Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Xoves, 12 de xuño de 2003 Páx. 7.652

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 21 de maio de 2003 pola que se fai público o acordo de creación do Observatorio Galego dos Empresarios Individuais, Profesionais e Traballadores Autónomos.

A relevancia do colectivo autónomo na rede entramada económico e social española e en calquera das súas CC.AA. é innegable; a xeración de emprego e autoemprego, a base e sustento de numerosas economías familiares e a importancia relativa en número respecto da totalidade de empresas da comunidade obrigan a que deba ser considerado un colectivo de interese especial en calquera economía e, en particular, na economía galega.

As persoas físicas e as comunidades de bens supoñen o 69,3% do total de empresas establecidas en Galicia, o que manifesta o importante peso relativo no conxunto de empresas. Este peso relativo resulta ademais lixeiramente superior á media nacional.

Por autónomo pódese entender a toda persoa que desenvolve un negocio por conta propia, organiza

o seu traballo, xestiona o negocio e é o responsable do seu resultado, pero esta ampla definición abarca unha casuística case ilimitada, xa que tanto pode ser autónomo un taxista como o propietario dunha cafetería ou o propietario dunha pequena empresa con dez traballadores, que presta servicio a unha grande empresa industrial; todos poden ser autónomos e acollerse ó mesmo réxime de protección social, pero as situacións e problemáticas de cada tipo de autónomo son moi distintas, existindo sen embargo tamén, certas áreas de interese común.

As necesidades e demandas comúns do colectivo de empresarios autónomos obedecen a moi diversas áreas: fiscal e tributaria, estatutaria, formación específica, asuntos relativos á seguridade social, pensións, baixas, accidentes laborais, entre outros; pero tamén e de xeito crecente o colectivo no seu conxunto ben demandando unha maior atención ó seu desenvolvemento como auténticas PEME, prestando atención ós aspectos de xestión empresarial, planificación e expansión controlada, integración na sociedade da información, cara a aproveita-las oportunidades e enfrontar de mellor xeito as situacións cambiantes do mercado, a era dixital, etc. e, en definitiva, veñen demandando, explícita e implicitamente, apoios especificamente deseñados para esta tipoloxía de destinatario, cara á súa maduración e consolidación como empresa e á renovación e modernización do sector.

O reducido tamaño característico da empresa individual, o seu tradicional illamento e os múltiples papeis levados a cabo directamente polo propio empresario supoñen obstáculos adicionais ó dirixi-la atención ás circunstancias cambiantes do mercado, ás posibilidades das novas tecnoloxías e a modelos de xestión e organización avanzados que poderián significar unha considerable mellora nas condicións de traballo e nas perspectivas dos negocios.

A estes datos pódense engadi-las estatísticas de afiliacións ó réxime especial de autónomos da Seguridade Social, segundo as que existen en Galicia, ó 31 de decembro de 2002, 167.426 persoas afiliadas ó dito réxime (2.674.945 en España á mesma data) o que representa nos dous territorios arredor dun 6% da súa poboación.

Todas estas consideracións, que poderían resumirse na importancia relativa do colectivo autónomo na rede económica de Galicia, e as súas preocupacións como colectivo, aconsellan a xeración e posta en marcha dun espacio permanente de reflexión e posta en común relativo ó colectivo de empresarios e traballadores autónomos de Galicia coa participación de membros representativos do dito colectivo e da Administración que contribúa a facilitárlle-la canalización e análise das súas inquietudes e a interlocución coa Administración.

Considérase que o Igape, polo seu carácter horizontal de Axencia de Desenvolvemento Rexional é o organismo oportuno para aglutinar tódalas casuísticas posibles da problemática do empresario autónomo, sendo unha das funcións encomendadas pola

súa lei de creación a de promover, fomentar e potenciar actividades económicas que favorezan o desenvolvemento equilibrado e integrado en termos sectoriais e territoriais.

O funcionamento do Observatorio Galego dos Empresarios Individuais, Profesionais e Traballadores Autónomos non suporá incremento do gasto, e será atendido cos medios materiais e persoais xa existentes no Igape.

Por todo o anterior, logo de consulta cos distintos departamentos da Xunta de Galicia, dos representantes das administracións locais e das organizacións empresariais máis representativas,

RESOLVO:

Facer público o acordo do Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza de data 28 de abril de 2003:

1. Créase, dentro do ámbito do Instituto Galego de Promoción Económica, o Observatorio Galego dos Empresarios Individuais, Profesionais e Traballadores Autónomos, como foro permanente de reflexión e análise da situación deste colectivo, identificando en cada momento os principais problemas e as áreas de actuación de maior interese, tanto desde o plano estructural como coxuntural, na procura de respostas e solucións ás problemáticas previamente identificadas.

2. Serán funcións do observatorio as seguintes:

a) Identificación e discusión dos aspectos e cuestións que en cada momento constitúen as principais preocupacións do colectivo cara á mellora da súa competitividade.

b) Promoción da elaboración de informes, estudios e investigacións sobre temas de interese, tanto a nivel global como nos distintos sectores económicos que integran o colectivo, que faciliten a análise das cuestións identificadas como de especial preocupación e permitan facer un seguimento da evolución deste colectivo empresarial.

c) Recompilación e estudio dos instrumentos e políticas existentes a favor dos empresarios e traballadores autónomos galegos e difusión da dita información.

d) Transmisión ós órganos competentes por parte do observatorio ou a través da consellería competente, daquelas propostas que, unha vez elaboradas e aprobadas no observatorio, poderían contribuír a dar resposta ás necesidades identificadas.

e) Calquera outra que por unanimidade sexa estimada pertinente para os obxectivos do observatorio.

3. O observatorio reunirase por convocatoria do seu presidente, alomenos dúas veces ó ano.

4. Presidirá o observatorio o conselleiro de Economía e Facenda e presidente do Igape, sendo vice

presidenta del a conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

5. Ademais, formarán parte do observatorio:

a) O director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica.

O director xeral do Instituto Galego de Estatística.

O director xeral de Tributos.

O director xeral de Comercio.

O director xeral de Promoción do Emprego.

O director xeral de Familia.

O director xeral de Turismo.

O director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

O secretario xeral da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

O director xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria.

Un representante da Federación Galega de Municipios e Provincias.

b) Tres representantes designados por cada unha das seguintes organizacións:

-Federación de Autónomos de Galicia.

-Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos (UPTA-Galicia).

-Federación Galega de Comercio.

c) Aqueles organismos intermedios que polas súas funcións e servicios se vexan vinculados ó obxectivo deste foro poderán solicita-la súa incorporación en calquera momento. Ademais, puntualmente poderá invitarse ás reunións do observatorio a representantes da Administración central ou doutras institucións autónomicas ou locais, así como a aqueles expertos que fosen considerados de interese por razón da materia que se vaia debater.

6. Os organismos e institucións que compoñen o observatorio deberán designa-los seus representantes no prazo de dez días desde a publicación no Diario Oficial de Galicia da súa creación.

7. A constitución do observatorio terá lugar na súa primeira xuntanza, que será convocada polo presidente tralas designacións de representantes das distintas institucións e organizacións.

A presente resolución entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2003.

Margarita Rodríguez Rama

Directora xeral do Instituto Galego de Promoción

Económica

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA