Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Venres, 27 de xuño de 2003 Páx. 8.509

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 17 de xuño de 2003 pola que se establece o número de unidades e os postos de traballo docentes dos centros públicos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria nos niveis de educación infantil, primaria e educación especial e se modifica o punto terceiro da Orde do 30 de marzo de 1992.

Por Orde do 1 de setembro de 1998, DOG do 11 de setembro, establécese o número de unidades e os postos de traballo docentes que corresponde prover por funcionarios do corpo de mestres nas escolas de educación infantil, colexios de educación primaria, colexios de educación infantil e primaria, colexios de educación especial, centros públicos integrados e institutos de educación secundaria.

A situación demográfica de Galicia orixina a modificación de unidades dun importante número de centros públicos nos que se imparte educación infantil e/ou educación primaria, polo que resulta aconsellable a publicación da totalidade dos centros públicos dependentes desta consellería coas unidades e os correspondentes postos de traballo docentes dos mencionados niveis educativos.

Así mesmo, co obxectivo dunha progresiva mellora dos catálogos de postos de traballo docentes introdúcense modificacións en determinados centros segundo o número de unidades con que contan.

Polo anteriormente exposto, e tendo en conta o artigo 31 do Estatuto de autonomía e que o artigo 1 do Decreto 213/1998, do 10 de xullo, DOG do 23 de xullo, establece que lle corresponde á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a competencia en materia de educación.

Esta consellería, por proposta das direccións xerais de Persoal e a de Centros e Ordenación Educativa,

DISPÓN:

Primeiro.-Establece-lo número de unidades e os postos de traballo docentes que corresponde prover

ós funcionarios do corpo de mestres nos seguintes centros:

a) Escolas de educación infantil, colexios de educación primaria e colexios de educación infantil e primaria (anexo I).

b) Colexios de educación especial (anexo II).

c) Colexios rurais agrupados (anexo III).

d) Centros públicos integrados (anexo IV).

Segundo.-Suprimi-los centros que figuran no anexo V.

Terceiro.-Ós centros que, como consecuencia das modificacións previstas nos puntos anteriores, vexan incrementado o número de postos de traballo, aplicaráselles o establecido na Orde do 30 de marzo de 1992, DOG do 21 de abril, pola que se regulamenta a mobilidade dos funcionarios pertencentes ó corpo de mestres nos propios centros por incremento de postos de traballo, sen prexuízo de que transitoriamente, e mentres non sexa provista, continúen prestando servicios na mesma praza que ocupaban.

Así mesmo aplicarase a Orde do 23 de xullo de 1991, DOG do 19 de agosto, pola que se regula o sistema de provisión de prazas pertencentes ó corpo de mestres afectados polo traslado do seu posto de traballo como consecuencia da escolarización total ou parcial do alumnado noutro centro próximo.

Cuarto.-Modifícase o punto terceiro da Orde do 30 de marzo de 1992, DOG do 21 de abril, pola que se regulamenta a mobilidade dos funcionarios pertencentes ó corpo de mestres nos propios centros por incremento de postos de traballo, que queda como segue:

Punto 3º

1. Poderán solicitar estes postos tódolos profesores con destino definitivo no centro que conten coa oportuna habilitación e accedesen ó centro por concursos anteriores ó convocado no cursos 1990-1991, sempre que non obtivesen novo posto de traballo nel como consecuencia doutros procesos de adscrición ou de mobilidade no propio centro.

2. Non obstante o anterior, poderán solicitalos os profesores que, estando en posesión da correspondente habilitación, estean adscritos a postos de traballo que se vexan afectados por diminución, nun número máximo igual á reducción de postos.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltanse as direccións xerais de Persoal e a de Centros e Ordenación Educativa a dicta-las instrucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Os procesos de mobilidade regulados na devandita Orde do 30 de marzo de 1992, DOG do 21 de abril, que se produzan como consecuencia da presente orde, desenvolveranse durante o mes de setembro de 2003 e terán efectividade do 1 de setembro de 2003.

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2003.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria