Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Venres, 04 de xullo de 2003 Páx. 8.896

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 26 de xuño de 2003 pola que se exerce a opción de amortización anticipada da emisión de débeda pública da Comunidade Autónoma de Galicia por importe de 33.000 millóns de pesetas (198.333.994,39 euros), regulada por orde da Consellería de Economía e Facenda do 9 de novembro de 1993.

Con data 24 de novembro de 1993 foi publicada no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería de Economía e Facenda do 9 de novembro de 1993 pola que se determinaban as condicións da emisión de obrigacións da Comunidade Autónoma de Galicia por un importe de 33.000 millóns de pesetas.

Esta emisión foi redenominada a euros con data 4 de xaneiro de 1999 e por un valor de 198.333.994,39 euros, de acordo co procedemento establecido na Orde do 23 de novembro de 1998 e o Decreto 367/1998, do 23 de decembro, polo que se acorda a redenominación a euros da débeda pública da Comunidade Autónoma de Galicia rexistrada na central de anotacións do Banco de España e se establece o procedemento para levala a cabo.

No artigo 2 da mencionada Orde do 9 de novembro de 1993 fixábanse as características específicas da operación, en concreto, regulábase a data de emisión a 30 de novembro de 1993 e como data de amortización final á par o 30 de novembro do 2008. Así mesmo, contemplábase a opción de amortización anticipada á par, a 30 de novembro de 2003, tanto para o tedor como para o emisor. O exercicio do dereito por parte do emisor esixiría a comunicación fidedigna ó axente da emisión con seis meses de antelación.

De acordo co establecido anteriormente, con data 7 de maio de 2003, a Xunta de Galicia cumpriu, o requisito esixible de comunicación fidedigna ó axente da emisión da decisión de amortizar anticipadamente.

Tendo en conta o artigo 37.3º, do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, que lle permite ó conselleiro de Economía e Facenda proceder de acordo coas condicións da emisión ou da contracción, ou de mutuo acordo cos acredores, ó reembolso anticipado total ou parcial da débeda pública ou dos préstamos concertados ou á modificación dalgunha das súas condicións cando a situación do mercado ou otras circunstancias así o aconsellen.

Por todo isto, na súa virtude,

DISPOÑO:

Artigo único.-De acordo con todo o anterior, procédese a lle dar publicidade á decisión da Comunidade Autónoma de Galicia de exercer, con data 30 de novembro de 2003, a opción de amortizar anticipadamente, á par, a totalidade das obrigacións

emitidas o 30 de novembro de 1993, por un total de 198.333.994,39 euros (33.000 millóns de pesetas).

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte o da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2003.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda