Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Venres, 27 de xuño de 2003 Páx. 8.541

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 23 de maio de 2003, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Codisoil, S.A.

Visto o texto do convenio colectivo da empresa Codisoil, S.A., con nº de código 3603712, que tivo entrada nesta delegación provincial da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais o día 25-4-2003, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social polos delegados de persoal, o 2-4-2003. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores; Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo existente nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 23 de maio de 2003.

Joaquín Macías Sánchez

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo de Codisoil, S.A.,

anos 2003 e 2004

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

Este convenio regula as relacións laborais entre a empresa Codisoil, S.A., dedicada á actividade de distribución de gasóleos e limpeza industrial, e os traballadores que nela prestan servicios.

Artigo 2º.-Ámbito persoal e territorial.

Este convenio colectivo afecta á totalidade do persoal de Codisoil, S.A. que presta servicios en calquera dos centros de traballo abertos pola empresa na provincia de Pontevedra, así como aqueloutros traballadores que puidesen ser contratados durante a súa vixencia.

Exceptúase do ámbito de aplicación deste convenio o persoal de alta dirección ó que se refire o artigo 2.1º a) do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores.

Artigo 3º.-Ámbito temporal.

Este convenio, sexa cal for a data da súa publicación, entrará en vigor o día 1 de xaneiro do ano 2003 e finalizará a súa vixencia o día 31 de decembro do ano 2004.

Artigo 4º.-Prórroga e denuncia.

Este convenio entenderase prorrogado íntegra e tacitamente de ano en ano, mentres non sexa denunciado por algunha das partes.

A denuncia deste convenio colectivo, que poderá ser formulada por calquera das partes, deberase realizar por escrito, cunha antelación mínima de trinta días naturais á data do seu vencemento inicial, ou á de calquera das súas prórrogas.

Artigo 5º.-Comisión paritaria.

Créase unha comisión paritaria composta por un máximo de 4 membros, designados por metade por cada unha das partes, empresarial e social, asinantes deste convenio. As partes poderán utiliza-los servicios de asesores, designándoos libremente e pola súa conta, os cales terán voz pero non voto. Serán funcións da comisión paritaria as seguintes:

-Vixilancia e seguimento do cumprimento deste acordo xeral e interpretación dos seus preceptos.

A comisión paritaria regulará o seu propio funcionamento e reunirase sempre que sexa necesario.

A comisión fixa a súa sede no Porriño, no polígono industrial A Granxa.

No caso de se promulgaren novas disposicións legais durante a vixencia do convenio que afecten o acordado nel, ou polos efectos da aplicación práctica deste, a comisión paritaria poderá adapta-lo afectado á realidade existente.

Artigo 6º.-Vinculación á totalidade.

Ámbalas partes acordan que as condicións pactadas neste convenio forman un todo orgánico e indivisible. En consecuencia, se a xurisdicción competente considerase que este convenio colectivo conculca a legalidade vixente ou lesiona gravemente o interese de terceiros e ordena que se adopten as medidas necesarias para emenda-la anomalía, deberá o convenio colectivo ser devolto á comisión negociadora para tal fin, procedéndose a unha nova negociación da totalidade do seu contido, que quedará sen eficacia.

Artigo 7º.-Compensación e absorción.

As condicións pactadas neste convenio son absorbibles e compensables, tanto por conceptos de idéntica natureza, como no seu conxunto e cómputo anual, con aquelas que existisen con anterioridade á súa entrada en vigor, calquera que sexa a natureza ou a orixe da súa existencia.

As melloras económicas que se establecen serán absorbibles e compensables, no que alcancen, con aquelas melloras que no futuro se puidesen establecer, en virtude de disposición legal de rango superior.

Artigo 8º.-Condición máis beneficiosa.

Respectaranse as situacións individuais que, no seu conxunto, sexan máis beneficiosas para os traballadores que as fixadas neste convenio, manténdose estrictamente a título persoal ata que sexan superadas polas condicións que, con carácter xeral, se establezan por normas posteriores de carácter legal ou convencional.

Capítulo II

Organización do traballo

Artigo 9º.-Facultades da empresa.

A organización práctica do traballo, con suxeición ó previsto neste convenio colectivo e á lexislación vixente, é facultade exclusiva da empresa.

Sen mingua da facultade aludida no parágrafo anterior, os representantes dos traballadores terán funcións de orientación, proposta, emisión de informes, etc., no relacionado coa organización e racionalización do traballo, de conformidade coa lexislación vixente.

Capítulo III

Clasificación do persoal

Artigo 10º.-Clasificación do persoal.

A clasificación profesional consignada neste convenio é meramente enunciativa e en ningún caso supón a obriga de que existan postos de traballo de tódolos grupos profesionais nin de tódalas categorías se as necesidades e o volume das empresas non o requiren.

Todo traballador está obrigado a executar cantos traballos lle indiquen os seus superiores, dentro do cometido propio da súa competencia, función e especialidade derivada da pertenza ó grupo profesional.

O persoal clasificarase por razón das súas funcións en:

Grupo I. Persoal superior e técnico: enténdese por tal o que, con propia iniciativa e dentro das normas dictadas pola dirección ou polos seus superiores xerárquicos, exerce funcións de carácter técnico e/ou de mando e organización. Non se inclúe a quen polas características do seu contrato e/ou do desempeño do seu cometido corresponda a cualificación de persoal de alta dirección.

Este grupo I está integrado polas categorías profesionais que a continuación se relacionan, coas funcións e cometidos que, con carácter indicativo, igualmente se consignan.

Director. É o traballador que se encontra á fronte dunha das áreas ou departamentos específicos en que a empresa se estructure, dependendo directamente da dirección xeral da empresa.

Delegado. É o traballador que se encontra á fronte dunha das áreas ou departamentos específicos en que a empresa se estructure, dependendo directamente da dirección xeral da empresa.

Xefe de tráfico. É o traballador que ten ó seu cargo dirixi-la prestación de servicios dun grupo de vehículos da empresa, distribuíndo o persoal e o material e as entradas e saídas del, elaborando estatísticas de tráficos, percorridos e consumos.

Grupo II. Persoal de administración: pertencen a este grupo profesional tódolos traballadores que nas distintas dependencias ou servicios da empresa realizan funcións de carácter administrativo, burocráticas e/ou de contabilidade, incluídos os traballos con medios informáticos ou ofimáticos e os de facturación; están así mesmo comprendidas as funcións de mantemento, control e atención de carácter xeral non incluídas noutro grupo profesional. Clasifícase nas categorías seguidamente relacionadas, coas funcións ou cometidos que, con carácter enunciativo, igualmente se expresan:

Técnico administrativo. É o traballador que, baixo a súa propia responsabilidade, realiza coa máxima perfección burocrática tarefas que requiren plena iniciativa, entre elas as xestións de carácter comercial, tanto na empresa como en visitas a clientes e organismos.

Auxiliar administrativo. É o traballador que con coñecementos de carácter burocrático e atención telefónica, baixo as ordes dos seus superiores, realiza traballos que non revisten especial complexidade.

Grupo III. Persoal de movemento e repartición de mercadorías: pertencen a este grupo tódolos empregados que se dedican ó movemento, clasificación, arrastre de mercadorías nas instalacións da empresa ou fóra delas, incluído o mantemento dos vehículos e tódalas tarefas e labores propios da entrega final da mercadoría ó seu destinatario, incluíndo o cobramento dela cando sexa necesario, clasificándose nas seguintes categorías profesionais, coas funcións que se expresan, con carácter enunciativo, a continuación delas:

Conductor mecánico. É o empregado que, estando en posesión do carné de conducir da clase C, se contrata coa obriga de conducir calquera vehículo da empresa, con remolque ou sen el, a teor das necesidades desta, axudando, se se le indica, ás súas reparacións, sendo o responsable do vehículo e da carga durante o servicio, estando obrigado a cubrir, cando proceda, a documentación do vehículo e a do transporte realizado e a dirixir, se se lle esixise,

a carga da mercadoría. Correspóndelle realiza-los labores necesarios para o correcto funcionamento, conservación e acondicionamento do vehículo, así como os que resulten precisos para a protección e manipulación da mercadoría. Deberalle comunicar de inmediato ó responsable do taller, ou persoa que para o efecto a empresa sinale, calquera anomalía que detecte no vehículo. Deberá cubri-los percorridos polos itinerarios que se fixen ou, de non estaren fixados, polos que sexan máis favorables para o correcto cumprimento do servicio, desenvolvendo o seu traballo cunha adecuada imaxe, atención ó cliente, e tódalas tarefas e os labores propios da entrega final da mercadoría ó seu destinatario, incluíndo o seu cobramento cando sexa necesario.

Conductor. É o empregado que, estando en posesión do carné de conducir da clase C, se contrata unicamente para conducir, sen necesidade de coñecementos mecánicos e coa obriga de dirixir, se así se lle ordena, o acondicionamento da carga, participando activamente nesta e na descarga, sen exceder con iso da xornada ordinaria; é o responsable do vehículo e da mercadoría durante a viaxe, debendo cubrir, cando proceda, a documentación do vehículo e a do transporte realizado; correspóndelle realiza-los labores complementarios necesarios para o correcto funcionamento, conservación e acondicionamento do vehículo, así como os que resulten precisos para a protección e manipulación da mercadoría. Deberalle comunicar de inmediato ó responsable do taller, ou persoa que para o efecto a empresa sinale, calquera anomalía que detecte no vehículo. Deberá cubri-los percorridos polos itinerarios que se lle fixen ou, de non estaren fixados, polos que sexan máis favorables para o correcto cumprimento do

servicio, desenvolvendo o seu traballo cunha adecuada imaxe, atención ó cliente, e tódalas tarefas e os labores propios da entrega final da mercadoría ó seu destinatario, incluíndo o seu cobramento cando sexa necesario.

Os traballadores que alcancen 6 meses de permanencia nesta categoría ascenderán nese momento e de forma automática á categoría de conductor-mecánico.

Grupo IV. Persoal de servicios auxiliares: pertencen a este grupo tódolos empregados que se dedican a actividades auxiliares da principal da empresa, tanto nas instalacións desta como fóra delas, clasificándose nas categorías profesionais que a continuación se expresan:

Oficial de 1ª de oficios (mecánico). É o traballador que, con total dominio do seu oficio e con capacidade para interpretar planos de detalle, realiza no taller, en calquera outra dependencia da empresa ou en vehículos fóra dela, traballos que requiren o maior esmero, non só con rendemento correcto, senón coa máxima economía de tempo e material.

Peón cualificado. É o traballador que, posuíndo coñecementos xerais dun oficio, pode realiza-los traballos máis elementais del con rendemento correcto.

Artigo 11º.-Contratación.

Aplicaranse os criterios de contratación que a empresa considere adecuados en cada momento, sempre que estean de acordo coa lexislación vixente.

Capítulo IV

Retribucións

Artigo 12º.-Estructura salarial.

As retribucións do persoal incluído no ámbito de aplicación deste convenio estarán distribuídas, se é o caso, entre o salario base e os seus complementos.

Artigo 13º.-Salario base.

Enténdese por salario base o correspondente ó traballador pola súa correspondencia con calquera das categorías de cada grupo profesional fixado no anexo I deste convenio, e remunera a xornada de traballo pactada neste convenio e os períodos de descanso computables como traballo.

Para o ano 2003, e con vixencia do 1 de xaneiro ó 31 de decembro do mesmo ano, o salario base é o que recolle o anexo I deste convenio. Non obstante, en caso de que o IPC real do ano 2003 supere o 3%, realizarase a revisión salarial sobre o salario base no exceso da indicada cifra (3%) desde o 1 de xaneiro de 2003.

Para o ano 2004 e con vixencia do 1 de xaneiro ó 31 de decembro do mesmo ano, o salario base que recolle o anexo I deste convenio sufrirá un incremento igual ó IPC previsto polo Goberno máis un 1 por cento. No suposto de que o incremento do IPC real o 31 de decembro do ano 2004 supere o incremento establecido no parágrafo anterior, efectuarase unha revisión salarial sobre o salario base no exceso producido desde o 1 de xaneiro de 2004.

Artigo 14º.-Gratificacións extraordinarias.

Tódolos traballadores percibirán dúas pagas extraordinarias, en xullo e outra en decembro, a súa retribución será de trinta días de salario base, antigüidade, e aboaranse o quince de xullo e o vinte de decembro. Ó persoal que ingresase no transcurso do ano ou cesase nel, aboaráselle a parte proporcional ó tempo traballado.

Igualmente, concederáselles a tódolos traballadores unha paga anual de beneficios de trinta días de salario base, antigüidade que se pagará o 15 de marzo. O devengo da dita paga será desde o 1 de xaneiro ó 31 de decembro do ano anterior.

Artigo 15º.-Complementos salariais.

Son complementos salariais as cantidades que, se é o caso, se deban adicionar ó salario base por concepto distinto ó da xornada do traballador e a súa adscrición a unha categoría profesional, e serán os que a continuación se especifican:

Complemento persoal de antigüidade: o persoal fixo de cadro de persoal percibirá por cada cuadrienio un cinco por cento do salario base que en cada momento rexa para tódolos grupos do persoal;

o importe da antigüidade acumulada non poderá supera-lo 20% do salario base.

A antigüidade será computada desde o momento de entrar na empresa, contando así mesmo o período de aprendizaxe, baixa por enfermidade, baixa por accidente ou cargo público.

Complemento de calidade no traballo: o dito complemento percibirase na contía de 60,00 euros/mes polos traballadores coa categoría de conductor-mecánico, que non tivesen mensualmente ningunha das incidencias que a continuación se relacionan: multas de tráfico imputables ó conductor, sinistros ou danos nos vehículos imputables a conductor, derramos e contaminacións imputables ó conductor.

Complemento de producción: o dito complemento percibirase na contía de 63,00 euros/mes polos traballadores coa categoría de conductor-mecánico, que manteñan durante o mes a súa eficacia no traballo respecto ós estándares da empresa.

Complemento de limpezas: o dito complemento percibirase na contía de 60,00 euros/mes polos traballadores que non teñan a categoría de conductor-mecánico, e realicen tarefas de limpeza de tanques e recollida de residuos.

Artigo 17º.-Complementos extrasalariais.

Complemento de transporte: establécese un complemento fixo mensual de transporte para tódolos traballadores afectados polo convenio, na cantidade de 84,14 euros.

Axudas de custo: establécense unhas axudas de custo para os traballadores que realicen o traballo fóra do seu centro habitual, nas seguintes contías:

Axuda de custos completa: 22,00 euros.

Así mesmo, a empresa poderá substituí-la axuda de custo polo pagamento dos gastos ocasionados no desprazamento e estadía logo de xustificación.

Quebranto de moeda: os traballadores con categoría de conductor- mecánico que habitualmente realicen labores de cobramento e pagamento percibirán un complemento de quebranto de moeda de 51,09 euros.

Incentivos: son os complementos por cantidade ou calidade de traballo que, se é o caso, se lles poden aboar a determinados traballadores, nunha contía que dependerá dos acordos particulares que se celebren cos traballadores afectados.

Capítulo V

Xornada de traballo

Artigo 18º.-Xornada ordinaria.

A xornada de traballo para o persoal afectado por este convenio será de 40 horas semanais de traballo efectivo de media e en cómputo anual de 1.782 horas para o ano 2003 e 1.778 para o ano 2004.

Artigo 19º.-Tempo efectivo de traballo.

Considérase como tempo de traballo efectivo aquel no que o traballador se encontre á disposición do

empresario e no exercicio da súa actividade, realizando as funcións propias da conducción do vehículo ou outros traballos durante o tempo de circulación deles, ou traballos auxiliares que se efectúen en relación co vehículo ou a súa carga, tales como:

1. As avarías cando o conductor participe ou colabore nas reparacións.

2. Os tempos dedicados a repoñer.

3. Preparación e posta en marcha do vehículo.

4. Preparación ou liquidación de documentos para a viaxe.

5. Os tempos dedicados á carga e descarga das mercadorías.

6. Servicio de garda en garaxe, talleres ou estacións.

Artigo 20º.-Tempo de presencia.

Considerarase tempo de presencia aquel no que o traballador se encontra á disposición do empresario sen prestar traballo efectivo, como:

1. Por razóns de espera, estando a cargo do vehículo.

2. Expectativas cando se produzan no centro de traballo.

3. Servicios de garda.

4. Viaxes sen conducción para a toma de servicio.

5. Avarías onde non participa o conductor fóra do centro de traballo.

6. Comidas en ruta ou outras similares.

7. Revisión de vehículos en talleres con necesaria presencia do conductor.

Artigo 21º.-Horas extraordinarias.

Consideraranse horas extraordinarias aquelas que excedan da xornada máxima anual establecida no artigo 18º deste convenio.

As horas extraordinarias retribuiranse a 7,21 euros/hora, salvo as realizadas en domingos ou festivos, que se aboarán ó prezo de 9,62 euros/hora.

Artigo 22º.-Vacacións.

Os traballadores desfrutarán de 22 días laborables de vacacións, excluíndose do cómputo e para estes únicos efectos os sábados e domingos, nun ou dous períodos, entre o 1 de maio e o 30 de setembro, e non podendo comezar estas en fin de semana ou festivo.

Artigo 23º.-Licencias.

O traballador, logo de aviso e xustificación, poderase ausentar do traballo, con dereito a remuneración, polos seguintes motivos e períodos (artigo 37 do Estatuto dos traballadores):

-Quince días naturais en caso de matrimonio.

-Dous días en caso de nacemento de fillos.

-Dous días en caso de falecemento, accidente ou enfermidade grave ou hospitalización de parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade.

-Un día por traslado de domicilio habitual.

Capítulo VI

Beneficios sociais e dereitos sindicais

Artigo 24º.-Roupa de traballo.

Aquel persoal que precise pola súa actividade na empresa unha determinada uniformidade, derivada de razóns de imaxe de empresa ou de protección fronte a inconveniencias, será provisto pola empresa da roupa e dos equipos necesarios para iso, e o seu uso será obrigatorio por parte dos traballadores.

Artigo 25º.-Póliza de accidentes.

A empresa contratará, no prazo de quince días desde a publicación deste convenio no BOP, un seguro que cubrirá as seguintes continxencias coas seguintes contías:

Por falecemento do traballador en accidente de traballo:

-Establécese unha indemnización de 12.000,00 euros que percibirán os familiares do traballador falecido que del dependan e, de non existiren, os seus herdeiros legais.

Invalidez permanente total, absoluta ou grande invalidez, por accidente de traballo:

-Establécese unha indemnización de 12.000,00 euros para os traballadores que sexan declarados incapacitados para o traballo en calquera das tres situacións.

En caso de non ter en regra a póliza, a empresa farase responsable de aboa-las contías establecidas neste artigo.

Artigo 26º.-Incapacidade temporal.

Nos supostos de incapacidade temporal e durante os períodos máximos que aquí se indican, a empresa aboaralles ós traballadores o complemento necesario para que durante este período perciba o 100 % do seu salario.

-Incapacidade transitoria derivada de enfermidade común ou accidente non laboral: 180 días.

-Incapacidade transitoria derivada de enfermidade profesional ou accidente de traballo: 270 días.

Artigo 27º.-Saúde laboral.

A empresa e os traballadores comprendidos no ámbito funcional deste convenio, co ánimo de reducir riscos no sector, comprométense á observación e ó cumprimento da Lei de prevención de riscos labo

rais, Lei 31/1995, do 8 de novembro, e do Regulamento do servicio de prevención (BOE nº 27, do 31 de xaneiro de 1997).

Artigo 28º.-Representantes dos traballadores.

As empresas porán á disposición dos traballadores, dentro da empresa, un taboleiro de anuncios para o seu exclusivo uso, onde lles poderán facilitar todo tipo de información ós traballadores.

Así mesmo, os membros de comités de empresa e delegados de persoal gozarán das prerrogativas que lles confiren a Lei orgánica de liberdade sindical, o Estatuto dos traballadores e demais lexislación vixente.

Artigo 29º.-Réxime disciplinario.

Son faltas as accións ou omisións dos traballadores cometidas con ocasión do seu traballo, en conexión con este ou derivadas del, que supoñan infracción das obrigas de todo tipo que ó traballador lle veñen impostas polo ordenamento xurídico, e demais normas e pactos, individuais ou colectivos, clasificándose en leves, graves e moi graves.

Artigo 30º.-Faltas leves.

Son faltas leves:

1. Tres faltas de puntualidade no traballo, sen a debida xustificación, cometidas no período dun mes.

2. Non notificar por calquera medio con carácter previo á ausencia, podendo facelo, a imposibilidade de acudir ó traballo e a súa causa.

3. O abandono do traballo dentro da xornada, sen causa xustificada aínda que sexa por breve tempo.

4. Descoidos ou neglixencias na conservación do material.

5. A falta de respecto e consideración de carácter leve ó persoal da empresa e ó público, incluíndo entre elas as faltas de aseo e limpeza persoal.

6. A non utilización do vestiario e equipo que fose facilitado pola empresa con instruccións de utilización.

7. Faltar ó traballo un día, sen causa xustificada, no período dun mes.

Artigo 31º.-Faltas graves.

Son faltas graves:

1. Máis de tres faltas non xustificadas de puntualidade na asistencia ó traballo, cometidas durante o período dun mes.

2. Faltar dous días ó traballo, durante un mes, sen causa xustificada.

3. Entregarse a xogos, calquera que sexan, dentro da xornada de traballo, se perturbasen o servicio.

4. A desobediencia ás ordes e instruccións do empresario en calquera materia de traballo, incluído o control de asistencia, así como non lles dar cumprimento ós trámites administrativos que sexan presuposto ou consecuencia da actividade que deberá realiza-lo traballador.

5. A alegación de causas falsas para as licencias.

6. A reiterada neglixencia ou desidia no traballo que afecte a súa boa marcha.

7. As imprudencias ou neglixencias en acto de servicio. Cualifícase de imprudencia en acto de servicio o non uso das roupas e equipos de seguridade de carácter obrigatorio.

8. Realizar sen permiso traballos particulares durante a xornada, así como o emprego para usos propios do material da empresa.

9. As faltas de respecto e consideración ós que traballan na empresa, ós usuarios e ó público, que constitúan infracción dos dereitos constitucionalmente recoñecidos a estes.

10. O abuso de autoridade con ocasión do traballo, considerándose tal a comisión dun feito arbitrario sempre que concorran infracción manifesta e deliberada dun precepto legal e prexuízo notorio para un inferior.

11. As expresadas nos puntos 2, 3, 4 e 7 do artigo 30º, sempre que:

A falta de notificación con carácter previo á ausencia, o abandono do traballo dentro da xornada, ou a falta ó traballo sen causa xustificada, sexan motivo de atraso na saída dos vehículos ou produzan trastorno no normal desenvolvemento da actividade; e

Que dos descoidos ou neglixencias na conservación do material deriven prexuízos para a empresa.

12. A reiteración ou reincidencia en falta leve (excluída a de puntualidade), aínda que sexa de distinta natureza, dentro dun trimestre e tendo mediado sanción que non sexa a de amoestación verbal, e calquera outra de natureza análoga ás precedentes.

13. A continuada e habitual falta de aseo e limpeza, de tal índole, que produza queixas xustificadas dos seus compañeiros de traballo.

Artigo 32º.-Faltas moi graves.

Son faltas moi graves:

1. Máis de 10 faltas non xustificadas de puntualidade cometidas nun período de seis meses, ou vinte durante un ano.

2. As faltas inxustificadas ó traballo durante tres días consecutivos ou cinco alternos nun período de seis meses, ou dez días alternos durante un ano.

3. A indisciplina ou desobediencia no traballo. Cualificarase en todo caso como falta moi grave cando implique quebranto da disciplina ou dela se deri

ve prexuízo para a empresa ou os compañeiros de traballo.

4. As ofensas verbais ou físicas ó empresario ou ás persoas que traballan na empresa ou ós familiares que convivan con eles.

5. A transgresión da boa fe contractual, así como o abuso de confianza no desempeño do traballo, considerándose como tales a fraude ou a deslealdade nas xestións encomendadas; o furto ou roubo, tanto ós seus compañeiros de traballo como á empresa ou a calquera persoa, realizado dentro das dependencias ou vehículos dela, ou en calquera lugar se é en acto de servicio; viola-lo segredo da correspondencia ou revelarlles a estraños datos que se coñezan por razón do traballo.

6. A diminución continuada e voluntaria no rendemento do traballo normal ou pactado.

7. A embriaguez habitual ou toxicomanía se repercuten negativamente no traballo.

8. O abandono do traballo, aínda que sexa por breve tempo, se fose causa de accidente.

9. A imprudencia ou neglixencia en acto de servicio se implicase risco de accidente ou perigo de avaría para a maquinaria, vehículo ou instalacións.

10. A reincidencia en faltas graves, aínda que sexan de distinta natureza, sempre que se cometan dentro dun trimestre e fosen sancionadas, e calquera outra de natureza análoga ás precedentes.

Artigo 33º.-Sancións.

1. As sancións que se poderán impoñer pola comisión de faltas disciplinarias serán as seguintes:

a) Por faltas leves: amoestación verbal ou por escrito; suspensión de emprego soldo de ata dous días.

b) Por faltas graves: suspensión de emprego e soldo de tres a quince días; postergación para o ascenso ata tres anos.

c) Por faltas moi graves: suspensión de emprego e soldo de dezaseis a corenta e cinco días, inhabilitación definitiva para o ascenso; despedimento.

2. As multas impostas por infraccións das disposicións sobre tráfico e seguridade vial deberán ser satisfeitas polo que sexa responsable delas.

Artigo 34º.-Prescrición.

As faltas dos traballadores prescriben: ós dez días hábiles as leves, ós vinte días hábiles as graves e ós sesenta días hábiles as moi graves, contados a partir da data en que a empresa tivo coñecemento da comisión da falta e, en todo caso, ós seis meses de se ter cometido.

No Porriño o 2 de abril de 2003.

Por parte da empresaPor parte dos traballadores

Rafael Martínez-YnzengaRamón Carlos Sotullo Alves

Celsa Prado PortelaPor parte sindical CC.OO.

Giorgio de Cesero de BonaAlfonso Rodríguez Pereira

ANEXO I

Táboas salariais ano 2003

CategoríasSalarios

-Delegado rexional875,00
-Delegado provincial800,00
-Xefe de tráfico780,00
-Técnico administrativo780,00
-Auxiliar administrativo657,00
-Auxiliar administrativo (dpto. limpezas)751,27
-Comercial715,00
-Conductor mecánico755,35
-Conductor662,00
-Peón cualificado500,00
-Complemento de transporte84,14
-Complemento de calidade60,00
-Complemento de limpezas60,00
-Complemento de producción63,00
-Quebranto de moeda51,09