Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Venres, 06 de xuño de 2003 Páx. 7.326

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 2 de xuño de 2003 pola que se resolve definitivamente o concurso de traslados entre funcionarios docentes dos corpos de profesores de ensinanza secundaria, profesores técnicos de formación profesional, profesores de escolas oficiais de idiomas, catedráticos e profesores de música e artes escénicas, profesores e mestres de taller de artes plásticas e deseño.

Resoltas as reclamacións e renuncias producidas á resolución provisional, e publicadas as vacantes definitivas por Orde do 24 de abril de 2003 (DOG do 12 de maio), corrixida por Orde do 28 de maio de 2003 e de conformidade co establecido na base décimo oitava da orde desta consellería do 10 de outubro de 2002, pola que se convocaba concursos de traslados entre funcionarios docentes dos corpos de profesores de ensinanza secundaria, profesores técnicos de formación profesional, profesores de escolas oficiais de idiomas, catedráticos e profesores de música e artes escénicas, profesores e mestres de taller de artes plásticas e deseño. Na súa virtude, esta dirección xeral

DISPÓN:

Primeiro.-Adxudicar destino definitivo en virtude de concurso de traslados ó profesorado que figura nos anexos I, II, III, IV e V nos centros que alí se especifican.

Segundo.-Declarar en situación de expectativa de destino os profesores que se relacionan no anexo VI.

Terceiro.-De conformidade co establecido na base vixésimo primeira da Orde do 10 de outubro de 2002, a toma de posesión dos novos destinos adxudicados terá efectividade administrativa do 1 de setembro de 2003, polo que o cesamento, nos centros anteriores, expedirase con efectividade do 31 de agosto de 2003.

Non obstante, os profesores que obtivesen destino neste concurso deberán permanecer nos seus centros de orixe ata que conclúan as actividades imprescindibles previstas para a finalización do curso.

Cuarto.-Os profesores que, exercendo o dereito de retorno, obtivesen destino na praza que posuían con anterioridade ó proceso de adscrición regulado pola Orde do 1 de outubro de 1998, para efectos de determina-la antigüidade ininterrompida na praza, nos futuros concursos de traslados, acumularán ós anos de servicio que presten na praza os desempeñados anteriormente nela e os prestados no centro de adscrición.

Quinto.-Ós profesores que obteñan destino desde a situación de suprimido ou desprazado ou exercendo o dereito de retorno, faráselles constar esta circunstancia na dilixencia de toma de posesión.

Sexto.-O profesorado que en virtude da disposición adicional novena da Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro, de calidade da educación, se integrou no corpo de catedráticos de escolas oficiais de idiomas ou de catedráticos de artes plásticas e deseño, enténdese que se lle adxudica o destino definitivo no novo corpo no que se integraron.

Sétimo.-Os profesores participantes neste concurso de traslados que presentasen documentación poderán retirala eles mesmos ou por medio de persoa autorizada no servicio de profesorado de ensinanzas secundaria e especiais desta consellería (San Caetano, Santiago de Compostela) durante o mes de outubro de 2003.

Oitavo.-Contra a presente resolución poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2003.

Severino Somoza Gómez

Director xeral de Persoal