Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Luns, 30 de xuño de 2003 Páx. 8.583

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 30 de maio de 2003 pola que se modifica a do 30 de xullo de 1998 pola que se regula a realización dos exames e prácticas de seguridade e navegación para a obtención dos títulos para o goberno de embarcacións de lecer na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Real decreto 89/1996, do 26 de xaneiro, sobre traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia das funcións e servicios en materia de ensinanzas náutico-deportivas, transfírelle á Comunidade Autónoma de Galicia, entre outras funcións, a realización

dos exames para a obtención dos títulos para o goberno das embarcacións de lecer.

A Orde do 17 de xuño de 1997 do Ministerio de Fomento, regula as condicións para o goberno de embarcacións de lecer ou dos títulos para o goberno de motos náuticas, e establece para obtelas un exame teórico e un práctico ou no lugar deste último, a obriga de realiza-las prácticas de seguridade e navegación nunha escola de navegación de lecer recoñecida ou nunha entidade autorizada.

O Real decreto 259/2002, do 8 de marzo, actualiza as medidas de seguridade na utilización de moto náuticas e faculta as comunidades autónomas que teñan transferidas as funcións e servicios en materia de ensinanzas náuticas de recreo, a realización de exames e a expedición dos títulos de patrón de moto náutica «A» e «B».

A Orde do 30 de xullo de 1998, regula a realización dos exames e prácticas de seguridade e navegación para a obtención dos títulos para o goberno de embarcacións de lecer na Comunidade Autónoma de Galicia.

Enténdese necesario modifica-lo marco normativo publicado e precisa-las disposicións establecidas para os efectos de lograr unha maior efectividade no desenvolvemento e certificación das prácticas realizadas.

Por todo iso, e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e o seu presidente,

DISPOÑO:

Artículo único.-Modifica-la Orde do 30 de xullo de 1998, pola que se regula a realización dos exames e prácticas de seguridade e navegación para a obtención dos títulos para o goberno de embarcacións de lecer na Comunidade Autónoma de Galicia.

Un. O artigo 14º terá a seguinte redacción:

As prácticas serán realizadas axustándose ó establecido na orde do Ministerio de Fomento do 17 de xuño de 1997, por todos e cada un dos alumnos participantes. No referente á realización e acreditación das prácticas de seguridade computarase, cumprindo sempre o número de horas estipuladas para cada titulación, a saída de mañá e tarde por dous días, sempre que medie entre ámbalas dúas un intervalo de tempo de alomenos dúas horas e media.

Facúltase o Servicio de Ensino e Titulacións Náutico-Pesqueiras para que, a través do seu persoal, realice o seguimento das prácticas de seguridade nas escola homologadas por esta dirección xeral.

Dous. Modifícase o anexo I, correspondente o modelo de solicitude de inscrición nos exames teóricos e prácticos, ó que se lle engade no punto 1.Patróns de moto náutica «A» e patróns de moto náutica «B» e se lles asigna o mesmo código de procedemento que teñen as demais titulacións de lecer.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2003.

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos