Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Venres, 27 de xuño de 2003 Páx. 8.500

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 2 de xuño de 2003 pola que se convocan premios a experiencias e proxectos de promoción de conductas tolerantes ou de mellora da convivencia realizados por profesorado de centros públicos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo establece, no seu artigo 1, que o sistema educativo español, configurado de acordo cos principios e valores da Constitución, se orientará á consecución de diversos fins, entre os que se atopan a formación no respecto dos dereitos e liberdades fundamentais e no exercicio da tolerancia e da liberdade dentro dos principios democráticos de convivencia, así como a formación para a paz, a cooperación e a solidariedade entre os pobos.

Así mesmo, a Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro (BOE do 24), de calidade da educación, establece no seu artigo 1 os principios de calidade do sistema educativo, entre os cales están o fomento e promoción da investigación, a experimentación e a innovación educativa; a capacidade de transmitir valores que favorezan a liberdade persoal, a responsabilidade social, a cohesión e mellora das sociedades, e a igualdade de dereitos entre os sexos, que axuden a superar calquera tipo de discriminación, así como a práctica da solidariedade, mediante o impulso á participación cívica dos alumnos en actividades de voluntariado; e a participación dos distintos sectores da comunidade educativa, no ámbito das súas correspondentes competencias e responsabilidades, no desenvolvemento da actividade escolar dos centros, promovendo, especialmente, o necesario clima de convivencia e estudio.

Por outra parte, nos decretos 374/1996, do 17 de outubro, 324/1996, do 26 de xullo, e 7/1999, do 7 de xaneiro, que establecen, respectivamente, o regulamento orgánico das escolas de educación infantil e dos colexios de educación primaria, o regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria, e a implantación e regulación dos centros públicos integrados de ensinanzas non universitarias na Comunidade Autónoma de Galicia, faise referencia expresa ó regulamento de réxime interior, que deberá ter en conta, entre outros aspectos, o referido ás normas de convivencia que favorezan as relacións entre os distintos membros da comunidade educativa.

Así mesmo, o Decreto 120/1998, do 23 de abril, polo que se regula a orientación educativa e profesional na Comunidade Autónoma de Galicia e a posterior normativa que o desenvolve, establecen a necesidade de potencia-la implantación de programas e actuacións que favorezan as relacións sociais e o clima convivencial nos centros educativos, implicando a toda a comunidade educativa no seu desenvolvemento.

Por todo isto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria está a impulsa-las actividades de investigación e innovación educativa como medio

de promoción e actualización profesional do profesorado e de mellora da calidade do ensino, e nas que a promoción de conductas tolerantes e a mellora da convivencia necesariamente deben ocupar un papel principal.

En consecuencia co anteriormente exposto, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto da convocatoria.

Convócanse, dentro dos programas de innovación educativa, catro premios a experiencias e proxectos de promoción das conductas tolerantes, das actividades de voluntariado ou da mellora da convivencia entre as persoas e as culturas, e que se estean levando a cabo durante o curso 2002-2003 ou se vaian desenvolver durante o curso 2003-2004 nos centros nos que se imparta ensino non universitario.

Así mesmo, poderán concederse ata un máximo de tres accésit, sen dotación económica, se a calidade dos traballos presentados e non premiados así o permite, a xuízo da comisión avaliadora que se establece no artigo 5º desta orde.

Artigo 2º.-Dotación económica.

Os premios ós que se alude no artigo anterior estarán dotados economicamente segundo a seguinte distribución:

-Un primeiro premio de 4.000 euros.

-Un segundo premio de 2.500 euros.

-Dous terceiros premios de 1.250 euros.

A cantidade total destinada a premios é, polo tanto, de nove mil euros, e o seu pagamento farase con cargo á aplicación orzamentaria 07.04.322I.640.1 da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, unha vez realizada a retención correspondente.

Artigo 3º.-Requisitos das solicitudes.

1. Poderán participar nesta convocatoria os profesores dos centros docentes que se indican: colexios de educación infantil e primaria, colexios rurais agrupados, colexios de educación primaria, centros públicos integrados, institutos de educación secundaria, escolas oficiais de idiomas, conservatorios de música, escolas de artes e centros de educación permanente de adultos.

2. Os concursantes, de xeito individual ou en grupo, deberán presentar unha descrición pormenorizada da experiencia ou un proxecto de aplicación práctica no eido educativo sobre promoción de conductas tolerantes ou de mellora da convivencia.

3. Os traballos que concorran deberán ser orixinais, inéditos (ou polo menos non comercializados) e non premiados nin ter recibido ningunha bolsa con anterioridade, nin sufragados pola Xunta de Galicia ó abeiro doutros programas.

4. Os concursantes deberán presenta-lo traballo en soporte informático OpenOffice, Abiword, Microsoft Word ou Corel WordPerfect, ou en formato RTF, e en soporte papel, por triplicado, no rexistro da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través das distintas delegacións provinciais ou polas canles establecidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo

común. No caso de proceder ó envío certificado por correo, a instancia que debe ir xunto co traballo estará datada e cuñada polo funcionario de correos antes de ser certificada.

5. Os traballos deberán ir xunto da seguinte documentación:

a) Instancia dirixida ó director xeral de Centros e Ordenación Educativa, asinada polo autor ou, se é o caso, polo coordinador responsable do grupo de traballo, segundo o modelo do anexo I desta orde. Nela deberá constar con claridade un enderezo de correo electrónico para as comunicacións pertinentes.

b) Certificación do director do centro educativo, acreditativa de que os concursantes, que deberán relacionarse xunto cos seus DNI e NRP correspondentes, prestan os seus servicios como persoal docente no devandito centro ou de que estiveron destinados neste durante a realización da experiencia.

c) Memoria descritiva da experiencia educativa, dunha extensión máxima de 20 folios (escrita en fonte courier de 12 puntos e con espaciado de 1,5 e sen comprimi-los caracteres), que se axustará ó esquema establecido no anexo II.

d) Resume da experiencia nun máximo de dous folios a dobre espacio.

e) Anexos de descrición dos traballos ou actividades realizados polos alumnos durante a experiencia, se procede.

f) Declaración xurada ou promesa de estar en posesión dos dereitos de publicación, distribución e uso da totalidade da experiencia, materiais ou productos presentados, de que son inéditos ou, polo menos, non foron comercializados, e de que non foron premiados nin recibiron ningunha bolsa con anterioridade, nin sufragados pola Xunta de Galicia ó abeiro doutros programas.

Artigo 4º.-Prazo de presentación.

O prazo de presentación de solicitudes finalizará o 30 de setembro de 2003.

Artigo 5º.-Composición e funcións da comisión avaliadora.

1. Os traballos que concursen e se axusten á convocatoria serán examinados e valorados por unha comisión avaliadora integrada polos seguintes membros:

Presidente: o director xeral de Centros e Ordenación Educativa, ou persoa na que delegue.

Vicepresidente: o subdirector xeral de Ordenación Educativa.

Vocais: o xefe de Servicio de Ordenación e Innovación Educativa, o xefe de Servicio de Formación do Profesorado e un inspector de educación.

Secretario/a: un funcionario da Subdirección Xeral de Ordenación Educativa, que actuará con voz pero sen voto.

2. A comisión avaliadora, se é o caso, poderá contar co asesoramento de especialistas así como con informes da inspección educativa solicitados previamente pola dirección xeral de Centros e Ordenación Educativa.

3. Os premios poderán ser declarados desertos ou determinarse a súa acumulación ou compartición.

4. Con carácter excepcional, e por acordo motivado da comisión avaliadora, o director xeral de Centros e Ordenación Educativa poderá resolve-la redistribución dos premios declarados desertos entre os adxudicados.

Artigo 6º.-Criterios de valoración.

A comisión avaliadora seleccionará as experiencias e os proxectos tendo en conta os seguintes criterios:

a) Os resultados da experiencia ou a viabilidade da realización do proxecto, co máximo de aproveitamento, así como a metodoloxía empregada.

b) A transferibilidade a outros centros de ensino de Galicia.

c) A maior implicación e impacto na comunidade escolar.

d) A calidade pedagóxica.

e) A orixinalidade da experiencia ou proxecto e o feito de non ter sido premiado ou subvencionado con anterioridade.

f) A posibilidade de avaliación obxectiva.

Artigo 7º.-Resolución.

1. O prazo máximo de resolución será de seis meses contados a partir do día seguinte ó da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, entendéndose desestimadas as solicitudes no caso de non resolverse neste prazo.

A proposta de concesión de premios emitida pola comisión avaliadora elevarase ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, para a súa resolución e publicación no Diario Oficial de Galicia.

2. Contra esa resolución, que porá fin á vía administrativa, os interesados poderán interpor recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 8º.-Certificación.

A Administración educativa recoñeceralles ós participantes nos traballos premiados ou con mención de accésit, mediante expedición de certificado persoal, as actividades de innovación realizadas no marco desta convocatoria. Estas últimas terán, ó abeiro do número 2 do artigo 25 da Orde do 3 de setembro de 2001, pola que se regula a convocatoria, recoñecemento, certificación e rexistro das actividades de formación permanente do profesorado e se establecen as equivalencias das actividades de investigación e das titulacións (DOG do 10 de setembro), a consideración de actividade de formación permanente do profesorado. Así, terase en conta para cada traballo a equivalencia de 50 horas que serán distribuídas entre os participantes segundo as porcentaxes declaradas na solicitude, cunha certificación mínima de 10 horas.

Artigo 9º.-Xustificación da actividade.

No caso de tratarse de proxectos premiados, co fin de dar cumprimento ó artigo 10 desta orde, o autor/a ou coordinador/a quedará obrigado a presentar antes do 30 de xuño de 2004 unha memoria final, de acordo co modelo do anexo III.

Artigo 10º.-Pagamento dos premios.

1. O pagamento do importe correspondente ós premios farase por transferencia bancaria a nome do autor/a se o traballo é individual. No caso de que o traballo sexa colectivo, establecerase na solicitude se o pagamento se fará ó coordinador ou a tódolos integrantes do grupo, e en qué porcentaxe se distribuirá dentro deste.

2. Os premios estarán suxeitos á retención fiscal correspondente.

Artigo 11º.-Publicación.

A presentación á actual convocatoria implicará a cesión a favor da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria dos dereitos de edición dos traballos premiados ou con accésit por un período de dous anos, así como a renuncia ós dereitos de propiedade intelectual correspondentes a unha primeira edición.

No caso de que, dentro deste período, os autores decidisen publica-los traballos por outras vías, deberán solicita-lo permiso correspondente á Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa. De se-la resposta positiva, na publicación deberá constar expresamente o premio ou accésit de que foi obxecto.

Así mesmo, os autores quedan comprometidos a elabora-las modificacións precisas nos documentos finais para que poidan ser publicados total ou parcialmente no formato máis adecuado.

Artigo 12º.-Retirada da documentación.

Os interesados ou os seus representantes legais poderán retira-la documentación dos traballos non premiados, na Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa, no prazo de catro meses a partir da publicación da resolución desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o devandito prazo, procederase á súa destrucción.

Artigo 13º.-Recurso.

Contra esta orde poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, segundo prevé a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase á Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa e á Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais para dicta-las disposicións necesarias no desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor a partir do día seguinte ó da súa publicación.

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2003.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO II

Aspectos que se deberán desenvolver na memoria descritiva para a solicitude de premios a experiencias e proxectos de promoción de conductas tolerantes ou de mellora da convivencia

1. Datos de identificación:

1.1. Título.

1.2. Ámbito de aplicación do proxecto: (centro/s, rúa, localidade, provincia).

1.3. Delimitación do campo de traballo: (ciclo/s, curso/s, área/s...).

1.4. Autor/a ou coordinador/a da experiencia ou proxecto.

1.5. Datos bancarios do/a autor/a ou coordinador/a do grupo.

1.6. Datos persoais e profesionais do profesorado que intervén no proxecto e funcións de cada un neste.

2. Deseño:

2.1. Xustificación do proxecto: (contexto no que xorde, cuestións ás que pretende responder...).

2.2. Obxectivos que se pretenden: (qué se vai experimentar e defini-la súa finalidade...).

2.3. Metodoloxía seguida ou que se vai seguir: (hipóteses formuladas, selección de variables, técnicas utilizadas ou por utilizar, organización...).

2.4. Programación polo miúdo do proxecto: (duración, fases, contidos, secuencias...).

2.5. Aspectos ou elementos que se avaliarán e a súa incidencia na práctica docente.

2.6. No caso de participantes de varios centros, especificaranse os mecanismos establecidos para a coordinación, intercambio de información, posta en común e avaliación conxunta.

ANEXO III

Modelo que se seguirá para a presentación da memoria final

-Descrición da experimentación e metodoloxía empregada.

-Obxectivos conseguidos.

-Recursos empregados.

-Ítems empregados no procedemento avaliativo.

-Conclusións máis destacables.