Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Luns, 09 de xuño de 2003 Páx. 7.414

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

DECRETO 274/2003, do 4 de xuño, polo que se regula o procedemento de obtención do permiso e concesión de actividade para os establecementos de acuicultura e auxiliares de acuicultura na zona terrestre.

A Comunidade Autónoma de Galicia foi pioneira no exercicio e na regulación da acuicultura mariña, erixíndose hoxe como un sector económico de primeira magnitude en constante expansión, tanto empresarial como en materia de investigación e desenvolvemento. Máis de tres mil bateas, gaiolas de cultivo ou as numerosas granxas mariñas que se instalan na orla do litoral galego constitúen un importante potencial xerador de emprego na economía litoral que se enmarca na máis xenuína tradición marítima galega que desde o século XIX destacou no cultivo de mariscos e que deu lugar a unha interesante normativa.

Os artigos 148.1.11 da Constitución e 27.15º do Estatuto de autonomía para Galicia, atribúen a nosa comunidade autónoma a competencia exclusiva en materia de acuicultura. En desenvolvemento desta competencia, a Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia, regula a acuicultura mariña, tanto a que se realiza na zona marítima, como a que se leva a cabo na zona marítimo-terrestre ou terrestre.

A Lei de pesca de Galicia atribúelle, no seu artigo 10, á Administración autonómica o outorgamento dos títulos administrativos habilitantes para o exercicio da actividade, incluso cando esta se desenvolva en terreos de dominio público estatal. Tal atribución foi declarada constitucional, sen infracción das competencias estatais, á luz do artigo 112 d) da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, polo Tribunal Constitucional na súa sentencia 9/2001, do 18 de xaneiro, ó indicar que o réxime xeral previsto na Lei de costas, que atribúe ó Estado a competencia para outorgar autorizacións e concesións para a ocupación do dominio público estatal, encontra a súa excepción na propia Lei de costas para os supostos de cultivos mariños, onde a intervención do Estado para autoriza-la ocupación do demanio prodúcese, non a través da concesión ou acto específico correspondente, senón mediante a emisión dun informe con carácter preceptivo e vinculante.

Á acuicultura mariña en zona terrestre refírese o artigo 66 da Lei de pesca de Galicia, que menciona dous posibles títulos habilitantes para a instalación de establecementos de acuicultura e auxiliares de acuicultura en zona terrestre: o permiso de actividade, cando non se requira ocupar terreos de dominio público, e a concesión, cando a instalación si precise de tal ocupación; concesión que, trala sentencia do Tribunal Constitucional 9/2001 antes citada e segundo o artigo 10 a) da Lei de pesca de Galicia, debe ser cualificada de actividade, e na

que necesariamente debe integrarse o informe da Administración do Estado antes referido sobre a ocupación do dominio público.

Deste xeito, considérase necesario proceder á modificación da normativa contida no Decreto 193/1997, do 15 de xuño, polo que se determinan as condicións para o outorgamento do permiso de actividade para os establecementos de cultivos mariños e auxiliares situados na zona terrestre, ata agora vixente. Así, neste novo decreto recóllese a doutrina constitucional antes sinalada, regulando a concesión de actividade como título administrativo habilitante para a instalación dos establecementos de acuicultura en zona terrestre que precisen da ocupación de terreos de dominio público marítimo-terrestre, integrándose nela o contido do informe estatal sobre a ocupación do demanio. Prevese, tamén, que se transcorren tódolos prazos sinalados sen que emita o informe a Administración estatal, poida continuarse coa tramitación do procedemento, unha previsión que ten o seu acomodo no artigo 83.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento

administrativo común.

Igualmente, prevense mecanismos de coordinación interadministrativa nos procedementos para a obtención do permiso de actividade, ou se é o caso, concesion de actividade, como é a tramitación da información pública cando a instalación de acuicultura estiver suxeita ó procedemento de avaliación de impacto ambiental ou de efectos ambientais, ou precisar da autorización de verteduras, na procura de que sexan máis áxiles no seu desenvolvemento; lentitude que ata agora se consideraba como a principal traba que lastraba a expansión dun sector, como o acuícola, de vital importancia no desenvolvemento económico da nosa comunidade autónoma, e que co presente decreto se pretende eliminar.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catro de xuño de dous mil tres,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Do obxecto.

O obxecto do presente decreto é a regulamentación dos procedementos administrativos para o outorgamento, modificación, prórroga e transmisión dos títulos administrativos habilitantes para a realización de actividades de acuicultura mariña na zona terrestre.

Artigo 2º.-Dos títulos administrativos habilitantes.

1. Os establecementos de acuicultura e auxiliares de acuicultura mariña na zona terrestre requirirán do permiso de actividade outorgado pola consellería competente en materia de acuicultura, sen prexuízo

dos permisos, licencias e autorizacións que corresponda outorgar a outros organismos no exercicio das súas competencias.

2. Cando para o desenvolvemento da actividade de acuicultura sexa preciso, ademais, ocupar terreos de dominio público marítimo-terrestre, de conformidade co establecido no artigo 112, punto d), da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, corresponderá a Administración do Estado emitir informe, con carácter preceptivo e vinculante, sobre tal ocupación, que se integrará na concesión de actividade que outorgará a consellería competente en materia de acuicultura.

Artigo 3º.-Duración do permiso e da concesión de actividade.

1. O permiso de actividade outorgarase por un período máximo de 10 anos, prorrogables por períodos de igual duración.

2. No caso de que o establecemento precise da ocupación de dominio público marítimo-terrestre, a concesión de actividade outorgarase por un período máximo de 10 anos, prorrogables por períodos de igual duración ata un máximo de 30 anos, no caso de que se demostre a rendabilidade e bo uso da explotación.

Artigo 4º.-Do órgano competente.

Enténdese por órgano competente para a tramitación dos procedementos regulados no presente decreto a consellería que teña as competencias en materia de acuicultura e, dentro desta, o órgano que teña atribuída no decreto de estructura orgánica a dita función.

Artigo 5º.-Da extinción.

O permiso e a concesión de actividade extinguiranse, ademais de polas causas previstas no artigo 72 da Lei 6/1993, de pesca de Galicia, polas seguintes:

a) A non remisión dos datos estatísticos ós que se refire o artigo 18 da Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia, á consellería competente en materia de acuicultura, logo do incumprimento de dous requirimentos.

b) O non aboamento dos cánones establecidos, cando o seu importe non poida facerse efectivo pola vía de constrinximento.

c) O incumprimento dos obxectivos de rendabilidade previstos no proxecto de acuicultura, cando os mesmos foran imputables ó titular da explotación.

d) As causas recollidas na Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, para a extinción das concesións de ocupación de dominio público marítimo-terrestre.

Artigo 6º.-Da cooperación interadministrativa.

De conformidade co disposto no artigo 3 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo comun, e no artigo 116 da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, as admi-

nistracións intervinientes nos procedementos regulados no capítulo II deberán axusta-la súa actuación ós principios de cooperación e colaboración interadministrativa para garanti-la eficacia e celeridade na tramitación do permiso de actividade e, se é o caso, concesión, necesarios para a realización de actividades de acuicultura na zona terrestre.

Capítulo II

Dos procedementos administrativos

Sección primeira

Procedemento de outorgamento

Artigo 7º.-Tramitación.

O procedemento para a obtención do permiso de actividade e, se é o caso, da concesión de actividade, rexerase polas normas previstas no presente decreto e no non regulado neste, axustarase ó establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do pocedemento administrativo común.

Artigo 8º.-Da solicitude.

1. A solicitude para a instalación de establecementos de acuicultura e auxiliar de acuicultura en zona terrestre deberá dirixirse ó conselleiro competente en materia de acuicultura e presentarase en calquera das formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992,do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Á solicitude, que deberá axustarse ó modelo que figura como anexo número I do presente decreto, deberá xuntarse, alomenos, a seguinte documentación:

a) Acreditación da personalidade do peticionario mediante:

1º Fotocopia compulsada do DNI ou pasaporte do solicitante, se é persoa física. No caso de propiedade compartida en réxime de gananciais ou proindiviso, achegarase o DNI ou pasaporte de tódolos copartícipes.

2º Nos supostos de sociedades mercantís, escritura da súa constitución ou modificación, se é o caso, inscritas no Rexistro Mercantil, cando este requisito fora esixible conforme coa lexislación mercantil que lle fora aplicable; así como copia dos estatutos polos que se rexa e acreditación da representación e documento nacional de identidade de quen actúa no seu nome. Nos supostos doutras persoas xurídicas, copia da escritura ou documento de constitución, os seus estatutos ou acto fundacional, no que consten as normas polas que se rexe, coa inscrición destes no rexistro público correspondente e acreditación da representación e documento nacional de identidade de quen actúa como representante.

b) A que acredite a titularidade dos terreos. Se o solicitante non fose o titular deles, deberá achega-la documentación que acredite o réxime de ocupación dos mesmos e na que se inclúa a autorización expresa do seu titular para instala-lo establecemento e dedicalo á actividade acuícula solicitada durante, como mínimo, o período de vixencia do título administrativo habilitante.

c) Proxecto do establecemento, subscrito por técnico competente, que incluirá planos, información fotográfica da zona e orzamento das obras que se van realizar.

d) Estudio económico-financeiro para o período de vixencia da explotación previsto na solicitude, subscrito por técnico competente, que analice a rendabilidade da explotación con base en dous escenarios económicos, á alta e á baixa, e desenvolva a evolución previsible da explotación.

e) Memoria técnico-biolóxica asinada por técnico competente que, como mínimo, incluirá unha descrición detallada da actividade que se vai desenvolver, especies obxecto de explotación e circulación hidráulica.

f) Acreditación da dispoñibilidade da capacidade técnica axeitada ós requirimentos do establecemento de que se trate.

g) Informe do órgano ambiental no que se sinale o tipo de trámite ambiental ó que se someterá o proxecto.

h) Xustificante de estar ó corrente nas súas obrigas coa Seguridade Social e coa Facenda Pública.

i) Xustificante do ingreso da taxa correspondente da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. No caso de que o establecemento precise da ocupación de dominio público marítimo-terrestre, ademais da documentación requirida no punto anterior, esixirase a que se relaciona a seguir:

a) Plano 1/1000 no que se represente a liña de deslinde e a superficie de dominio público marítimo-terrestre que se vai ocupar.

b) Certificación catastral correspondente ós terreos colindantes.

c) Xustificante acreditativo de constitución, ante a consellería competente en materia de acuicultura, da fianza ou garantía provisional correspondente ó 2% das obras para realizar, se é o caso, no dominio público marítimo-terrestre, segundo o artigo 88.1º da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas.

d) Plano de planta e carta naútica ou outra representación cartográfica, con coordenadas e batimetría.

4. No suposto de que o establecemento precise da autorización de verteduras, ademais da documen

tación requirida nos puntos anteriores, esixirase a que se relaciona a seguir:

a) Volumes de auga consumidos e verteduras.

b) Punto de vertedura (coordenadas UTM).

c) Características analíticas da vertedura.

d) Proxecto técnico das instalacións de tratamento da vertedura.

Artigo 9º.-Emenda da solicitude.

1. Presentada a solicitude, a consellería competente en materia de acuicultura comprobará que se acompaña de toda a documentación requirida. No suposto de faltar algún dos documentos previstos pola presente norma, notificaráselle ó solicitante para que emende as deficiencias observadas no prazo de 10 días a contar desde o día seguinte ó da notificación realizada.

2. Se o solicitante non emenda as deficiencias, considerarase desistido da súa solicitude, logo de resolución, de conformidade co disposto nos artigo 71 e 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/ 1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 10º.-Información pública.

1. Unha vez completa a documentación, abrirase un período de información pública, mediante a súa inserción no Diario Oficial de Galicia, que non será inferior a 20 días para efectos da presentación de posibles alegacións.

2. Exceptuaranse do trámite de información pública aqueles datos da solicitude que, de acordo coa lexislación vixente, gocen de confidencialidade.

3. No suposto de que a instalación de acuicultura estiver suxeita ó procedemento de avaliación de impacto ambiental ou de efectos ambientais, ou precisar da autorización de verteduras, a información pública substantiva e ambiental tramitaranse conxuntamente de conformidade cos prazos establecidos na normativa de aplicación a tales procedementos.

Artigo 11º.-Traslado do expediente ó órgano ambiental.

Se o proxecto precisar da declaración de impacto ambiental ou de efectos ambientais, unha vez finalizado o período de información pública, remitirase copia do expediente ó órgano ambiental para os efectos previstos na normativa de aplicación a tales procedementos.

Artigo 12º.-Dos informes xerais.

1. Rematado o período de información pública, e recibidas as alegacións e observacións presentadas, a consellería competente en materia de acuicultura remitirá copia de todo o expediente ós distintos órganos que deban pronunciarse sobre as diferentes materias da súa competencia no prazo máximo dun mes.

2. No suposto de non emitirse o informe no prazo previsto no parágrafo anterior, proseguirase coa tramitación das actuacións, excepto nos supostos de informes preceptivos que sexan determinantes para a resolución do procedemento, nos que se poderá interrompe-lo prazo dos trámites sucesivos.

3. En ningún caso se poderá acorda-la suspensión do prazo de emisión de informe. Non obstante, o informe emitido fóra de prazo pero recibido antes de dicta-la resolución deberá ser valorado pola consellería competente en materia de acuicultura.

Artigo 13º.-Informe sobre as repercusións en espacios naturais protexidos.

Cando a instalación de establecementos de acuicultura e auxiliares de acuicultura se proxecte en espacios naturais declarados protexidos, será necesario a obtención de informe preceptivo e vinculante da consellería competente en materia de conservación da natureza.

Artigo 14º.-Informe de ocupación do dominio público.

1. No suposto de que para o desenvolvemento da actividade de acuicultura na zona terrestre sexa preciso ocupar terreos de dominio público marítimo-terrestre, corresponderá á Administración do Estado, de conformidade co establecido no artigo 112, punto d), da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, emitir informe, con carácter preceptivo e vinculante, sobre tal ocupación, e se é o caso, determina-las características e duración dela.

2. Unha vez rematado o período de información pública, a documentación que afecta ó informe sobre a ocupación do dominio público marítimo-terrestre será remitida pola consellería competente en materia de acuicultura á Administración do Estado para a emisión do referido informe no prazo máximo de dous meses desde a recepción do expediente.

No suposto de non emitirse o informe no prazo sinalado no parágrafo anterior, a consellería competente en materia de acuicultura requirirá a Administración competente para que emita con carácter urxente o citado informe no prazo máximo de 20 días.

3. Transcorridos tódolos prazos fixados no presente artigo sen que se emitise o informe requirido, seguirase a tramitación do procedemento, de conformidade co establecido no artigo 83.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Non obstante o anterior, no suposto de recibirse o informe fóra de prazo pero antes de dictar resolución, este deberá ser tido en conta pola consellería competente en materia de acuicultura.

4. O informe dictado con posterioridade á resolución do procedemento non será tido en consideración nin vinculará a consellería competente en materia de acuicultura.

5. Se o informe ó que fai referencia o presente artigo é contrario á ocupación do dominio público, a consellería competente en materia de acuicultura deberá dictar resolución motivada denegatoria da concesión de actividade solicitada.

6. A solicitude á Administración do Estado do informe sobre a ocupación do dominio público marítimo-terrestre suspenderá o cómputo do prazo máximo para resolve-lo procedemento tramitado pola comunidade autónoma e notifica-la resolución, polo tempo que medie entre a petición, que deberá comunicarse ós interesados, e a recepción do informe, que igualmente deberá ser comunicada a aqueles. O prazo de suspensión non poderá exceder en ningún caso de tres meses.

Artigo 15º.-Autorización de verteduras.

A consellería competente en materia de acuicultura remitirá copia de todo o expediente ó órgano competente da Administración hidráulica da Comunidade Autónoma de Galicia para que no prazo dun mes outorgue ou non a autorización de verteduras. Se a resolución fose denegatoria, a consellería competente en materia de acuicultura deberá dictar resolución motivada denegatoria da concesión e do permiso de actividade solicitados.

Artigo 16º.-Da proposta de resolución e do trámite de audiencia.

1. A consellería competente en materia de acuicultura, tras realizar unha avaliación de todo o expediente, elaborará proposta de resolución que incorporará as condicións que resulten dos informes vinculantes emitidos, tras un trámite de audiencia de 10 días naturais ós interesados.

2. Cando no trámite de audiencia ó que se refire o parágrafo anterior se realizaran alegacións, darase traslado das mesmas, xunto coa proposta de resolución, ós organos competentes para emitir informes vinculantes en trámites anteriores para que no prazo máximo de quince días, manifesten o que estimen conveniente, que igualmente terá carácter vinculante nos aspectos referidos a materias da súa competencia.

Artigo 17º.-Da resolución.

1. A consellería competente en materia de acuicultura dictará e notificará a resolución que poña fin ó procedemento no prazo máximo de seis meses.

2. Trancorrido o prazo máximo de seis meses sen notificarse notificado resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude presentada.

Artigo 18º.-Do contido da resolución.

1. A resolución do permiso de actividade de establecementos de acuicultura e auxiliares de acuicultura terá o contido mínimo seguinte:

a) Titular do permiso de actividade, con indicación do DNI ou CIF.

b) Tipo de establecemento e/ou de actividade.

c) Especies autorizadas.

d) Localización.

e) A superficie de dominio privado para ocupar pola instalación.

f) Características básicas das instalacións.

g) Capacidade do establecemento, se tivese finalidade productiva.

h) Prazo de outorgamento, con indicación da vixencia do título habilitante, e posibilidade de prórroga.

i) Prazo para a realización das obras e instalacións e para a posta en funcionamento e explotación.

k) Causas de extinción.

l) Condicións particulares baixo as que se outorga o título habilitante, con referencia, se é o caso, á autorización de vertedura e á declaración ambiental correspondente.

2. A resolución da concesión de actividade de establecementos de acuicultura e auxiliares de acuicultura, ademais do contido sinalado no punto anterior, recollerá tamén o seguinte:

a) Superficie de dominio privado e de dominio público para ocupar pola instalación.

b) Canon para pagar en concepto de ocupación do dominio público.

c) Obriga do adxudicatario de constituír, ante o servicio periférico da Dirección Xeral de Costas, a fianza definitiva do 5% do orzamento correspondente das obras e instalacións, segundo o artigo 88.2º da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas.

d) A realización do replanteo antes de inicia-la execución das obras ou instalacións.

Artigo 19º.-Da notificación e publicidade.

1. A consellería competente en materia de acuicultura notificará a resolución ós interesados, ó concello onde se situará a instalación e ós órganos que emitiron informe vinculante.

2. A resolución, no caso de ser favorable, será publicada no Diario Oficial de Galicia. O solicitante beneficiario da autorización deberá pagar con carácter previo o prezo público correspondente ó anuncio da resolución. O anuncio deberá conter, como mínimo, a identidade do beneficiario, a duración do permiso, a situación da instalación así como as especies autorizadas.

Sección segunda

Prórroga

Artigo 20º.-Da prórroga.

1. O titular do permiso de actividade que desexe solicita-la prórroga do dito permiso e, se é o caso, da concesión, deberá solicitalo cunha antelación mínima de seis meses ó vencemento do prazo de vixencia.

2. A solicitude, que deberá axustarse ó modelo que figura como anexo número II do presente decreto, deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Identificación persoal do solicitante.

b) Xustificante do ingreso da taxa correspondente da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Acreditación da rendabilidade e bo uso da explotación no último período de vixencia outorgado, incluíndo un informe técnico-biolóxico sobre a producción acadada e unha memoria económica-financeira avalada polos correspondentes rexistros e documentos contables, persoal empregado e a súa cualificación.

d) Cronogramas coas previsións de producción e económicas no período de prórroga solicitado, recollendo a evolución previsible e a rendabilidade da explotación; innovacións e cadro de persoal previstos.

Artigo 21º.-Alegacións.

Da solicitude de prorroga e da documentación presentada remitirase copia a tódolos órganos que emitiron orixinariamente informe, para que formulen alegacións na metade dos prazos fixados neste decreto. De emitirse en prazo, as alegacións sobre a ocupación do dominio público marítimo-terrestre serán vinculantes.

Artigo 22º.-Da falta de resolución expresa.

Se vencido o prazo de vixencia do permiso e solicitada a prórroga conforme o artigo 20º, a consellería competente en materia de acuicultura non dictara resolución expresa, entenderase estimada e, consecuentemente, prorrogado o título administrativo nas mesmas condicións nas que foi outorgado inicialmente.

Sección terceira

Transmisión

Artigo 23º.-Da transmisión.

1. Os establecementos amparados polo permiso ou concesión de actividade poderán ser transmitidos, inter vivos ou mortis causa, logo da obtención da autorización da consellería competente en materia de acuicultura, segundo as condicións previstas no presente regulamento.

2. A solicitude, que deberá axustarse ós modelos que figuran como anexos números III A e III B do presente decreto, deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Cando se trate de transmisións inter-vivos:

1º Acreditación da personalidade do solicitante e do adquirente.

2º Xustificación, por parte do adquirente, da capacidade técnica adecuada ás características do establecemento.

3º Xustificante do ingreso da taxa correspondente da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Nos supostos de transmisións mortis-causa, ademais do previsto na letra a), requirirase o que se relaciona a seguir:

1º Acreditación dos herdeiros e/ou representantes.

2º Certificado de defunción e do Rexistro de Derradeiras Vontades.

3º Copia autenticada do testamento ou declaración de herdeiros.

4º Caderno particional da herdanza, se é o caso.

5º Solicitude ou carta de pagamento do imposto de sucesión e doazóns.

Artigo 24º.-Da transmisión inter-vivos.

Cando se trate da transmisión inter-vivos, a eficacia da autorización quedará supeditada á acreditación, por parte do adquirente, da propiedade do establecemento e do pagamento do imposto sobre o valor engadido ou do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, segundo proceda; todo iso no prazo máximo dun mes a contar desde o día seguinte ó da publicación no Diario Oficial de Galicia da autorización previamente outorgada.

Transcorrido o citado prazo sen que o adquirente cumprise tódolos requisitos establecidos no parágrafo anterior, producirase a caducidade automática da autorización, logo da comunicación da consellería competente en materia de acuicultura.

Artigo 25º.-Transmisión mortis-causa.

Cando se trate de transmisións mortis-causa, os herdeiros comunicarán á Administración o feito causante da sucesión con indicación da data de defunción, debendo manifestar ante aquela o seu propósito de subrogarse nos dereitos e obrigas daquel no prazo máximo dun ano desde a data de falecemento. Transcorrido este último prazo sen manifestación expresa, entenderase que renuncian ó permiso ou concesión de actividade.

Artigo 26º.-Subrogación.

O adquirente subrogase nas mesmas obrigas e dereitos do anterior titular, incluídas as condicións de rendabilidade e bo uso da explotación previstos no título administrativo de outorgamento.

Artigo 27º.-Comunicación.

Cando os establecementos a que se refire o parágrafo primeiro do artigo 23º estean no dominio público marítimo-terrestre, a consellería competente en materia de acuicultura comunicará a transmisión á Administración titular do dominio público.

Sección cuarta

Modificación

Artigo 28º.-Da modificación.

A consellería competente en materia de acuicultura poderá autorizar modificacións das caracterís

ticas dos establecementos de acuicultura e auxiliares de acuicultura amparados polo permiso de actividade ou concesión de actividade, sempre que tales modificacións non afecten ó volume de edificabilidade do establecemento ou ó dominio público marítimo-terrestre. Neste último caso, a solicitude deberá axustarse ó procedemento establecido no presente decreto para o outorgamento do correspondente título administrativo habilitante.

Disposicións adicionais

Primeira.-A modificación dos modelos de solicitude poderá realizarse mediante orde dictada polo conselleiro competente en materia de acuicultura.

Segunda.-O presente decreto non será de aplicación para o outorgamento dos permisos para a explotación de expositores e centros reguladores de crustáceos, que se regularán polas disposicións específicas dictadas para o efecto.

Disposición transitoria

Os procedementos iniciados con anterioriedade á entrada en vigor do presente decreto tramitaranse polo Decreto 193/1997, do 5 de xuño, polo que se determinan as condicións para o outorgamento do permiso de actividade para o establecementos de cultivos mariños e auxiliares situados na zona terrestre.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas todas aquelas disposicións de igual ou inferior rango que contraveñan ou se opoñan ó establecido neste decreto, e en particular, queda derrogado o Decreto 193/1997, do 5 de xuño, polo que se determinan as condicións para o outorgamento do permiso de actividade para o establecementos de cultivos mariños e auxiliares situados na zona terrestre.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro competente en materia de acuicultura para que, no ámbito da súa competencia, dicte as disposicións oportunas para o desenvolvemento do presente decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor ós vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catro de xuño de dous mil tres.

P.A.

José Antonio Orza Fernández

Presidente

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E

DESENVOLVEMENTO RURAL