O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31 establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.
O Real decreto 1754/1987, do 18 de decembro (BOE nº 16, do 19 de xaneiro de 1988), transferiulle á Comunidade Autónoma competencias en materia de universidades. Estas competencias foron asumidas pola Comunidade Autónoma e asignadas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no Decreto 62/1988, do 17 de marzo (DOG nº 66, do 6 de abril).
A Lei 11/1989, do 20 de xullo (DOG nº 156, do 16 de agosto), de ordenación do Sistema Universitario de Galicia, determina a constitución do Sistema Universitario de Galicia con tres universidades: Universidade da Coruña, de Santiago de Compostela e de Vigo.
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Universidades, está a levar a cabo diversas accións de apoio económico ós estudiantes de ensino universitario, coas que se pretende favorece-la calidade, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico.
Neste sentido, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria asinou un convenio de colaboración o día 13 de marzo de 2001 e unha addenda a este o día 12 de xuño de 2002, coas entidades financeiras: Banco Pastor, Caixa de Aforros de Galicia, Caixanova, Banco Gallego, Banco Simeón e Banco Etcheverría, para facilitarlles ós estudiantes universitarios que realicen estudios en calquera universidade do Sistema Universitario de Galicia, así como, para os estudiantes universitarios que teñan a residencia na Comunidade Autónoma de Galicia e cursen os seus estudios nalgunha universidade de fóra do Sistema Universitario de Galicia, créditos
bancarios a baixos xuros para o financiamento dos seus estudios universitarios.
En virtude de todo o anterior, esta consellería
DISPÓN:
Artigo 1º.-Obxecto.
a) Convócanse axudas para os estudiantes universitarios que cursen os seus estudios nalgunha universidade do Sistema Universitario de Galicia así como para aqueles estudiantes universitarios que, tendo a súa residencia na Comunidade Autónoma de Galicia, cursen os seus estudios nalgunha universidade de fóra do Sistema Universitario de Galicia, que reúnan os requisitos e condicións establecidas nesta orde interesados en solicita-los créditos bancarios para financia-los seus estudios universitarios do primeiro ciclo e primeiro e segundo ciclo correspondentes ó curso 2003/2004.
b) Convócanse axudas para os estudiantes universitarios galegos, descendentes de galegos ou residentes en Galicia interesados en solicita-la prórroga para o financiamento dos xuros do préstamo concedido en convocatorias anteriores.
Artigo 2º.-Orzamento.
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria financiará a parte correspondente dos créditos bancarios ou prórrogas deles con cargo á partida orzamentaria 07.05.322C.480.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003, cunha contía máxima de 16.383,38 euros, acadando unha contía global de 819.185,36 euros en axudas, de acordo co estipulado na addenda asinada o día 12 de xuño de 2002 coas entidades bancarias. A cantidade destinada a estas axudas poderá ser incrementada de acordo coas dispoñibilidades económicas da consellería.
Artigo 3º.-Beneficiarios.
a) Poderán ser beneficiarios do préstamo subsidiado os seguintes estudiantes universitarios que cumpran as condicións establecidas nesta convocatoria:
1. Os que cursen estudios nalgunha universidade do Sistema Universitario de Galicia e teñan residencia en Galicia.
2. Os que cursen estudios nalgunha universidade do Sistema Universitario de Galicia e teñan residencia fóra de Galicia, estando neste grupo os galegos e descendentes de galegos.
3. Os que cursen estudios nalgunha universidade de fóra do Sistema Universitario de Galicia e teñan residencia en Galicia.
b) Poderán ser beneficiarios das prórrogas os estudiantes galegos, descendentes de galegos, ou resi
dentes en Galicia que cumpran as condicións establecidas nesta convocatoria.
Artigo 4º.-Requisitos.
A) Os créditos poderán ser solicitados polos estudiantes universitarios que cumpran os seguintes requisitos:
a) Estaren matriculado no curso 2003/2004 nalgunha das universidades en estudios universitarios conducentes á obtención de títulos de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional.
b) Teren superado, no momento da presentación da solicitude, 60 créditos en titulacións de 1º ciclo e 120 créditos en titulacións de 1º e 2º ciclo.
B) As prórrogas poderán ser solicitadas polos estudiantes universitarios que cumpran os seguintes requisitos:
-Estaren matriculado no curso 2003/2004 na titulación de 1º ciclo ou 1º e 2º ciclo para a que se lles concedeu o crédito por primeira vez ou prórroga no curso 2002/2003.
-Non poderán solicita-la prórroga aqueles estudiantes universitarios que xa gozaron de subvención dos xuros do préstamo nos tres últimos anos.
Artigo 5º.-Características do préstamo.
Os préstamos serán concedidos pola entidade bancaria de acordo cos termos do convenio e esta orde.
Para os estudiantes universitarios que cursen os seus estudios nalgunha das universidades do Sistema Universitario de Galicia e teñan a súa residencia en Galicia a cantidade será como máximo de 3.005,06 euros, por cada petición.
Para os estudiantes universitarios que cursen os seus estudios nalgunha universidade do Sistema Universitario de Galicia e teñan a súa residencia fóra de Galicia e para os estudiantes universitarios que cursen os seus estudios nalgunha universidade de fóra do Sistema Universitario de Galicia e teñan a súa residencia en Galicia, a cantidade será como máximo de 6.010,12 euros, por cada petición.
O prazo de amortización de capital será de tres a cinco anos, tendo un prazo de carencia adicional de ata tres anos. Se opta por un prazo de amortización superior a tres anos, o tipo de xuro pasaría do 5,5% ó 6% desde o inicio do primeiro ano de amortización. Tódolos prazos computaranse contando desde o inicio do trimestre natural seguinte á data de formalización, sendo a cota trimestral de capital e xuros constante. Os préstamos poderán ser obxecto de cancelación anticipada, sen ningunha penalización.
Artigo 6º.-Financiamento dos xuros.
Os xuros serán financiados da seguinte forma:
a) A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria contribuirá ó pagamento da terceira parte dos xuros do primeiro ano de duración do préstamo (2%), sen prexuízo da posibilidade da concesión dunha prórroga de ata un máximo de tres anos, de acordo co disposto en cada convocatoria, se as necesidades orzamentarias da consellería así o permitisen. A subvención será aboada á entidade financeira con carácter anual, facéndose as dilixencias administrativas para o seu aboamento antes do primeiro vencemento anual.
b) A entidade financeira pola que opte o alumno, farase cargo doutro tercio dos xuros (2%), sempre e cando permaneza vixente a axuda relacionada na alínea a) anterior.
c) A terceira parte dos xuros restantes, serán por conta do alumno prestameiro, sempre e cando se manteñan as axudas anteriores. Polo tanto, o alumno liquidará o préstamo ó tipo de xuro neto do 1,5% ou 2% (se é o caso) nominal anual. No caso de que o alumno non acredite a prórroga da axuda da consellería, citada na alínea a) anterior, o préstamo pasará automaticamente a liquidarse ó tipo de xuro do 5,5% ou 6% nominal anual, segundo o exposto no artigo 5º.
Os alumnos que nas convocatorias anteriores asinaron contratos de préstamos coas entidades financeiras e que nesta convocatoria soliciten prórroga seguirán coas mesmas condicións establecidas no contrato.
Artigo 7º.-Solicitude, documentación e prazo de presentación.
As solicitudes, segundo modelo desta orde, anexo I para os estudiantes que soliciten o crédito bancario por 1ª vez e anexo II para os estudiantes que soliciten a prórroga do préstamo, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, dirixidas á Dirección Xeral de Universidades (edificio administrativo San Caetano, s/n, 15781-Santiago de Compostela) ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro) para a presentación de instancias.
Se no uso deste dereito a solicitude é remitida por correo, presentarase en sobre aberto, para que sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de que proceda á súa certificación.
Os estudiantes que soliciten o préstamo por 1ª vez deberán presenta-la seguinte documentación:
a) Anexo I desta orde.
b) Fotocopia do documento nacional de identidade.
c) Certificación académica orixinal completa ou fotocopia compulsada na que se faga consta-lo resumo do número de créditos superados segundo a valoración académica, con especificación das convocatorias. Do curso 2002/2003 non se terán en conta as cualificacións de setembro. Os que acceden ó 2º ciclo dunha licenciatura a través do correspondente curso de adaptación, por estaren en posesión dun título de diplomado ou por teren realizado o primeiro ciclo dalgunha titulación que permita o acceso, deberán achegar ademais da certificación académica correspondente ó curso de adaptación, a referente á diplomatura ou ós estudios de 1º ciclo realizados, segundo corresponda.
No caso de validación deberá presenta-la certificación da institución de orixe.
d) Xustificante da matrícula correspondente ó curso 2003/2004 ou declaración xurada do solicitante de que non está matriculado e de que se compromete a entrega-lo xustificante da matrícula no prazo de dous días a partir do día en que se matricule. Tendo en conta que se non entrega o xustificante de matrícula no prazo indicado se lle arquivará o expediente sen máis trámites.
e) Declaración xurada do solicitante con expresión das axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo fin por parte doutros organismos públicos.
f) Certificado de empadroamento.
Os estudiantes que soliciten a prórroga do préstamo deberán presenta-la seguinte documentación:
a) Anexo II desta orde.
b) Fotocopia do documento nacional de identidade.
c) Xustificante da matrícula dos estudios universitarios de 1º ciclo e 1º e 2º ciclo correspondente ó curso 2003/2004 ou declaración xurada do solicitante de que non está matriculado e de que se compromete a entrega-lo xustificante da matrícula no prazo de dous días a partir do día no que se matricule. Tendo en conta que se non entrega o xustificante da matrícula no prazo indicado se lle arquivará o expediente sen máis trámites.
d) Declaración xurada do solicitante con expresión das axudas solicitadas ou concedidas por parte doutros organismos públicos.
O prazo de presentación de solicitudes rematará o día 13 de setembro de 2003.
Artigo 8º.-Tramitación.
Unha vez comprobado que tódalas solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde de convocatoria, exporanse as listas provisionais das solicitudes admitidas e excluídas nos taboleiros de anuncios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, das súas delegacións provinciais, e dos vicerrectorados de estudiantes das tres universidades galegas, sinalando, se é o caso, as causas de exclusión.
Así mesmo, estas listas tamén poderán ser consultadas na páxina web da Xunta de Galicia, Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (http:www.xunta.es/conselle/ceoug/dxu) ou seleccionando:
www.xunta.es.
Consellerías.
Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.
Dirección Xeral de Universidades.
As listas provisionais estarán expostas desde o día 8 ata o día 18 de outubro de 2003. Os interesados poderán, durante ese mesmo prazo, formula-las reclamacións para emendar erros e faltas de documentos ante a Dirección Xeral de Universidades, presentando, se é o caso, a documentación necesaria.
Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión, arquivarase o expediente sen máis trámites.
Artigo 9º.-Criterios de selección.
Para os efectos de selección terase en conta a nota media do expediente académico que se calculará de acordo co seguinte baremo:
Matrícula de honra: 4 puntos.
Sobresaliente: 3 puntos.
Notable: 2 puntos.
Aprobado: 1 punto.
Segundo o plan de estudios que se cursase, a nota media calcularase do modo que segue:
a) Estudios organizados por materias:
Media=suma de notas de cada materia/nº total de convocatorias empregadas.
b) Plans de estudios estructurados por créditos:
Media=(N1.P1+N2.P2+...)/(C1.N1+C2.N2+...).
Onde:
N1=nº de créditos de cada materia.
P1=puntuación de cada materia.
C1=nº de convocatorias empregadas en cada materia.
Artigo 10º.-Comisión avaliadora.
A selección dos candidatos será realizada por unha comisión de avaliación integrada por:
-Presidente: o director xeral de Universidades ou, por delegación, o subdirector xeral de Universidades.
-Vocais:
Un representante por cada unha das universidades da Comunidade Autónoma.
Un representante da Dirección Xeral de Universidades.
-Secretario: un funcionario da Dirección Xeral de Universidades, que actuará con voz e voto.
Artigo 11º.-Obrigas dos beneficiarios.
a) Destina-lo crédito para a finalidade para a que se concede.
b) Asina-lo contrato de préstamo coa entidade bancaria.
c) Amortiza-lo capital obxecto do préstamo e o pagamento dos xuros del.
d) Cumpri-las condicións específicas que as entidades financeiras, de acordo coa súa norma de funcionamento, e o convenio do 13 de marzo de 2001, determinan.
e) Presentar unha declaración xurada das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou por calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.
Estes créditos bancarios son compatibles con calquera outra axuda destinada para a mesma finalidade polas administracións públicas ou por calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.
Artigo 12º.-Resolución.
Efectuada a selección pola comisión, esta elevará, a través da Dirección Xeral de Universidades, un informe proposta motivado ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, quen resolverá. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Disposicións adicionais
Primeira.-A concesión de axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asinado nos orzamentos para este fin.
Segunda.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas nesta orde constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, segundo o disposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.
Toda alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión da subvención, e en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.
Terceira.-As renuncias que se produzan poderán ser substituídas pola Dirección Xeral de Universidades de acordo coa lista de reserva, se a houbese.
Cuarta.-Se por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora teña que examina-las solicitudes, algún dos compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto se nomee. Este nomeamento deberá recaer noutra persoa da dirección xeral ou da universidade correspondente en virtude da súa representación.
Quinta.-Para os efectos establecidos no artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de seis meses contados a partir da publicación da orde no DOG, producindo efecto desestimatorio a falta de resolución.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Facúltase o director xeral de Universidades para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.
Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2003.
Celso Currás Fernández
Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria