Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Luns, 30 de xuño de 2003 Páx. 8.590

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 18 de xuño de 2003 pola que se inicia o procedemento de elaboración do Plan de Ordenación dos Recursos Naturais de Parga-Ladra-Támoga.

A Lei 9/2001, de conservación da natureza de Galicia, ten como un dos seus principios inspiradores a utilización ordenada dos recursos, garantindo o aproveitamento sostido das especies e dos seus ecosistemas, a súa restauración e mellora.

Para conseguilo, as administracións públicas terán que planifica-la xestión dos recursos naturais. Os planos de ordenación constitúen un instrumento básico para unha planificación territorial progresiva, que contemple os distintos graos de intensidade de actividades humanas axeitadas para cada zona do territorio, así como graos de protección en función da conservación dos recursos naturais e os seus ecosistemas, establecendo un modelo de harmonía entre usos humanos e conservación dos procesos ecolóxicos.

Parga-Ladra-Támoga é un espacio designado como lugar de importancia comunitaria en función da Directiva de hábitats (92/43/CEE) e do Real decreto 1997/1995, que a traspón ó dereito español, polo que se deben establece-las medidas necesarias de conservación para evita-la deterioración dos seus hábitats naturais e alteracións das especies, establecendo medidas preventivas para o efecto, con fin de elimina-los riscos e ameazas de degradación.

Este espacio está comprendido na cunca alta do río Miño (provincia de Lugo), constituíndo na actualidade un dos ecosistemas hídricos de maior singularidade ambiental da península ibérica. A súa importancia ecolóxica radica na abundancia e heteroxeneidade dos medios riparios leníticos e turbófilos que nel persisten, así como no elevado grao de naturalidade que aínda manifestan a maioría deles.

No espacio Parga-Ladra-Támoga están presentes 15 hábitats de interese comunitario, dos cales catro son prioritarios: bosques aluviais de Alnus-Fraxinus; bidueiros pantanosos de Betulo-Molinietum; turbeiras altas de E. tetralix e Sphagnum e turbeiras altas de Cladium mariscus. Tamén se encontran presentes diversas especies de importancia comunitaria, destacando entre estas Eryngium viviparum, Luronium natans e Margaritifera margaritifera.

Por todo iso, na proposta galega de espacios para integra-la Rede Natura 2000 incluíase Parga-Ladra-Támoga. Por medio da Orde do 28 de outubro de 1999, foi declarado provisionalmente espacio natural en réxime de protección xeral, prorrogándose esta figura de protección polas ordes do 7 de novembro de 2000, do 7 de xuño de 2001 e do 13 de xuño de 2002.

En virtude do anterior e en uso das atribucións que me confire o artigo 34.6º da Lei 1/1983, do

22 de febreiro, reguladora da Xunta e o seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Iniciación.

De acordo co disposto nos artigos 4 e 25 da Lei 9/2001, de conservación da natureza, iníciase o procedemento de elaboración do Plan de Ordenación dos Recursos Naturais de Parga-Ladra-Támoga, pertencente ós municipios de Begonte, Cospeito, Guitiriz, Outeiro de Rei, Rábade, Vilalba, Xermade, Abadín, Castro de Rei, Lugo e Friol.

Artigo 2º.-Límites.

Os límites do espacio son os que figuran sinalados no anexo desta orde.

Artigo 3º.-Elaboración e tramitación.

A elaboración e tramitación do dito plan encomendarase á Dirección Xeral de Conservación da Natureza, segundo o previsto nos decretos 14 e 333/2002 polos que se establece a estructura orgánica da Consellería de Medio Ambiente.

O contido e elaboración dos plans de Ordenación dos Recursos Naturais de Parga-Ladra-Támoga axustaranse ó disposto na Lei 9/2001, de conservación da natureza.

Artigo 4º.-Protección preventiva.

De acordo co disposto no artigo 25 da Lei 9/2001, durante a tramitación deste Plan de Ordenación dos Recursos Naturais non poderán realizarse actos que supoñan unha transformación sensible da realidade física ou biolóxica que poida chegar a facer imposible ou dificultar de forma importante a consecución dos obxectivos do plano.

Artigo 5º.-Autorizacións, licencias ou concesións.

Ata a aprobación definitiva do Plan de Ordenación dos Recursos Naturais non se poderán conceder autorizacións, licencias ou concesións sen o informe favorable da Consellería de Medio Ambiente.

En todo caso, aplicarase o Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, modificado pola Lei 6/2001, do 8 de maio, así como o Decreto 442/1990, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, e o Decreto 327/1991, do 4 de outubro, de avaliación de efectos ambientais.

Artigo 6º.-Sancións.

Os actos que contraveñan esta orde serán sancionados conforme o disposto na Lei 9/2001, así como no resto da normativa específica vixente en función da materia.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2003.

José Manuel Barreiro Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente