Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Luns, 30 de xuño de 2003 Páx. 8.582

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 17 de xuño de 2003 pola que se establecen os criterios e o procedemento para a homologación de cursos que realicen os guías de turismo especializados de Galicia para os efectos do disposto no artigo 33 do Decreto 42/2001, do 1 de febreiro, de refundición en materia de axencias de viaxes, guías de turismo e turismo activo.

A Lei de ordenación e promoción do turismo en Galicia no seu artigo 68 establece que, para a realización de servicios de información turística nos bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia, se require estar na posesión da habilitación de guía de turismo especializado outorgada pola Administración turística.

O artigo 33 do Decreto 42/2001, do 1 de febreiro, de refundición en materia de axencia de viaxes, guías de turismo e turismo activo, dentro do título II, que regulamenta a profesión de guía de turismo especializado de Galicia, sinala que a dita habilitación terá unha validez de cinco anos renovables por iguais períodos de tempo, sempre que o interesado acredite a asistencia a un ou varios cursos de formación, actualización ou perfeccionamento que para tal efecto organice ou homologue a consellería competente en materia de turismo e que sumen un mínimo de 70 horas durante os cinco anos de vixencia da habilitación anterior.

É evidente que a calidade da prestación dos servicios por parte dos guías especializados de turismo ten unha grande importancia en calquera destino turístico, pois forma parte fundamental da súa oferta e en moitos casos determina directamente a imaxe e o grao de satisfacción que os turistas leven dese destino. De aí a necesidade de contar con profesionais ben formados.

Con esta orde preténdese fixar un marco preciso e estable que dea unha resposta adecuada ás necesidades formativas deste colectivo e lles facilite os trámites para a renovación da súa habilitación.

Por todo iso, por proposta da Dirección Xeral de Turismo,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Requisitos para a homologación das actividades de formación.

1. Para os efectos do disposto no artigo 33 do Decreto 42/2001, do 1 de febreiro, entenderanse automaticamente homologadas, logo de presentación da correspondente certificación (orixinal ou compulsada) sempre que se realicen durante os cinco anos de vixencia da habilitación anterior, as seguintes accións formativas:

A) Todos os cursos de idiomas de máis de 70 horas organizados polas escolas oficiais de idiomas e os institutos de idiomas vinculados ás universidades públicas españolas. Tamén servirá a presentación dos diplomas oficiais que outorgan os distintos países a persoas non nativas nos casos nos que o nivel de idioma certificado para o candidato sexa o sufi

ciente para realizar estudios universitarios nese país. Neste caso corresponderá ó guía que o obteña acreditar tamén que con el podería acceder á universidade no país onde ese idioma sexa a lingua oficial.

Cada un dos cursos de idiomas así como a obtención do diploma oficial que acredite o nivel arriba indicado validaranse por 30 horas de formación.

B) Os cursos organizados pola Dirección Xeral de Turismo dirixidos con exclusividade ou carácter prioritario ós guías de turismo especializados de Galicia.

C) Outros cursos ou actividades organizadas polas administracións públicas españolas e outros organismos, fundacións ou sociedades públicas, así como pola Asociación Profesional de Guías Turísticos de Galicia, que conten con máis de 30 asociados, sempre que teñan unha duración mínima de 20 horas de formación presencial, que traten sobre algunha das seguintes áreas:

-Comunicación, asesoramento, xestión e asistencia a grupos turísticos. Preparación e desenvolvemento de itinerarios turísticos.

-Coñecementos histórico-artísticos, xeográficos, culturais e ecolóxicos de Galicia.

-Coñecementos normativos e socioeconómicos da Comunidade Autónoma de Galicia en materia turística.

2. Calquera outra actividade de formación que leven a cabo outros organizadores poderá ser homologada pola consellería competente en materia de turismo, sempre que teña unha duración mínima de 20 horas presenciais e que, a xuízo da comisión que se constitúa para o efecto, a súa organización responda a principios de obxectividade e eficacia e o programa contribúa a que os guías melloren as tarefas propias do seu exercicio profesional.

Artigo 2º.-Procedemento para a homologación.

1. Para que unha actividade formativa obteña a homologación para os efectos do disposto no artigo 33 do Decreto 42/2001, os organizadores ou outros interesados deberán presenta-la correspondente solicitude de homologación, previa e condicional, ante a comisión de homologación que se constituirá para eses efectos, coa seguinte documentación:

A) Datos básicos da entidade organizadora da actividade.

B) Unha memoria da actividade, na que se especifiquen tódolos aspectos fundamentais para a súa valoración: obxectivos previstos, programa detallado, número e criterios de selección dos destinatarios se procede, medios de difusión, control de asistencia, requisitos para o outorgamento do certificado acreditativo.

2. A comisión de homologación examinará as solicitudes e a restante documentación presentada, e dentro do prazo de 20 días desde a recepción da solicitude na Dirección Xeral de Turismo, tendo en conta os criterios establecidos no artigo 1.2º, elevará a súa proposta á directora xeral de Turismo que, co seu visto e prace, a remitirá ó conselleiro competente en materia de turismo, quen resolverá.

3. A resolución, se procede, entenderase condicionada a que o desenvolvemento da actividade se adecue ó explicitado no deseño previo.

No caso de que na resolución non se especifique o número de horas polo que se homologa, entenderase que se valida pola totalidade da duración da actividade formativa.

Contra esta resolución poderase recorrer potestativamente en reposición ante o mesmo órgano que a dictara ou ser impugnada directamente ante o órgano xurisdiccional contencioso.

4. A entidade organizadora ou o solicitante, dentro do mes seguinte á finalización da actividade de formación, remitirá á Dirección Xeral de Turismo un informe final cos datos suficientes para comprobar que se desenvolveu de acordo co previsto e se é posible, unha lista cos asistentes ós que se lles expediu o diploma acreditativo.

5. Sen prexuízo de que a resolución condicionada do conselleiro que se lle notifique ó solicitante e a entidade organizadora da actividade formativa para que lle dea a publicidade que coide conveniente, a consellería competente en materia de turismo, polo menos unha vez ó ano, publicará no DOG a lista de tódalas actividades de formación que se homologasen por petición dos interesados.

6. En casos excepcionais e debidamente xustificados, poderán homologarse accións formativas con posterioridade ó seu desenvolvemento.

Artigo 3º.-Comisión de homologación.

1. A comisión de homologación estará integrada polos seguintes membros:

A) Subdirector/a xeral de Ordenación do Turismo ou persoa en quen delegue, que a presidirá.

B) Xefe/a do Servicio de Ordenación do Turismo ou un representante del.

C) Un representante da Asociación Profesional de Guías Turísticos de Galicia ou, no seu defecto, un profesional nomeado pola propia Administración.

D) Xefe/a do Servicio de Formación, Cooperación Institucional e Documentación ou un representante del, que exercerá como secretario/a.

2. Á comisión correspóndenlle as funcións de examinar e propoñe-la estimación ou desestimación das solicitudes de homologación que se presenten e dirimi-las dúbidas que se poidan expor en relación coas certificacións ou diplomas que se presenten para a súa validacion automática.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2003.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicacion Social e

Turismo