Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Mércores, 18 de xuño de 2003 Páx. 7.992

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EMIGRACIÓN

ORDE do 12 de xuño de 2003 pola que se regulan os concursos públicos culturais para a Galicia exterior no ano 2003.

A cultura galega é un elemento substancial da nosa identidade e está asentada desde hai xeracións non só na propia terra, senón tamén no conxunto das comunidades galegas que forman parte da Gali

cia universal. A presencia asociativa e solidaria dos galegos en moitos países do mundo esténdese, necesariamente, ó eido cultural e ás formas e expresións propias do noso pobo. As tradicións, os costumes e a creatividade galega, en tódalas súas dimensións, perviven de xeito permanente nas comunidades galegas do exterior, constituíndo, ó mesmo tempo, un legado histórico para Galicia e riqueza viva para as súas xentes.

Os galegos da diáspora, malia súa dispersión, son permanentes propagadores da cultura galega, que difunden con autenticidade, de aí que a promoción da actividade cultural na Galicia exterior contribúe á conservación, á expansión e ó engrandecemento da cultura galega nas súas múltiples manifestacións, evitando a disolución da nosa identidade na cultura das sociedades en que aqueles se integran.

Por isto, os programas culturais da Consellería de Emigración dan resposta ó interese crecente e xeneralizado que manifestan os galegos da diáspora pola identidade orixinaria do noso pobo, incentivan a súa creatividade artística e cultural e favorecen o contacto directo coa nosa cultura.

Para tal efecto, en execución do previsto na Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade e en uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, modificada pola Lei 11/1998, do 20 de outubro, en relación cos artigos 3, 7 e 32 do Estatuto de autonomía para Galicia,

DISPOÑO:

Artigo único.-Convócanse os concursos públicos culturais para á Galicia exterior no ano 2003 e apróbanse as súas bases, que se publican como anexo a esta orde.

Disposición adicional

Única.-Os premios e gastos derivados da realización deste programa aboaranse con cargo á partida orzamentaria 17.01.213-A.226.07, actuacións derivadas da Lei de recoñecemento da galeguidade. O crédito inicialmente reservado na citada partida é de 28.000 euros, sen prexuízo das modificacións que legalmente poidan efectuarse ó longo do exercicio. Os premios quedarán sometidos á correspondente retención en concepto de IRPF de acordo co disposto na normativa vixente.

A realización de gastos correspondentes a esta convocatoria estará sempre condicionada á existencia de crédito axeitado e suficiente para o seu financiamento.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Emigración para dicta-las resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2003.

Aurelio D. Miras Portugal

Conselleiro de Emigración

ANEXO

BASES QUE REXEN OS CONCURSOS PÚBLICOS CULTURAIS PARA

A GALICIA EXTERIOR CONVOCADOS POLA CONSELLERÍA DE EMIGRACIÓN

NO ANO 2003

1. Bases xerais da convocatoria.

1.1. Obxecto:

O obxecto da convocatoria dos concursos públicos culturais para a Galicia exterior no ano 2003 é promove-lo desenvolvemento das actividades culturais, de creación literaria e artística no seo das comunidades galegas no exterior, contribuíndo así á súa dinamización cultural e á súa integración na vida social, artística e cultural de Galicia. Así mesmo, estimularanse as propostas e ideas creativas que contribúan ó fortalecemento e pervivencia da Galicia exterior a través de ensaios e traballos de investigación sobre a galeguidade.

1.2. Características:

A temática dos traballos terá que estar relacionada con Galicia ou coa emigración galega, agás cando as bases específicas para cada concurso admitan a temática libre, valorándose especialmente aqueles que resalten os aspectos naturais e ambientais de Galicia.

1.3. Modalidades:

A presente convocatoria abrangue as seguintes modalidades:

1.3.1. Concurso de artigos xornalísticos. Premio Andoriña.

1.3.2. Concurso de narración breve. Premio Bolboreta.

1.3.3. Concurso de vídeos. Premio Xanela.

1.3.4. Concurso de pintura. Premio Camelia.

1.3.5. Concurso de debuxo. Premio Mimosa.

1.3.6. Concurso de fotografía. Premio Manuel Ferrol.

1.3.7. Concurso de creación e interpretación musical para gaiteiros solistas. Premio Gaiteiro de Soutelo.

1.3.8. Concurso de redacción e contos, premio Pomba e reportaxe fotográfica, premio Vagalume.

1.3.9. Concurso de ensaio e traballos de investigación. Premio Galeguidade.

1.4. Premios:

Os premios correspondentes a cada un dos concursos serán os seguintes:

1.4.1. Concurso de artigos xornalísticos, premio Andoriña:

a) Primeiro premio: 1.800 euros e diploma.

b) Segundo premio : 900 euros e diploma.

c) Terceiro premio: 450 euros e diploma.

1.4.2. Concurso de narración breve, premio Bolboreta:

a) Primeiro premio: 1.200 euros e diploma.

b) Segundo premio: 600 euros e diploma.

c) Terceiro premio: 300 euros e diploma.

1.4.3. Concurso de vídeos, premio Xanela:

a) Primeiro premio: 1.500 euros e diploma.

b) Segundo premio : 900 euros e diploma.

c) Terceiro premio: 600 euros e diploma.

1.4.4. Concurso de pintura, premio Camelia:

a) Primeiro premio: 2.400 euros e diploma.

b) Segundo premio: 1.200 euros e diploma.

c) Terceiro premio: 600 euros e diploma.

1.4.5. Concurso de debuxo, premio Mimosa:

a) Primeiro premio: 1.800 euros e diploma.

b) Segundo premio: 1.200 euros e diploma.

c) Terceiro premio: 600 euros e diploma.

1.4.6. Concurso de fotografía, premio Manuel Ferrol:

a) Primeiro premio: 1.200 euros e diploma.

b) Segundo premio: 600 euros e diploma.

c) Terceiro premio: 300 euros e diploma.

1.4.7. Concurso de creación e interpretación musical, para gaiteiros solistas, premio Gaiteiro de Soutelo:

En colaboración co Ateneo de Ferrol, convócanse catro premios para a Galicia exterior, que consistirán no financiamento da asistencia e participación no concurso Constantino Bellón que convoca anualmente a citada entidade cultural. A distribución por áreas xeográficas será:

a) Un premio para España.

b) Un premio para Europa.

c) Dous premios para América.

Esta distribución poderá variarse se o número e a calidade dos traballos presentados así o aconsellasen.

1.4.8. Concurso de redacción e contos sobre as experiencias vividas en Galicia polos beneficiarios do programa desta consellería Actividades de campamento 2003, premio Pomba. En cada unha destas disciplinas convócanse os seguintes premios:

a) Primeiro premio: 450 euros e diploma.

b) Segundo premio: 300 euros e diploma.

c) Terceiro premio: 150 euros e diploma.

1.4.9. Concurso de reportaxe fotográfica sobre as experiencias vividas en Galicia polos beneficiarios do programa desta consellería Actividades de campamento 2003, premio Vagalume:

a) Primeiro premio: 450 euros e diploma.

b) Segundo premio: 300 euros e diploma.

c) Terceiro premio: 150 euros e diploma.

1.4.10. Concurso de ensaio e traballos de investigación Galeguidade sobre o presente e o futuro da Galicia exterior, achegando propostas e ideas creativas que axuden ó seu fortalecemento e pervivencia, premiado con 3.000 euros e diploma.

1.5. Participantes:

1.5.1. Poderán participar nestes concursos os galegos, descendentes de galegos e socios das entidades galegas que sendo residentes na Galicia exterior sexan autores de calquera traballo das modalidades enumeradas nesta base.

Excepcionalmente, no concurso de ensaio e traballos de investigación Galeguidade poderán participar sen distinción de lugar de residencia tódolos autores, galegos ou descendentes de galegos, de traballos sobre a temática exposta no punto 1.4.10.

1.5.2. Na modalidade de redacción e contos e de reportaxe fotográfica, premios Pomba e Vagalume, soamente poderán participa-los beneficiarios do programa Actividades de campamento 2003, que narren ou describan experiencias vividas no transcurso deste programa.

1.5.3. Non poderán participar nestes concursos aquelas persoas que obtiveran, na mesma modalidade, un primeiro premio ou dous ou máis premios distintos do primeiro, nos últimos catro anos.

1.6. Condicións para a presentación das obras e documentación que hai que achegar:

1.6.1. As obras xa premiadas en concursos dos propios centros galegos, poderán ser presentadas a esta convocatoria de concursos públicos culturais para a Galicia exterior 2003, agás cando as bases específicas o prohíban expresamente.

1.6.2. Non poderán participar nestes concursos os traballos finalizados con anterioridade ó 31 de outubro de 2002, data final de presentación dos concursos convocados o ano anterior.

1.6.3. Cada autor poderá presentar a concurso un só traballo por modalidade, agás cando as bases específicas determinen a posibilidade de presentación de maior número de obras.

1.6.4. As obras que se presenten a este concurso cultural enviaranse debidamente protexidas para o seu transporte sendo responsable o concursante da súa posible deterioración con anterioridade á recepción do envío por parte da administración.

As bases específicas de cada concurso establecerán os requisitos e formas de presentación dos traballos, que teñan carácter específico para cada especialidade.

1.6.5. Con carácter xeral, cada traballo que se presente a concurso deberá ser remitido polo seu autor e sen que conste en ningún lugar visible a súa identidade. Constará soamente no envoltorio a modalidade do concurso, título da obra ou traballo e o pseudónimo baixo o que o presenta. Con cada traballo achegarase un sobre pechado cos seguintes datos:

a) Nome do traballo ou título da obra.

b) Nome e apelidos do autor, enderezo, código postal, país, teléfono de contacto ou correo electrónico.

c) Fotocopia do documento nacional de identidade.

d) Valor estimado da obra, se é o caso.

1.7. Lugar e prazo de presentación:

Os autores residentes no exterior enviarán os seus traballos a través dunha sociedade galega do exterior, ou directamente á Consellería de Emigración (Basquiños, nº 2, 15704 Santiago de Compostela. A Coruña), por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, dentro do prazo que remata o 31 de outubro de 2003, agás o premio Gaiteiro de Soutelo que remata o 30 de xuño. Nos envíos deberá constar claramente a modalidade á que se presenta.

1.8. Decisión e resolución:

1.8.1. A Consellería de Emigración nomeará para o efecto un xurado integrado por especialistas nas materias obxecto dos concursos, quen elevará, na correspondente acta, unha proposta de concesión de premios para cada modalidade á consellería. Esta resolverá concede-los premios, non podendo un mesmo autor acadar máis dun premio por modalidade.

1.8.2. Calquera premio poderá declararse deserto atendendo ó conxunto da calidade dos traballos presentados.

1.8.3. O fallo do xurado é inapelable.

1.9. Difusión das obras premiadas:

1.9.1. A Consellería de Emigración reservará para si o dereito de reproduci-las obras premiadas, que quedarán na súa propiedade, para utilizalas en actividades non comerciais.

1.9.2. As obras presentadas e non premiadas poderán ser retiradas polos autores antes do día 31 de decembro do ano 2004.

1.9.3. O feito de participar nos concursos supón a aceptación das normas contidas nestas bases.

2. Bases específicas da convocatoria para as distintas modalidades de concurso público cultural.

2.1. Concurso de artigos xornalísticos: premio Andoriña.

2.1.1. Condicións para os traballos:

-Soamente poderán concursar artigos publicados en xornais e revistas a partir do día 31 de outubro de 2002.

-Estarán escritos en lingua galega ou castelá, indistintamente.

2.1.2. Presentación dos traballos:

-De cada traballo presentaranse 4 copias en papel tamaño A4, mecanografados a dobre espacio.

-No sobre pechado, onde consten os datos persoais do participante, incluirase obrigatoriamente un exemplar do medio no que se publicou o traballo.

2.2. Concurso de narración breve: premio Bolboreta.

2.2.1. Condicións para os traballos:

-Os textos presentados han de ser inéditos e totalmente orixinais.

-Estarán escritos en lingua galega ou castelá, indistintamente.

-Terán unha extensión máxima de 15 folios escritos por unha soa cara.

2.2.2. Presentación dos traballos:

-De cada orixinal presentaranse 4 copias en papel tamaño A4, mecanografados a dobre espacio.

2.3. Concurso de vídeos: premio Xanela.

2.3.1. Condicións para os traballos:

-Serán vídeos orixinais e inéditos.

-Estarán gravados con posterioridade ó 31 de outubro do 2002, e narrados en lingua galega ou castelá.

-Terán unha duración máxima de 60 minutos.

2.3.2. Presentación dos traballos:

-Enviaranse por duplicado, dentro do estoxo correspondente e en formato V.H.S. (sistema europeo).

-No vídeo non deberá figura-lo nome do autor, senón o pseudónimo que o identifica.

2.4. Concurso de pintura: premio Camelia.

2.4.1. Tema: a temática será libre.

2.4.2. Condicións para os traballos:

-Serán obras únicas e orixinais, feitas en calquera das técnicas de uso normal en pintura e rematadas con posterioridade ó 31 de outubro de 2002.

-O tamaño das obras será libre cun máximo correspondente ó formato 10 F (46 por 55 cm).

2.4.3. Condicións para o envío dos traballos:

-As obras remitiranse debidamente embaladas, cunha nota de identificación onde conste o pseudónimo, e non deberá figura-lo nome deste en ningunha parte da obra.

2.5. Concurso de debuxo: premio Mimosa.

2.5.1. Tema: a temática das obras será libre.

2.5.2. Condicións para os traballos:

-As obras serán únicas e orixinais, rematadas con posterioridade ó 31 de outubro de 2002, e non poderán estar feitas en acuarela, pastel ou noutra técnica non considerada como debuxo e o tamaño máximo será o correspondente o formato 10 F (46 por 55 cm).

2.5.3. Condicións para o envío dos traballos:

-As obras remitiranse debidamente embaladas, cunha nota de identificación onde conste o pseudónimo, e non deberá figura-lo nome deste en ningunha parte da obra.

2.6. Concurso de fotografía: premio Manuel Ferrol.

2.6.1. Número de traballos:

-Cada participante poderá presentar un máximo de tres fotografías.

2.6.2. Condicións para os traballos:

-Que sexan fotografías orixinais e inéditas, realizadas con posterioridade ó 31 de outubro de 2002.

-Poden ser feitas en branco e negro ou en cor.

-O formato das fotografías será libre, non excedendo estas de 40 por 50 cm.

2.6.3. Condición para o envío dos traballos:

-As obras remitiranse debidamente embaladas, cunha nota de identificación onde conste o pseudónimo, e non deberá figura-lo nome deste en ningunha parte da obra.

2.7. Concurso de creación e interpretación musical para gaiteiros solitas: premio Gaiteiro de Soutelo.

2.7.1. Co gallo de promociona-la participación da Galicia exterior no concurso Constantino Bellón, que terá lugar na cidade de Ferrol o 31 de agosto de 2003, organizado polo Ateneo ferrolán, a Consellería de Emigración convoca o Premio Gaiteiro de Soutelo.

2.7.2. Poderán participar tódolos gaiteiros dos centros galegos ou institucións da Galicia exterior.

2.7.3. Os concursantes deberán enviar á Consellería de Emigración (Basquiños, 2, 15704 Santiago de Compostela, A Coruña), a seguinte documentación:

-Unha cinta de audio gravada -só con gaita, sen acompañamento- coa peza Esbocinchou composta por Xesús Vaamonde Manteiga, facendo constar nesta o pseudónimo adoptado.

-Copia da partitura utilizada para a gravación desa cinta.

-A partitura orixinal dunha peza de composición inédita, creada expresamente para este premio.

2.7.4. Plicas: os concursantes enviarán a cinta de audio gravada nun sobre cun pseudónimo identificador. No interior deste sobre deberá figurar outro, pechado e escrito por fóra co mesmo pseudónimo, no que consten os datos persoais do participante: nome e apelidos, enderezo, código postal, cidade e país de residencia así como o nome do centro ou institución galega pola cal se presenta. No primeiro sobre deberán incluí-lo orixinal da partitura inédita presentada ó Premio Gaiteiro de Soutelo, e tamén copia da partitura utilizada para a gravación da cinta.

2.7.5. Prazo: o prazo de presentación remata o 30 de xuño do 2003.

2.7.6. Premios: os premios Gaiteiro de Soutelo consistirán na asistencia e participación, cos gastos de desprazamento e estadía pagados, ó concurso Constantino Bellón.

2.7.7. A participación dos premiados no concurso Constantino Bellón consistirá:

-Interpretación dunha peza inédita, creada expresamente para o concurso Gaiteiro de Soutelo, e máis da peza Esbocinchou.

-A interpretación de ámbalas dúas pezas, no seu conxunto, non poderá excede-la duración de 5 minutos.

Tódolos finalistas recibirán unha peza de cerámica deseñada por Sargadelos, baseada nun óleo de Luis Seoane, cedido expresamente pola súa viúva, Maruxa Seoane, para este concurso, e un diploma acreditativo da súa participación no concurso.

2.7.8. Será editado un cuadríptico polo Ateneo ferrolán que será enviado a tódolos centros no que se especificarán as anteditas cláusulas do Premio Gaiteiro de Soutelo así como as correspondentes ó concurso Constantino Bellón, no que figurará a partitura da peza Esbocinchou.

2.8. Concurso de redacción e contos: premio Pomba, e reportaxe fotográfica: premio Vagalume.

2.8.1. Tema:

-A temática da narración, contos e reportaxe fotográfica terá que estar relacionada coas experiencias vividas en Galicia polos mozos participantes no programa de Actividades Campamentais Rotas coñece Galicia, realizado en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude da Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado.

2.8.2. Número de traballos:

-Cada participante deberá presentar obrigatoriamente un traballo de narración breve ou contos ou unha reportaxe fotográfica.

2.8.3. Condicións para os traballos:

-Os traballos de narración, que son obrigatorios, deberán ter entre un mínimo de 1 folio e un máximo de 5 folios, en tamaño A4, escritos por unha soa cara e en lingua galega ou castelá.

-A reportaxe fotográfica constará de entre 4 e 10 fotografías que se reenviarán en sobre pechado para entrega á Consellería de Emigración por parte dos directores de cada ruta campamental.

2.8.4. Condicións para os participantes:

-Ser beneficiarios do Programa de Actividades Campamentais para a Galicia exterior durante o ano 2003, nas distintas quendas en albergues xuvenís.

2.9. Modalidade de ensaio e traballos de investigación: premio Galeguidade.

2.9.1. Tema:

-Os traballos deberán ter por contido calquera dos posibles aspectos relativos ó tema A xuventude ante o futuro da Galicia exterior, achegando propostas, ideas ou obras creativas que axuden ó seu fortalecemento e pervivencia.

2.9.2. Condicións para os traballos:

-A extensión mínima será de 70 folios en tamaño A4, mecanografados a dobre espacio por unha soa cara, en lingua galega ou castelá (sen incluí-lo material bibliográfico e documental).

2.9.3. Condicións para o envío dos traballos:

-Presentaranse baixo un pseudónimo e achegaranse cun sobre pechado que conterá os datos persoais do autor ou autores do traballo.

-No envoltorio de envío do traballo non aparecerá o nome do participante senón o pseudónimo, e farase constar: Para o Premio Galeguidade.

2.9.4. Premio:

-O traballo que obteña o Premio Galeguidade, percibirá 3.000 euros e diploma acreditativo. O premio é único e indivisible, e poderán outorgarse, por proposta do xurado, un ou máis accésits honoríficos.