Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Xoves, 10 de xullo de 2003 Páx. 9.205

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 20 de xuño de 2003, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Compañía de Tranvías de La Coruña, S.A.

Visto o expediente do convenio colectivo da empresa Compañía de Tranvías de La Coruña, S.A. (código convenio 1500352) que tivo entrada nesta delegación provincial o día 29-5-2003, subscrito en representación da parte económica pola empresa, e da parte social, polo comité de empresa o día 28-5-2003, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depó-

sito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, obrante nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo depósito do citado acordo no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 20 de xuño de 2003.

Elisa Madarro González

Delegada provincial da Coruña

Convenio colectivo da Compañía de Tranvías

de La Coruña, S.A.

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

Este convenio colectivo rexe, regula e actualiza as relacións laborais entre a empresa Compañía de Tranvías de La Coruña, S.A., e a totalidade do seu persoal en activo na data da sinatura do convenio.

Artigo 2º.-Ámbito temporal.

Este convenio entrará en vigor para tódolos efectos, o 1 de xaneiro de 2003, desde esta data producirá plenos efectos, e a súa duración será ata o 31 de decembro de 2005.

Artigo 3º.-Revisión, rescisión ou prórroga.

O aviso previo de denuncia do convenio deberá facerse cunha antelación mínima dun mes, respecto da data do seu vencemento, ou se é o caso, do de calquera das súas prórrogas. Unha vez producida a denuncia, manterá a súa vixencia ata novo acordo en contido normativo.

O convenio quedará prorrogado tacitamente por sucesivos períodos dunha anualidade, no caso de que ningunha das partes formulase denuncia para a súa revisión ou rescisión.

A porcentaxe de aumento salarial sobre táboas é do 3,75%, consistente no IPC previsto máis 1,75 puntos para o ano 2003, e para o caso de que o 31 de decembro, sufrise variación respecto ó IPC real, procederase á regularización das diferencias orixinadas con efectos do 1 de xaneiro de 2003, servindo como base para os salarios de 2004.

Os incrementos económicos para o ano 2004 e 2005 serán:

Ano 2004: IPC real máis 1,5 puntos; así, o incremento realizarase no mes de xaneiro tomando como base o IPC previsto para 2004, e para o caso de que o 31 de decembro, sufrise variación respecto ó IPC real, procederase á regularización das diferencias orixinadas con efectos do 1 de xaneiro de 2004, servindo como base para os salarios de 2005.

Ano 2005: IPC real máis 1,5 puntos; así, o incremento realizarase no mes de xaneiro tomando como base o IPC previsto para 2005, e para o caso de que o 31 de decembro, sufrise variación respecto ó IPC real, procederase á regularización das diferencias orixinadas con efectos do 1 de xaneiro de 2005, servindo como base para os salarios de 2006.

Artigo 4º.-Compensación.

As condicións pactadas son compensables na súa totalidade coas que anteriormente rexeran por pacto ou foran concedidas pola empresa, ou por imperativo legal regulamentario, xurisprudencia, contrato individual, usos e costumes locais ou por razón de calquera outra cousa.

Respectaranse as condicións persoais que con carácter global excedan do convenio, manténdose estrictamente ad personam.

Artigo 5º.-Unidade do convenio.

As estipulacións contidas neste convenio forman un todo orgánico e indivisible polo que, necesariamente para efectos de interpretación e aplicación práctica, deberán ser consideradas globalmente en tódalas súas cláusulas ou artigos debendo a empresa respectar a tódolos traballadores, as condicións máis beneficiosas que, con anterioridade a este convenio, se establecesen ou viñesen desfrutando.

Artigo 6º.-Comisión paritaria.

A comisión será un órgano de interpretación, arbitraxe e vixilancia do cumprimento do pactado neste convenio. As súas funcións serán:

1. Interpretación auténtica do convenio.

2. Arbitraxe dos problemas ou cuestións que lle sexan sometidas por ámbalas partes, de común acordo, en asuntos derivados deste convenio.

3. Conciliación facultativa nos problemas colectivos, con independencia das atribucións que, por norma legal, lles poidan corresponder ós organismos competentes.

4. Vixilancia do pactado e o seu cumprimento.

As resolucións ou acordos adoptados por unanimidade pola comisión paritaria terán carácter vinculante.

En caso de dúbida ou discrepancia, a comisión elevaría consulta á autoridade laboral competente.

A comisión comporase dun presidente, que será o do convenio e actuará como mediador con voz,

pero non con voto, e de oito vocais, catro por cada parte, preferentemente de entre os que actuaron na deliberación do convenio. Ademais, o presidente levantará acta dos acordos e resolucións que se adopten na comisión, que deberán ser asinados por tódolos señores que interveñan.

Poderán ser nomeados asesores por cada representación, aínda que estes terán dereito a voz, pero non a voto.

A comisión, en primeira convocatoria, non poderá actuar sen a presencia de tódolos vocais, e en segunda, o seguinte día hábil, actuará cos que asistan, tendo voto unicamente en número paritario dos vocais presentes, sexan titulares ou suplentes.

A comisión paritaria reunirase por instancia de calquera das partes, póndose de acordo estas co presidente, sobre o lugar, o día e a hora da reunión.

Ámbalas partes conveñen en dar coñecemento á comisión paritaria de cantas dúbidas, discrepancias e conflictos puidesen producirse, como consecuencia da interpretación e aplicación do convenio.

Capítulo II

Retribucións económicas

Artigo 7º.-Retribucións.

O salario de todo traballador, de acordo coa lexislación vixente e en especial do Decreto de ordenación do salario, estará composto por:

a) Salario base.

b) Antigüidade.

c) Complemento de asistencia.

Artigo 8º.-Antigüidade.

Os traballadores que, conforme o disposto na normativa legal, desfrutan do complemento de antigüidade, seguirano percibindo segundo as porcentaxes actualmente en vigor. O importe da antigüidade calcularase sobre o salario base e manterase sen limitación ningunha ata a idade de 65 anos.

O persoal ingresado a partir do 1 de xaneiro de 1980 devengará a antigüidade conforme a seguinte táboa:

2 anos de antigüidade: 5%.

4 anos de antigüidade: 10%.

9 anos de antigüidade: 20%.

14 anos de antigüidade: 30%.

19 anos de antigüidade: 40%.

24 anos de antigüidade: 50%.

29 anos de antigüidade: 60%.

A data inicial do cómputo da antigüidade será a do ingreso do traballador na empresa e devengarase desde o día seguinte de ter cumpridos os anos.

Artigo 9º.-Pagas extraordinarias.

Tódolos traballadores da Compañía de Tranvías de La Coruña, S.A. percibirán dúas pagas extraordinarias que se denominarán de verán e Nadal. As ditas gratificacións percibiranse os días 15 de xullo

e 15 de decembro respectivamente ou o día inmediatamente anterior cando aqueles coincidan en domingo ou festivo. Ante a posibilidade de que algún dos días bancarios coincidise en día inhábil substituirase polo día laborable inmediatamente anterior, levando o talón bancario esta data. Este pagamento documentarase, a través do modelo oficial de nómina existente actualmente e a súa contía será de 30 días de salario base incrementándose co complemento de antigüidade.

Artigo 10º.-Paga de beneficios.

A participación en beneficios virá determinada polo montante do 10% dos salarios devengados durante o período que comprende o presente convenio, dos conceptos correspondentes a salario base e antigüidade correspondente a cada traballador. Aboarase antes do 16 de marzo.

Artigo 11º.-Quebranto de moeda.

A gratificación por quebranto de moeda queda establecida por este e futuros convenios no triple do prezo dun billete ordinario e, revisarase, mantendo o expresado criterio, sempre que se produza variación nas tarifas e coa mesma vixencia, percibíndose por día efectivo de traballo.

Artigo 12º.-Entrega de conta.

A gratificación por entrega de conta queda establecida en 3,54 euros diarios, percibíndose por día efectivo de traballo.

Artigo 13º.-Complemento conductor-perceptor.

O conductor-perceptor, cando desempeñe simultaneamente as funcións de conductor e cobrador, percibirá, ademais da remuneración correspondente á súa categoría, un complemento salarial por posto de traballo igual ó 20% do seu salario base por cada día en que realice ámbalas funcións. Igualmente percibirase nas vacacións anuais.

Artigo 14º.-Complemento de compensación.

Establécese un complemento para o persoal de administración, inspección e talleres, cunha contía que queda establecida en (360,00 euros) trescentos sesenta euros anuais, que se aboarán en doce pagas mensuais a razón de 30,00 euros, cada unha.

Artigo 15º.-Traballos realizados en domingos e festivos.

Os domingos e festivos non recuperables traballados compensaranse coa concesión dun día laborable para o descanso semanal.

Artigo 16º.-Nocturnidade.

O complemento de nocturnidade comezará a devengarse a partir das 22.00 horas do día e consistirá nun 25% sobre o salario base ou un 20% sobre o salario base e a antigüidade aplicándose, en cada caso, o resultado máis beneficioso para o traballador.

Artigo 17º.-Horas extraordinarias.

As partes asinantes deste convenio acordan a conveniencia de reducir ó mínimo indispensable a realización de horas extraordinarias, axustándose estrictamente ós seguintes criterios:

a) Horas extraordinarias habituais: supresión.

b) Horas extraordinarias que veñan esixidas pola necesidade de reparar sinistros ou outros casos extraordinarios e urxentes: realización.

c) Horas extraordinarias por contratos ou períodos punta de producción, ausencias imprevistas, cambios de quenda e outras circunstancias de carácter estructural ou técnico da propia natureza da actividade: mantemento, sempre que non caiba a utilización das distintas modalidades de contratación temporal ou parcial previstas pola lei. A dirección da empresa, informará periodicamente o comité de empresa, sobre o número de horas extraordinarias realizadas, especificando as causas, e se é o caso, a distribución por seccións ou tallos, e este levantará informe da situación á delegación de traballo. Se nunha sección determinada da empresa houbera necesidade de realizar horas extraordinarias nas condicións anteriormente descritas, a súa realización virá determinada por decisión maioritaria do conxunto dos traballadores que integran a dita sección, e, en caso afirmativo, terán que realizalas estes.

En ningún caso, o incremento das horas extraordinarias sobre o valor das horas ordinarias do traballo será inferior ó 75%.

Artigo 18º.-Pagamento de salarios.

O pagamento de salarios efectuarase mediante cheque bancario ó portador dous días antes de finaliza-lo mes, consignándose no cheque a data correspondente ó primeiro deles. Ante a posibilidade de que algún dos días bancarios coincidise en día inhábil, substituirase polo día laborable inmediatamente anterior. Este pagamento documentarase a través do modelo oficial de nómina existente actualmente.

No caso de que, algún ou algúns traballadores ou persoal xubilado solicite efectua-la domiciliación bancaria da nómina, a empresa comprométese a entregar ou depositar en calquera das entidades bancarias nas que manteña aberta conta corrente, a correspondente relación nominal de traballadores interesados, no transcurso dos dous últimos días hábiles bancarios de cada mes. Os traballadores que, pola súa vontade, estean acollidos a este último parágrafo, asumirán os atrasos que por tramitación bancaria puidesen xurdir.

Capítulo III

Melloras sociais

Artigo 19º.-Complemento de incapacidade temporal.

Todo o persoal da empresa percibirá con cargo a ela, en caso de IT (incapacidade temporal), a diferencia entre o que lle corresponde percibir polo réxi

me xeral da Seguridade Social e a retribución real correspondente ó salario base e antigüidade.

Ademais do especificado no parágrafo anterior, no caso de que un traballador permaneza de baixa por un período de tempo superior a 30 días, a partir do día 31 da baixa percibirá 4,00 euros por cada día en que permaneza nesa situación.

Artigo 20º.-Morte e invalidez.

Establecerase unha póliza de seguros por morte ou invalidez, para cada un dos traballadores da Compañía de Tranvías e durante a súa permanencia en activo nela, consistente nunha indemnización de 18.030 euros en caso de morte natural e morte ou invalidez por accidente. A póliza producirá efectos a partir da data na que se asine o presente convenio. As primas deste seguro serán por conta da empresa, a cal deberá dar copia da póliza ó comité de empresa.

Os beneficiarios serán os seguintes familiares: 1) Viúva. 2) Fillos. 3) Ascendentes. 4) Familiares ou persoas que con el convivan habitualmente. En todo caso, o traballador poderá variar e designar en documento á parte os familiares ou persoas beneficiarias.

Ademais, e como complemento do anterior, cando un traballador sexa declarado en situación de incapacidade laboral permanente en calquera dos seus graos e isto dea lugar á súa baixa na empresa, terá dereito a unha indemnización, por unha soa vez, de 48.081 euros, que lle serán aboados pola Compañía de Tranvías.

Artigo 21º.-Fondo de axuda asistencial.

Créase un fondo de axuda asistencial para sufragar gastos necesarios dos traballadores, destinado primordialmente a paliar:

1. Circunstancias sobrevidas de calquera índole, con excepción das derivadas de sancións impostas pola empresa, que supoñan para o traballador un quebranto económico importante.

2. Atencións de estudios para fillos segundo a orde de preferencia seguinte:

a) Os fillos orfos de traballadores.

b) Os pertencentes a familias numerosas.

c) Os que realicen estudios superiores carecendo de bolsa.

Este fondo será administrado polo comité de empresa, o cal proverá as respectivas adxudicacións e detallaranse publicamente a través do taboleiro de anuncios, para coñecemento de todo o persoal. A dotación será de 1.300,00 euros por ano de vixencia do convenio e por unha soa vez por conta da empresa, e non se poderá acumular máis de tres anos consecutivos.

Artigo 22º.-Pases de libre circulación.

As esposas ou esposos, se é o caso, fillos, viúvas, xubilados, pensionistas de longa enfermidade e invalidez e os fillos orfos de traballadores que o soliciten,

terán dereito a un pase gratuíto para viaxar nos vehículos da empresa. No que respecta ós fillos e orfos, gozarán de tal beneficio ata os 26 anos, sempre e cando acreditasen a súa necesidade en función de estudios, que estivesen realizando. Se algún dos beneficiarios traballase perdería tal beneficio, agás se estivese realizando aprendizaxe, e neste caso respectaráselle ata a idade que sinale a Ordenanza laboral para as empresas de transportes por estrada, facendo extensivos estes beneficios para os fillos dos xubilados ou pensionistas de longa enfermidade e invalidez.

Artigo 23º.-Libre acceso ós vehículos.

Tódolos traballadores da Compañía de Tranvías de La Coruña, S.A., con presentación da tarxeta de identidade da empresa, terán libre acceso ós vehículos dela.

Artigo 24º.-Uniformes.

A empresa dotará a todo o persoal da uniformidade conforme se especifica a continuación, debendo vestir con limpeza e propiedade.

Cada dous anos entregaráselle ó persoal de movemento un uniforme completo composto dunha cazadora, dous pantalóns, un xersei e catro camisas.

A todo o persoal de movemento de novo ingreso, e por unha soa vez seranlle entregados dous uniformes completos en vez dun.

Dotarase de botas e tres fundas a todo o persoal de talleres. Manteranse nas actuais condicións a entrega de zamarras e gardapós.

Artigo 25º.-Garantías no posto de traballo.

Todo conductor ou conductor-perceptor, se é o caso, que conducindo un vehículo da empresa cometese unha infracción que implicase a retirada do carné de conducir, terá dereito a desempeñar, sen perda de categoría laboral, o posto que eventualmente puidese asignarlle a empresa. No caso de que, co seu vehículo propio, cometese unha infracción que implicase a retirada do carné de conducir por un tempo máximo de dous anos, poderá desempeñar, sen perda de categoría laboral, o posto que eventualmente puidese asignarlle a empresa.

No suposto de que a retirada do carné fose por tempo superior, a empresa unicamente se compromete, por tempo indefinido, a reservarlle o posto de traballo.

Para iso será necesario o previo informe do comité de empresa, que deberá pronunciarse, sobre as circunstancias que en cada caso concorran.

Artigo 26º.-Capacidade diminuída.

Os traballadores da empresa que, despois dun recoñecemento médico realizado polo servicio médico de empresas ou por un centro médico psicotécnico autorizado, non foran considerados aptos para o seu posto de traballo habitual, e ademais non exista vacante noutro posto de traballo apto para as súas novas condicións, sempre que permanezan de baixa,

percibirán unha cantidade que, sumada á que reciban doutros conductos oficiais, acade o 100% do salario base e antigüidade correspondente ó posto que ocupaban, ata a data mínima de xubilación legal, sendo necesaria a conformidade do traballador.

Artigo 27º.-Festas de Nadal.

A representación empresarial e o comité de empresa, conxuntamente, comprométense a solicitar do concello, a autorización pertinente para adiantar, o día 24 de decembro, a retirada do servicio ás 21.00 horas e o día 31 de decembro ás 21.30 horas e os días 25 de decembro e 1 de xaneiro atrasa-la saída ás 10.00 horas. Para o persoal de talleres e administración, os días 24 de 31 de decembro, a xornada laboral finalizará ás 13.00 horas.

Artigo 28º.-Indemnizacións por falecemento.

A empresa aboará tres mensualidades compostas por salario base, antigüidade e complemento de asistencia, en caso de falecemento de calquera traballador en activo, os cales se lles entregarán ós seguintes familiares deste: 1) Viúva. 2) Fillos. 3) Ascendentes. 4) Familiares ou persoas que con el convivan habitualmente. Á parte destas tres mensualidades, a empresa aboaralles ós ditos familiares o salario, antigüidade e complemento do mes completo en que falecese sen ter en conta o día en que tal feito aconteza.

Capítulo IV

Xornada laboral

Artigo 29º.-Xornada laboral.

A xornada terá unha duración máxima ordinaria de traballo de 40 horas semanais, equivalente a 1.826 horas efectivas anuais e será continuada, excepto en circunstancias especiais en que o servicio o requira. Ámbalas partes acordan en relación cos conductores-perceptores, mante-lo mesmo sistema de traballo e descanso vixente, polo que, cada semana se darán dous días de descanso.

A xornada laboral do persoal de administración e talleres finalizará para tódolos efectos ás catorce horas do sábado, exceptuando os sábados comprendidos entre os meses de maio e outubro, ambos inclusive, nos que non se traballará.

Capítulo V

Licencias e vacacións

Artigo 30º.-Licencias, vacacións e permisos non retribuídos.

O traballador, logo do aviso previo e xustificación, poderá ausentarse do traballo con dereito a remuneración, por algún dos motivos e polo tempo seguinte:

a) Dezaseis días naturais en caso de matrimonio do traballador.

b) Tres días en caso de nacemento de fillos, falecemento ou enfermidade grave da esposa e de fillos, fillos políticos, pais, irmáns, avós, netos, padrastos, e cuñados de ámbolos dous cónxuxes.

Cando por tal motivo o traballador teña que realizar un desprazamento fóra da provincia, o prazo será de cinco días.

c) Dous días por traslado de domicilio habitual.

d) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal. Cando conste nunha norma legal ou convencional, un período determinado, aplicarase o que esta dispoña en canto á duración da ausencia e á súa compensación económica.

e) Dous días de permiso retribuídos, que poderán ampliarse a un máis sen retribución, en caso de falecemento de tíos de ámbolos cónxuxes.

f) En caso de falecemento de familiares non mencionados nas letras b) e e), ou no suposto de casamento de fillos, ou bautizos e primeiras comuñóns, a empresa facilitaralle ó traballador o tempo necesario para tal fin sen que este tempo sexa retribuído.

Independentemente do anterior, recoñéceselle a todo o persoal ó servicio da empresa o dereito a gozar dun permiso anual sen retribución, de duración non superior a sete días para asuntos propios. A utilización deste permiso precisará a xustificación previa da causa que o motiva, e a súa concesión que será automática; só se condiciona a que este se solicite cunha semana de antelación. Só poderá utilizarse unha vez ó ano e o seu caso non será acumulable ó ano seguinte. O traballador, durante eses días, estará en situación de alta na Seguridade Social. Terase en conta o parecer do comité de empresa.

Artigo 31º.-Vacacións.

As vacacións serán de trinta días naturais retribuídos a razón de salario base, antigüidade, complemento de asistencia, complemento de conductor-perceptor e complemento de compensación, se é o caso.

Artigo 32º.-Excedencias.

Os traballadores cunha antigüidade na empresa dun ano, como mínimo, teñen dereito a que se lles recoñeza a posibilidade de situarse en excedencia voluntaria, por un prazo non menor de dous anos e non maior de cinco.

O reingreso deberá ser solicitado cun mes de antelación ó remate da excedencia e producirase de forma automática, sempre e cando a lexislación vixente en cada momento permita a contratación temporal por períodos equivalentes ó da excedencia.

En caso contrario, observarase o disposto no Estatuto dos traballadores.

Capítulo VI

Seguridade e hixiene

Artigo 33º.-Comité de seguridade e saúde.

Convense a creación inmediata dun comité de seguridade e saúde no traballo, coas seguintes atribucións e funcións:

a) Promover na empresa a observancia das disposicións vixentes en materia de seguridade e saúde.

b) Estudiar e propo-las medidas oportunas para a prevención de riscos profesionais, protección da vida, integridade física, saúde e benestar dos traballadores.

c) Seren informados pola dirección da empresa das medidas concretas que se previsen en materia de seguridade e saúde, tendo facultade de propor adecuacións, modificacións ou adicións pertinentes ó plan de seguridade por iniciativa do comité.

d) O comité de seguridade e saúde poderá insta-la paralización das actividades ante o inminente risco de accidente.

e) O comité de seguridade e saúde estará composto polo empresario ou quen o represente, un técnico cualificado nestas materias (designado pola empresa e o comité de empresa, conxuntamente) e tres representantes das categorías profesionais máis representativas.

O comité de seguridade reunirase unha vez ó mes, en horas de traballo. As reunións extraordinarias faranse por razóns de urxencia.

Este comité de seguridade e saúde dará conta das súas funcións, polo menos unha vez ó mes, ó comité de empresa.

O comité de seguridade e saúde terá dereito a solicitar do empresario as estatísticas sobre o índice de absentismo e as súas causas, os accidentes de traballo e as súas causas, enfermidades profesionais e as súas consecuencias e os índices de sinistralidade.

Capítulo VII

Dos sindicatos e do comité de empresa

Artigo 34º.-Do comité de empresa.

a) Dereito á negociación colectiva.

b) Dereito á información trimestral, polo menos sobre a evolución contable da sociedade.

c) Dereito a coñecer con antelación suficiente os plans de formación profesional da empresa, procesos de absorción e fusión ou modificación do estatus xurídico da empresa e das modificacións da actividade da empresa.

d) Seren informados previamente á presentación na delegación de traballo e organismos competentes sobre a reestructuración de cadros de persoal, peche de empresa ou suspensións temporais de contrato, reducción de xornada, traslado das instalacións da empresa e, en xeral, sobre todo proxecto ou acción empresarial, que poida afectar substancialmente os intereses dos traballadores.

Igualmente, deberá ser informado previamente sobre a implantación ou revisión de sistemas de organización do traballo e calquera das súas posibles consecuencias.

e) Coñece-los modelos de contrato de traballo escrito que se utilizan na empresa, así como os documentos relativos ó remate da relación laboral.

f) Dereito a exercer unha función de vixilancia sobre:

O cumprimento das normas vixentes en materia laboral e Seguridade Social.

As condicións de seguridade e saúde nas que se desenvolve o traballo na empresa.

g) Dereito a participar na xestión das obras sociais da empresa a beneficio dos traballadores ou dos seus familiares.

h) Dereito a que se lles comunique con carácter previo toda decisión en supostos de sancións graves ou despedimentos.

i) Dereito a convocar asembleas de tódolos traballadores sen máis trámite que a previa notificación ó empresario.

j) O comité terá dereito a doce horas anuais retribuídas dentro da xornada laboral, durante o tempo que se considere necesario se é fóra da xornada.

Estas asembleas convocaranse no local da empresa.

Por realizarse o traballo por quendas e non poder efectuarse unha única asemblea, as diversas reunións que teñan que realizarse consideraranse como unha soa.

k) As horas serán acumulables entre os diferentes membros do comité de empresa.

O comité gozará dunha reserva de trinta e dúas horas mensuais retribuídas con tódolos seus emolumentos, igual que calquera outro día efectivo de traballo, para o exercicio das funcións sindicais que lles correspondan.

Artigo 35º.-Atribucións das seccións sindicais.

a) Difundir publicacións e avisos de carácter sindical ou laboral nos locais da empresa, sen perturba-lo normal desenvolvemento do proceso productivo.

b) Fixar todo tipo de comunicacións e anuncios de carácter sindical ou laboral nos taboleiros que para tal efecto deberá establece-la empresa dentro dela e en lugares que garantan un adecuado acceso a eles por tódolos traballadores.

c) En materia de reunións, axustarán a súa conducta á normativa legal vixente.

d) Poderán dispor do local destinado ó comité de empresa sempre e cando sexan autorizados para o efecto por este último.

e) Propor candidatos ás eleccións para cubri-los postos do comité de empresa.

f) Elixir un responsable sindical que os represente perante a empresa e que sexa o voceiro da sección sindical ante ela.

g) Utilizar asesores sindicais, economistas, avogados, etc., nos temas colectivos.

h) Obriga por parte da empresa de desconta-la cota sindical da nómina dos traballadores que a través da sección sindical o soliciten.

i) Terán dereito a un número de oito días de permiso sen retribución ó ano para o exercicio das súas actividades sindicais, por parte dos seus membros, coa notificación previa á empresa e a dez horas de traballo ó mes retribuídas para o exercicio do labor sindical, dentro ou fóra da empresa.

Capítulo VIII

Réxime disciplinario

Artigo 36º

Considerarase falta toda acción ou omisión cometida durante, en conexión con ou derivada da realización do traballo, que supoña incumprimento dos deberes e obrigas que se desprenden deste convenio, a lexislación laboral, a Lei de seguridade vial, o ordenamento xurídico, normas e pactos individuais ou colectivos e usos ou costumes. Valorando todo tipo de circunstancias, especialmente a gravidade da transgresión ou as súas consecuencias, a intencionalidade e a reincidencia, as faltas graduaranse como leves, graves ou moi graves.

Artigo 37º

Consideraranse faltas leves as seguintes:

a) Dúas faltas de puntualidade na asistencia ó traballo no período dun mes sen xustificación, sempre e cando non afecten o servicio de movemento.

b) O atraso ou adianto, sen causa xustificada, por unha soa vez, en chegadas ou saídas de cabeceira de liña ou das paradas.

c) A incorrección nas relacións cos usuarios, a discusión cos compañeiros dentro da xornada de traballo, a falta de hixiene ou limpeza persoal e a non utilización ou o uso incorrecto do uniforme ou da roupa entregada pola empresa.

d) O abandono do traballo sen causa xustificada nos departamentos de oficinas, talleres ou limpeza.

e) Efectuar cambio de domicilio ou traslado de residencia sen llo notificar á empresa e igualmente non notificar, con carácter previo, por calquera medio, a imposibilidade de acudir ó traballo e a súa causa, nos departamentos de oficina e talleres.

f) O atraso inxustificado na entrega dos partes de baixa e confirmación nos supostos de enfermidade ou accidente.

g) A demora inxustificada de ata dous días na entrega da recadación ou xustificante do ingreso dela na entidade bancaria estipulada, así como non facilitar ou cubrir correctamente os datos da recadación, folla de ruta ou demais documentación que sexa necesaria.

Artigo 38º

Considéranse faltas graves:

a) Máis de dúas faltas de puntualidade na asistencia ó traballo no período dun mes ou cando tivese que relevar un compañeiro ou cando afecte os servicios de movemento, orixinando prexuízos ós usuarios ou á empresa.

b) Unha falta de asistencia ó traballo sen causa xustificada ou sen aviso previo.

c) A demora inxustificada de máis de dous días na entrega da recadación ou do xustificante de ingreso na entidade bancaria establecida.

d) O abandono inxustificado do posto de traballo que causase prexuízo dalgunha consideración ós usuarios, ós compañeiros de traballo ou á empresa.

e) O abandono inxustificado do vehículo-autobús, no caso dos conductores-perceptores, aínda que sexa momentaneamente, co motor aceso, pechado e con viaxeiros dentro.

f) A perda ou a deterioración causada a calquera das pezas do uniforme ou material da empresa por descoido, falta de atención ou neglixencia e, igualmente, as avarías ou danos, ocasionados polas mesmas causas, nos vehículos da empresa.

g) Cambiar ou desviarse da ruta ou itinerario sen causa xustificada, orde do superior xerárquico, instruccións do sistema de axuda á explotación, orde policial o concorrencia de forza maior.

h) As discusións violentas, falta de respecto e consideración cos usuarios, cos compañeiros-as de traballo e co público en xeral.

Artigo 39º

Consideraranse faltas moi graves:

a) A transgresión da boa fe contractual, a indisciplina ou desobediencia no traballo, o roubo ou furto realizado dentro das dependencias da empresa ou durante a realización do traballo ou prestación de servicio, a fraude, a deslealdade ou o abuso de confianza nas xestións encomendadas e a diminución continuada e voluntaria no rendemento do traballo normal ou pactado.

b) A violación do segredo da correspondencia, revelación a estraños de datos que se coñezan por razón do traballo ou calquera tipo de vulneración do sixilo profesional.

c) A simulación da presencia doutro compañeiro de traballo, xa sexa fichando, asinando por el ou circunstancia análoga.

d) A realización de traballos de calquera clase por conta propia ou allea, estando o empregado en situación de baixa laboral por enfermidade ou accidente.

e) A superación, no caso dos conductores-perceptores, da taxa de alcoholemia decretada legalmente, así como a conducción baixo os efectos de drogas, substancias alucinóxenas ou estupefacientes. Terán a obriga de someterse a realiza-las probas pertinentes sempre que fosen requiridos para o efecto e a negativa a efectualas será xusta causa de despedimento.

f) Fumar, no caso dos conductores-perceptores, dentro do autobús ou permitir que o fagan os usuarios, e o resto dos empregados nos lugares da empresa en que estea prohibido ou represente algún perigo.

g) Transportar calquera persoa non autorizada para o efecto, sen que quede constancia diso a través dos métodos ou mecanismos de control establecidos e, polo tanto, sen ingresa-lo importe da súa viaxe na recadación.

h) As agresións físicas e/ou acoso sexual ós usuarios/as ou persoas que traballen na empresa.

i) A alegación de causas falsas para a obtención de permisos ou licencias.

j) As ofensas verbais ou físicas ó empresario ou ás persoas que traballan na empresa ou ós familiares que convivan con eles.

k) Realizar sen permiso, dentro da xornada laboral, traballos particulares, utilizar indebidamente o material da empresa, ben para fins propios, ben para fins alleos a ela ou ben contravindo as normas establecidas.

l) A contravención ou inobservancia das normas establecidas en materia de seguridade e saúde.

Artigo 40º

A reincidencia na comisión de calquera falta da mesma graduación no transcurso dun trimestre implicará que sexa clasificada como do grupo inmediatamente superior en canto á súa gravidade.

Artigo 41º

As sancións, que serán acordadas en tódolos casos pola dirección da empresa, consistirán en:

a) Por faltas leves: amoestación por escrito; suspensión de emprego e soldo ata dous días.

b) Por faltas graves: suspensión de emprego e soldo de tres a vinte días.

c) Por faltas moi graves: suspensión de emprego e soldo de vinteún a sesenta días; despedimento disciplinario.

Artigo 42º

En calquera caso, o traballador poderá acudir á vía xurisdiccional competente para insta-la revisión das sancións impostas en caso de desacordo.

Procedemento sancionador.

As sancións que se impoñan efectuaranse sempre por escrito, calquera que sexa o grao da infracción,

debéndose indicar detalladamente os feitos que a motivan, a avaliación da falta segundo a súa gravidade, e a sanción que se impón.

Prescrición.

Das faltas: as faltas leves prescribirán ós dez días, as graves ós 20 días e as moi graves ós 30 días, a partir da data en que a empresa tivo coñecemento da súa comisión e, en todo caso, ós catro meses de se cometeren.

Das sancións: as sancións firmes impostas por faltas moi graves prescribirán ós 60 días, por faltas graves ós 30 días e as impostas por faltas leves ós 15 días. O prazo de prescrición comezará a computar desde o día seguinte a aquel en que adquira firmeza a sanción.

Cláusula adicional.

Con respecto ós novos ingresos de traballadores, en igualdade de condicións daráselles preferencia ós fillos de empregados ou pensionistas da empresa.

A Coruña, 28 de maio de 2003.

Táboas salariais

CategoríasSalario

Xefe de servicio1.077,12 A
Xefe de sección859,56 A
Xefe de negociado823,55 A
Oficial 1ª administrativo781,54 A
Oficial 2ª administrativo764,59 A
Auxiliar administrativo752,48 A
Xefe de taller905,99 A
Contramestre796,17 A
Encargado de almacén796,73 A
Inspector25,80 A
Conductor-perceptor25,58 A
Conductor25,45 A
Cobrador24,85 A
Xefe de equipo25,91 A
Oficial 1ª taller25,58 A
Oficial 2ª taller25,36 A
Oficial 3ª taller25,01 A
Mozo taller24,74 A
Complemento de compensación30,00 A
Complemento de asistencia1,65 A
Quebranto de moeda2,40 A
Entrega de conta3,54 A
Complemento de cobramento5,12 A

Táboa de remuneración anual en función das horas

anuais de traballo

CategoríasRemuneraciónHoras

Xefe de servicio17.411,30 A1.826
Xefe de sección14.060,87 A1.826
Xefe de negociado13.506,32 A1.826
Oficial 1ª administrativo12.859,37 A1.826
Oficial 2ª administrativo12.598,34 A1.826
Auxiliar administrativo12.411,84 A1.826
Xefe de taller14.775,90 A1.826
Contramestre13.084,67 A1.826
Encargado de almacén13.093,29 A1.826
Inspector12.885,15 A1.826
Conductor-perceptor15.021,50 A1.826
Conductor12.721,53 A1.826
Cobrador12.441,03 A1.826
Xefe de equipo12.936,58 A1.826
Oficial 1ª taller12.782,30 A1.826
Oficial 2ª taller12.679,45 A1.826
Oficial 3ª taller12.515,83 A1.826
Mozo de taller12.389,60 A1.826

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA