Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Xoves, 10 de xullo de 2003 Páx. 9.205

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

DECRETO 301/2003, do 26 de xuño, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, pola Deputación Provincial de Lugo, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto número 252, Plan Operativo Local 2002 Xove, mellora da estrada provincial de Sumoas a Tuimil. (Concello de Xove).

A Deputación Provincial de Lugo, en sesión do día vintetrés de agosto de dous mil dous, aprobou o proxecto nº 252, Plan Operativo Local 2002 Xove, mellora da estrada provincial de Sumoas a Tuimil e, na sesión do trinta de setembro de dous mil dous, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Por parte da Deputación Provincial de Lugo foi remitida a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local o día vintetrés de decembro de dous mil dous.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que segundo sinala a deputación, a estrada sitúase na comarca da Mariña Occidental lucense, preto da

cidade de Viveiro e do complexo industrial Alcoa, tratándose dunha zona moi industrializada e cunha poboación en aumento, o que xera un notable tráfico nunha vía con graves problemas de seguridade vial, debido á falta de visibilidade e ó paso frecuente de camións da zona industrial nunha calzada que non reúne condicións para o seu tránsito.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteseis de xuño de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, pola Deputación Provincial de Lugo para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto nº 252, Plan Operativo Local 2002 Xove, mellora da estrada provincial de Sumoas a Tuimil.

Santiago de Compostela, vinteseis de xuño de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Carlos Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local