Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Xoves, 10 de xullo de 2003 Páx. 9.204

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

DECRETO 300/2003, do 26 de xuño, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, pola Deputación Provincial da Coruña, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de ampliación e mellora do trazado da estrada provincial 7601 do punto quilométrico 0,000 ó 5,350, da Cruz de Lamestra a San Sadurniño. (Concello de San Sadurniño).

A Deputación Provincial da Coruña, en sesión celebrada o día trece de setembro de dous mil dous, aprobou o proxecto de ampliación e mellora do trazado da estrada provincial 7601 do punto quilométrico 0,000 ó 5,350, da Cruz de Lamestra a San Sadurniño e, na mesma sesión, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Por parte da Deputación Provincial da Coruña foi remitida a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local o día dez de xuño de dous mil tres.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local o día cinco de marzo de dous mil tres.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que segundo sinala a deputación a actuación é necesaria co fin de evita-lo altísimo risco de accidentes con perigo para a vida humana, debido á existencia, entre outros extremos, de curvas perigosas con pequeno raio, edificacións e vivendas pegadas á estrada, o estado do piso, o largo da calzada, de dimensións inferiores ás necesidades dos vehículos, e a intensidade media do tráfico.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local e logo de deli

beración do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteseis de xuño de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, pola Deputación Provincial da Coruña, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de ampliación e mellora do trazado da estrada provincial 7601 do punto quilométrico 0,000 ó 5,350, da Cruz de Lamestra a San Sadurniño.

Santiago de Compostela, vinteseis de xuño de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Carlos Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración

Local