lo orzamento de ingresos e gastos ó protectorado con anterioridade ó inicio do exercicio económico e, por outra, a de efecturar un inventario-balance pechado na data de finalización do exercicio, unha memoria das actividades realizadas durante o ano e de xestión económica do patrimonio, así como a liquidación do orzamento de ingresos e gastos do ano anterior, que deberán presentarse ó protectorado no prazo de seis meses desde a data de peche do exercicio.

Este conxunto de obrigas débense entender asumidas pola fundación aínda que non se recollan expresamente nos seus estatutos.

Quinto.-Á vista do exposto pódense entender substancialmente cumpridos os requisitos legais e regulamentarios para a declaración de interese galego e a súa inscrición no Rexistro de Fundacións, Sección de Fundacións da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, segundo se desprende dos artigos 5, 6, 7, 8, 11.1º e 18 do Decreto 248/1992.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Primeiro.-Recoñecer e declarar de interese galego a Fundación Océano Vivo.

Segundo.-Ordena-la súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección de Fundacións da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

Terceiro.-Aproba-los seus estatutos e a formación do seu órgano de goberno.

Cuarto.-A dita fundación queda sometida ó disposto no resto da normativa xeral de aplicación, en especial á obriga de da-la publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios, quedando obrigada a rende-las contas anualmente ó protectorado e a xustificar, a través dunha memoria anual, o cumprimento das cargas fundacionais, así como a presenta-lo proxecto de orzamento antes do último mes do exercicio económico anterior a aquel para o que se formula, debendo solicita-las preceptivas autorizacións do protectorado cando sexan necesarias.

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2003.

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN

LOCAL