Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Mércores, 18 de xuño de 2003 Páx. 8.004

V. ADMINISTRACIÓN DE XUSTIZA

XULGADO DE PRIMEIRA INSTANCIA E INSTRUCCIÓN NÚMERO TRES DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

EDICTO (4/2003).

Francisco Castiñeiras Fernández, secretario do Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción número tres de Santiago de Compostela, dou fe e testemuño de que no xuízo de faltas número 4/2003, se dictou esta sentencia, que no seu encabezamento e parte dispositiva di:

Xúntase copia da sentencia do 16 de maio de 2003.

E para que conste e sirva de notificación de sentencia a Marioara Petre, actualmente en paradoiro descoñecido, e para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, expido este edicto en Santiago de Compostela o vinte de maio de dous mil tres.

O secretario

Rubricado

Sentencia.

En Santiago de Compostela (A Coruña) o 16 de maio de 2003.

Vistos por min, Pedro Fernández Mora, maxistrado-xuíz do Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción número tres desta cidade e o seu partido, os presentes autos de xuízo de faltas, seguidos neste xulgado co número 4 do ano 2003, sobre presuntas faltas de lesións e furto, previstas e penadas nos artigos 617 e 623.1º do Código Penal, figurando como denunciante María Esther Garea Núñez, con domicilio en Santiago de Compostela (A Coruña), Rúa da Muíña, nº 74, 1º, e como denunciada Marioara Petre, con último domicilio coñecido en Madrid, r/ Serafín Gómez, nº 10, 4º, e actualmente en ignorado paradoiro.

Feitos.

Primeiro. Estas actuacións iniciáronse en virtude de denuncia formulada pola Sra. Garea Núñez, o día 22 de outubro do pasado ano 2002, contra Marioara Petre por unhas presuntas lesións e furto.

Segundo. Por auto do 24 de outubro do ano 2002 este xulgado incoou as correspondentes dilixencias previas, que posteriormente foron transformadas a falta, citándose finalmente as partes e o Ministerio Fiscal para a celebración do xuízo o pasado día 13 de maio.

Terceiro. Celebrado o xuízo coa asistencia unicamente do Ministerio Fiscal, este solicitou o dictado dunha sentencia absolutoria para o denunciado por falta de probas.

Cuarto. Na tramitación deste xuízo observáronse as prescricións legais.

Feitos probados.

Neste procedemento quedaron probados os seguintes feitos:

Único. O día 22 de outubro do pasado ano 2002, María Esther Garea Núñez formulou denuncia por furto e lesións contra Marioara Petre, a consecuencia dun altercado ocorrido ese día na xoiería Compostela, sita en Santiago de Compostela, r/ Casas Reais, nº 11, baixo, a cal é propiedade da Sra. Garea Núñez, non quedando acreditados neste procedemento os feitos denunciados, ante a incomparecencia de ámbalas partes ó acto de xuízo.

Fundamentos de dereito

Primeiro: rexe no noso proceso penal o principio acusatorio que require a formalización en xuízo dunha acusación para poder condena-lo inculpado, como ten declarado de forma reiterada o Tribunal Supremo.

No noso caso, non compareceu ó acto de xuízo a denunciante a soste-la súa denuncia inicial, tendo xa manifestado anteriormente no seo deste procedemento que renunciaba expresamente a calquera tipo de acción que puidera corresponderlle.

Pola súa parte, o Ministerio Fiscal solicitou a libre absolución da denunciada, por falta de probas, polo que procede o dictado de sentencia en tal sentido.

Segundo: conforme o artigo 240 da Lei de axuizamento criminal procede declara-las custas de oficio.

Decido que debo absolver e absolvo a denunciada Maioara Petre das faltas de lesións e furto formuladas na súa contra, con declaración das custas, se é o caso xeradas nesta causa, de oficio.

Notifíquese esta resolución ó Ministerio Fiscal e ás partes coa prevención de que poden interpoñer recurso de apelación contra ela dentro do prazo de cinco días desde a súa notificación.

Firme que sexa esta resolución procédase ó arquivo desta causa.

Así por esta miña sentencia, dispóñoo, mándoo e asínoo.

Publicación. En Santiago de Compostela o 16 de maio de 2003. Expídoa eu, o secretario, para facer constar que no día de hoxe foi publicada polo maxistrado-xuíz que a subscribe, a sentencia recaída nestas actuacións e depositada na secretaría deste xulgado, inseríndose o orixinal no libro correspondente e uníndose ós autos certificación literal dela, do que dou fe.