Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Luns, 16 de xuño de 2003 Páx. 7.807

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 2 de maio de 2003, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Técnicas Medioambientales, Tecmed, S.A. (Marín).

Visto o texto do convenio colectivo da empresa Técnicas Medioambientales, Tecmed, S.A. (Marín), con nº de código 3603701, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 10-4-2003, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social polo delegado de persoal, en data 26-3-2003, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, o Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e o Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, exis

tente nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 2 de maio de 2003.

Joaquín Macías Sánchez

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo de la empresa Técnicas Medioambientales Tecmed, S.A., Marín (anos 2002-2005)

Capítulo I

Normas xerais

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

Este convenio regulará as relacións laborais entre a empresa Técnicas Medioambientales Tecmed, S.A. e os traballadores e traballadoras no centro de traballo de recolla pública de lixo de Marín.

Artigo 2º.-Ámbito temporal.

Este convenio entrará en vigor o día do seu asinamento; non obstante, con independencia da data en que saia publicado no BOP, os efectos económicos indicados nas táboas salariais (anexo I) terán vixencia desde o 1 de xaneiro de 2002.

A duración do convenio páctase por catro anos e estenderase ata o 31 de decembro de 2005.

Artigo 3º.-Ámbito territorial.

Este convenio colectivo subscribirase para o municipio de Marín, no cal a empresa realiza por concesión administrativa do concello de Marín a recolla pública de lixo na indicada localidade.

Artigo 4º.-Ámbito persoal.

Afecta a tódolos traballadores e traballadoras que actualmente están empregados pola empresa Tecmed no centro de traballo de Marín, así como a aqueles que o sexan no futuro.

Artigo 5º.-Denuncia.

Conforme o disposto no artigo 86.2º do Estatuto dos traballadores, este convenio prorrogarase por períodos anuais se non mediase denuncia expresa de calquera das partes, que deberá ser formulada con, polo menos, un mes de antelación á data en que remata o período de vixencia pactado.

Artigo 6º.-Subrogación.

Ó remate da concesión da contrata, xa sexa por vencemento do prazo ou por resolución anticipada, os traballadores desta pasarán á nova empresa adxudicataria ou ó concello, se é o caso, respectándolles tódolos seus dereitos e obrigas, de conformidade cos artigos 44 do Estatuto dos traballadores e 49 e seguintes do convenio xeral do sector.

Artigo 7º.-Condicións máis beneficiosas.

Serán respectadas na súa integridade aquelas situacións individuais ou colectivas que, con carácter global e en cómputo anual, excedan do conxunto de melloras contidas neste convenio.

Artigo 8º.-Compensación e absorción.

As retribucións e demais condicións establecidas neste convenio compensarán e absorberán tódalas existentes no momento da súa entrada en vigor, calquera que sexa a natureza e orixe destas, mesmo a xudicial.

Os aumentos de retribucións e mellora de condicións laborais que se poidan producir no futuro por disposicións legais de calquera orde ou contratos individuais só poderán afectar ás condicións pactadas neste convenio cando, comparadas coa globalidade e cómputo anual do convenio, resulten superiores a este. En caso contrario, serán compensadas e absorbidas por estas últimas, manténdose este convenio nos seus propios termos, na forma e condicións que queden pactadas.

Artigo 9º.-Comisión mixta paritaria.

Créase unha comisión mixta paritaria de vixilancia na aplicación e interpretación do convenio, integrada por un representante da empresa e outro representante da parte social. Ámbalas partes conveñen en que calquera dúbida ou diverxencia que poida xurdir como consecuencia da interpretación deste convenio será sometida a informe ou decisión da comisión

paritaria antes de emprender reclamación ante a autoridade laboral competente ou da adopción de medidas legais de presión.

* Interpretación de todas e cada unha das cláusulas deste convenio.

* Vixilancia e cumprimento do pactado.

* Todas aquelas actividades que tendan á eficacia práctica do convenio e a unha maior solución interna dos posibles conflictos.

* As reunións da comisión non se descontarán do crédito de horas sindicais, calquera que fose a parte que convoque a reunión.

Artigo 10º.-Festividade patronal.

A celebración da festividade de San Martiño de Porres terá carácter de festivo e non recuperable para tódolos efectos. No caso de coincidir con domingo ou festivo, trasladarase ó venres anterior ou posterior.

Capítulo II

Condicións económicas

Artigo 11º.-Retribucións salariais.

A estructura do salario está constituída polos seguintes conceptos:

-Salario base.

-Complemento tóxico-penoso perigoso.

-Complemento de nocturnidade.

-Complemento de actividade.

-Complemento de productividade.

Artigo 12º.-Pagamento de salarios.

O pagamento da nómina mensual efectuarase non máis tarde do día tres do mes seguinte.

Artigo 13º.-Salario base.

É o establecido na táboa salarial anexa para cada categoría.

Artigo 14º.-Complemento tóxico-penoso-perigoso.

Percibirase na contía e para cada categoría e posto que establece a táboa salarial anexa. Este complemento aboarase por día efectivamente traballado.

Artigo 15º.-Complemento de nocturnidade.

Este complemento será do 25% do salario base segundo as táboas salariais anexas. Percibirano todos aqueles traballadores e traballadoras, por día efectivo de traballo, que presten os seus servicios entre as vinteunha horas e as seis da mañá, salvo que o salario se establecese atendendo a que o traballo sexa nocturno pola súa propia natureza.

Considerarase que se devenga o devandito complemento cando se traballe polo menos a metade da xornada neste horario.

Artigo 16º.-Complemento de actividade.

Todo o persoal afectado por este convenio percibirá un plus de actividade que se aboará por día efec-

tivamente traballado e a contía do cal vén determinada nas táboas salariais anexas.

Artigo 17º.-Complemento de productividade.

Percibirano, na contía sinalada nas táboas salariais e por día efectivo de traballo, os conductores e peóns que realizan o traballo de recolla de residuos sólidos urbanos en razón dunha maior cantidade e calidade no traballo.

Artigo 18º.-Complemento de transporte.

Establécese un complemento de transporte de carácter extrasalarial por día efectivo de traballo e polo importe sinalado nas táboas salariais anexas, que ten como obxectivo compensa-los gastos de desprazamento ó centro de traballo que teñen que realiza-los traballadores e traballadoras suxeitos ó ámbito deste convenio.

Artigo 19º.-Pagas extraordinarias.

Os traballadores percibirán tres pagas extraordinarias ó ano, denominadas verán, Nadal e marzo, nas contías respectivas que se establecen nas táboas salariais. As dúas primeiras devengaranse semestralmente. A do verán do 1 de xaneiro ó 30 de xuño e a do Nadal do 1 de xullo ó 31 de decembro. Aboaranse entre o día 15 e o 20 dos meses de xullo e decembro, respectivamente.

A paga de marzo devengarase desde o 1 de xaneiro ata o 31 de decembro, rateándose mes a mes durante todo o ano.

Artigo 20º.-Festivos.

Durante o ano 2003 o traballo en festivos aboarase a razón de 70,54 euros. Para os demais anos de vixencia do convenio, a contía incrementarase conforme ó IPC real do ano anterior.

Artigo 21º.-Incremento salarial.

Establécese un incremento salarial para o ano 2002 do 2,7% das contías correspondentes ó ano 2001. O incremento acordado para o ano 2003 será o resultante de incrementar un 4% os conceptos económicos reflectidos na táboa salarial de 2002.

No ano 2004 o incremento salarial previsto é o IPC real do ano anterior, traspasando o 50% do complemento de productividade ó salario base. A contía a traspasar polo devandito 50% será o resultado de incrementar a contía do complemento de productividade do ano anterior conforme o incremento pactado ese ano (IPC real do ano anterior) e aplicarlle o 50%. O resultado obtido dividirase entre 335 para posteriormente multiplicalo por 263. A cantidade resultante será a que finalmente se engada ó salario base.

O incremento acordado para o ano 2005 será o resultante de aplica-lo IPC real do ano anterior máis un 0,5%, traspasando a contía restante do complemento de productividade ó salario base da forma detallada no parágrafo anterior.

Capítulo III

Condiciones de traballo

Artigo 22º.-Xornada de traballo.

A xornada laboral será de 40 horas semanais, distribuídas da forma que se vén facendo habitualmente.

Artigo 23º.-Vacacións.

As vacacións serán de 30 días naturais, retribuíndose conforme a contía sinalada nas táboas salariais.

As vacacións non poderán ser compensadas en metálico, agás nos casos de liquidación por remate do contrato ou despedimento.

A empresa, logo de consulta cos representantes dos traballadores, confeccionará un cadro de vacacións con tres meses de antelación mínima ó comezo do seu desfrute, que será exposto no taboleiro de anuncios e da que se lle entregará unha copia asinada e selada ós representantes dos traballadores.

Desfrutaranse por ano natural de servicios. No caso de que un traballador ou traballadora sexa empregado no transcurso do ano ou cause baixa na empresa, desfrutará do período de vacacións que corresponda ó tempo de vinculación coa empresa.

Os traballadores e traballadoras poderán cambia-la quenda de vacacións, total ou parcialmente, con outro compañeiro ou compañeira da mesma categoría profesional e quenda de traballo, logo de comunicación e posterior autorización da empresa.

No caso de as licencias previstas no artigo seguinte por morte ou nacemento e, así mesmo, por IT derivada de accidente, o período de vacacións interromperase durante os días que duren as licencias ou, se é o caso, a baixa por IT, pactando a empresa e o traballador a data de desfrute deses días.

Artigo 24º.-Permisos e licencias.

O persoal afectado por este convenio terá dereito, sempre que concorran os requisitos legalmente establecidos, a disfrutar dos seguintes permisos e licencias:

Permisos. A empresa poderá concederlle ó persoal que o solicite e por causas xustificadas ata quince días de permiso ó ano, sen soldo e sempre que as necesidades do servicio o permitan. Os permisos deberán ser solicitados cunha antelación mínima de quince días á data do seu desfrute, agás casos de urxente necesidade.

Licencias. O persoal terá dereito, sempre que se cumpran os requisitos esixidos pola lei, aos días de licencia retribuída na forma e condicións que a seguir se indican. Ademais, como norma xeral, tódalas licencias comezarán en día laborable:

1. Por matrimonio do traballador ou traballadora: vinte días naturais.

2. Matrimonio de fillos: dous días se é na provincia e tres se é fóra dela.

3. Por nacemento de fillos ou adopción: tres días.

4. Falecemento, accidente, enfermidade grave ou hospitalización de cónxuxe, pai ou fillos: catro días.

5. Falecemento, accidente, enfermidade grave ou hospitalización de avós, irmáns ou netos: tres días.

6. Falecemento de sogros, noras ou xenros: dous días.

7. Por traslado de domicilio habitual: dous días.

8. Por renovación do carné de conducir das clases C, D e E de todo o persoal que o requira para a realización do seu traballo na empresa: polo tempo que lle sexa necesario para efectuar recoñecementos psicotécnicos ou exames.

9. A empresa, logo de petición dos traballadores ou traballadoras que realicen estudios para a obtención dun título profesional e posterior xustificación, concederá as oportunas licencias para asistir ós exames.

10. Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal.

11. Todo traballador ou traballadora que, unha vez iniciada a súa xornada de traballo e que no transcurso desta se sentise enfermo ou recibise notificación de accidente ou enfermidade grave dalgún familiar ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade e tivese que abandona-lo seu posto de traballo, con posterior xustificación médica, percibirá o importe total da devandita xornada. Nestes casos, a licencia comezará a contar a partir do día seguinte.

12. Se por motivos de hospitalización de familiares, debido a doenza grave ou por necesidade de operación, se establecesen quendas de asistencia no hospital a fin de atende-lo enfermo, o traballador podería comeza-la súa licencia en data posterior ó feito causante.

13. A referencia que nos números anteriores se fai ó cónxuxe entenderase feita, así mesmo, ó compañeiro ou compañeira que, de forma estable e en situación de feito asimilable ó matrimonio, conviva co traballador ou traballadora, logo de certificación de convivencia que acredite a dita situación.

14. A partir do ano 2004 os traballadores e traballadoras terán dereito a un día de asuntos propios, logo de autorización da empresa e respectándose sempre as necesidades do servicio. Este día deberá desfrutarse necesariamente dentro de cada ano natural e non poderá acumularse ás vacacións naturais.

Artigo 25º.-Roupa de traballo.

A roupa de traballo será de uso obrigatorio para todo o persoal. A empresa facilitará cada ano as seguintes roupas, que serán homologadas tal e como indica a lexislación vixente:

Conductores/as e peóns:

-Inverno:

* Dous pantalóns.

* Dúas camisas.

* Un par de calzado.

* Un anorak.

* Un traxe de auga.

* Unha cazadora.

* Unha gorra.

* Un xersei.

* Dous pares de calcetíns.

* Un par de botas de auga.

* Un chaleco reflector.

* Ademais, para os peóns, un par de luvas.

-Verán:

* Dous pantalóns.

* Dúas camisas.

* Un par de calzado.

* Unha cazadora.

* Dous pares de calcetíns.

A indumentaria do inverno será entregada na segunda quincena do mes de setembro e a do verán na primeira quincena do mes de maio.

Ó causar baixa definitiva na empresa, o traballador estará obrigado a devolve-la totalidade da roupa de traballo.

Artigo 26º.-Póliza de accidentes.

A empresa subscribirá unha póliza de accidentes que garanta as seguintes indemnizacións:

* No caso de falecemento por accidente laboral ou enfermidade profesional: 19.250 euros.

* No caso de incapacidade permanente total para a profesión habitual, derivada de accidente laboral ou enfermidade profesional: 18.050 euros.

* No caso de incapacidade permanente absoluta ou grande invalidez, derivada de accidente laboral ou enfermidade profesional: 21.000 euros.

A devandita póliza entrará en vigor dentro dos trinta días seguintes ó asinamento do convenio.

Artigo 27º.-Incapacidade temporal.

Nos supostos de IT derivada de accidente laboral, a empresa complementará ata o 100% do salario mensual, agás o complemento de transporte, desde o primeiro día da baixa e mentres dure esta.

Do mesmo xeito, complementarase ata o 100% nos casos de hospitalización, mentres dure esta, e durante o período de convalecencia ata un máximo de dez anos.

Nos supostos de IT derivada de enfermidade común, a empresa complementará ata o 75% do salario mensual, agás o plus de transporte, desde o cuarto ata o décimo quinto día e ata o 100% a partir do décimo sexto día. Este complemento terá lugar unicamente nas dúas primeiras baixas.

Igual criterio se seguirá con respecto ó aboamento das pagas extraordinarias.

Artigo 28º.-Retirada do carné de conducir.

No suposto de que a un conductor ou conductora, realizando a súa misión cun vehículo propiedade da empresa e cumprindo as funcións que lle foron

encomendadas, lle fose retirado o permiso de conducir, a empresa situarao noutro posto de traballo, sempre que a sanción non se deba a imprudencia temeraria ou constitutiva de delicto ou a embriaguez do propio conductor, respectándolle durante o tempo de retirada do carné os emolumentos de conductor.

Capítulo IV

Seguridade e hixiene

Artigo 29º.-Seguridade e hixiene.

Dada a importancia que recoñecen os asinantes á prevención de accidentes, inclúese este capítulo dedicado á seguridade e hixiene no traballo. Ámbalas partes consideran de obrigada aplicación a lexislación sobre seguridade e hixiene no traballo e para tal efecto constituirase un comité de seguridade e saúde para velar polo cumprimento das medidas legais e regulamentarias, así como para a posta en práctica do estipulado na Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.

Artigo 30º.-Medidas de seguridade e hixiene.

A dirección da empresa adoptará as medidas de seguridade e hixiene pertinentes, como consecuencia do control do lugar de traballo e das instalacións e instrumentos que pon ó dispor dos traballadores e traballadoras. As medidas de prevención afectarán igualmente ós traballadores e traballadoras, obrigándose a traballaren con seguridade e a coidaren de que os locais e instrumentos de traballo estean en perfectas condicións, debendo poñer en coñecemento do comité de seguridade e saúde ou, no seu defecto, dos representantes dos traballadores, tódalas anomalías que se detecten para que se adopten as medidas oportunas.

Artigo 31º.-Comité de seguridade e saúde.

O comité de seguridade e saúde terá unha composición de carácter paritario. A representación da parte social estará composta polo correspondente número de delegados/as de prevención, dos cales un será o/a delegado/a de persoal.

Artigo 32º.-Funcións do comité de seguridade e saúde.

As funcións do comité de seguridade e saúde serán as seguintes:

* Promover a observación das disposicións vixentes para a prevención de riscos laborais.

* Fomentar a colaboración de todo o persoal en prácticas e observancia das medidas preventivas, estimula-lo ensino e propaganda de seguridade e hixiene no traballo, fundamentalmente entre os representantes dos traballadores e traballadoras.

A empresa facilitará os medios de propaganda necesarios a fin de que todo o persoal estea ó día das recomendacións, obrigas e prácticas en materia de seguridade e hixiene.

Capítulo V

Melloras sociais

Artigo 33º.-Axuda escolar.

Co fin de compensa-los gastos de matriculación escolar, libros, etc. establécese un fondo social que se repartirá entre os traballadores e traballadoras que o xustifiquen, cunhas contías que son as seguintes:

-Ano 2003: 1.051,77 euros.-Ano 2004: 1.081,22 euros.-Ano 2005: 1.111,87 euros.

Unha vez xustificado o gasto polo traballador ou traballadora, o importe establecido a este aboarase no mes de outubro.

Artigo 34º.-Excedencias.

Considerarase excedencia forzosa e, polo tanto, obrigatoria a súa concesión, o nomeamento dun traballador ou traballadora para desempeñar un cargo de carácter público. O tempo que dure esta excedencia contarase para a antigüidade para tódolos efectos.

Todo traballador ou traballadora con 1 ano de antigüidade na empresa poderá solicitar unha excedencia voluntaria por un prazo superior a seis meses e inferior a cinco anos, de acordo co establecido no artigo 46 do Estatuto dos traballadores, agás no referente ó prazo mínimo.

Artigo 35º.-Recoñecemento médico.

Anualmente realizarase un recoñecemento médico para todo o persoal. O resultado do devandito recoñecemento entregaráselle a cada traballador.

Artigo 36º.-Vacantes provisionais.

No caso de que por necesidades do servicio sexa necesario cubrir un posto de traballo de superior categoría, terán preferencia os traballadores que nese momento presten os seus servicios na empresa, sempre e cando reúnan as suficientes condicións físicas e técnicas.

Capítulo VI

Outas condicións

Artigo 37º.-Normas subsidiarias de aplicación.

En todo o non previsto neste convenio, observarase o disposto no convenio xeral de limpeza pública viaria, regos, recolla, tratamento e eliminación de residuos e limpeza e conservación de sumidoiros, publicado no BOE do 7 de marzo de 1996 e demais disposicións legais que o desenvolvan e complementen.

ANEXO I

Táboa salarial de 2002

Categoría

Salario base

Complemento tóxicoComplemento nocturnidadeComplemento transporteComplemento actividadeComplemento productividade

Vacacións

Paga verán

Paga

Nadal

Paga marzo

Conductor noite13,162,633,293,597,276,17791,82791,82791,82395,91

Categoría

Salario base

Complemento tóxicoComplemento nocturnidadeComplemento transporteComplemento actividadeComplemento productividade

Vacacións

Paga verán

Paga

Nadal

Paga marzo

Conductor día13,162,633,597,276,17791,82791,82791,82395,91

Peón noite12,292,463,073,595,225,25731,22731,22731,22365,61

Peón día12,292,463,595,225,25731,22731,22731,22365,61

Táboa salarial de 2003

Categoría

Salario base

Complemento tóxicoComplemento nocturnidadeComplemento transporteComplemento actividadeComplemento productividade

Vacacións

Paga verán

Paga

Nadal

Paga marzo

Conductor noite13,682,743,423,747,566,42823,49823,49823,49411,74

Conductor día13,682,743,747,566,42823,49823,49823,49411,74

Peón noite12,782,563,203,745,435,46760,47760,47760,47380,24

Peón día12,782,563,745,435,46760,47760,47760,47380,24

Táboa salarial de 2004

Categoría

Salario base

Complemento tóxicoComplemento nocturnidadeComplemento transporteComplemento actividadeComplemento productividade

Vacacións

Paga verán

Paga

Nadal

Paga marzo

Conductor noite16,533,314,133,817,713,27839,96839,96839,96419,98

Conductor día16,533,313,817,713,27839,96839,96839,96419,98

Peón noite15,233,053,813,815,532,78775,68775,68775,68387,84

Peón día15,233,053,815,532,78775,68775,68775,68387,84

Táboa salarial de 2005

Categoría

Salario base

Complemento tóxicoComplemento nocturnidadeComplemento transporteComplemento actividadeComplemento productividade

Vacacións

Paga verán

Paga

Nadal

Paga marzo

Conductor noite19,573,914,893,917,910,00860,96860,96860,96430,48

Conductor día19,573,913,917,910,00860,96860,96860,96430,48

Peón noite17,853,574,463,915,670,00795,07795,07795,07397,54

Peón día17,853,573,915,670,00795,07795,07795,07397,54