Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Luns, 30 de xuño de 2003 Páx. 8.588

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

DECRETO 293/2003, do 4 de xuño, polo que se crea o premio Galicia-Medio Ambiente e se establecen as súas modalidades.

A Consellería de Medio Ambiente é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia que ten atribuídas as competencias e funcións

que en materia de ambiente e conservación da natureza se establecen nos artigos 27.10º, 11º, 15º e 30º e 29.4º do Estatuto de autonomía de Galicia e demais normativa de aplicación. Ademais, e de conformidade co disposto no Decreto 14/2002, do 24 de xaneiro, en concreto, no artigo 8, punto 2.2, realizará as funcións relativas á formación e consolidación dunha conciencia social para a protección e mellora do contorno. O premio Galicia-Medio Ambiente ten como finalidade potenciar unha cultura ambiental na Comunidade Autónoma, mediante o recoñecemento de empresas, concellos, universidades e centros de investigación e centros educativos non universitarios que traballen e destaquen na defensa dos valores ambientais en diferentes ámbitos da Comunidade Autónoma galega, así como promove-la difusión de tales valores pola repercusión que estes premios teñen nos medios de comunicación e sobre a opinión pública.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do catro de xuño de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Crea-lo premio Galicia-Medio Ambiente en recoñecemento ó traballo das empresas, concellos, universidades e centros de investigación e centros de educación non universitaria que desenvolvan un labor significativo no estudio, coidado e promoción do medio.

Artigo 2º.-Modalidades e destinatarios.

O premio Galicia-Medio Ambiente outorgarase nas seguintes modalidades e destinatarios:

a) Para empresas:

-Mellor iniciativa empresarial en sustentabilidade (empresa sustentable).

b) Para concellos:

-Mellor acción local en desenvolvemento sustentable e na conservación da biodiversidade.

c) Universidades e centros de investigación:

-Mellor traballo de investigación científica sobre temática ambiental.

d) Centros educativos non universitarios:

-Mellor iniciativa ou actividade escolar no ámbito medioambiental.

Artigo 3º.-O premio.

O premio, en tódalas súas convocatorias, dará dereito a unha placa acreditativa e levará consigo unha dotación económica que se fixará na orde de convocatoria. O importe mínimo deste premio nas súas distintas modalidades será de 6.000 euros.

Artigo 4º.-Convocatoria.

O premio será convocado por orde da Consellería de Medio Ambiente e terá unha periodicidade anual.

Esta orde establecerá os demais aspectos procedementais para a súa adxudicación.

Artigo 5º.-Candidaturas.

As candidaturas serán libres, sempre que cumpran os requisitos establecidos neste decreto e na orde de convocatoria.

As candidaturas irán acompañadas dunha memoria explicativa sobre os méritos dos candidatos, que lles permita ós membros do xurado avaliar cada proposta.

Artigo 6º.-Xurado e concesión dos premios.

1. O exame das memorias e a proposta do premio corresponderán a un xurado que estará presidido polo conselleiro competente en materia de medio ambiente ou persoa en que delegue e no que figurarán como vocais representantes da Consellería de Medio Ambiente e representantes das consellerías sectoriais con competencia na materia segundo as modalidades e destinatarios do Premio Galicia-Medio Ambiente. A concreción e designación dos vocais e do secretario realizarase a través da orde anual de convocatoria.

2. O xurado tomará o acordo de concesión dos premios, que porá fin á vía administrativa, ademais poderá deixar deserta total ou parcialmente a convocatoria, e outorga-los accesits que considere oportunos.

Artigo 7º.-Concesión e entrega do premio.

1. O conselleiro de Medio Ambiente outorgará o premio ás candidaturas seleccionadas polo xurado. O acordo de concesión do premio publicarase no Diario Oficial de Galicia.

2. Os premios, unha vez resoltos, serán entregados en acto público que se anunciará oportunamente. O nome dos gañadores será publicado e difundido nos medios de comunicación social que se determinen.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Medio Ambiente para convocar anualmente mediante orde o premio Galicia-Medio Ambiente e dicta-las disposicións necesarias para o seu desenvolvemento e aplicación.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia

Santiago de Compostela, catro de xuño de dous mil tres.

P.A.

José Antonio Orza Fernández

Presidente

José Manuel Barreiro Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente