Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Venres, 04 de xullo de 2003 Páx. 8.896

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 17 de xuño de 2003 pola que se convocan axudas económicas para alumnos e profesores de centros docentes que participen en proxectos de mobilidade transnacional no marco do programa europeo de formación profesional Leonardo da Vinci II durante o ano 2003.

O Tratado de Maastricht nos seus artigos 126 e 127 establece un marco xurídico para propor accións de cooperación no ámbito da educación, especialmente no eido escolar. No novo contexto do mercado único, a educación debe prepara-los mozos para exerceren as súas responsabilidades nun espacio económico e social cada vez máis amplo. A mellora de habilidades lingüísticas e o coñecemento das culturas doutros países son factores fundamentais para permitir que os mozos desenvolvan plenamente tódalas súas potencialidades na súa vida activa como cidadáns europeos.

Mesmo como se establece no libro branco sobre a educación e a formación, publicado pola Comisión Europea, entre os numerosos e complexos cambios que afectan á sociedade europea, existen tres tendencias: a globalización dos intercambios, a chegada da sociedade da información e a aceleración da revolución científica e técnica. A educación e a formación poden responder a estes desafíos fomentando o desenvolvemento da cultura xeral e un enfoque máis flexible na adquisición de coñecementos, que deben estar baseados en estímulos da mobilidade de ensinantes e alumnos, dado que hoxe en día as mercadorías, capitais e servicios están circulando máis libremente en Europa que as persoas.

Un dos eixes máis importantes da construcción europea está baseado na libre circulación de persoas e coñecementos. Para facer realidade este proceso é importante o intercambio de experiencias tanto entre centros escolares como no marco das relacións escola-empresa, por medio de estadías formativas en empresas ou institucións, que permita a visión dun mercado global. A calidade da educación tamén inclúe a dimensión europea da formación, que permitirá ás alumnas e alumnos exerceren plenamente o papel de cidadáns da Unión Europea.

Todo isto aconsella apoia-las iniciativas xurdidas para desenvolve-la colaboración con outros países europeos, polo que, en uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto da convocatoria.

1. Convocar axudas económicas destinadas a alumnos e profesores de centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia, sostidos con fondos públicos, de niveis non universitarios, que participen en proxectos de mobilidade transnacional do programa Leonardo da Vinci aprobados para o ano 2003, coa finalidade de sufragar gastos orixinados polas viaxes e estadías de alumnos e profesores.

2. As axudas concederanse con cargo á partida orzamentaria 07.04.322T.481.0 por un importe total máximo de 64.680 euros.

3. As axudas económicas que se obteñan a través desta convocatoria servirán para cubrir totalmente ou en parte a porcentaxe do orzamento que debe ser asumido polos alumnos e profesores como cofinanciamento do proxecto aprobado polo programa Leonardo da Vinci.

Artigo 2º.-Destinatarios e modalidades das axudas.

Os destinatarios das axudas serán alumnos e profesores de centros docentes de niveis non universitarios sostidos con fondos públicos, dos seguintes cursos e niveis educativos: ciclos formativos de grao medio ou superior e bacharelatos LOXSE, así como alumnos e profesores de escolas oficais de idiomas e escolas de arte que participen no programa Leonardo da Vinci da Unión Europea en colaboración con outras institucións educativas.

As actividades de intercambios e estadías de profesores e alumnos deberán estar aprobadas e financiadas en parte con fondos do programa Leonardo da Vinci.

Artigo 3º.-Criterios de adxudicación da subvención.

Terán prioridade os proxectos que se desenvolvan durante o ano 2003 e reúnan as seguintes características:

a) Carácter innovador.

b) Capacidade para a transferencia de resultados.

c) Actuar como coordinador do proxecto.

d) Características do colectivo destinatario.

e) Ter involucrado un número elevado de institucións como colaboradoras do proxecto.

Artigo 4º.-Solicitudes e documentación.

1. Os alumnos e profesores interesados deberán presenta-la súa solicitude a través dos centros docentes antes do 20 de setembro no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, edificio administrativo de San Caetano s/n, ou nos lugares que determina o artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. As solicitudes deberán presentarse segundo o modelo do anexo desta publicación e irán acompañadas da seguinte documentación:

a) Solicitude segundo anexo I desta orde.

b) Unha copia do proxecto aprobado pola Axencia Leonardo da Vinci.

c) Unha copia da comunicación oficial de aprobación do proxecto e da ficha financeira (anexo 4b do contrato), na que conste a cuantía concedida por ese organismo e a cantidade que se deberá achegar como cofinanciación.

d) Certificación de ter ou non subvención ou axuda para a mesma finalidade procedente de calquera outra Administración ou ente público.

3. De acordo co establecido no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para aquelas solicitudes que non acheguen os requisitos anteriormente sinalados, requirirase o interesado para que nun prazo de dez días emende as faltas ou remita os documentos perceptivos; de non o facer, considerarase que desistiu da súa petición e arquivarase o expediente.

Artigo 5º.-Comisión de selección.

A valoración das solicitudes será realizada por unha comisión de selección integrada polos seguintes membros:

Presidenta: a directora xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais ou persoa na que delegue.

Vocais: o xefe do Servicio de Formación do Profesorado, o xefe de Servicio de Ordenación e Innovación Educativa, a xefa do Servicio de Formación en Empresas e Orientación Laboral e un inspector educativo designado pola Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa ou persoas nas que deleguen.

Secretario/a: un/unha funcionario/a da Subdirección Xeral de Formación Profesional e Educación de Adultos.

A comisión seleccionará os proxectos tendo en conta os criterios establecidos no artigo 3º.

Artigo 6º.-Resolución e comunicación.

1. Valorados os proxectos, a comisión de selección elaborará a proposta de adxudicación das subvencións e elevaraa ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, que resolverá o que proceda.

2. A concesión ou denegación da axuda seralle notificada ós interesados a través do centro docente mediante escrito da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais. Contra esta resolución os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da recepción da notificación, de acordo co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada

pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

De acordo co establecido no artigo 78.5º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, os centros docentes sostidos con fondos públicos considéranse entidades colaboradoras para a entrega e distribución das axudas concedidas ós beneficiarios, debendo someterse as obrigas recollidas no citado artigo.

As solicitudes entenderanse denegadas de non dictarse resolución expresa no prazo de seis meses contados desde a publicación desta orde.

Artigo 7º.-Prazo e forma de pagamento.

As axudas aboaranse unha vez rematada a actividade e logo da súa completa xustificación económica e entrega da memoria de actividades por parte da entidade colaboradora da xestión de axudas públicas, de acordo co establecido no artigo 15 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, achegando a documentación a que fai referencia o número 2º do artigo 8, no prazo máximo dun mes contado a partir do remate das actividades. En todo caso, a xustificación e memoria deberá entregarse antes do 31 de decembro de 2003.

Artigo 8º.-Obrigas dos beneficiarios.

a) Acepta-la axuda concedida. Neste sentido, se no prazo de quince días contados a partir da recepción da comunicación pola que se notifica a concesión da axuda os beneficiarios non aceptan esta, entenderase que renuncian á súa percepción.

b) Facilita-la información requirida pola Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais.

c) Xustifica-lo correcto investimento das axudas recibidas mediante a presentación da seguinte documentación:

1. Memoria.

Os alumnos e profesores beneficiarios enviarán unha memoria das actividades realizadas. A memoria enviarase a través do centro e deberá incluí-los seguintes puntos:

a) Certificación do director do centro no que se faga consta-la empresa ou centro de acollida e as datas exactas de duración da estadía, o nome e número do DNI dos alumnos e/ou dos profesores participantes, indicando neste caso se é coordinador ou participante na estadía.

b) Resumo do desenvolvemento da actividade realizada.

c) Obxectivos conseguidos.

d) Procedemento de avaliación utilizado, resultados obtidos e difusión que se realizou deles.

2. Xustificación de gastos efectuados.

-Certificación do Consello Escolar do centro aprobatoria das contas na que figure a cantidade aportada pola Axencia Leonardo da Vinci e a cantidade cofi

nanciada, xuntando nunha relación tódolos gastos efectuados. As facturas orixinais dos referidos gastos arquivaranse no centro docente para a súa custodia e para a posta á disposición, se é o caso, dos órganos de control que teñan atribuídas as funcións de comprobación e control da aplicación deses fondos.

-Certificación de ter ou non ter subvención ou axuda para a mesma finalidade procedente de calquera outra administración ou ente público.

Artigo 9º.-Recoñecemento das actividades realizadas.

Ó abeiro do artigo 28 da Orde do 3 de setembro de 2001 (DOG do 10 de setembro), pola que se regula a convocatoria, recoñecemento, certificación e rexistro das actividades de formación do profesorado e se establecen as equivalencias das actividades de investigación e das titulacións, a participación en programas internacionais poderá te-los efectos correspondentes ás actividades de formación permanente, expedindo a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais as certificacións correspondentes, unha vez presentada a memoria, conforme as seguintes equivalencias:

1. Estadías formativas de profesores.

a) Estadías formativas ata 15 días de duración: 20 horas de formación.

b) Estadías formativas de 16 a 31 días de duración: 35 horas de formación.

2. Coordinador de estadías e intercambios: 40 horas de formación por ano.

Artigo 10º.-Modificación da resolución de concesión das axudas.

Os alumnos e profesores participantes no proxecto, así como os centros docentes ós que pertencen, quedan sometidos ás actuacións de comprobación e seguimento que realice a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, e, se é o caso, a Inspección Educativa. Igualmente, queda sometida ás accións de control financeiro que poidan realiza-la Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e as que poidan efectuar a Comisión e o Tribunal de Contas da Unión Europea.

O importe das axudas concedidas ós alumnos e profesores en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolve-lo beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 11º

A non xustificación da axuda percibida conforme o disposto nesta orde levará consigo o reintegro das cantidades non xustificadas de acordo co establecido

nos artigos 19 e 20 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a directora xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais para dic

ta-las disposicións necesarias para desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2003.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria