Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Luns, 30 de xuño de 2003 Páx. 8.592

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 19 de xuño de 2003 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para a contratación de técnicos locais de emprego no ámbito da colaboración da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais coas entidades locais e se procede á súa convocatoria para o ano 2003.

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta Comunidade Autónoma asumiu as funcións e os servicios transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego (Inem) no ámbito do traballo, o emprego e a formación, entre elas, as relativas ás políticas activas de emprego, correspondéndolle o seu exercicio, hoxe en día, á Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, ó abeiro do disposto no Decreto 8/2003, do 18 de xaneiro, polo que se modifica a estructura orgánica da Xunta de Galicia e mailo Decreto 23/2003, polo que se fixa a estructura orgánica dos seus departamentos.

Unha das devanditas políticas activas de emprego articúlase mediante a colaboración coas entidades locais, baixo a rúbrica de «Programas de cooperación», respectando, en todo caso, as liñas mestras dos programas estatais dos que traen causa.

As directrices europeas sobre o emprego recollen a importancia da creación de postos de traballo a nivel local e esbozan unha estratexia de implicación de toda a sociedade nese empeño. Consonte co anterior procede implantar un dispositivo que axude a promover iniciativas e articular mecanismos para que as administracións locais actúen como impulsoras da creación de emprego a nivel local desde a perspectiva de que existen novos filóns de emprego non explotados susceptibles de xerar novos postos de traballo, sendo no ámbito local onde se atopan as maiores posibilidades de detección e aproveitamento en beneficio do emprego.

A constitución dun contorno local propicio á creación de emprego require o desenvolvemento dun conxunto de funcións esenciais como son a animación, o estímulo e a innovación. Para que estas funcións se poñan en práctica é fundamental a presencia de técnicos locais de emprego, coa formación e experiencia adecuada para que lles permita utilizar unha metodoloxía común e que poidan desempeñar diversas tarefas como promotores de actividades, prospectores de mercado e asesores puntuais de proxectos de empresa.

Desde esta perspectiva faise necesario potencia-lo papel das entidades locais como motoras da creación de emprego e apoiar decididamente a constitución de pequenas e medianas empresas, dado que a súa existencia favorece un tecido empresarial máis estable, a diversificación de actividades e, sobre todo, un crecemento económico sostido.

Estas bases reguladoras axústanse ó disposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, esta

blecido no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e, en concreto, no relativo ós principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión das axudas e subvencións, así como na Lei 6/2002, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003.

O financiamento das axudas previstas nesta orde realizarase con fondos finalistas da Administración do Estado e con fondos propios libres da Comunidade Autónoma, con cargo ós créditos que figuran na aplicación orzamentaria 16.04.241A.460.0 por un importe total de 3.352.910,00 euros.

Estes créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de promoción do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou polas disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Consonte co anterior, realizadas as consultas e evacuados os informes pertinentes, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Finalidade.

Esta orde ten por finalidade o establecemento das bases reguladoras, así como a convocatoria, para o ano 2003, das axudas e subvencións para a contratación inicial ou a súa prórroga de técnicos locais de emprego, no ámbito da colaboración da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais coas entidades locais, a través dos programas de cooperación, como instrumento para promove-la configuración dunha rede especializada na implantación das políticas activas de emprego e a xeración de emprego no contorno local.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarias das axudas e subvencións previstas nesta norma as entidades locais e as entidades dependentes ou vinculadas a unha Administración local.

Artigo 3º.-Definición e funcións dos técnicos locais de emprego.

1. Os técnicos locais de emprego configúranse como traballadores das entidades contratantes que teñen como misión principal colaborar na implantación das políticas activas de emprego relacionadas coa creación de actividade empresarial.

2. A colaboración na implantación das políticas activas de emprego desenvolverase conxuntamente entre a entidade contratante e a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, seguindo as directrices fixadas por esta, para o que os técnicos locais de emprego contratados:

a) Analizarán a evolución e repercusión das medidas activas de emprego na súa zona de actuación, facilitándolle información puntual a aquela.

b) Colaborarán co resto dos integrantes da rede, na procura da mellora da súa calidade, intercambiando coñecementos e experiencias, así como desenvolvendo actividades e proxectos conxuntos.

3. Os técnicos locais de emprego realizarán as seguintes funcións:

a) Prospección de recursos ociosos ou infrautilizados, de proxectos empresariais de promoción económica local e iniciativas innovadoras para a xeración de emprego no ámbito local, identificando novas actividades económicas e posibles emprendedores.

b) Difusión e estímulo de potenciais oportunidades de creación de actividade entre os desempregados, promotores e emprendedores, así como institucións colaboradoras, levando a cabo accións de sensibilización cara á promoción dunha maior conciencia empresarial como oportunidade de emprego.

c) Acompañamento técnico no inicio de proxectos empresariais para a súa consolidación en empresas xeradoras de novos empregos, asesorando e informando sobre a viabilidade técnica, económica e financeira e, en xeral, sobre os plans de lanzamento das empresas.

d) Apoio ós promotores das empresas, unha vez constituídas estas, acompañándoos tecnicamente durante as primeiras etapas de funcionamento, mediante a aplicación de técnicas de consultoría en xestión empresarial e asistencia nos procesos formativos adecuados para contribuír á boa marcha das empresas creadas.

e) Calquera outra que axude á implantación das políticas activas de emprego na súa zona de influencia.

Artigo 4º.-Liñas de axuda e duración da subvención.

1. Financiarase ata o 80 por 100 dos custos laborais totais do técnico local de emprego, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por tódolos conceptos, cos seguintes límites máximos, en función da súa titulación e experiencia profesional:

a) No caso de que o seleccionado, ademais de ter superado o segundo ciclo de estudios universitarios dos previstos no artigo 9º.3 a), acredite tres anos de experiencia profesional ou fixese algún curso universitario de posgrao (másters ou de especialización) en materias relacionadas coas funcións propias dos técnicos locais de emprego: ata 27.045,55 euros anuais por técnico.

b) Nos demais casos en que o seleccionado superase o segundo ciclo de estudios universitarios en calquera disciplina: ata 24.040,49 euros anuais por técnico.

c) Se o seleccionado só superou o primeiro ciclo de estudios universitarios: ata 21.035,43 euros anuais por técnico.

Estes límites máximos aplicaranse cando a contratación se realice a xornada completa. En caso de contratos a tempo parcial realizarase a reducción proporcional correspondente.

2. A subvención prevista no parágrafo anterior, concederase por un período dun ano, podendo prorrogarse por iguais períodos ata un máximo de catro anos, nos termos previstos no parágrafo primeiro.

3. Transcorrido este período poderá subvencionarse a súa contratación durante un quinto e sucesivos anos; coa seguinte subvención máxima:

a) O quinto ano, co financiamento de ata o 50 por 100 dos custos laborais totais, cos límites establecidos no parágrafo primeiro deste artigo.

b) O sexto e posteriores anos, co financiamento de ata o 30 por 100 dos custos laborais totais, cos límites establecidos no parágrafo primeiro deste artigo.

4. Se a entidade solicitante percibise algunha outra subvención para o mesmo concepto, outorgada por outras administracións ou entes públicos ou privados, a cantidade resultante non poderá supera-lo 100 por 100 dos custos salariais totais do técnico local de emprego, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social, por tódolos conceptos.

Artigo 5º.-Solicitudes, documentación e prazo.

1. As solicitudes formalizaranse, no modelo que se publica como anexo I a esta orde, de acordo co disposto no artigo 70 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, que estará ó seu dispor nas oficinas de emprego e nas delegacións provinciais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

2. Xunto coa solicitude, que en todo caso deberá subscribi-lo titular ou representante legal da entidade local, debidamente acreditado, deberá acompañarse, por triplicado exemplar, a seguinte documentación:

a) Certificación do secretario da entidade solicitante na que conste:

-A representación que desempeña a persoa que asina a solicitude.

-A disposición de financiamento para custea-la parte non subvencionada pola Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

-A aprobación, polo órgano competente, do proxecto para o que se solicita a subvención.

b) Fotocopia compulsada da tarxeta de identificación fiscal da entidade solicitante.

c) Unha memoria do plan de acción para o emprego que desenvolverá cada técnico ou grupo de técnicos locais de emprego, que recollerá, alomenos, os seguintes aspectos:

I) Breve diagnóstico socioeconómico da zona de actuación:

-Delimitación da zona de actuación.

-Presentación das principais características socioeconómicas, moi especialmente daquelas referidas á estructura da súa poboación, ó sistema productivo e ó mercado de traballo, entre outros: evolución histórica e nos últimos anos, situación actual e perspectivas de futuro.

-Nivel de implantación das políticas activas de emprego: evolución histórica nos últimos anos, situación actual e perspectivas de futuro.

-Oportunidades e ameazas que ofrece o territorio cara á estratexia que se establece para a creación de emprego mediante o impulso da iniciativa empresarial.

II) Definición do plan de acción:

-Obxectivos.

-Descrición detallada do conxunto de actividades e servicios que serán promovidos polo/s técnico/s local/is de emprego.

-Organización de eventos, edición de material promocional e didáctico, atención de peticións de información e asesoramento, titoría e acompañamento de proxectos empresariais xeradores de emprego, realización de estudios, deseño e xestión de proxectos de dinamización local, implantación e seguimento dos programas de promoción do emprego, etc.

-Colaboracións previstas con axentes socioeconómicos e outras institucións cara ó desenvolvemento do plan de acción.

-Calendario previsto para a execución das actividades e servicios contidos no plan de acción, en especial daquelas que teñan un carácter puntual.

-Resultados previstos para cada unha das actuacións e servicios do plan de acción, expresados tanto en termos cualitativos como cuantitativos. Incluirase unha mención específica sobre os beneficiarios potenciais daquelas, caracterizando, na medida do posible, o seu público obxectivo.

III) Definición do plan de adaptación e operativo do/s técnico/s local/es de emprego:

-Número e perfil profesional do/s técnico/s local/is de emprego que se van contratar (incluí-la duración estimada do contrato).

-Funcións e tarefas que serán desenvolvidas polo/s técnico/s local/is de emprego na posta en práctica do conxunto de actividades e servicios previstos no plan de acción (incluí-lo horario de atención ó público).

-Pautas e ferramentas metodolóxicas que utilizarán o/s técnicos/s local/is de emprego para desenvolve-las actividades e servicios previstos no plan de acción.

-Instrumentos, infraestructuras e recursos humanos que se porán á disposición do/s técnico/s para o desenvolvemento do plan de acción (descrición do local de traballo, do equipamento informático, do material de apoio, así como do servicio ó que se incorpora o/s técnico/s local/is de emprego e as relacións de colaboracións que se establecen cos demais departamentos da entidade beneficiaria).

-Plan de formación que se prevé desenvolver en favor do/s técnico/ local/is de emprego co obxectivo de complementar ou actualiza-los seus coñecementos actuais.

IV) No caso de prórroga, ademais, un resumo estatístico das actuacións e servicios desenvolvidos polo/s técnico/s no ano anterior, así como dos beneficiarios daquelas.

d) Declaración na que se recolla o conxunto de tódalas axudas ou subvencións que teña solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade polas distintas administracións públicas competentes.

3. As solicitudes dirixiranse ás delegacións provinciais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais e presentaranse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da devandita Lei 30/1992, do 26 de novembro.

4. O prazo para a presentación de solicitudes de novas contratacións e das prórrogas das subvencións concedidas en exercicios anteriores será de 40 días hábiles contados desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 6º.-Procedemento.

1. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos esixidos ou a documentación achegada contivese erros ou fose insuficiente, a delegación provincial requirirá o solicitante para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, de acordo co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, se considerará desistido da súa petición, logo da correspondente resolución, que deberá dictarse nos termos previstos no artigo 42 da mesma lei.

2. Revisados os expedientes, e completados, de se-lo caso, remitiranse á comisión de valoración para o seu estudio e proposta de resolución.

3. Para os efectos previstos nesta orde, a comisión de valoración estará composta polo secretario da delegación provincial da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, que a presidirá, e serán vocais o xefe do Servicio de Promoción do Emprego e un xefe de sección deste, que tamén actuará como secretario.

Artigo 7º.-Resolución e recursos.

1. Cumpridos os trámites que procedan para a instrucción do procedemento e fiscalizada a proposta pola respectiva intervención territorial, o delegado/a provincial, por delegación da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, dictará a resolución que proceda, que se deberá notificar ós interesados.

2. O prazo para resolver será de seis meses, computados a partir da entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para resolver. Transcorrido o prazo para resolve-lo procedemento sen que se dictase resolución expresa, entenderase que esta é desestimatoria, de acordo co disposto no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. A resolución estimatoria ou desestimatoria, dictada polo delegado/a provincial, esgota a vía administrativa, polo que, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, caberá a interposición de recurso contencioso-administrativo, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da notificación da resolución, se fose expresa; se non o fose, o prazo será de seis meses e contarase, para o solicitante e outros posibles interesados, a partir do día seguinte a aquel no que

se produza o acto presunto, agás nos casos en que procedera o requirimento regulado nos tres primeiros puntos do artigo 44 da devandita lei, nos que o prazo se contará desde o día seguinte a aquel no que se reciba a comunicación do acordo expreso ou se entenda presuntamente rexeitado.

Artigo 8º.-Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 9º.-Selección e contratación dos técnicos locais de emprego.

1. A selección dos técnicos locais de emprego, que deberá realizarse no prazo de 15 días desde a notificación da resolución de concesión, corresponderalle á entidade beneficiaria da subvención, logo da presentación de oferta xenérica ante o Servicio Público de Emprego.

2. En caso de non existiren candidatos idóneos entre os remitidos polo Servicio Público de Emprego, a entidade beneficiaria poderá acudir a outros procedementos de selección, de conformidade coa normativa vixente na materia, sempre que se garanta a idoneidade e o cumprimento dos requisitos dos candidatos mencionados no parágrafo seguinte.

3. Para seren contratados como técnico local de emprego, os candidatos deberán cumprir algún dos seguintes requisitos:

a) Ter superado con éxito o segundo ou o primeiro ciclo de estudios universitarios de economía, administración e dirección de empresas, socioloxía, dereito, ciencias políticas e da administración, enxeñería de montes ou agrónoma, empresariais, relacións laborais ou enxeñería técnica forestal ou agrícola.

b) Ter superado con éxito o segundo ou o primeiro ciclo de estudios universitarios doutras disciplinas distintas das previstas na letra anterior, sempre que se acrediten, ademais, dous anos de experiencia profesional ou coñecementos adquiridos en cursos universitarios de posgrao (master ou de especialización), en materias relacionadas coas funcións propias dos técnicos locais de emprego sinaladas no artigo 3.3º.

4. Unha vez seleccionado o candidato, no prazo de 15 días hábiles sinalado no parágrafo primeiro e, en todo caso, antes de proceder á contratación do técnico local de emprego, as entidades beneficiarias deberán remitirlle á delegación provincial correspondente da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, co obxecto de comproba-la súa idoneidade e o cumprimento dos requisitos previstos no parágrafo terceiro, a seguinte documentación:

a) Os datos relativos á titulación e experiencia profesional do candidato seleccionado, debidamente acreditados, así como os custos da contratación, indicando o salario bruto desagregado por conceptos e a cotización empresarial á Seguridade Social, no modelo que se publica como anexo II.

b) Certificación do secretario da entidade solicitante sobre os resultados da presentación de oferta xenérica ante o Servicio Público de Emprego.

5. En caso de que o candidato seleccionado non fose considerado idóneo pola delegación provincial correspondente ou non cumprise os requisitos esixidos, a entidade beneficiaria poderá presentar un novo candidato no prazo máximo de 15 días na forma prevista no parágrafo anterior.

6. Comprobada a idoneidade do candidato seleccionado e o cumprimento dos requisitos esixidos, a entidade beneficiaria terá un prazo máximo de 15 días para proceder á contratación do técnico local de emprego que, en todo caso, deberá realizarse e notificárselle á respectiva delegación provincial antes do 15 de decembro de 2003.

Artigo 10º.-Adaptación inicial e actualización permanente da súa formación.

1. As entidades beneficiarias propiciarán a adaptación dos técnicos locais de emprego ós seus postos de traballo facilitándolle-la metodoloxía e o material de apoio, así como o equipamento e recursos necesarios para o mellor desenvolvemento das súas funcións, ademais do acceso á formación que se estableza.

2. A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais poderá comproba-la idoneidade dos mencionados procesos de adaptación e, co obxecto de garanti-la actualización permanente dos técnicos locais de emprego, poderá organizar, con medios propios ou alleos, as actuacións necesarias para o seu cumprimento.

Artigo 11º.-Xustificación e pagamento.

1. O aboamento da subvención farase efectivo unha vez cumprido o obxecto para o que foi concedida, o que se xustificará mediante a presentación da seguinte documentación:

a) Orixinais ou copias compulsadas dos respectivos contratos de traballo, ou, se é o caso, das correspondentes prórrogas, formalizados e debidamente comunicados.

b) Orixinais ou copias compulsadas dos partes de alta na Seguridade Social dos traballadores contratados.

c) Declaración do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público nacional ou internacional.

2. A documentación xustificativa deberá remitirse á respectiva delegación provincial no prazo dun mes desde o inicio da contratación, agás que a delegación provincial autorice, expresamente, a ampliación do prazo, e necesariamente, dentro do ano 2003.

Artigo 12º.-Obrigas das entidades beneficiarias.

As entidades beneficiarias, virán obrigadas a:

a) Poñer á disposición dos técnicos locais de emprego tódolos medios materiais necesarios para o correcto desenvolvemento das súas funcións e, en particular, os equipos informáticos precisos (incluído lector de CD-Rom), así como acceso á Internet e correo electrónico.

b) Remitirlle á delegación provincial da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais a seguinte documentación:

-Unha memoria descritiva das actividades realizadas polo/s técnico/s local/is de emprego en cada semestre natural do ano, no modelo normalizado que para o efecto estableza a Dirección Xeral de Promoción do Emprego. Esta memoria presentarase durante os meses de xullo e xaneiro do ano seguinte, agás que o técnico/s remate/n antes a súa prestación de servicios. Neste caso, a memoria deberá remitirse con anterioridade á finalización do contrato.

-No mes seguinte á finalización de cada período anual subvencionado, copias compulsadas das nóminas aboadas ó/s técnico/s e dos boletíns de cotización á Seguridade Social (modelo TC-2).

c) Comunicarlle á Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público nacional ou internacional, no momento de presenta-la solicitude e con carácter previo ós pagamentos.

d) Someterse ás actuacións de comprobación efectuadas pola Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, e pola Inspección de Traballo e Seguridade Social, e ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e ás previstas na lexislación do Consello de Contas, así como ás que poida efectuar, de se-lo caso, a Comisión e o Tribunal de Contas das Comunidades Europeas, no suposto de cofinanciamento polo Fondo Social Europeo.

e) Darlle publicidade a actuación, segundo o establecido polo artigo 15º.

f) Cumpri-las demais obrigas que se poidan derivar da normativa de desenvolvemento desta orde.

Artigo 13º.-Revogación.

O incumprimento total ou parcial de calquera das obrigas, condicións ou finalidades establecidas nesta orde dará lugar ó reintegro total ou parcial, segundo proceda, da subvención percibida e mailos xuros de demora, nas condicións e de conformidade co establecido no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e nas súas normas de desenvolvemento, sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 14º.-Prórroga da subvención.

1. As entidades beneficiarias poderanlle solicitar á Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais a prórroga da subvención concedida por cada técnico local de emprego contratado ó abeiro da Orde do 26 de setembro de 2002, no prazo previsto no artigo 5.4º, xuntándolle á dita solicitude os seguintes documentos:

a) A documentación esixida con carácter xeral no artigo 5.2º.

b) O anexo II, previsto no artigo 9.4º.

2. A súa concesión supeditarase ó cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 9º e dos resultados obtidos da súa xestión no período anterior, valorando especialmente a xeración de iniciativas

empresariais e o número de postos de traballo creados como consecuencia da súa actuación. A resolución que, de se-lo caso, aprobe a concesión da prórroga, poderá ter efecto retroactivo, sempre que non se interrompese a contratación e a prestación dos servicios polo técnico local de emprego.

Artigo 15º.-Publicidade.

Para efectos de identificación e de difusión da rede de técnicos locais de emprego, no prazo dun mes desde a contratación, a entidade beneficiaria deberá colocar, de forma visible, nas dependencias nas que presta os seus servicios o técnico local de emprego, unha placa identificativa, en modelo normalizado, que facilitará a Dirección Xeral de Promoción do Emprego.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión das axudas e subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario tendo como límite global a cantidade de 3.352.910,00 euros prevista na aplicación 16.04.241A.460.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003.

Segunda.-Para os efectos do disposto nesta orde, terán a consideración de técnicos locais de emprego os axentes de emprego e desenvolvemento local contratados en exercicios anteriores ó abeiro das subvencións concedidas a través das correspondentes ordes reguladoras da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

Terceira.-Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais nos delegados/as provinciais, no ámbito das súas respectivas provincias, para resolve-la concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autoriza-los gastos e ordena-los correspondentes pagamentos.

Cuarta.-Se, por calquera causa, no momento no que a comisión de valoración teña que examina-las solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto designe o delegado/a provincial.

Quinta.-As entidades beneficiarias destas axudas están suxeitas ó réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións, de conformidade co disposto no artigo 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na redacción dada polo artigo 7 da Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Promoción do Emprego para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instruccións necesarias para o desenvolvemento e a execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2003.

María José Cimadevila Cea

Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e

Relacións Laborais