Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Luns, 09 de xuño de 2003 Páx. 7.413

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 2 de xuño de 2003 pola que se regulan e protexen os datos de carácter persoal existentes na Dirección Xeral da Función Pública da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública da Xunta de Galicia.

O artigo 20 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal (BOE nº 298, do 14 de decembro), especifica que a creación, modificación ou supresión dos ficheiros das Administracións públicas só poderán facerse mediante a disposición xeral correspondente.

Na súa virtude, esta Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública da Xunta de Galicia

DISPÓN:

Primeiro.-Mediante esta orde créase o ficheiro especificado no anexo, que contén a información esixida no artigo 20.2º da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal para as disposicións de creación dos ficheiros.

Segundo.-O titular do órgano responsable destes ficheiros adoptará as medidas de xestión e organización que sexan necesarias, asegurando a súa confidencialidade, e os dereitos e obrigas recoñecidas na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro.

Terceiro.-Os datos de carácter persoal, rexistrados nos ficheiros da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, ós que se refire o anexo só serán utilizados para os fins expresamente previstos e polo persoal debidamente autorizado.

Cuarto.-Os datos só poderán ser cedidos nos supostos expresamente previstos pola lei.

Disposición adicional

No caso de cesións dos datos ós servicios de estatística das Administracións públicas haberá que aterse, ademais, ó disposto na normativa vixente sobre materia estatística.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor O día seguinte Ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2003.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública

ANEXO

Ficheiros de nova creación responsabilidade da Dirección Xeral de Función Pública.

RCP, Rexistro Central de Persoal.

a) Finalidade do ficheiro e uso previsto: rexistro de persoal da Xunta de Galicia orientado a axilizar, racionalizar e informatiza-la xestión dos recursos humanos.

b) Persoas ou colectivos sobre os que se pretende obter datos de carácter persoal:

Persoal funcionario, interino e persoal laboral que presta servicios na Xunta de Galicia.

Persoal que solicita a súa inclusión nas listas de contratación temporal da Xunta de Galicia.

Persoal que opta á condición de persoal funcionario ou laboral a través de calquera dos procesos selectivos convocados pola Xunta de Galicia.

Persoal con dereito ó reparto do Fondo de Acción Social da Xunta de Galicia.

c) Procedemento de recollida de datos: formularios, cupóns ou transmisións electrónicas de datos vía Internet.

d) Estructura básica do ficheiro: base de datos.

-Datos de carácter identificativo: DNI/NIF, nome e apelidos, enderezo (postal, electrónico) e teléfono.

-Datos de características persoais: data e lugar de nacemento, nacionalidade e sexo.

-Datos académicos e profesionais: cursos de formación e titulacións académicas.

-Datos relativos ó emprego: corpo/escala, categoría profesional, grao, postos de traballo desempeñados, situación administrativa, historial do traballador, antigüidade.

e) Cesión de datos: ós tribunais encargados de resolve-los procesos selectivos cederanse aqueles datos relativos ó persoal que opta ó corpo, escala ou categoría profesional que lles corresponde xulgar.

f) Órgano responsable do ficheiro: a Dirección Xeral da Función Pública, encadrada na Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública da Xunta de Galicia.

g) Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición de datos que constan no ficheiro poderán exercerse, se é o caso, ante a unidade ou dependencia responsable do ficheiro, sita no edificio administrativo San Caetano, s/n, 15704 Santiago de Compostela.

h) Medidas de seguridade: nivel básico. As medidas de seguridade polas que se rexerá este ficheiro están especificadas no documento de seguridade da Dirección Xeral de Organización e Sistemas Informáticos.