Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Venres, 04 de xullo de 2003 Páx. 8.883

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 24 de xuño de 2003 pola que se establece a información que deben conte-los documentos emitidos polos organismos de control autorizados, para a avaliación da conformidade dos equipos, instalacións e productos industriais coa normativa de seguridade industrial.

O Decreto 426/2001, do 15 de novembro, polo que se regulan os organismos de control en materia de seguridade industrial e control regulamentario e se crea a Comisión de Coordinación de Seguridade Industrial de Galicia establece na súa disposición adicional, que serán obxecto de normativa específica os datos identificativos das instalacións industriais que deberán facilitar á Administración os organismos de control no exercicio da súa función inspectora.

Nesta orde establécese o contido que debe figurar na documentación emitida polos organismos de control autorizados en relación coas máquinas, equipos e instalacións sometidos a regulamentos de seguridade industrial.

Establecese tamén o procedemento de tramitación e comunicación á administración da documentación emitida polos organismos de control autorizados, segundo o previsto no capítulo III do Decreto 426/2001, do 15 de novembro.

Regulase, así mesmo, a situación dos inspectores cualificados con anterioridade á entrada en vigor do mencionado decreto, e que non reúnen os requisitos establecidos no seu artigo 6º.

Na súa virtude, e no uso das competencias que a Consellería de Innovación, Industria e Comercio ten atribuídas na materia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto establece-la información que deben conte-los documentos emitidos polos organismos de control autorizados, para a avaliación da conformidade dos equipos, instalacións e productos industriais coa normativa de seguridade industrial.

Así mesmo, establécese a información que os organismos de control autorizados deben subministrar á administración competente en materia de industria como consecuencia das actividades que realicen.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

Esta orde é de aplicación ós organismos de control autorizados para realizar actuacións reguladas pola

normativa de seguridade industrial no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3º.-Contido dos documentos emitidos polos organismos de control autorizados

Con carácter xeral, os informes, actas, protocolos ou certificacións que, como consecuencia das súas actuacións, presenten os organismos de control autorizados á administración, no seu propio nome ou en nome dos titulares das instalacións, conterán, os datos que se recollen no anexo I.

Ademais, deberán conte-la información establecida nas disposicións legais, regulamentos específicos ou instruccións técnicas complementarias que sexan de aplicación ós equipos, instalacións ou productos de que se traten, segundo os modelos incluídos no anexo II.

Artigo 4º.-Conformado de certificacións.

Os documentos ás que se refire o artigo 3, deberán ser presentados para o seu conformado en calquera das delegacións provinciais da Consellería de Innovación, Industria e Comercio, nun prazo máximo de dez días xunto co xustificante de pagamento da correspondente taxa.

Un exemplar da documentación conformada deberá ser entregado ó titular da instalación, outro quedará en poder do organismo de control autorizado e o terceiro en poder da delegación provincial.

Artigo 5º.-Técnicos competentes.

Terán a consideración de técnicos competentes para a realización das inspeccións de avaliación da conformidade os que cumpran os seguintes requisitos:

1.-Estar incluído na relación de inspectores que o organismo de control autorizado comunicará para a súa inscrición na sección C da división de axentes autorizados para colaborar coas administracións públicas do rexistro de establecementos industriais no momento de asina-la documentación derivada da súa actuación.

2.-Cumpri-los requisitos establecidos nos artigos 6º e 8º do Decreto 426/2001, de 15 de novembro, para poder realiza-las ditas avaliacións.

Artigo 6º.-Comunicación da actividade dos organismos de control autorizados.

Con periodicidade mensual os organismos de control autorizados deberán remitir á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas a seguinte información:

1.-Planificación das actividades que se realizarán durante o mes seguinte. Esta información deberá estar en poder da dirección xeral polo menos cinco días antes do comezo do mes.

2.-Informe das actividades realizadas no mes anterior, cos datos que se recollen no anexo III.

A Consellería de Innovación, Industria e Comercio adoitará a medidas necesarias para que a dita información sexa comunicada a través de medios telemáticos.

Disposición adicional.

Os inspectores cualificados segundo o sistema de calidade dos organismos de control autorizados e que estiveran prestando os seus servicios nalgún campo regulamentario antes da entrada en vigor do Decreto 426/2001, pero que de acordo co recollido no seu artigo 6º non reúnan os requisitos establecidos no mesmo, poderán seguir realizando a súa actividade naqueles campos nos que estiveran cualificados polo organismo de control autorizado.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas todas aquelas disposicións de igual ou inferior rango no que se opoñan ó previsto nesta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Industria, Enerxía e Minas para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor ós trinta días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2003.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Innovación, Industria e Comercio

ANEXO I

Contido mínimo dos documentos emitidos polos organismos de control autorizados.

1) Nº de acreditación de ENAC.

2) Órgano competente e data na que foi autorizado na Comunidade Autónoma de Galicia.

3) Tipo de inspeccións e probas: inicial, periódica ou de reparacións ou modificacións.

4) Normas polas que se rexen as inspeccións e probas.

5) Nº de rexistro do documento.

6) Nome ou razón social do titular da instalación.

7) Número de rexistro de establecemento industrial ou número de rexistro da instalación, se é o caso.

8) CNAE do establecemento industrial.

9) Localización da instalación.

10) Datas de realización da actuación e da emisión do informe, acta, protocolo ou certificación.

11) Laboratorio acreditado que realizou os ensaios requiridos, se é o caso.

12) Deficiencias e anomalías atopadas, indicando a norma de aplicación ou da ITC correspondente, e prazo para a súa reparación.

13) Nome, apelidos, e sinatura do inspector autorizado que realizou a avaliación da conformidade.

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA