Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Luns, 16 de xuño de 2003 Páx. 7.773

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 13 de xuño de 2003 pola que se determinan os servicios mínimos dirixidos a garanti-los servicios esenciais durante a folga convocada polos representantes dos traballadores da empresa Servicios Sociosanitarios Generales no centro de traballo de Ferrol, que se iniciará o día 16 de xuño de 2003, con carácter indefinido.

O artigo 28.2º da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servicios públicos ou de recoñecida e inadiable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ó mantemento dos servicios esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño), entre os que se atopa a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación a este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros competentes por razón dos servicios esenciais afectados para que, mediante orde, e diante de cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegura-lo mantemento de tales servicios, así como para determina-lo persoal necesario para a súa prestación.

Convocada folga na empresa Servicios Sociosanitarios Generales, concesionaria do servicio de transporte sanitario para altas hospitalarias, urxencias

non ingresadas e traslados interhospitalarios do Complexo Hospitalario Arquitecto Marcide, que se iniciará o día 16 de xuño de 2003 con carácter indefinido, logo da audiencia ó comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A convocatoria de folga, que afecta o persoal que presta servicios no centro de traballo de Ferrol da empresa Servicios Sociosaniarios Generales, que se iniciará o día 16 de xuño de 2003, con carácter indefinido, enténdese condicionada ó mantemento dos servicios mínimos que se establecen a seguir.

Os servicios mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para mante-la necesaria cobertura asistencial respecto ó servicio de ambulancias, para evitar que se produzan graves prexuízos ós usuarios; tendo en conta fundamentalmente que a folga ten incidencia ó longo de toda a xornada laboral e carácter indefinido

Tales mínimos responden á necesidade de compatibiliza-lo respecto ineludible ó exercicio do dereito á folga coa adecuada atención ós usuarios do servicio de ambulancias que, baixo ningún concepto, poden quedar desasistidos polas características do servicio dispensado.

Entrado na análise dos criterios da determinación dos servicios mínimos, pódese sinalar que para a fixación destes se tivo en conta a necesidade de manter unha porcentaxe da actividade imprescindible e, como tal, irreductible, para cubri-las necesidades asistenciais da poboación en canto ó servicio de ambulancias.

Os efectivos mínimos que se establecen deben garanti-los servicios mínimos seguintes:

-O 100% dos traslados para a hospitalización urxente desde o hospital a outros centros propios, concertados ou de referencia.

-O 100% dos traslados de pacientes hospitalizados para a realización de probas diagnósticas urxentes, os tratamentos oncolóxicos e os de altas hospitalarias.

Artigo 2º

A determinación dos efectivos necesarios e a designación nominal, con carácter rotatorio, do persoal que deberá cubri-los distintos servicios será feita pola dirección da empresa concesionaria procedendo á súa publicación nos taboleiros de anuncios do centro de traballo afectado.

Artigo 3º

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servicios mínimos determinados no anexo serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1º do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE nº 58, do 9 de marzo).

Artigo 4º

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ó persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5º

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observa-las normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios dos establecementos sanitarios.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2003.

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade