Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Venres, 04 de xullo de 2003 Páx. 8.890

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 25 de xuño de 2003, conxunta das consellerías de Educación e Ordenación Universitaria e de Emigración, pola que se establece e regula o programa de axudas para estudios universitarios destinadas a emigrantes galegos ou ós seus descendentes.

A Consellería de Emigración é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma ó que lle corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade, relacións coas comunidades galegas no exterior e política de apoio á inmigración nacional e estranxeira en Galicia.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria asumiu as competencias que en materia de universidades lle foron transferidas á Comunidade Autónoma polo Decreto 1754/1987, do 18 de decembro (BOE do 19 de xaneiro de 1988; DOG do 17 de febreiro de 1988). Estas competencias fóronlle asignadas á Consellería de Educación no Decreto 62/1988, do 17 de marzo (DOG do 8 de abril).

En consecuencia, a Consellería de Emigración, a través da Dirección Xeral de Emigración e a Con

sellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Universidades, manifestan o interese de pór en marcha un programa que contribúa ó financiamento de estudios universitarios nas universidades do Sistema Universitario de Galicia.

Con este programa preténdese que aquelas familias galegas residentes no exterior poidan ofrecerlles ós seus fillos a posibilidade de realizar estudios para obter unha titulación universitaria en calquera das tres universidades de Galicia. Búscase deste xeito que estes mozos poidan formarse no eido cultural e educativo galego, no seo das súas institucións académicas, para desenvolver posteriormente o seu labor profesional tanto en Galicia como no país de residencia dos seus pais, á vez que se contribúe ó fortalecemento das súas orixes galegas.

Por todo isto, e desde os principios e obxectivos expostos, e no exercicio das facultades conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Programa de axudas para estudios universitarios destinadas a emigrantes galegos ou ós seus descendentes

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto deste programa é a convocatoria de bolsas de estudios destinadas ós galegos, ós seus fillos e netos, con residencia familiar no estranxeiro, con especiais aptitudes para o estudio, con insuficiencia

de medios económicos e que desexen realizar estudios universitarios de primeiro e segundo ciclo ou terceiro ciclo (etapa de formación), coa consecución das correspondentes titulacións nalgunha das universidades do Sistema Universitario de Galicia. Terán preferencia aqueles que pretendan seguir estudios de 1º e 2º ciclo.

En función do rendemento académico do beneficiario, e condicionada ó límite de crédito previsto, a axuda poderase renovar ata completa-lo ciclo de estudios, logo de solicitude nas correspondentes convocatorias.

Tódolos trámites necesarios para matricularse na universidade galega elixida deberán ser realizados directamente polos propios solicitantes.

Artigo 2º.-Competencia.

A competencia para coñecer e resolve-las solicitudes de axudas presentadas ó abeiro desta orde correspóndelles, conxuntamente, ó conselleiro de Emigración e ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 3º.-Orzamento e contía das axudas convocadas.

1. Para a concesión das bolsas destinarase un total de 180.303,62 euros con cargo á aplicación orzamentaria 17.02.213-A.480.0, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003. Para a dita finalidade a Consellería de Educación, a través da Dirección Xeral de Universidades, transfire a cantidade de 90.151,81 euros á Dirección Xeral de Emigración da Consellería de Emigración.

Sen embargo, a cantidade total destinada ás bolsas poderase incrementar de acordo coas dispoñibilidades de crédito das dúas direccións xerais convocantes.

2. A contía máxima de cada axuda non poderá supera-la cantidade de 5.400 euros e determinarase en función dos ingresos familiares, da valoración do expediente académico e do país de procedencia.

Artigo 4º.-Período.

Os estudios universitarios para os que van destinadas estas axudas deberán realizarse durante o curso académico 2003-2004.

Artigo 5º.-Requisitos.

Poderán solicitar estas axudas e, se é o caso, ser beneficiarios delas os alumnos que acrediten documentalmente os seguintes requisitos:

a) Ser galego, fillo ou neto de galego.

b) Que os seus pais ou titores legais carezan de medios económicos suficientes para acada-la finalidade deste programa.

c) Que teñan fixada a súa residencia familiar no estranxeiro.

d) No caso de desexar cursar estudios de 1º e 2º ciclo no Sistema Universitario de Galicia, deberán ter realizados tódolos seus estudios con continuidade nos sistemas educativos oficiais vixentes e estaren cursando no momento da convocatoria estudios de grao medio, no seu último curso, ou estudios universitarios de primeiro ou segundo ciclo sen que estes estean rematados.

No caso de desexar cursar estudios de 3º ciclo (etapa de formación) deberán ter obtido o seu título universitario nos tres últimos anos, agás aqueles estudiantes que xa se atopen incorporados na actualidade no Sistema Universitario de Galicia.

Artigo 6º.-Solicitudes e prazo de presentación.

1. As solicitudes, no modelo oficial (que se publica como anexo a esta orde e ó dispor dos interesados nas dependencias da Consellería de Emigración e da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, e na Internet nos enderezos http:www.xunta.es/conselle/ceoug/dxu e no http:www.xunta.es/conselle/em) presentaranse xunto coa documentación correspondente no rexistro xeral da Consellería de Emigración, dirixidas á Dirección Xeral de Emigración (rúa Os Basquiños, 2, 15704 Santiago de Compostela, A Coruña), no da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, dirixidas á Dirección Xeral de Universidades (edificio administrativo San Caetano s/n, 15781 Santiago de Compostela, A Coruña) ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro) para a presentación de instancias. Se no uso deste dereito a

solicitude é remitida por correo, presentarase en sobre aberto para que sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de certificala.

2. O prazo de presentación de solicitudes xunto coa documentación relacionada no artigo 7.1, alíneas a), b), c), d), e), f) e g), e artigo 7.2, alíneas a), c), d), e) e g) será de 40 días hábiles contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

3. O prazo de presentación do resto da documentación será o seguinte:

-Ata o 31 de xullo ou o 30 de setembro do 2003 para a documentación relacionada no artigo 7.1, alínea h), nas convocatorias de xuño e setembro.

-Ata o 15 de outubro de 2003 para a documentación relacionada no artigo 7.1, alíneas i), k) e l).

-No momento de expedición e, en calquera caso, antes do 15 de novembro de 2003, para a documentación relacionada no artigo 7.1, alínea j).

-No prazo de 10 días desde que, conforme o procedemento administrativo correspondente, se teña a posibilidade de consegui-la documentación, para a sinalada no artigo 7.2, alíneas b) e f).

Artigo 7º.-Documentación.

7.1. Os solicitantes das axudas, agás os citados no artigo 7.2, deberán presenta-la seguinte documentación:

a) Solicitude segundo o modelo normalizado do anexo I desta orde.

b) Fotocopia do DNI ou doutro documento acreditativo da nacionalidade do solicitante.

c) Documento acreditativo da súa condición de galego ou ascendencia galega.

d) Documentos xustificativos da residencia no estranxeiro dos seus pais ou titores legais.

e) Xustificación documental dos ingresos económicos da unidade familiar ou, no caso de traballar por conta propia, declaración xurada responsable.

f) Declaración do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes.

g) Certificación académica detallada dos estudios realizados polo solicitante nos tres últimos cursos académicos inmediatamente anteriores ó que estea cursando na actualidade, na que figuren as cualificacións obtidas en cada materia cursada, as súas datas de obtención e o número exacto de convocatorias investidas en cada materia. Tamén deberá presentar unha escala de notas aplicada polos centros onde realizou os estudios.

No caso de estudios validados, deberá presentarse, así mesmo, certificación académica, de indénticas características, para os estudios de orixe.

h) Xustificación das cualificacións obtidas no curso 2002-2003 ou, no caso dos países nos que o curso académico coincide cos anos naturais, as correspondentes ó curso 2002.

i) Os solicitantes que se matriculen por primeira vez nunha universidade galega deberán presentar un dos dous xustificantes seguintes:

-De recepción da presentación ante a facultade elixida da documentación necesaria para a validación das disciplinas cursadas.

-Certificación que acredite a superación das probas de acceso á universidade.

j) Xustificante de estar admitido para matricularse ou xustificante de matrícula no curso académico 2003/2004.

k) Para os alumnos de terceiro ciclo, certificado do secretario do departamento no que conste a admisión do solicitante no programa de doutoramento ou, no caso de que aínda non se fixese pública a relación de admitidos, copia da solicitude de admisión do solicitante no programa de terceiro ciclo, na que figure o rexistro de entrada no correspondente organismo.

l) Documento facilitado por unha entidade bancaria a nome do interesado, no que conste o código conta cliente comprensivo dos códigos que identifican o banco, a oficina, o díxito de control e o número de conta no que se aboará o importe da axuda.

7.2. No caso dos alumnos matriculados nalgunha das universidades do Sistema Universitario de Galicia que xa fosen beneficiarios nalgunha das convocatorias da Consellería de Emigración ou da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria durante o curso 2002/2003 e desexen continuar estudios nas devanditas universidades, deberán presenta-la seguinte documentación:

a) Solicitude segundo o modelo normalizado do anexo I desta orde.

b) Certificación académica referida ó curso 2002/2003.

c) Documentos xustificativos da residencia no estranxeiro dos seus pais ou titores legais.

d) Xustificación documental dos ingresos económicos da unidade familiar ou, no caso de traballar por conta propia, declaración xurada responsable.

e) Declaración do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes.

f) Xustificante de matrícula no curso académico 2003/2004.

g) Documento facilitado por unha entidade bancaria a nome do interesado, no que conste o código conta cliente comprensivo dos códigos que identifican o banco, a oficina, o díxito de control e o número de conta no que se aboará o importe da axuda.

7.3. Tódolos documentos teñen que ser oficiais, expedidos polas autoridades competentes e, no caso de estudios realizados no estranxeiro, legalizados ben mediante apostila ben por vía diplomática.

Artigo 8º.-Tramitación.

Unha vez revisadas as solicitudes, se estas non estivesen debidamente cubertas ou non se xuntase a documentación esixida, o servicio correspondente requerirá do interesado que, no prazo de 10 días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se considerará desistido da súa petición, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, dictándose resolución para o efecto.

Artigo 9º.-Selección dos beneficiarios.

9.1. Comisión avaliadora.

A selección dos candidatos será realizada por unha comisión avaliadora integrada por:

Presidente:

O subdirector xeral de Universidades ou persoa na que delegue.

Vocais:

A subdirectora xeral de Programas Sociais da Dirección Xeral de Emigración.

O xefe do Servicio de Apoio e Orientación da Dirección Xeral de Universidades.

A vicerrectora de Estudiantes da Universidade de Santiago de Compostela.

O vicerrector de Relacións Institucionais da Universidade de Vigo.

A vicerrectora de Ordenación Académica da Universidade da Coruña.

Secretario:

O xefe do Servicio de Atención Social ós Emigrantes da Dirección Xeral de Emigración, que actuará como secretario con voz e voto.

Se por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora teña que examina-las solicitudes, algún dos compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto se nomee. Este nomeamento deberá recaer noutra persoa da dirección xeral correspondente, ou da universidade, en virtude da súa representación.

Se a comisión de valoración considerase que algún dos documentos presentados, dos esixidos no artigo 7º, non acredita suficientemente o conxunto dos requisitos e condicións referidos, poderá requirir do interesado que achegue no prazo de 10 días o documento ou documentos pertinentes.

9.2. Criterios xerais de selección.

A selección de bolseiros faraa a comisión avaliadora, atendendo ós seguintes criterios:

-Valoración do expediente académico do solicitante en función das materias aprobadas e as súas cualificacións segundo o número de convocatorias e o número de materias/créditos por curso.

-Valoración das circunstancias económicas da unidade familiar.

-País de procedencia, con especial atención ós residentes en países de máis lonxe ou en situación de crise.

No caso de que o solicitante fose adxudicatario dunha axuda da Consellería de Emigración ou da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, no curso 2002-2003, e persistan as circunstancias económicas da súa unidade familiar:

-Aproveitamento académico no curso 2002-2003.

Artigo 10º.-Resolución.

1. O prazo máximo para resolver será de seis meses, que comezarán a contar desde a data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se dictasen as resolucións expresas, poderán entenderse desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido nos artigos 1 e 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. As resolucións que se dicten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as dictou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da recepción da correspondente notificación, no caso de resolucións expresas, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se entenda producido o acto presunto, no caso de resolucións desestimadas por silencio administrativo, de acordo co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da recepción da correspondente notificación, no caso de resolucións expresas, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se entenda producido o acto presunto, no caso de resolucións desestimadas por silencio administrativo, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdicción contencioso-administrativa.

Artigo 11º.-Aceptación da bolsa e pagamento.

A aceptación da bolsa farase mediante documento asinado polo bolseiro no que se compromete a cumprir tódalas condicións recollidas nestas bases.

Para o aboamento das axudas convocadas nesta orde, e de acordo co estipulado nos artigos 15 e 16 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, poderase acordar no momento da concesión un anti

cipo de pagamento de ata un 80%, librándose o 20% restante no momento en que o beneficiario presente documentos acreditativos de cursa-los estudios así como unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

O pagamento ó beneficiario faráselle mediante transferencia bancaria ou cheque bancario nominativo.

Artigo 12º.-Obrigas dos bolseiros.

Os beneficiarios das axudas quedan obrigados ó seguinte:

-Incorporarse á universidade na que se van realiza-los estudios ó comezo do curso académico 2003/2004 ou, de non ser posible, no momento de matriculación efectiva e, en todo caso, antes do 15 de decembro de 2003.

-Residir durante o curso académico en Galicia.

-Ó finaliza-lo curso académico o beneficiario remitirá á Dirección Xeral de Emigración ou á Dirección Xeral de Universidades, antes do día 30 de outubro de 2004, certificación académica dos estudios realizados durante o desfrute da bolsa.

-Someterse ós requisitos legais e regulamentarios que recolla a normativa xeral de aplicación ás axudas e subvencións da Xunta de Galicia, así como ás actuacións de comprobación que respecto da xestión de fondos pode efectua-la entidade concedente e as de control financeiro que realice a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e os procementos fiscalizadores do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 13º.-Incompatibilidades, modificación da resolución de concesión e revogación.

Estas bolsas son incompatibles coa realización dun traballo remunerado ou co desfrute de calquera outro tipo de bolsas ou axudas, tanto de institucións públicas como privadas.

Non se concederán axudas para a realización de estudios de especialización, títulos propios das universidades, nin estudios de posgrao.

Os beneficiarios das axudas quedan obrigados a comunicarlle á Consellería de Emigración, no momento en que se produza, calquera alteración dos requisitos esixidos na convocatoria ou de circunstancias sobrevidas que impidan ou dificulten a realización dos estudios, podendo esta consellería adopta-la resolución de modificación da concesión ou de revogación que corresponda.

Procederá a revogación das axudas, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a esixencia dos xuros de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 78 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no Decreto 287/2000.

Disposición adicional

Única.-Delégase no director xeral de Emigración e no director xeral de Universidades a competencia para coñecer e resolver, conxuntamente, a concesión ou denegación das axudas presentadas ó abeiro desta orde.

De conformidade co establecido no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, as resolucións administrativas que se adopten por delegación indicarán expresamente esta circunstancia e consideraranse dictadas polo órgano delegante. A delegación será revogable en calquera momento polo órgano que a conferira.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízanse o director xeral de Emigración da Consellería de Emigración e o director

xeral de Universidades da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para dicta-las resolucións que sexan necesarias para o cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2003.

Aurelio D. Miras PortugalCelso Currás Fernández

Conselleiro de EmigraciónConselleiro de Educación

e Ordenación Universitaria