Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Venres, 27 de xuño de 2003 Páx. 8.504

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 2 de xuño de 2003 pola que se convocan premios á innovación educativa.

A Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro (BOE do 24) de calidade da educación, establece no seu

artigo 1 os principios de calidade do sistema educativo, entre os que se atopa o fomento e promoción da investigación, a experimentación e a innovación educativa.

A calidade da educación depende en grande medida da capacidade do profesorado e do sistema educativo para renovarse de acordo coas novas demandas sociais, as circunstancias sempre cambiantes do alumnado, os novos coñecementos científicos e didácticos, e os correspondentes métodos e instrumentos utilizados. A innovación educativa, fundamentada maiormente na creatividade e na orixinalidade, ó introducir novidades ou renova-la práctica docente, constitúe así mesmo un elemento interno da calidade da educación.

Establecidos os deseños curriculares base dos diferentes niveis non universitarios, é competencia dos centros o seu desenvolvemento, tanto nos proxectos curriculares como nas programacións de aula. Neste marco faise necesario impulsa-la innovación educativa e recoñece-lo traballo realizado polo profesorado que, individual ou colectivamente, está a levar adiante prácticas educativas innovadoras.

Por outra banda, o uso das novas tecnoloxías da información e da comunicación leva consigo unha transformación nos métodos e unha implicación de sectores de poboación cada vez máis amplos que demandan un acceso constante á formación e a novos coñecementos. Atendendo a esta demanda, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén desenvolvendo desde hai algúns anos accións tendentes a propicia-lo acceso dos centros escolares á Internet, facilitando a instalación de redes de área local, formando o profesorado no uso das novas tecnoloxías, desenvolvendo recursos multimedia interactivos e ofrecendo a través de Internet recursos e servicios educativos. Neste contexto cómpre salienta-lo esforzo do profesorado en dar resposta a un reto que, aínda sendo tecnolóxico, acaba tendo importantes consecuencias culturais. A elaboración de materiais educativos propios para o seu uso na rede debe ser, polo tanto, un dos obxectivos máis decididamente impulsados por esta consellería.

Por todo isto, esta orde establece as bases para a convocatoria e concesión de premios á innovación educativa, facendo fincapé na aplicación á educación das novas tecnoloxías da información e comunicación.

En consecuencia co anteriormente exposto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, facendo uso das competencias que ten atribuídas.

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é a convocatoria de dez premios á innovación educativa para materiais educa

tivos curriculares que propoñan actividades para as diferentes áreas, materias ou módulos dos niveis educativos das distintas etapas das ensinanzas non universitarias, tanto de réxime xeral como especial.

Os premios estarán distribuídos en dúas modalidades:

* Modalidade A: materiais educativos curriculares especificamente deseñados para seren utilizados en liña ou difundidos mediante a súa descarga por Internet e posterior utilización fóra de liña. Estes traballos consistirán na creación de páxinas web, aplicacións, programas ou sistemas interactivos que faciliten o aceso a contidos curriculares a través das novas tecnoloxías.

* Modalidade B: materiais educativos que requiran na súa aplicación de sistemas tradicionais.

Artigo 2º.-Dotación económica.

Os premios ós que se alude no artigo anterior estarán dotados economicamente segundo a seguinte distribución:

Modalidad AModalidad B

1 primeiro premio2.200 A1 primeiro premio1.800 A

2 segundos premios1.400 A2 segundos premios1.000 A

2 terceiros premios900 A2 terceiros premios700 A

Así mesmo, poderase conceder ata un máximo de catro accésit por modalidade, sen dotación económica, se a xuízo da comisión avaliadora que se establece no artigo 6º, a calidade dos traballos presentados e non premiados o permite.

A cantidade total destinada a premios é, polo tanto, de doce mil euros, e o seu pagamento farase con cargo á aplicación orzamentaria 07.04.322I.640.1 da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais unha vez realizada a retención correspondente.

Artigo 3º.-Características dos materiais.

I. Modalidade A:

1. Os materiais presentados versarán sobre contidos curriculares das diferentes áreas e niveis educativos e deberanse poder resolver mediante a consulta en diferentes ordenadores servidores de información da rede Internet, ou facendo uso deles nun ordenador persoal.

2. Os traballos presentaranse en soporte magnético (CD-ROM) e, de se-lo caso, estarán realizados con tecnoloxía que permita a súa visualización nun navegador estándar. As aplicacións incluirán tódolos arquivos necesarios para a resolución da actividade fóra de liña, cos seus correspondentes textos, enlaces, gráficos, arquivos multimedia. Polo tanto, non se valorarán os traballos que inclúan módulos, librerías, subprogramas ou análogos ós que se deba acceder a través de Internet.

3. As aplicacións de uso en liña executaranse a partir dunha páxina denominada index.htm que servirá de inicio destas. Non deberán empregarse letras maiúsculas, acentos, espacios en branco nin outros carácteres especiais nos nomes de ningún dos arquivos (ou carpetas) incluídos nas aplicacións, sexan páxinas, imaxes ou de calquera outro tipo.

II. Modalidade B:

Os traballos poderanse presentar en papel, e incluirán unha versión en soporte informático en formato de OpenOffice, Abiword, Microsoft Word ou Corel WordPerfect; ou en formato RTF.

Artigo 4º.-Requisitos das solicitudes.

1. Poderán participar nesta convocatoria, a título individual ou en grupo, os profesores dos centros públicos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que estean en activo e impartan ensino nos niveis non universitarios.

2. Os traballos que concorran deberán ser orixinais, inéditos (ou polo menos non comercializados) e non premiados ou receptores de bolsa con anterioridade, nin sufragados pola Xunta de Galicia ó abeiro doutros programas.

3. Os concursantes deberán presenta-lo traballo por triplicado (agás aqueles materiais que sexan de reproducción difícil con medios domésticos), no rexistro da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través das distintas delegacións provinciais ou polas canles establecidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de proceder ó envío certificado por correo, a instancia que debe ir xunto co traballo estará datada e cuñada polo funcionario de correos antes de ser certificada.

No caso da modalidade A, presentarase o programa ou conxunto de programas en CD-ROM claramente etiquetados, xunto dos correspondentes manuais, que incluirán os seguintes epígrafes.

-Requirimentos de hardware e software e procedemento de execución da aplicación.

-Guía do profesor, con exposición dos obxectivos educativos que se pretenden, indicación das actividades que se propoñen e dos aspectos curriculares nos que se incide.

-Guía detallada da utilización da aplicación polo alumno.

-Descrición, se procede, doutros materiais complementarios (escritos, gráficos, audiovisuais, etcétera).

-Os manuais presentaranse en papel e en formato electrónico de Microsoft Word ou Corel WordPerfect:

4. Os traballos deberán ir xunto coa seguinte documentación:

a) Instancia dirixida ó director xeral de Centros e Ordenación Educativa, asinada polo autor ou, se

é o caso, polo coordinador responsable do grupo de traballo, segundo o modelo do anexo I desta orde. Nela deberá constar con claridade un enderezo de correo electrónico para as comunicacións pertinentes.

b) Certificación do director do centro educativo, acreditativa de que o autor ou cada membro do grupo de traballo, que deberá relacionarse xunto cos seus DNI e NRP correspondentes, presta os seus servicios como persoal docente no devandito centro ou de que estivo destinado neste durante a realización da experiencia.

c) Memoria descritiva da experiencia educativa, dunha extensión máxima de 20 folios (escrita en fonte courier de 12 puntos e con espaciado de 1,5 e sen comprimi-los carácteres), que se axustará ó esquema establecido no anexo II.

d) Resumo da experiencia nun máximo de dous folios a dobre espacio.

e) Anexos de descrición dos traballos ou actividades realizados polos alumnos durante a experiencia, se procede.

f) Declaración xurada ou promesa de estar en posesión dos dereitos de publicación, distribución e uso da totalidade da experiencia, materiais ou productos presentados, de que son inéditos ou, polo menos, non foron comercializados, e de que non foron premiados nin recibiron bolsas con anterioridade, nin sufragados pola Xunta de Galicia ó abeiro doutros programas.

No caso de que os autores non dispoñan da plena titularidade dos dereitos do traballo presentado, terán que presentar un escrito asinado polos posuidores deses dereitos no que declaren a aceptación das bases deste concurso, con mención explícita ás condicións que figuran no artigo 11 desta orde.

O feito de que un producto necesite facer uso para o seu funcionamento de software comercial e/ou os seus dereitos para a súa distribución non poidan ser cedidos polo concursante será motivo suficiente para a súa exclusión do concurso.

Artigo 5º.-Prazo de presentación.

O prazo de presentación dos traballos finaliza o 30 de setembro de 2003.

Artigo 6º.-Composición e funcións da comisión avaliadora.

1. Os traballos que concursen e se axusten esta convocatoria, serán examinados e valorados por unha comisión avaliadora composta polos seguintes membros.

Presidente: o director xeral de Centros e Ordenación Educativa, ou persoa na que delegue.

Vicepresidente: o subdirector xeral de Ordenación Educativa.

Vocais: o subdirector xeral de Inspección Educativa, ou persoa na que delegue, o xefe do Servicio de Ordenación e Innovación Educativa e o xefe do Servicio de Formación do Profesorado.

Secretario: un funcionario ou funcionaria do Servicio de Ordenación e Innovación Educativa, que actuará con voz pero sen voto.

2. A comisión avaliadora, se é o caso, poderá contar co asesoramento de especialistas así como con informes da inspección educativa solicitados previamente pola Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa.

3. Os premios poderán ser declarados desertos. Con carácter excepcional e por acordo motivado da comisión avaliadora, o director xeral de Centros e Ordenación Educativa poderá determina-la redistribución de premios declarados desertos entre algúns dos adxudicados.

Artigo 7º.-Criterios de valoración.

A comisión avaliadora seleccionará os traballos tendo en conta os seguintes criterios:

-A coherencia cos currículos establecidos pola Xunta de Galicia.

-A calidade e rigor científico, orixinalidade, concreción dos obxectivos formulados e coherencia interna. Así mesmo, valorarase a calidade do deseño e presentación gráfica.

-O carácter innovador, tanto pola creatividade e orixinalidade do deseño pedagóxico como pola metodoloxía e os recursos implicados.

-A transmisibilidade e capacidade de ser difundido, facilidade de emprego, realismo e versatilidade para a súa utilización en aulas estándares.

-O maior grao de experimentación co alumnado.

-Que correspondan a materias nas que se dea un maior índice de fracaso escolar ou que estean dirixidos a alumnado con dificultades de aprendizaxe ou integración escolar.

-Que fomenten no alumnado a adquisición de habilidades, actitudes e procedementos.

-Que permitan a gradación da aprendizaxe en diferentes niveis e que as propostas pedagóxicas ofrezan distintos niveis de aprendizaxe.

-Que inclúen un plan de avaliación axeitado para a comprobación da consecución dos obxectivos.

-A maior participación dun sector significativo do claustro de profesores.

-Os niveis educativos e tipo de ensinanzas ós que van dirixidos.

No caso da modalidade A, engadirase:

-O aproveitamento pedagóxico de tódalas vantaxes e utilidades dos recursos do medio tecnolóxico no que se presenta a aplicación, tendo en conta as tendencias actuais.

-A utilización dos recursos informáticos en dotación nos centros educativos da nosa Comunidade Autónoma.

Artigo 8º.-Resolución.

O prazo máximo de resolución será de seis meses contados a partir do día seguinte da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

A proposta de concesión de premios emitida pola comisión avaliadora elevarase ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, para a súa resolución e publicación no Diario Oficial de Galicia, entendéndose desestimadas as solicitudes no caso de non resolverse neste prazo.

Contra esa resolución, que porá fin á vía administrativa, os interesados poderán interpor recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 9º.-Certificación.

A Administración educativa recoñeceralle ós participantes nos traballos premiados ou con mención de accésit, mediante expedición de certificado persoal, as actividades de innovación realizadas no marco desta convocatoria. Estas últimas terán, ó abeiro do número 2 do artigo 25 da Orde do 3 de setembro de 2001, pola que se regula a convocatoria, recoñecemento, certificación e rexistro das actividades de formación permanente do profesorado e se establecen as equivalencias das actividades de investigación e das titulacións (DOG do 10 de setembro), a consideración de actividade de formación permanente do profesorado. Así, terase en conta para cada traballo a equivalencia de 50 horas que serán distribuídas entre os participantes segundo as porcentaxes declaradas na solicitude, cunha certificación mínima de 10 horas.

Artigo 10º.-Pagamento dos premios.

1. O pagamento do importe correspondente ós premios farase por transferencia bancaria a nome do autor ou autora se o traballo é individual. No caso de que sexa colectivo, establecerase na solicitude se o pagamento se fará ó coordinador ou a tódolos

integrantes do grupo, e en que porcentaxe se distribuirá dentro deste.

2. Os premios estarán suxeitos á retención fiscal correspondente.

Artigo 11º.-Publicación.

A presentación esta convocatoria implicará, no caso dos traballos premiados ou con accésit, a cesión a favor da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria por un período de dous anos dos dereitos de edición, así como a renuncia ós dereitos de propiedade intelectual correspondentes a unha primeira edición.

No caso de que, nese período, os autores decidisen publica-los traballos premiados por outras vías, deberán solicita-lo permiso correspondente á Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa. De se-la resposta positiva, na publicación deberá constar expresamente o premio ou accésit de que foi obxecto.

Así mesmo, os autores quedan comprometidos a autoriza-las modificacións precisas nos documentos finais e a subministra-los arquivos de código-fonte necesarios para que poidan ser publicados total ou parcialmente no formato máis adecuado.

Artigo 12º.-Retirada da documentación.

Os interesados ou os seus representantes legais poderán retira-la documentación dos traballos non premiados, na Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa, no prazo de catro meses a partir da publicación da resolución desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o citado prazo, procederase á súa destrucción.

Artigo 13º.-Recurso.

Contra esta orde poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, segundo prevé a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa e a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais para dicta-las disposicións necesarias no desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor a partir do día seguinte ó da súa publicación.

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2003.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO II

Aspectos que hai que desenvolver na memoria descritiva para a solicitude de premios á innovación educativa

1. Datos de identificación:

1.1. Título.

1.2. Ámbito de aplicación do traballo.-Centro/s.-Rúa.-Localidade.-Provincia.

1.3. Delimitación do campo de traballo:-Ciclo/s.-Curso/s.

-Área/s.-Etc.

1.4. Autor/a ou coordinador/a do traballo.

1.5. Datos persoais e profesionais do profesorado que intervén no traballo.

2. Deseño:

2.1. Xustificación do traballo:-No marco do proxecto curricular da etapa e da programación da aula.-Contexto no que xorde.-Cuestións ás que pretende responder.-Etc.

2.2. Obxectivos pretendidos:-Qué se experimentou.-Definición da súa finalidade.

-Etc.

2.3. Metodoloxía seguida:-Hipóteses formuladas.-Selección de variables.-Técnicas utilizadas.-Organización.-Etc.

2.4. Descrición pormenorizada do traballo:-Duración.-Fases.-Contidos.-Secuencias.-Etc.

2.5. Aspectos ou elementos avaliados e a súa incidencia na práctica docente.

2.6. No caso de participantes de varios centros, especificarase:-Mecanismos establecidos para a coordinación.-Intercambio de información.-Posta en común e avaliación conxunta.

2.7. Transmisibilidade da experiencia a aulas estándares.