Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Luns, 30 de xuño de 2003 Páx. 8.600

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 20 de xuño de 2003 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para o fomento do desenvolvemento local no ámbito da colaboración da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais coas entidades locais e se procede á súa convocatoria para o ano 2003.

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta Comunidade Autónoma asumiu as funcións e os servicios transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego (Inem) no ámbito do traballo, o emprego e a formación, entre elas as relativas ás políticas activas de emprego, correspondéndolle o seu exercicio, hoxe en día, á Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, ó abeiro do disposto no Decreto 212/2003, do 3 de abril, polo que se establece a estructura orgánica da mesma.

A Xunta de Galicia, consciente de que, no ámbito local, se dispón dunha serie de recursos -humanos, económicos, institucionais, culturais e naturais- que constitúen un importante potencial e que, axeitadamente articulados e contando coa iniciativa empresarial, poden favorece-lo crecemento socioeconómico e eleva-lo nivel de vida da súa poboación, quere pór en marcha, no marco das políticas activas de emprego, unha nova iniciativa para potencia-lo emprego neste ámbito.

Deste xeito, preténdese impulsar e consolida-la promoción do emprego a través do desenvolvemento no ámbito local. Para conseguir esta meta, deben implicarse no proceso as institucións públicas, os axentes socioeconómicos e a poboación en xeral.

Consonte o anterior, nesta convocatoria recóllense aquelas liñas de axuda que, integradas nos programas de cooperación, se dirixen ás entidades locais, para a realización de estudios, informes ou actividades de promoción do medio local e actúen, deste modo, como impulsoras da creación de emprego, na crenza de existiren necesidades non cubertas que poden xerar novas actividades que, ben explotadas, contribuirán á xeración de postos de traballo, xa que é no ámbito local onde se atopan as maiores posibilidades de detección e aproveitamento en beneficio do emprego.

Deste xeito, as entidades locais fomentarán a creación de actividades e a implantación e fixación de iniciativas empresariais xeradoras de emprego, o que redundará no desenvolvemento integral do territorio e na fixación da poboación.

Noutra orde de cousas, estas bases reguladoras axústanse ó disposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, establecido no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e, en concreto, no relativo ós principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión das axudas e subvencións, así como na Lei 6/2002, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003.

O financiamento das axudas previstas nesta orde realizarase con cargo ós créditos que figuran na aplicación orzamentaria 14.04.241A.460.0 por un importe total de 760.000,00 euros.

Ditos créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de promoción do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou polas disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Consonte o anterior, realizadas as consultas e evacuados os informes pertinentes, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e finalidade.

Esta orde ten por finalidade o establecemento das bases reguladoras, así como a convocatoria para o ano 2003 das axudas e subvencións para a realización de estudios, informes ou actividades de promoción do medio local no ámbito da colaboración da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais coas entidades locais, a través dos programas de cooperación, como instrumento para promove-la xeración de emprego no medio local.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarias das axudas e subvencións previstas nesta norma as corporacións locais, por si soas ou asociadas, e as entidades dependentes ou vinculadas a aquelas.

Artigo 3º.-Liñas de axuda.

1. Será subvencionable parcialmente o custo da realización dos estudios e informes realizados con medios alleos que teñan por obxecto coñece-las posibilidades de desenvolvemento e implantación de empresas na súa zona.

2. Igualmente, será subvencionable parcialmente o custo daquelas campañas de carácter técnico realizadas con medios alleos que poidan levarse a cabo para atraer investimentos xeradores de emprego no ámbito xeográfico da entidade solicitante, tales como intercambios de coñecementos e experiencias de promoción económica local que estimulen a creación de actividade empresarial.

Artigo 4º.-Contía e límites.

1. A contía total da subvención, que se pagará dunha soa vez, poderá ascender ata o 70 por 100 do custo total dos estudios e campañas, sumadas ámbalas dúas, cun tope máximo de 12.020,24 A, por entidade. Cando varias corporacións locais presenten conxuntamente unha solicitude, o dito límite elevarase proporcionalmente ata un máximo de 60.101,21 A.

2. As entidades beneficiarias só poderán percibir esta axuda unha vez, agás que concorran causas excepcionais, apreciadas polo órgano competente para concede-la subvención, sempre que se trate

de estudios e informes, ou campañas imprescindibles ou complementarias dos xa subvencionados.

3. Se a entidade solicitante percibise algunha outra subvención para o mesmo concepto, outorgada por outras administracións ou entes públicos ou privados, a cantidade resultante, obtida en concorrencia, non poderá supera-lo 70 por 100 do custo total dos estudios e campañas.

Artigo 5º.-Solicitudes, documentación e prazo.

1. De acordo co disposto no artigo 70 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, as solicitudes formalizaranse no modelo que se publica como anexo I a esta orde, que estará ó seu dispor nas oficinas de emprego e nas delegacións provinciais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

2. Xunto coa solicitude, que deberá subscribi-lo titular ou representante legal da entidade local, debidamente acreditado, deberá entregarse por triplicado exemplar a seguinte documentación:

a) Certificación do secretario da entidade solicitante na que conste:

-A representación que desempeña a persoa que asina a solicitude.

-A disposición de financiamento para custea-la parte do estudio, informe ou campaña non subvencionada pola Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

-A aprobación, polo órgano competente, do proxecto para o que se solicita a subvención.

b) Fotocopia compulsada da tarxeta de identificación fiscal da entidade solicitante.

c) Memoria descritiva do estudio, informe ou campaña obxecto de subvención, na que se fará constar:

-Denominación concreta do estudio, informe ou campaña.

-Obxectivos que se pretenden.

-Custo total.

-Identificación da empresa, entidade ou persoa física que realizaría o servicio obxecto de subvención.

d) Declaración na que se recolla o conxunto de tódalas axudas ou subvencións que teña solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade polas distintas administracións públicas competentes, no modelo que se publica como anexo III.

e) Ficha de transferencia bancaria, no modelo que se publica como anexo IV.

3. As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais e presentaranse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da devandita Lei 30/1992, do 26 de novembro.

4. O prazo para a presentación de solicitudes será de 40 días hábiles a partir do seguinte ó da publicación desta convocatoria no DOG.

Artigo 6º.-Procedemento.

1. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos esixidos ou a documentación achegada

contivese erros ou fose insuficiente, o órgano competente para instruí-lo procedemento requirirá o solicitante para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, de acordo co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, se considerará que desiste da súa petición, logo da correspondente resolución, que deberá dictarse nos termos previstos no artigo 42 da mesma lei.

2. Revisados os expedientes, e completados, de se-lo caso, remitiranse á comisión de valoración para o seu estudio e proposta de resolución.

3. Para os efectos previstos nesta orde, a comisión de valoración estará composta polo subdirector xeral de Escolas Obradoiro e Programas de Cooperación, que a presidirá, e serán vocais o xefe do servicio de Programas de Cooperación e un funcionario adscrito ó servicio, que tamén actuará como secretario.

Artigo 7º.-Criterios de valoración.

1. De entre as solicitudes presentadas farase a selección co obxecto de outorgárlle-las correspondentes subvencións, dándolles preferencia a aqueles estudios, informes e, de se-lo caso, campañas que:

a) Se proxecten sobre territorios menos favorecidos e cun maior índice de desemprego.

b) Teñan un ámbito de actuación superior ó municipal e impliquen no seu deseño e execución a outras entidades locais da contorna.

c) Aqueles proxectos nos que o seu contido e desenvolvemento se pacten entre as entidades locais e os axentes económicos e sociais con presencia no territorio.

Artigo 8º.-Resolución e recursos.

1. Cumpridos os trámites que procedan para a instrucción do procedemento e fiscalizada a proposta pola Intervención Delegada, o director xeral de Promoción do Emprego, por delegación da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, dictará a resolución que proceda, que se deberá notificar ós interesados.

2. O prazo para resolver será de seis meses, computados a partir da entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para resolver. Transcorrido o prazo para resolve-lo procedemento sen que se dictase resolución expresa, entenderase que esta é desestimatoria, de acordo co disposto no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. A resolución, dictada polo director xeral de Promoción do Emprego, esgota a vía administrativa, polo que, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, caberá a interposición de recurso contencioso-administrativo, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da notificación da resolución, se fose expresa; se non o

fose, o prazo será de seis meses e contarase, para o solicitante e outros posibles interesados, a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto, agás nos casos en que procedese o requirimento regulado nos tres primeiros números do artigo 44 da devandita lei, nos que o prazo se contará desde o día seguinte a aquel no que se reciba a comunicación do acordo expreso ou se entenda presuntamente rexeitado.

Artigo 9º.-Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 10º.-Xustificación e pagamento.

1. O aboamento da subvención farase efectivo unha vez cumprido o obxecto para o que foi concedida, o que se xustificará mediante a presentación da seguinte documentación:

a) Certificación do adxudicatario, da realización do estudio, informe ou campaña, coa aceptación ou conformidade da entidade local solicitante, cos servicios prestados.

b) Orixinais ou copias compulsadas das facturas acreditativas do custo total do dito servicio.

c) Copia completa do estudio ou informe obxecto de subvención, así como dos documentos ou informe escrito que acrediten a realización das campañas, de se-lo caso.

d) Declaración complementaria do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade procedentes de calquera outra Administración ou ente público nacional ou internacional.

2. A documentación xustificativa deberá remitirse á dirección xeral de Promoción do Emprego no prazo de quince días desde a terminación do servicio prestado e necesariamente antes do 15 de decembro de 2003.

Artigo 11º.-Obrigas das entidades beneficiarias.

As entidades beneficiarias virán obrigadas a:

a) Cumpri-los requisitos establecidos na resolución administrativa de concesión da axuda.

b) Remitirlle á dirección xeral de Promoción do Emprego, ós doce meses do pagamento da subvención, unha memoria descritiva dos obxectivos atinxidos como consecuencia das actividades subvencionadas que acrediten a súa eficacia.

c) Someterse ás actuacións de comprobación efectuadas pola dirección xeral de Promoción do Emprego, e pola Inspección de Traballo e Seguridade Social e ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e ás previstas na lexislación do Consello de Contas, así como ás que poida efectuar, de se-lo caso, a Comisión e o Tribunal de Contas da Unión Europea.

d) Cumpri-las demais obrigas que poidan derivar da normativa de desenvolvemento desta orde.

Artigo 12º.-Revogación.

O incumprimento total ou parcial de calquera das obrigas, condicións ou finalidades establecidas nesta orde dará lugar ó reintegro total ou parcial, segundo proceda, da subvención percibida e mailos xuros de demora, nas condicións e de conformidade co establecido no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e nas súas normas de desenvolvemento, sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Disposicións adicionais

Primeira.-Para a concesión das axudas previstas nesta orde existe crédito adecuado e suficiente por importe de 760.000,00 euros, con cargo á aplicación 14.04.241A.460.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003.

Segunda.-Se, por calquera causa, no momento no que a comisión de valoración teña que examina-las solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto designe, o director xeral de Promoción do Emprego.

Terceira.-Non obstante o disposto no artigo 7º, terán preferencia as solicitudes presentadas polas distintas entidades locais afectadas polo accidente do buque Prestige, incluídas no ámbito de aplicación do Real decreto lei 7/2002, do 22 de novembro.

Cuarta.-Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais no director xeral de Promoción do Emprego para resolve-la concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autoriza-los gastos e propoñe-los correspondentes pagamentos.

Quinta.-As entidades beneficiarias destas axudas están suxeitas ó réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións, de conformidade co disposto no artigo 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado por Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na redacción dada polo artigo 7º da Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Promoción do Emprego para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instruccións necesarias para o desenvolvemento e a execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2003.

María José Cimadevila Cea

Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e

Relacións Laborais