Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Xoves, 12 de xuño de 2003 Páx. 7.648

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 30 de abril de 2003, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se dispón a inscrición no rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Fundación Valdegodos.

Visto o texto do convenio colectivo de ámbito interprovincial da empresa Fundación Valdegodos (código de convenio nº 8200782), que se subscribiu coa data do 4 de abril de 2003, entre a representación da Fundación Valdegodos e os representantes dos traballadores, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, a Dirección Xeral de Relacións Laborais

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do devandito convenio colectivo no rexistro xeral de convenios desta dirección xeral.

Segundo.-Remiti-lo texto orixinal ó correspondente servicio deste centro directivo.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2003.

Pilar Cancela Rodríguez

Directora xeral de Relacións Laborais

Convenio colectivo laboral de ámbito interprovincial da empresa Fundación Valdegodos

Artigo preliminar.

Este convenio subscríbeno as seguintes partes:

Pola empresa: a Fundación Valdegodos, declarada de interese social. Polos traballadores: o comité de empresa e os delegados sindicais.

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

Este convenio será de aplicación en tódolos centros e residencias para as persoas maiores (asistidas, non asistidas e mixtas) que xestione directamente a Fundación Valdegodos, sexan ou non da súa propiedade.

Artigo 2º.-Ámbito territorial.

Este convenio será de aplicación en tódolos centros de traballo xestionados pola Fundación Valdegodos.

Artigo 3º.-Ámbito persoal.

Queda comprendido no ámbito do convenio o persoal que preste os seus servicios nos centros de traballo afectados por este.

Artigo 4º.-Vixencia e duración.

Este convenio colectivo entrará en vigor o día 1 de xaneiro de 2003 e terá vixencia ata o día 31 de decembro de 2007.

Artigo 5º.-Denuncia e prórroga.

Calquera das partes asinantes poderá denunciar este convenio cunha antelación mínima de trinta días antes do seu vencemento. Para que a denuncia teña

efecto, deberase realizar por escrito e entregarse á outra parte de modo que faga fe.

En caso de non se producir esta denuncia, entenderase que o convenio se prorroga automaticamente por períodos anuais ou ata que non sexa substituído por outro convenio entre as partes, incrementándose as retribucións que aparecen no anexo I segundo o IPC correspondente ó ano anterior.

Artigo 6º.-Garantía ad personam.

Condición máis beneficiosa. Respectaranse as condicións superiores e máis beneficiosas que veña percibindo e desfrutando o persoal do cadro antes da sinatura deste convenio.

Ó persoal que á entrada en vigor deste convenio percibise salarios superiores en cómputo anual ós determinados neste convenio, aplicaránselle as táboas de retribucións aprobadas neste convenio. A diferencia de retribucións reflectirase na nómina como complemento persoal. Co obxecto de determina-lo importe deste complemento, restaráselle á súa actual retribución anual bruta a retribución anual acordada neste convenio; a cantidade resultante dividida por catorce será o importe do citado complemento persoal, o cal se distribuirá en catorce mensualidades.

Artigo 7º.-Comisión paritaria.

Créase unha comisión paritaria do convenio como órgano de interpretación, arbitraxe, conciliación e vixilancia do seu cumprimento.

Ámbalas partes conveñen someter á comisión paritaria cantas discrepancias poidan xurdir da aplicación ou interpretación do convenio con carácter previo á formulación dos distintos supostos ante a autoridade ou xurisdicción laboral competente. A comisión paritaria deberá resolver tales discrepancias no prazo máximo de corenta e cinco días.

Esta comisión estará integrada por catro membros, dous pola representación da Fundación Valdegodos e outros dous en representación do persoal asinante deste convenio.

Artigo 8º.-Organización e tempo de traballo.

A organización de traballo é facultade e responsabilidade da fundación, sen prexuízo do establecido no Estatuto dos traballadores e demais lexislación vixente.

Artigo 9º.-Clasificación profesional.

Establécense as categorías profesionais, segundo o nivel de titulación, coñecemento ou experiencia esixidos para o seu ingreso. En virtude da tarefa que se vaia realizar e da idoneidade da persoa, cando non se crea necesaria a esixencia de titulación, o contrato determinará a categoría na cal se ten que integra-la persoa contratada de acordo cos coñecementos e as experiencias necesarias con relación ás funcións que se vaian exercer.

As categorías profesionais son as que se detallan na táboa salarial deste convenio.

Artigo 10º.-Período de proba.

Establécese un período de proba para tódolos traballadores dun mes. Para aqueles de categorías que requiran titulación media ou superior, o período de proba será de seis meses.

O período de proba deberá ser pactado por escrito e durante a súa vixencia as partes contratantes poderán resolver, de forma unilateral e libremente, a relación laboral sen necesidade de aviso previo e sen dereito a ningunha indemnización.

Artigo 11º.-Contratos eventuais.

Poderán formalizarse contratos eventuais de duración determinada para atender circunstancias do mercado, acumulación de tarefas ou causas imprevistas, mesmo tratándose da actividade normal da fundación. Estes contratos poderán ter unha duración máxima de doce meses nun período de referencia de dezaoito meses. Esta duración pode ser inicial ou por prórroga.

Artigo 12º.-Cesamento voluntario.

O persoal que voluntariamente desexe causar baixa na fundación deberallo notificar a esta polo menos cun mes de antelación.

A falta do aviso previo establecido facultará a fundación para deducir das partes proporcionais para aboar no momento da liquidación o equivalente diario da súa retribución real por cada día que falte no regulamentario aviso previo anteriormente fixado.

Artigo 13º.-Formación profesional.

O persoal afectado por este convenio, terá dereito a que se lle facilite a realización de estudios para a obtención de títulos académicos ou profesionais recoñecidos oficialmente ou para a realización de cursos de perfeccionamento profesional organizados pola propia fundación ou outros organismos, segundo proceda en cada caso.

Artigo 14º.-Promoción interna.

Con base no establecido no artigo anterior e sempre que existan vacantes no cadro de persoal, a fundación poderá facilitárlle-la promoción interna a postos de traballo de superior categoría a aqueles traballadores que obtivesen os títulos académicos, profesionais ou cursos de formación recoñecidos oficialmente, que o acrediten para a realización do posto de traballo ó que promociona.

Artigo 15º.-Comité de seguridade e saúde laboral.

Dado que a Fundación Valdegodos xestiona varios centros de traballo, constitúese o comité de seguridade e saúde con carácter de intercentros. O comité intercentros asume tódalas competencias que en materia de seguridade e saúde laboral poida corresponder, neste ámbito, a calquera representación dos traballadores e á fundación. O comité intercentros é un órgano paritario e colexiado de participación, destinado á consulta regular e periódica en materia de prevención de riscos laborais.

Artigo 16º.-Roupa de traballo.

A fundación está obrigada a facilitar uniformes e un par de calzado ó ano, homologados segundo a lexislación vixente. O persoal estará obrigado a

usar adecuadamente, durante a realización do seu traballo, a roupa e o calzado facilitado pola empresa.

Artigo 17º.-Xornada e horario de traballo.

Establécese unha xornada anual máxima de mil oitocentas horas, xa sexa en quenda partida, continua ou intensiva, sobre unha media de corenta horas semanais. Os traballadores que realicen esta jornada non terán dereito a xornadas libres ó longo do ano.

Correspóndelle á fundación establece-las quendas de traballo e os horarios, dos cales se lles entregará unha copia, cunha semana de antelación, ós representantes do persoal para a súa exposición no taboleiro de anuncios de cada centro de traballo.

Na elaboración das quendas, a fundación procurará que cada traballador desfrute, polo menos, dunha fin de semana libre ó mes.

O persoal que realice quenda continua ou intensiva terá dereito a realizar unha pausa de vinte minutos, que será computada como tempo efectivo de traballo.

Artigo 18º.-Cambio de quenda.

Correspóndelle á fundación concede-los cambios de quenda do persoal. Serán os directores de cada centro, logo de solicitude con antelación mínima de corenta e oito horas, os que autoricen os cambios de quendas, sendo imprescindible que a solicitude estea asinada polos dous traballadores que efectúen o cambio.

En caso de concorrencia de solicitudes dentro da mesma xornada e, se como consecuencia do número delas se producisen distorsións no funcionamento do centro que impidan a autorización da súa totalidade, terase en conta para a súa concesión:

1. O número de cambios que efectuase con anterioridade.

2. A antigüidade do traballador.

Artigo 19º.-Descanso semanal.

a) O persoal terá dereito a un descanso mínimo semanal dun día e medio (trinta e seis horas) sen interrupción, ou ben tres días cada dúas semanas. Con independencia do establecido anteriormente respectarase calquera fórmula que se pactase ou se pacte entre a fundación e o persoal.

Artigo 20º.-Vacacións.

O período de vacacións anuais será retribuído. A duración será de trinta días naturais. Naqueles casos que non se completase o ano de traballo efectivo, terán dereito á parte proporcional. De común acordo entre a fundación e os traballadores poderanse desfrutar nun período de trinta días ou en dous períodos de quince días, preferentemente nos meses de xuño, xullo, agosto ou setembro. Os traballadores coñecerán as datas das súas vacacións polo menos con dous meses de antelación ó comezo do seu desfrute.

O inicio do período de vacacións ou de desfrute das festas aboables non pode coincidir cun día de descanso, de forma que, nestes casos, se entenderán iniciadas as vacacións ó día seguinte do descanso semanal. Se o regreso das vacacións coincide co día libre, este deberá respectarse, reiniciándose o traballo o día seguinte.

Artigo 21º.-Xubilación ós sesenta e cinco anos.

Os traballadores deberanse xubilar obrigatoriamente ós sesenta e cinco anos, sen prexuízo de que a fundación poida pactar cun traballador a súa continuidade no traballo.

Artigo 22º.-Estructura retributiva.

a) Salario base. É a parte da retribución do persoal fixada por unidade de tempo e en función do seu grupo e categoría profesional, con independencia da remuneración que corresponda por posto de traballo específico ou calquera outra circunstancia.

b) Gratificacións extraordinarias. Aboaranse dúas pagas extraordinarias, con devengo semestral, equivalentes a unha mensualidade do salario base, complementos e antigüidade; a primeira con devengo do 1 de xaneiro ó 30 de xuño e aboamento o día 15 de xullo; e a segunda con devengo do 1 de xullo ó 31 de decembro, e aboamento o 15 de decembro.

c) Complemento transporte. Unha vez aplicada a garantía ad personam, establécese un complemento non salarial, non cotizable á Seguridade Social, na contía reflectida no anexo I. Este complemento non se percibirá durante o período de desfrute de vacacións.

d) Complemento nocturnidade. Os traballadores que realicen entre as 22.00 horas e as 6.00 horas unha parte non inferior a tres horas da súa xornada diaria de traballo terán unha retribución específica segundo categorías e por noite, que se establece na seguinte contía:

-Auxiliares de clínica, celadores e porteiros: 26,78 A.

-Enfermeiras: 27,20 A.

e) Antigüidade. A antigüidade fíxase na contía de 18,03 A cada tres anos.

f) Complemento domingos. Establécese un complemento domingos que se fixa na contía do 1% do salario base mensual.

Artigo 23º.-Horas extraordinarias.

Establécese un número máximo de 80 horas extraordinarias ó ano, non se computarán para estes efectos as que fosen compensadas mediante descanso dentro dos catro meses seguintes á súa realización. E aboaranse na contía do 220% da hora ordinaria calculada sobre o salario base e antigüidade.

Artigo 24º.-Incapacidade laboral.

En caso de incapacidade laboral por accidente non laboral ou enfermidade común, a fundación aboará o 75% da base de cotización que se utilice para calcular esta prestación de incapacidade, durante os tres primeiros días de baixa.

En caso de incapacidade temporal por accidente laboral, a fundación aboará como mellora económica a diferencia entre o que percibe o persoal por subsidio de incapacidade laboral, garantindo o 100% do salario (salario base-complementos e antigüidade), durante os dezasete primeiros días de baixa.

Artigo 25º.-Indemnizacións.

Establécese a seguinte indemnización para os traballadores afectados por este convenio:

a) En caso de morte derivada de accidente de traballo (incluído in itinere) e/ou enfermidade profesional 24.000 A por cada un.

b) En caso de incapacidade permanente absoluta e gran invalidez derivada de accidente de traballo (incluído in itinere) e/ou enfermidade profesional 36.000 A por cada uno.

A referida indemnización cubrirase mediante póliza de seguros e só abranguerá os procesos iniciados a partir da súa vixencia e validez.

Artigo 26º.-Incremento retribucións.

As retribucións para o ano 2003 figuran no anexo I.

Nos anos sucesivos incrementaranse segundo o IPC do ano inmediatamente anterior.

Artigo 27º.-Días festivos.

Os días festivos aboables non recuperables de cada ano natural, de común acordo coa empresa, poderán compensarse dunha destas formas:

a) Acumularse ás vacacións anuais.

b) Desfrutarse como descanso continuado en período distinto, caso no que se computarán cinco días por cada catro non desfrutados. Para os efectos de cómputo anual da xornada, o quinto día de libranza considerarase como efectivamente traballado.

c) Aboarse na nómina do mes correspondente ó que pertenza o festivo, segundo a seguinte fórmula, na que o valor do festivo inclúe o día laboral:

Valor festivo=salario mensualx1,75

30

Para efectos de compensación, considéranse días aboables non recuperables, os catorce días establecidos no calendario laboral que anualmente se publica no Diario Oficial de Galicia. O traballador non terá dereito a ser compensado polos días aboables non recuperables que coincidan co seu período de vacacións.

Polo seu significado consideraranse festivos especiais Nadal e Fin de Ano. Exclusivamente, o persoal que preste os seus servicios nas noites do 24 e 31 de decembro, será compensado con dúas xornadas ou ben lle serán aboadas segundo a seguinte fórmula, na que o valor do festivo inclúe o día laboral.

Valor festivo=salario mensualx2

30

Artigo 28º.-Permisos e licencias.

O persoal, logo de aviso e xustificación, poderá ausentarse do traballo con dereito a remuneración por algún dos motivos e polo tempo seguinte:

a) Quince días naturais en caso de matrimonio.

b) Tres días naturais nos casos de nacemento, adopción de fillo/a ou polo falecemento, accidente ou enfermidade grave ou hospitalización de convivente, parentes ata o segundo grao de consangui

nidade ou afinidade. No suposto de que o persoal necesite facer un desprazamento para tal efecto fóra da provincia ou Comunidade Autónoma uniprovincial, salvo que a distancia fose inferior a 50 quilómetros, ou por causa realmente xustificada, o prazo verase ampliado a cinco días. Poderán ampliarse estes días descontando os festivos aboables e/ou vacacións, logo de solicitude do persoal.

c) Un día por traslado do domicilio habitual.

d) Polo tempo indispensable, para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público ou persoal.

e) Ós permisos necesarios para concorrer a exames cando curse con regularidade estudios para a consecución de títulos oficiais académicos ou profesionais, tendo en conta que destes permisos unicamente serán retribuídos os correspondentes a exames eliminatorios. O persoal desfrutará deste permiso o día natural en que teña o exame se presta os seus servicios en xornada diurna ou vespertina. Se o persoal traballa de noite, o permiso desfrutarao a noite anterior ó exame.

Artigo 29º.-Licencias non retribuídas.

Licencias por asuntos propios: tres meses ó ano, que se computarán dunha soa vez ou fracción, non coincidente cos meses de xullo, agosto e setembro, solicitado cunha antelación de vinte días, salvo casos de urxente necesidade. Poderá pactarse entre empresa e persoal a prórroga deste período sen exceder en ningún caso dos seis meses.

Artigo 30º.-Excedencias.

O persoal fixo que acredite polo menos un ano de antigüidade na fundación poderá solicitar unha excedencia voluntaria por un período non inferior a un ano nin superior a cinco. A excedencia entenderase concedida sen dereito a ningunha retribución e este período non computará para efectos de antigüidade. Esta excedencia solicitarase sempre por escrito cunha antelación de, polo menos, trinta días á data do seu inicio, a non ser por casos demostrables de urxente necesidade. A contestación, que deberá ser escrita, debe ser recibida no prazo de cinco días.

Antes de finalizala e cunha antelación de polo menos trinta días, deberá solicitar por escrito o seu ingreso.

O persoal en situación de excedencia terá unicamente un dereito preferencial ó ingreso en su categoría ou similar se trala súa solicitude de reingreso existise algunha vacante nesta. En caso contrario, atoparase en situación de dereito expectante.

Se ó finalizala ou durante a súa vixencia desexa incorporarse ó traballo e non existen vacantes na súa categoría e si nunha inferior e desexase incorporarse a ela, poderá facelo coas condicións desta nova categoría para poder acceder á súa no momento en que se produza a primeira posibilidade.

En ningún caso, salvo concesión concreta ó respecto, poderá solicitar excedencia para incorporarse a presta-los seus servicios en entidades similares ás comprendidas por este convenio.

O persoal acollido a unha excedencia voluntaria non poderá optar a unha nova ata transcorridos dous anos de traballo efectivo, despois de esgotada a anterior.

Artigo 31º.-Excedencia forzosa.

A excedencia forzosa dará dereito á conservación do posto de traballo e ó cómputo da antigüidade nos seguintes supostos:

a) Designación ou elección dun cargo público.

b) O persoal que sexa elixido/a para un cargo sindical, de ámbito local ou superior, poderá así mesmo, solicitar unha excedencia especial por todo o tempo que dure o seu nomeamento, con reincorporación automática ó seu posto de traballo unha vez que esra finalice.

Artigo 32º.-Excedencia especial por maternidade e coidado de familiares.

Excedencia especial por maternidade. O persoal terá dereito a un período de excedencia de duración non superior a tres anos para atende-lo coidado de cada fillo/a, tanto cando o sexa por natureza, como por adopción, ou nos supostos de acollemento, tanto permanente como preadoptivo, contado a partir da data de nacemento ou, de se-lo caso, da resolución xudicial ou administrativa ou a partir de que finalice o descanso obrigatorio por maternidade.

O nacemento ou adopción de novos/as fillos/as xerará o dereito a futuras e sucesivas excedencias que, en todo caso, darán fin á anterior.

O período en que o persoal permaneza en situación de excedencia conforme o establecido neste artigo será computable para efectos de antigüidade e o persoal terá dereito á asistencia a cursos de formación profesional, e para a súa participación deberá ser convocado o empresario, especialmente con ocasión da súa reincorporación. Durante o primeiro ano terá dereito á reserva de suposto de traballo. Transcorrido este prazo de reserva quedará referida a un posto de traballo do mesmo grupo profesional ou categoría equivalente.

Esta opción só pode ser exercida por un dos pais en caso de que ambos traballen.

Excedencia para coidado de familiares. Tamén terá dereito o persoal a un período de excedencia, de duración non superior a un ano, para atende-lo coidado dun familiar, ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, que por razóns de idade, accidente ou enfermidade non se poida valer por si mesmo, e non desempeñe actividade retribuída. Este período de excedencia será computable para efectos de antigüidade e o persoal terá dereito á asistencia a cursos de formación profesional, á participación dos cales deberá ser convocado polo empresario, especialmente con ocasión da súa reincorporación.

En todo caso se aplicará o disposto na Lei 39/1999, de conciliación da vida laboral e familiar.

Artigo 33º.-Relacións laborais.

Todo o que non se cita neste convenio, se rexerá polas normas xerais do Estatuto dos traballadores

e a normativa vixente de residencias privadas de persoas maiores.

ANEXO I

Retribucións ano 2003

Categoría

profesional

Salario base x14 (A)Antigü.

x14 (A)

Trpte.

x11 (A)

Administrador/a1.226,2418,0340,87
Xerente1.226,2418,0340,87
Director/a1.226,2418,0340,87
Médico1.021,8718,0340,87
Titulado superior1.021,8718,0340,87
ATS/DUE817,4918,0340,87
Asistente social817,4918,0340,87
Fisioterapeuta817,4918,0340,87
Terapeuta ocupacional817,4918,0340,87
Titulado medio817,4918,0340,87
Xefe de servicio817,4918,0340,87
Gobernante/a658,0818,0340,87
Supervisor/a658,0818,0340,87
Encargado de servicios658,0818,0340,87
TASOC658,0818,0340,87
Oficial/a mantemento658,0818,0340,87
Oficial/a administrativo658,0818,0340,87
Conductor658,0818,0340,87
Xardinería658,0818,0340,87
Auxiliar de clínica658,0818,0340,87
Oficial de oficios diversos658,0818,0340,87
Xericultor/a645,8218,0340,87
Auxiliar mantemento645,8218,0340,87
Auxiliar administrativo645,8218,0340,87
Porteiro-recepcionista645,8218,0340,87
Celador645,8218,0340,87
Cociñeiro/a645,8218,0340,87
Coidador/a60518,0340,87
Axudante de cociña592,6918,0340,87
Limpador/a592,6918,0340,87
Persoal non cualificado592,6918,0340,87